Medio dólar do Centenario de Cleveland

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar do Centenario
de Cleveland [1][2][3]
A/: Busto de Moses Cleaveland cara á esquerda. Marca de gravadora (BP).

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / MOSES CLEVELAND / HALF DOLLAR.

R/: Un compás, cos Grandes Lagos de fondo.

Lendas: GREAT LAKES EXPOSITION 1836 1936 CLEVELAND CENTENNIAL / IN GOD WE TRUST / E PLURIBUS UNUM

O medio dólar do Centenario de Cleveland é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con data de 1936. A moeda foi emitida con ocasión da Exposición dos Grandes Lagos, que tivo lugar en Cleveland en 1936, e que pola súa vez conmemoraba o centenario da incorporación á Unión da cidade de Cleveland, Ohio.[1][2][3]

A mediados da década de 1930, o valor das moedas conmemorativas estaba a aumentar, e o empresario de Cincinnati Thomas G. Melish, coleccionista de moedas, fixo presión no Congreso para que autorizase varias emisións novas, das que el sería o único distribuidor. Tivo éxito co medio dólar do Centro Musical de Cincinnati, co que acadou grandes beneficios, e tamén coa moeda de Cleveland. Brenda Putnam encargouse do deseño deste medio dólar, que foi aprobado pola Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos logo das suxestións do escultor Lee Lawrie.

Melish distribuíu as moedas de Cleveland no desenvolvemento da exposición, e tamén nos bancos locais e por correo, desde a súa oficina de Cincinnati. As vendas foron boas e cuñouse a totalidade da tiraxe autorizada, de 50.000 moedas. O Congreso incluíra límites na lei pola que se aprobaba a emisión, para frear os beneficios excesivos e, aínda que algunhas das moedas se cuñaron en 1937, todas elas levaron a data inmobilizada de 1936, o que supuxo que os coleccionistas terían que comprar unha soa peza e non dúas, para teren un xogo completo. Milleiros de pezas ficaron nos inventarios dos distribuidores durante anos, e as moedas seguen a ser accesibles na actualidade, en comparación con outras moedas conmemorativas da época.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Logo da guerra de independencia estadounidense, a zona coñecida como Western Reserve, actualmente no leste de Ohio, foi obxecto de disputa entre os estados, varios dos cales a reclamaron como parte do seu territorio. Aínda que os dereitos políticos sobre a zona se cederon ao Goberno federal, Connecticut conservou a propiedade da terra e utilizou parte das súas posesións para reasentar a poboación cuxos fogares foran destruídos polos británicos durante a guerra. O resto vendéraselle á Connecticut Land Company en 1795. Moses Cleaveland era agrimensor, avogado e un dos directores da compañía. En 1796, nas beiras do lago Erie, estableceu unha poboación que levaría o seu nome.[4] En 1830, fundouse un xornal chamado Cleaveland Advertiser. O editor considerou que o nome era demasiado longo para a imprenta e eliminou o primeiro "a" de Cleaveland, cambio que foi aceptado de bo grado pola poboación. Cleveland converteuse en cidade en 1836.[5]

Thomas G. Melish, promotor do medio dólar do Centenario de Cleveland.[6]

Un século despois, Thomas G. Melish era un destacado home de negocios de Cincinnati, que herdara a Bromwell Wire Company.[7] Tamén era coleccionista de moedas, e ocorréuselle a idea de promover a emisión dunha moeda conmemorativa que el desexaba controlar.[8] Naquela época, o Goberno non vendía as moedas conmemorativas, senón que o Congreso, ao autorizar a emisión, designaba unha organización á que lle atribuía o dereito exclusivo de comprar as moedas ao seu valor nominal e vendelas á poboación cunha prima, co fin de sufragar gastos de conmemoracións e causas altruístas.[9] O resultado dos desexos de Melish foi o medio dólar do Centro Musical de Cincinnati, de 1936, unha emisión controlada por el e emitida para conmemorar un aniversario que realmente non existía.[10] Melish só vendeu unhas poucas moedas ao prezo de emisión, que era elevado, e gardou a maioría para as vender máis tarde, cando a súa escaseza no mercado fixese subir o prezo.[11]

