Marta cibelina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Marta cibelina
Sobol bur.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Mustelidae
Xénero: Martes
Especie: M. zibellina
Nome binomial
Martes zibellina
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución da marta cibelina(verde: existente , negro: extinta)

Área de distribución da marta cibelina
(verde: existente , negro: extinta)
Marta cibelina

A marta cibelina[2][3] (Martes zibellina) é unha especie de pequeno mamífero carnívoro mustélido que vive en ambientes boscosos de taiga, principalmente en Rusia desde os montes Urais ao longo de Siberia, leste de Casaquistán, norte de Mongolia, China, as dúas Coreas e a illa xaponesa de Hokkaido.[4] A súa distribución orixinal tamén comprendía a Rusia europea ata Polonia e Escandinavia.[5] Foi moi cazada historicamente polo elevado valor da súa pelaxe negra ou marrón, que segue sendo un artigo de luxo hoxe en día, e a negra é máis apreciada. Tamén se producen as súas peles en granxas de cría peleteira.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo unha hipótese, o nome desta especie ten orixe eslava e entrou en diversas linguas europeas debido ao comercio de peles medieval.[6] O seu nome pode proceder da palabra rusa соболь (sobol) ou da polaca soból que se converteron ao pasar ao alemán en Zobel, en holandés en Sabel, en inglés sable; en italiano deu zibellino e orixináronse palabras derivadas desta noutros idiomas, como en francés (zibeline), galego, portugués, castelán etc. Sable tamén se usa en heráldica para referirse á cor negra, que é a dunha das pelaxes da marta cibelina.

Descrición[editar | editar a fonte]

Sables.png

Os machos teñen unha lonxitude de 38 a 56 cm, cunha cola de 9 a 12 cm, e un peso de 880 a 1800 g. As femias teñen unha lonxitude de 35 a 51 cm, cunha lonxitude da cola de 7,2 a 11,5 cm.[7] A pelaxe de inverno é máis longa e luxosa que a de verán.[5] As diferentes subespecies mostran variacións xeográficas na cor da pelaxe, que vai desde o marrón claro a marrón moi escuro ou negro, máis claro ventralmente e máis escuro nas costas e patas.[8] Os exemplares xaponeses (chamados alí クロテン ou kuroten)[9] son negros nas patas e pés.[10] Os individuos tamén mostran unha mancha clara de pel na garganta que pode ser gris, branca ou amarela clara.[5] A pelaxe é máis suave e sedosa que a das martas americanas (Martes americana).[11] As martas cibelinas son moi parecidas ás martas da especie que vive en Galicia oriental, Martes martes, tanto en tamaño coma en aparencia, pero teñen cabezas máis alongadas, orellas máis longas e colas proporcionalmente máis curtas.[12] Os seus cranios son similares aos de Martes martes, pero máis grandes e robustos e con arcos cigomáticos máis arqueados.[13]

Comportamento[editar | editar a fonte]

Habita en bosques mestos dominados por piceas, piñeiros, lárices, cedros e bidueiros en terras baixas ou montañosas. Defenden os seus territorios que poden ser de 4 a 30 km2, dependendo do terreo local e da dispoñibilidade de alimento. Porén, cando escasean os recursos poden moverse a distancias considerables na procura de alimento, xeralmente de 6 a 12 km ao día.[14]

Viven en toqueiras preto das beiras dos ríos e nas partes profundas do bosque. Para que estas toqueiras sexan máis seguras escavánas xeralmente entre raíces de árbores.[10] Son principalmente crepusculares, e cazan durante as horas de luscofusco, mais durante a estación reprodutora son máis activas de día. As súas toqueiras están ben agochadas e forradas de herba e pelos desprendidos, pero poden ser temporais, especialmente durante o inverno, cando o animal viaxa máis buscando presas.[14] Gabean ben polas árbores e rochas.[15]

Son animais omnivoros e a súa dieta varía estacionalmente. No verán, comen gran cantidade de lebres e outros pequenos mamíferos. En inverno, cando están confinadas nos seus retiros pola conxelación e a neve, aliméntanse de bagas silvestres, roedores, lebres e mesmo pequenos cervos almiscreiros.[14] Tamén cazan armiños, pequenas denosiñas e aves. Ás veces, seguen os rastros dos lobos e osos e aliméntanse dos restos das súas presas.[10] Comen moluscos como lesmas, que esfregan contra o chan para quitarlles as babas. Tamén comen ocasionalmente peixes, que capturan coas garras das patas dianteiras.[15]

