Estro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Impalas machos pelexando durante a época de celo.
Dous cervos machos loitando polas femias na época de celo.

Chámase estro,[1] época de celo, ou simplemente celo, ao período no que os animais mamíferos están receptivos sexualmente. O adxectivo correspondente é estral (por exemplo, ciclo estral).

Nas femias dos mamíferos a época de celo é o período no que son receptivas sexualmente, é dicir, o momento en que aceptan ao macho para reproducírense. Durante esta etapa ocorre a ovulación.

O período estral repítese ciclicamente nas femias dunha especie a partir da primeira ovulación, e cóntase en función destas a partir de entón e até a final do período de fecundidade. A súa frecuencia varía notabelmente en función da especie, desde unhas horas até varios días ou meses.

Nas mulleres existe un ciclo de actividade ovárica en virtude do cal existen cambios fisiolóxicos en todo o seu aparello reprodutor e do cal derivan certos cambios condutuais. Porén, como nas mulleres a aceptación sexual non se circunscribe a unha parte do ciclo reprodutivo (cousa que si sucede na maior parte dos animais, aínda que existan excepcións como o bonobo, Pan paniscus), non se debería usar o termo estro en femias como a humana, nas que dita aceptación sexual é independente do ciclo reprodutivo.

Tanto nas mulleres como nas femias dos grandes primates a este período, que se inicia coa primeira menstruación, denomínase ciclo sexual feminino.

Épocas de celo segundo a duración ou a frecuencia[editar | editar a fonte]

Hai moitos tipos, dos que os principais son:

  • Anuais. Suceden unha vez ao ano. A maioría das especies salvaxes teñen este tipo de ciclo. Isto é así para facer coincidir o nacemento das crías coa época de maior cantidade de alimento dispoñíbel, clima máis cálido e/ou momentos propicios de migracións. Por exemplo, os cérvidos, as aves salvaxes, os osos, os lobos, as focas etc.
  • Periódicos. Suceden regularmente cada certo tempo. Adoita darse en animais domésticos (can, gato), animais que volven en zonas de clima regular (practicamente invariábel) e sedentarios. No ser humano este ciclo recibe o nome de ciclo sexual feminino, que se inicia coa menstruación, período ou regra; e que se produce de cada 28 días aproximadamente.
  • Permanentes. O celo é permanente ou, mellor dito, non existe. As femias sempre son fértiles. Isto sucede sobre todo en aves domésticas ou de curral, como por exemplo a galiña. Estes seres poñen ovos case todos os días (é dicir, ovulan case todos os días), polo que sempre son fértiles, ademais de que posúen un saco-reservorio de espermatozoides no seu útero, o que permite conservar o seme do macho durante varios días (esta é tamén a razón pola que un galo poida ter moitas galiñas ao seu cargo sempre fecundadas). Isto, como se dixo antes, non é realmente un celo.

Comportamento durante a época de celo[editar | editar a fonte]

O comportamento durante a época de celo é moi variado segundo a especie. O fundamental é que a femia en celo adoita mostrar unha excitación infrecuente, que adoita afectar case sempre ao comportamento dos machos, e que se reflicte na linguaxe popular; por exemplo, o celo da vaca, o andar á resolta do gando equino ou o asnal, o andar co verroallo do gando ovino e caprino, e a brama dos cervos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. estro2 Arquivado 05 de decembro de 2014 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]