En 1936, o mercado de moedas conmemorativas estadounidenses convertérase, segundo Q. David Bowers, en algo "tan quente como un volcán",[12] e "o Congreso deulle permiso [a Melish] para cuñar as súas propias moedas conmemorativas e cobrar ao público o que quixese por elas".[13] Melish, que tiña amigos no Congreso, intentou tamén a principios de 1936 que os lexisladores autorizasen outras emisións conmemorativas que el controlaría. A única delas que frutificou foi o medio dólar do Centenario de Cleveland.[14]

Proceso lexislativo[editar | editar a fonte]

O senador por Ohio Robert J. Bulkley introduciu no Senado o proxecto de lei para a autorización da moeda.[15]

O 23 de marzo de 1936, Robert J. Bulkley, de Ohio, presentou no Senado dos Estados Unidos un proxecto de lei para a autorización do medio dólar conmemorativo do Centenario de Cleveland, que foi remitido á Comisión de Banca e Moeda desa cámara. O proxecto de lei pretendía render homenaxe tanto ao centenario da incorporación de Cleveland como cidade, como á Exposición dos Grandes Lagos, que se celebraría alí en 1936. O proxecto orixinal prevía a cuñaxe de 50.000 pezas, que poderían adquirirse en calquera momento na Casa da Moeda dos Estados Unidos, e poderían ser cuñadas por calquera das tres cecas daquela en funcionamento. O proxecto de lei foi devolto á Cámara o 26 de marzo polo presidente da Comisión, Alva B. Adams, de Colorado, drasticamente emendado.[16]

Adams presidira sesións sobre outras moedas conmemorativas o 11 de marzo de 1936, e fora informado por separado dos abusos cometidos polos emisores para conseguiren que os coleccionistas adquirisen as súas moedas. Entre estas prácticas estaban conseguir que se autorizasen deseños adicionais —como no caso do medio dólar do Centenario de Arcansas— e que as moedas se cuñasen nas tres cecas da US Mint. Dado que a lei exixía que as moedas levasen o ano de cuñaxe e que nalgunhas delas se utilizaban marcas de ceca, ao cuñalas en anos sucesivos en varias cecas creábanse máis variedades que os coleccionistas das moedas terían que comprar para manteren completas as súas coleccións.[17]

A Comisión do Senado oíra falar do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail, autorizado en 1926 e que seguía a cuñarse en 1936, e de moedas conmemorativas creadas con tiraxes intencionadamente baixas como xeito de incrementar os beneficios.[18] Cando o proxecto de lei para o medio dólar de Cleveland chegou ao seu comité, Adams riscou todo o seu texto, despois da cláusula de promulgación, e substituíuno por unha nova versión. A proposta orixinal prevía outorgarlle ao Comité de Moedas Conmemorativas do Centenario de Cleveland —creado ad hoc por Melish e controlado por el—, a facultade de facer cuñar a nova peza en calquera das fábricas de moeda, en calquera momento e mesmo ao longo dos anos, en calquera cantidade ata o límite autorizado de 50.000 unidades. O novo texto modificado por Adams mantiña o límite total, pero establecía un mínimo de 25.000 pezas que debían emitirse. A emenda exixía tamén que todas as moedas tivesen o mesmo deseño e se cuñasen nunha única ceca, que elixiría o director da Casa da Moeda dos EEUU. Dispuña ademais que todas as moedas levasen a data de 1936 aínda que se cuñasen máis tarde, e que o Comité de Cleveland non podería adquirir menos de 5.000 exemplares cada vez.[16] Nun informe á parte, o senador Adams sinalou que o proxecto orixinal de Bulkley "contén certas disposicións que a Comisión recomenda eliminar non só do devandito proxecto, senón tamén de todos os proxectos posteriores relacionados coa emisión de moedas conmemorativas".[19]