Cazan principalmente utilizando o sentido do oído, que é moi agudo, e do olfacto. Marcan os seus territorios con cheiros producidos por glándulas olorosas do seu abdome.[14] Os predadores das martas cibelinas son diversos carnívoros como os lobos, raposos, glutóns, tigres, linces, aguias e grandes bufos.[14]

Reprodución[editar | editar a fonte]

O apareamento adoita ocorrer entre xuño e mediados de agosto, aínda que a data varía xeograficamente.[5][8] Cando cortexan, as martas cibelinas corren, choutan e fan ruídos xordos como os dos gatos. Os machos escavan longas galerías pouco fondas na neve, frecuentemente acompañadas de miccións.[16] Os machos loitan violentamente entre eles polas femias.[5] As femias entran no estro en primavera. O apareamento pode durar oito horas. Despois da inseminación, o blastocisto non se implanta na parede uterina da femia. En vez diso, a implantación ocorre oito meses despois; aínda que a xestación dura de 245 a 298 días, o desenvolvemento embrionario require só de 25 a 30 días.[8] As martas cibelinas paren en ocos das árbores, onde constrúen niños compostos de musgo, follas e herba seca.[10] As crías poden ser dunha a sete, aínda que o normal son dúas ou tres. Os machos axudan ás femias defendendo os seus territorios e proporcionándolles comida.[16]

As martas cibelinas nacen cos ollos pechados e a pel cuberta por unha capa moi fina de pelo. As crías neonatas pesan entre 25 e 35 g e a súa media de lonxitude é de 10 a 12 cm.[5][8][14] Abren os ollos aos 30 a 36 días e saen fóra do niño pouco despois.[7][8] Ás sete semanas, as crías son destetadas e reciben comida regurxitada.[5] Chegan á madurez sexual aos dous anos.[7] Informouse que viven ata 20 anos en granxas peleteiras, e ata 18 na natureza.[14]

As martas cibelinas poden hibridarse coas Martes martes. Isto foi observado na natureza onde o territorio das dúas especies se solapa nos montes Urais, e ás veces é fomentado á mantenta en granxas peleteiras. O híbrido resultante, denomindo kidus, é lixeiramente menor que a marta cibelina pura, ten pel menos fina, pero con marcas similares e unha longa cola peluda. Estes híbridos son normalmente estériles, aínda que se informou dun caso dunha femia híbrida que se apareou con éxito cun macho de Martes martes.[14]

Distribución[editar | editar a fonte]

En Rusia, a distribución das martas cibelinas é en gran medida o resultado de reintroducións en masa de 19.000 animais feita de 1940 a 1965. A súa área de distribución esténdese cara ao norte ata o límite das árbores, e cara ao sur ata a latitude dos 55°–60° en Siberia oriental, e dos 42° nas áreas montañosas do leste de Asia. A súa distribución occidental comprende os Urais, onde é simpátrica con Martes martes. Tamén se encontran na illa de Sakhalin.[4]

En Mongolia, as martas aparecen nas montañas Altai e nos bosques que rodean o lago Hovsgol, o cal é contiguo coa rexión boscosa boreal Trans-Baikal, de onde proceden as peles de marta cibelina máis valiosas.[4] En China hai martas cibelinas nunha área limitada da rexión autónoma Xinjiang Uygur. No noroeste da China, están agora limitadas ás montañas Daxinganling. No leste de Heilongjiang, sospéitase que segue habendo martas cibelinas nas montañas Xiaoxinganling.[4] Tamén viven na illa xaponesa de Hokkaido e na península de Corea.[4]

Debido ao aspecto variable da marta cibelina en diferentes localidades xeográficas, houbo certo debate sobre o número de subespecies que se podían identificar. Na obra Mammal Species of the World recoñécense 17 subespecies,[17] pero outros traballos especializados recentes identificaron entre 7 e 30 subespecies.[14]

Historia do comercio da súa pel[editar | editar a fonte]

A raíña leva un vestido rebetado con pel de marta cibelina.

