Xoguete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Marioneta de vara
Peón ou buxaina

Un xoguete[1] é un obxecto mediante o cal se acada a diversión. Polo xeral, está destinado a cativos, aínda que existen tamén diversos xoguetes creados para adultos ou accesibles a todo o mundo. Mesmo os animais domésticos, en especial cans e gatos, son destinatarios dalgúns aparellos lúdicos creados especificamente para eles.

En xeral os xoguetes teñen como obxectivo a recreación, sen exceptuar outras funcións como a formación, a aprendizaxe, o desenvolvemento ou estimulación dos aspectos intelectuais, psicolóxico, sensorio-motriz e de convivencia social. Nos nenos o xoguete é un concepto imprescindible e toma o seu máximo valor no contexto do desenvolvemento humano. A función do xoguete nos nenos é a de apoiar o desenvolvemento de múltiples aspectos deste, tanto o físico como o psicolóxico.

Historia[editar | editar a fonte]

É practicamente imposible determinar a orixe dos xoguetes, pero sábese que no Imperio Romano os nenos se divertían con bonecas de marfín, no antigo Exipto con estatuíñas de animaliños e no Perú pre-inca había bonecas de trapo.

Nos seus primeiros pasos o xoguete era artesanal e en ocasións eran os propios nenos quen os fabricaban, xeralmente buscando imitar obxectos da vida real. A revolución industrial cambiou a fabricación destes artefactos e a evolución da tecnoloxía permitiu crear obxectos cada vez máis parecidos aos reais para a distracción dos nenos. A partir dese momento a diversión dos nenos comezou a ser mediada polo mercado.

Na segunda metade do século XX, o desenvolvemento da tecnoloxía electrónica permitiu a invención de aparellos cada vez máis sofisticados como coches de batería,[2] e con control remoto e bonecas que falan. A partir dese momento xurdiu o desenvolvemento dos videoxogos.

Certos xoguetes están asociados con épocas históricas e/ou culturas particulares, mentres que outros aparentan posuír popularidade universal. Raras veces aquilo que é lúdico deixa de cumprir unha función e de reflectir a sociedade e o nivel técnico da comunidade en que foron creados. Así, aínda que tristemente, os xoguetes para nenos e nenas acostuman diferir na función e na temática, sendo polo xeral un reflexo da vida adulta que se desenvolve na súa propia cultura e un factor que promove a integración social. No trato que lles damos ós nenos e na perspectiva que temos do seu tempo de ocio e dos seus quefaceres reflectimos o sexismo que aínda hoxe predomina na sociedade.

Convén ademais salientar que para os nenos o xoguete é un factor que afortala o seu desenvolvemento humano. A función do xoguete é a de apoiar a evolución física e psicolóxica mediante a exploración, o descubrimento, a aprendizaxe ou a interactuación con obxectos e persoas do seu contexto vital.

Clasificacións[editar | editar a fonte]

Xoguete robot Aibo.

Os xoguetes poden clasificarse de moitas formas

Segundo o grupo de idade ao que están destinados
  • Xoguetes para bebés.
  • Xoguetes para rapaces: non bebés e ata a adolescencia.
  • Xoguetes para todas as idades: xeralmente exclúen os bebés, mais serven para toda idade e son excelentes para a convivencia multixeracional como é o caso da convivencia familiar.
  • Xoguetes para adultos: son aqueles que están destinados exclusivamente para adultos, incluíndo os de tipo sexual ou eróticos.
Polo lugar no que se xoga
  • Xoguetes de mesa.
  • Xoguetes electrónicos, en particular os videoxogos.
  • Xoguetes para o exterior (papaventos, pelotas).
Xoguete educativo.
Polo tipo de xoguete
  • Educativos
  • Bélicos
  • Deportivos
Segundo a capacidade que máis desenvolven
  • Afectividade: trátase de xoguetes de tanto suave, harmonía de cores ous sons (peluches, bonecas).
  • Intelixencia: xadrez, backgammon, xogos de cartas, xogos de identificación e memorización.
  • Motricidade fina: axudan a desenvolver a habilidade das mans (xogos de construción, de debuxar, crebacabezas).
  • Motricidade global: pequenos vehículos (bicicletas), balóns, futbolíns...
  • Sociabilidade: xogos que imitan escenas propias da actividade dos adultos (cociñas, instrumentos musicais, xogos de comunicación).