O proxecto de lei, na súa forma emendada, foi aprobado polo Senado sen votación o 27 de marzo de 1936.[16] A continuación, a Cámara de Representantes recibiuno o 1 de abril e remitiuno á súa Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, que o devolveu á Cámara o 16 de abril, logo de emendalo para requirir que o Comité de Cleveland comprase non menos de 25.000 moedas á vez, eliminando a posibilidade de que o Comité puidese pedir unhas 5.000 iniciais e logo non comprar máis. O pleno da Cámara tomou en consideración o proxecto de lei o 23 de abril de 1936, polo procedemento de urxencia.[20] O día seguinte, Bulkley propuxo que o Senado aprobase tamén as emendas incluídas no Senado, e así se fixo.[21] Finalmente, proxecto foi promulgado coa sinatura do presidente Franklin D. Roosevelt o 5 de maio de 1936, para se converter na Lei pública 74-552.[22][23]

Preparación[editar | editar a fonte]

Brenda Putnam, deseñadora da moeda.[24]

O deseño da moeda encomendóuselle á reputada escultora Brenda Putnam.[14] O 1 de maio, antes mesmo de que Roosevelt asinara a lei, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, enviou os esbozos presentados por Putnam á Comisión de Belas Artes, que desde 1921 tiña encargada a emisión de ditames consultivos sobre o deseño de obras de arte públicas, incluídas as moedas.[25] O día seguinte o presidente da Comisión, Charles Moore, respondeu a Ross dando a súa aprobación preliminar e afirmando que un dos seus membros traballaría con Putnam na preparación dos modelos de xeso necesarios. Ese representante era Lee Lawrie, quen lle suxeriu a Putnam que utilizase estrelas para representar as cidades da rexión dos Grandes Lagos. Putnam colocara, no mapa do reverso, esbozos de edificios para representar a situación de Chicago, Detroit, Cleveland, Buffalo e Toronto. Cando Lawrie escribiu ao presidente da Comisión para o informar deste e doutros progresos, Moore ironizou sobre a posibilidade de que a moeda tivese unha estrela agrandada para Cleveland:[26]

Nos funerais oio ler as Escrituras no sentido de que "unha estrela difire doutra en gloria"; así que supoño que a gran estrela da señorita Putnam para Cleveland se refire á gloria máis que ao tamaño da cidade. Ben, como votante de Detroit non me importa, e probablemente ningunha persoa de Chicago vexa xamais unha das moedas. Estou convencido de que todo o movemento é un barullo de coleccionistas de moedas que se está a levar a cabo en todo o país

Os modelos de Putnam foron aprobados pola Comisión de Belas Artes o 2 de xuño de 1936.[27] A Medallic Art Company, de Nova York, reduciu os modelos de xeso a matrices do tamaño da moeda de medio dólar, a partir das cales se puidesen preparar os cuños de produción.[23]

Deseño[editar | editar a fonte]

Moses Cleaveland, nun debuxo de autor anónimo no que Putnam se baseou para o deseño do medio dólar.[28]

Anverso[editar | editar a fonte]

No anverso deseñado por Putnam aparece un retrato de Moses Cleaveland ollando cara á esquerda,[29] nunha representación baseada no único retrato que se coñece del, obra dun artista descoñecido.[30] Arredor de Cleaveland hai unha inscrición en dúas liñas: UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR / MOSES CLEAVELAND / LIBERTY. Baixo a cabeza de Cleaveland aparecen en pequeno as iniciais da deseñadora (BP).[2][3][29]

Reverso[editar | editar a fonte]

O reverso amosa un mapa da rexión dos Grandes Lagos con nove estrelas que representan as súas cidades, enumeradas de oeste a leste: Duluth, Milwaukee, Chicago, Toledo, Detroit, Cleveland, Toronto, Buffalo e Rochester. Cleveland recibe a estrela máis grande, que está atravesada por un compás.[2][3][29]

Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu libro sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, afirmaron: "non achamos documentación, mais sospeitamos que o compás pretendía amosar a Cleveland como o centro da industria nun raio de aproximadamente 900 millas", abranguendo así, segundo suxerían os autores, non só as cidades dos Grandes Lagos representadas, senón tamén Nova York, Boston, Washington e St. Louis.[31] Os lemas nacionais exixidos pola lei, IN GOD WE TRUST e E PLURIBUS UNUM, aparecen na parte superior dereita do reverso, e 1836 GREAT LAKES EXPOSITION 1936 CLEVELAND CENTENNIAL rodea o mapa na mesma face.[2][3][32]

Valoración do deseño[editar | editar a fonte]

O numismático David Bullowa, nos seus primeiros traballos sobre moedas conmemorativas, afirmou que "o deseño desta emisión é agradable [...] Tanto o anverso como o reverso están ben definidos, son interesantes e non están ateigados".[14]

O historiador da arte Cornelius Vermeule, na súa obra sobre moedas e medallas estadounidenses, escribiu que o medio dólar "consegue combinar a maioría dos defectos que se achan nos mellores deseños das décadas de 1920 e de 1930". Despois de se queixar do deseño plano e da gran cantidade de letras en ambas as faces, Vermeule criticou que "o busto de Moses Cleaveland só se pode cualificar de vulgar, e a vista dos Grandes Lagos, dividida en dous por un gran compás, é pouco menos que incomprensible".[33] Así e todo, Vermeule suxeriu que Putnam fixo todo o que puido para encaixar o texto requirido no medio dólar, e podería telo feito mellor se tivese menos palabras que colocar.[34]

Produción, distribución e coleccionismo[editar | editar a fonte]

O medio dólar do Centro Musical de Cincinnati, a outra moeda comercializada por Tomas G. Melish.[35]

Tomas G. Melish, na súa condición de tesoureiro do Comité de Cleveland, encargou 25.000 pezas en xullo de 1936, que foron enviadas o 20 de xullo desde a Ceca de Filadelfia, onde se cuñaran.[36] Ademais desas pezas, cuñáronse outros 15 exemplares que se reservaron para a súa preceptiva inspección e comprobación na reunión anual de 1937 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[23] Melish dispuxera que a Ceca de Filadelfia colocase as 201 primeiras cuñadas en sobres numerados individualmente; posteriormente colocáronse en soportes especiais de cartón, a primeira soa e as dúas seguintes xuntas, cunha declaración notarial de Melish.[37]

A Exposición do Centenario de Cleveland e dos Grandes Lagos inaugurouse o 27 de xuño de 1936 e, antes da súa clausura o 4 de outubro, uns catro millóns de persoas cruzaron as súas portas. Estaba situada nun terreo de 61 hectáreas nas beiras do lago Erie, e contaba con exposicións artísticas e industriais, así como as diversións habituais.[38] As moedas de medio dólar vendíanse no recinto feiral, nos bancos de Ohio e tamén por correo desde a oficina de Melish en Cincinnati. O editor Lee Hewitt comentou no Numismatic Scrapbook: "parece estraño que o Sr. Melish, que vive en Cincinnati, sexa o distribuidor da emisión de Cleveland".[39] A anterior moeda do Centro Musical de Cincinnati esgotárase axiña e as pezas que Melish permitiu sacar ao mercado superaban amplamente a súa demanda,[36] pero para a moeda de Cleveland, "a estratexia de vendas de Melish tiña que ser moi diferente; as moedas terían que dirixirse ás persoas visitantes da Exposición e ao público en xeral a 1,50 dólares cada unha, e non á súa propia camarilla de cobizosos especuladores".[30]

Melish enviou cartas aos coleccionistas coa advertencia de que o seu Comité recibira ofertas de especuladores para comprar toda a emisión e suxeríndolles que actuasen de camiño para faceren as súas encargas. A finais de xullo, Melish escribiu que se distribuíran 24.000 pezas e que axiña se distribuirían as mil restantes. As vendas foron tan boas que, en febreiro de 1937, Melish encargou as 25.000 pezas que quedaban da cantidade autorizada. Ademais desas 25.000 moedas, cuñáronse 15 pezas máis, destinadas análise da Comisión de Ensaio de 1938. Consonte a lei que autorizara a creación da moeda, as novas pezas eran exactamente iguais ás cuñadas o ano anterior, e mesmo seguían a levar a data 1936.[3] Fabricáronse tantas que milleiros delas foron acaparadas polos comerciantes de moedas.[40] En 1942, Melish ofreceu 16.000 exemplares do medio dólar do Centenario de Cleveland ao destacado comerciante Abe Kosoff, por calquera adianto sobre o valor nominal, mais Kosoff, que tras a morte de Melish sacaría a poxa a súa colección de moedas, declinou a oferta.[41]