A pel de marta cibelina foi moi valorada no comercio de peles desde a Idade Media, e é xeralmente considerada a pel máis bonita e rica e de mellor cor de todas as martas. A pel da marta cibelina é única porque conserva a súa suavidade en calquera dirección en que se acariñe. A pel doutros animais é máis áspera se a acariñamos a contrapelo.[18] As martas cibelinas rusas son normalmente despelexadas desde a boca sen facerlles incisións no corpo. As patas consérvanse para ter a maior cantidade de pel que sexa posible.

Os cregos de Bizancio xa usaban pel de marta cibelina nos seus rituais.[19]

En Inglaterra, a marta cibelina era moi estimada. Henrique I de Inglaterra foi agasallado polo bispo de Lincoln cunha coroa de marta cibelina negra, que costou unha suma considerable naquel tempo.[11] A pel de marta cibelina era a favorita de Henrique VIII de Inglaterra, que unha vez recibiu cinco lotes de peles de marta cibelina do emperador Carlos V.[19] O rei Henrique despois decretou que esta pel só a podían usar os nobres que estivesen por riba do rango de vizconde.[20] Os conquistadores rusos de Siberia valoraban moito as peles de cibelina, e Ivan Grozny unha vez demandou un tributo anual de 30.000 peles de cibelina aos recentemente conqistados tártaros de Kazán, aínda que estes nunca lle enviaron máis de mil, xa que Rusia naquel momento non podía forzar o pago do tributo porque estaba enleada en gueras contra Suecia e Polonia.[21] As peles máis fermosas obtíñanse en Irkutsk, Kamchatka e Laponia.

Segundo a Historia secreta dos mongois, cando Genghis Khan casou coa súa primeira muller, Börte Ujin, a súa nai Hoelun recibiu un abrigo de marta cibelina dos pais da noiva, que se consideraba un nobre e útil regalo.[22]

Peles de cibelina en Milán. O prezo ao que chegan correspóndese coa abundancia de pelos de cor negra brillante da capa superior de pelo.[11]

Segundo o libro de Atkinson Travels in Asiatic Russia, a rexión do río Barguzin, no lago Baikal, era famoso polas súas martas cibelinas. A pel desta poboación ten pelos dunha intensa cor negra con punta branca. Os cazadores pedían ás veces de 80 a 90 dólares por unha soa pel.[10] A pel de marta cibelina seguiu sendo a pel favorita en Rusia, ata o dscubrimento da pel de londra mariña na península de Kamchatka, cuxa pel era considerada aínda máis valiosa.[21] As peles de marta cibelina eran cobizadas pola nobreza do Imperio Ruso, polo que poucas peles saían de Rusia naquel período. Porén, podían conseguirse algunhas a través de comerciantes xudeus, que chegaban anualmente á feira de Leipzig.[10] Ás veces, a caza da marta cibelina era un traballo que se lles daba aos convitos exiliados en Siberia.[12]

As compañías de peles da Rusia imperial producían 25.000 peles anualmente, e case as 9 décimas partes eran exportadas a Francia e Alemania. As roupas cívicas do Alcalde maior e Corporación de Londres, que se utilizaban en ocasións especiais estaban ribeteadas de pel de marta cibelina.[11] Igual que se fai cos visóns e as martas, as martas cibelinas captúranse normalmente con trampas de aceiro.[10] A intensificación da caza en Rusia nos séculos XIX e XX causou un grave declive no número de peles ata o punto en que se decretou unha prohibición da súa caza por un período de cinco anos en 1935, seguido por período de caza con licenza limitada no inverno. Estas restricións xunto co desenvolvemento de granxas de cría de martas cibelinas e reintroducións[4] fixeron que as cibelinas recolonizasen gran parte da súa área de distribución anterior e alcanzasen poboacións máis numerosas.[8]