Museo Galego do Xoguete[editar | editar a fonte]

En Allariz está situado o Museo Galego do Xoguete, inaugurado no ano 1995 no pazo do antigo Xulgado. Foi promovido polo concello de Allariz a partir da doazón dunha importante colección recompilada durante anos por un veciño de Allariz, Alberto Oro Castro, e nútrese fundamentalmente de contribucións e doazóns de particulares. A finalidade de dito museo é a de recoller o significado e valor de xoguetes e xogos de tódolos tempos, porén a maior parte da colección son xoguetes antigamente considerados Masculinos como xoguetes bélicos, tamén destacan xogos de mesa ou proxectores de cine[3][4].

Materiais[editar | editar a fonte]

As culturas orixinariamente derivaban os materiais da natureza para a elaboración de xoguetes sinxelos, dende a madeira ou as follas do millo ata as sementes e as vísceras dos animais. No desenvolvemento dos xoguetes incorporouse o tecido e mais outros materiais de proceso simple como algunha tintas.

Posteriormente apareceron os xoguetes metálicos, feitos de folla de lata ou latón.

Actualmente, os avances na área da química e da manufactura permitiron a elaboración de produtos de materiais sintéticos, como a inxección de plástico para realizar grandes producións de xoguetes completos ou parciais, ademais doutros obxectos. Os estándares modernos na industria requiren que eses materiais non sexan tóxicos e que o deseño de xoguetes considere a dureza dos materiales, coa fin de que sexan máis seguros ou menos perigosos. Isto último é evidente nos xoguetes esponxosos e de tea feitos para nenos pequenos.

Algúns xoguetes variaron co tempo a súa fabricación. Por exemplo, a pelota, durante o transcurso da historia foi creada do produto natural do hule, do estómago da cabra, de combinacións de materiais incluíndo o coiro e tamén de plástico e outros materiais sintéticos.

Consideracións de seguridade[editar | editar a fonte]

Ademais de que os xoguetes teñen que ser feitos de materiais non tóxicos, o tamaño do xoguete, dependendo da idade do neno, non pode ser menor có diámetro da traquea, de acordo co instrumento de medición que a industria creou con ese fin. Outras consideracións na construción do xoguete é a de procurar que non teña bordos con fío ou picos. Estes requisitos e regulacións deben observarse dende o momento da fabricación doxoguete. En Europa aplícase o estándar EN 71.[5]

Influencia da mercadotecnia[editar | editar a fonte]

Dende a década de 1960, nos Estados Unidos e en Europa, a mercadotecnia comezou a pór atención nos nenos como consumidores, polo acceso que tiñan ao diñeiro e pola influencia que exercían sobre os seus pais.

Na actualidade moitos filmes, programas de televisión, debuxos animados, videoxogos, bandas deseñadas, libros e equipos deportivos inclúen xoguetes nas súas liñas oficiais de mercadoría. Estas adoitan consistir en modelos en miniatura de personaxes ou obxectos asociados ás súas temáticas respectivas.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: xoguetes

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cross, Gary: The Cute and the Cool: Wondrous Innocence and Modern American Children's Culture, Oxford University Press, Nova York, 2004.
  • Hamlin, David: "The Structures of Toy Consumption: Bourgeois Domesticity and Demand for Toys in Nineteenth-Century Germany", en Journal of Social History, Vol. 36, 2003.
  • Rojas Flores, Jorge: "Juegos y diversiones infantiles", en Rafael Sagredo e Cristián Gazmuri, Historia de la vida privada en Chile, vol.3, Taurus, Santiago, 2006.
  • Amador, L. (2004). “Regalos para niños con discapacidad. ¡Todos a jugar!”. Profeco, México.
  • Costa, M.; Romero, M.; Mallebrera, C.; Fabregat, M.; Torres, E; Martínez, MJ; Y. e Zaragoza, R. Torres, S.; Martínez, P. (2007). “Juego, juguetes y discapacidad. La importancia del diseño universal”. AIJU centro tecnolóxico. Alacant.

Outros artigos[editar | editar a fonte]