En 1941, o Western Reserve Coin Club de Cleveland celebrou o seu vixésimo aniversario contramarcando cun deseño especial 100 exemplares do medio dólar do Centenario de Cleveland. O Servizo Secreto opúxose e moitos foron destruídos. O club fixo marcas similares para os seus 50 e 75 aniversarios, estas veces sen interferencias gobernamentais.[42]

A moeda do Centenario de Cleveland é a conmemorativa máis común dos moitos deseños diferentes cuñados en 1936. En A Guide Book of United States Coins, publicado en 2020 por Richard S. Yeoman, atribúeselles a estas moedas un prezo de entre 100 e 230 dólares, en función do seu estado de conservación.[43] Un exemplar en condicións excepcionais vendeuse nunha poxa numismática en 2014 por 4.700 dólares.[44]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Cleveland Great Lakes Exposition Half Dollar". United States Mint.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "1936 Cleveland Centennial Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "½ Dollar Cleveland Centennial / Great Lakes Exposition". Numista.com
  4. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 111-112.
  5. Flynn, K. (2008). Páxinas 73-74.
  6. The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 69. Nº 2. Febreiro de 1956. Páxina 211.
  7. Horning, C. D. (1993). Páxina 30.
  8. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 329.
  9. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  10. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 329.330.
  11. Flynn, K. (2008). Páxina 71.
  12. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 26.
  13. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 18.
  14. 14,0 14,1 14,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 338.
  15. "Robert J. Bulkley et al.". Library of the Congress.
  16. 16,0 16,1 16,2 "Commemoration of Cleveland Centennial Celebration". Congressional Record - Senate. 27 de marzo de 1936. Páxina 4.489.
  17. USSCBC (1936). Páxinas 11-12.
  18. USSCBC (1936). Páxinas 20-21.
  19. "Report Nº 1726". Senate - Calendar Nº 1806. Marzo de 1936.
  20. Congressional Record. Vol. 80. 23 de abril de 1936. Páxinas 6.012-6.013.
  21. Congressional Record. Vol. 80. 24 de abril de 1936. Páxina 6.048.
  22. "Cleveland Great Lakes Exposition Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  23. 23,0 23,1 23,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 315.
  24. "Women Artists: Brenda Putnam (1890-1975)". Architect of the Capitol.
  25. Taxay, D. (1967). Páxinas v-vi, 190.
  26. Taxay, D. (1967). Páxinas 190-193.
  27. Taxay, D. (1967). Páxina 193.
  28. Rice, H. (1895). Sketches of Western Reserve Life. Cleveland. Páxina 11.
  29. 29,0 29,1 29,2 Flynn, K. (2008). Páxina 73.
  30. 30,0 30,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 48.
  31. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 47.
  32. Swiatek, A. (2012). Páxina 110.
  33. Vermeule, C. (1971). Páxina 193.
  34. Vermeule, C. (1971). Páxina 194.
  35. "½ Dollar Cincinnati Music Center". Numista.com
  36. 36,0 36,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 339.
  37. Swiatek, A. (2012). Páxina 316.
  38. Bowers, Q. D. (1991). Páxina 337.
  39. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 338-339.
  40. Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 339-341.
  41. "Melish collection to be auctioned". En The Numismatist. American Numismatic Association. Vol. 69. Nº 2. Febreiro de 1956. Páxina 168.
  42. Swiatek, A. (2012). Páxinas 316-317.
  43. Yeoman, R. S. (2020). Páxina 1.093.
  44. Yeoman, R. S. (2015). Páxina 1.150.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]