A Unión Soviética permitiu que as comunidades denominadas de vellos crentes continuasen o seu modo tradicional de vida a condición de que entregasen todas as peles de marta cibelina que producisen.[23] A disolución da Unión Soviética levou a un incremento da caza e do furtivismo na década de 1990, en parte porque as peles rusas de animais silvestres eran consideradas as máis luxosas e as que alcanzaban maiores prezos no mercado internacional.[24] Actualmente, a IUCN non lle asignou á especie un estado de conservación especial, aínda que a subespecie xaponesa illada M. zibellina brachyurus está na categoría de "datos deficientes".[1]

Debido ao seu gran custo, a pel de marta cibelina normalmente intégrase en pequenas pezas en roupa de moda: para decorar colos, mangas, dobras e sombreiros (como, por exemplo, o sombreiro xudeu shtreimel). Os denominados pinceis de pelo de cibelina kolinsky usados para pintar acuarelas e óleos non están fabricados de pelo de marta cibelina, senón de denosiña siberiana (Mustela sibirica).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Martes zibellina". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2016-3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2016. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para marta. (ver "frases e expresións con marta")
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cibelina.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Harrison, D. J., ed. (2004). Martens and Fishers (Martes) in Human-Altered Environments: An International Perspective. Springer-Verlag. ISBN 0-387-22580-3. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Ognev, S. (1962). Mammals of Eastern Europe and Northern Asia. Jerusalem: Israel Program for Scientific Translations.
  6. “sable, n., etymology of” The Oxford English Dictionary. 2nd ed. 1989. OED Online. Oxford University Press. http://dictionary.oed.com/. Accessed: 11-2-2008
  7. 7,0 7,1 7,2 Walker's mammals of the world, Volume 1, Ronald M. Nowak, published by JHU Press, 1999, ISBN 0-8018-5789-9
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 (1990) Grizimek's Encyclopedia of Mammals Volume 3. New York: McGraw-Hill.
  9. WILD WATCH: SABLES AND THEIR ILK, Cuteness belies killers' true nature By MARK BRAZIL
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 The trapper's guide: a manual of instructions for capturing all kinds of fur-bearing animals, and curing their skins; with observations on the fur-trade, hints on life in the woods, and narratives of trapping and hunting excursions by Sewell Newhouse, editado por John Humphrey Noyes, publicado por Oneida Community, 1867
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 The Friend: A Religious and Literary Journal, Volume 32, 1859
  12. 12,0 12,1 General zoology, or, Systematic natural history, by G. Shaw, 1800
  13. Catalogue of the contents of the Museum of the Royal College of Surgeons in London, Volume 7. Printed by R. Taylor, 1853
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 14,5 14,6 14,7 14,8 Monakhov, V.G. (2011). "Martes zibellina (Carnivora: Mustelidae)". Mammalian Species 43 (1): 75–86. doi:10.1644/876.1. 
  15. 15,0 15,1 The Fur Bearing Mammals of the Soviet Union, producido pola London's Hudson Bay, en asociación con v/o sojuzpushnina
  16. 16,0 16,1 Tarasov, P. 1975. Intraspecific Relations in Sable and Ermine. Pp. 45-54 in C. King, ed. Mustelids: Some Soviet research. Boston Spa: British Library Lending Division.
  17. Wozencraft, W.C. (2005). "Order Carnivora". In Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. pp. 532–628. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494.
  18. A Natural History of Animals de John Bigland, publicada por Grigg, Elliot & Co., 1844
  19. 19,0 19,1 Furs and Fur Garments by Richard Davey, published by READ BOOKS, 2008, ISBN 1-4097-1942-1
  20. A Cyclopedia of Commerce and Commercial Navigation de Isaac Smith Homans, publicada por Harper & Brothers, 1859
  21. 21,0 21,1 The conquest of a continent: Siberia and the Russians de W. Bruce Lincoln, publicada por Cornell University Press, 2008, ISBN 0-8014-8922-9
  22. Dschingis Khan, by Reinhold Neumann-Hoditz, published by Rowohlt Verlag GmbH, ISBN 90-5466-910-1
  23. Lost and Found in Russia: Encounters in a Deep Heartland de Susan Richards, publicada por I B Tauris & Co Ltd. (13 de maio de 2009), ISBN 1-84885-023-9
  24. Tyler, P. E. (2000-12-27). "Behind the $100,000 Sable Coat, a Siberian Hunter". The New York Times. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]