Malmö

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaMalmö
Fotomontaxe
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 55°35′35″N 13°01′17″L / 55.593189, 13.021423Coordenadas: 55°35′35″N 13°01′17″L / 55.593189, 13.021423
EstadoSuecia
Condadocondado de Escania
MunicipiosConcello de Malmö Editar o valor em Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación325.069 (2020) Editar o valor em Wikidata (4.149,99 hab./km²)
Xeografía
Superficie7.833 ha Editar o valor em Wikidata
Bañado porÖresund Editar o valor em Wikidata
Altitude12 m Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Creación1353 Editar o valor em Wikidata
Evento clave
5 de xullo de 1677Siege of Malmö (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal21X XX Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico040 Editar o valor em Wikidata

Sitio webmalmo.se Editar o valor em Wikidata

Malmö, situada no Condado de Escania (Skåne, en sueco), é a terceira cidade máis grande de Suecia con 270.000 habitantes. O seu desenvolvemento vai dende a industrialización ata converterse aos poucos nunha cidade universitaria.

Historia[editar | editar a fonte]

Idade Media[editar | editar a fonte]

Cidade fortificada de Malmö, segundo o Civitates orbis terrarum (1594).

Considérase que Malmö foi fundada entre os séculos XII e XIII, cando a rexión de Escania pertencía ao reino de Dinamarca. Nos anos 1200 erixiuse unha pedanía costeira entre a igrexa de Copenhaguen e o arcebispado de Lund. Máis tarde ordenouse construír unha fortaleza no mesmo punto. A partir de 1275 podíase cruzar o estreito de Øresund por barco, o cal impulsou o desenvolvemento comercial de Malmö ao estar dentro da ruta da Liga Hanseática.[1]

En 1319 comezaron as obras da Igrexa de San Pedro, a primeira igrexa gótica de ladrillos dentro das fronteiras actuais de Suecia.

Xa no século XV, Malmö superara en importancia a Lund e era unha das cidades máis poboadas de Dinamarca con aproximadamente 5000 habitantes, un importante mercado e unha puxante industria pesqueira de arenques.[1] Durante o reinado de Erico de Pomerania produciuse a creación da aduana de Øresund (1429), a construción do primeiro castelo de Malmö (1434) e a entrega en 1437 do escudo de armas local: unha cabeza de grifón, máis tarde convertida en símbolo representativo de Escania. Malmö foi tamén un dos primeiros lugares escandinavos que adoptou o luteranismo durante a reforma protestante.

A estrutura orixinal do castelo de Malmö foi derruída a comezos do século XVI, e o rei Cristián III de Dinamarca ordenou a súa reconstrución na década de 1530. Entre 1568 e 1573, a fortaleza foi tamén a prisión de James Hepburn, IV conde de Bothwell, terceiro marido da raíña María I de Escocia.[2]

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Durante todo o século XVII, a rexión histórica de Skåneland no sur da península escandinava foi obxecto de disputa entre Dinamarca e Suecia. Logo da segunda guerra sueco-danesa, o monarca Carlos X Gustavo de Suecia logrou a anexión de Escania mediante o Tratado de Roskilde.[3] A partir do 28 de febreiro de 1658, Malmö quedaría baixo control do reino de Suecia e iniciouse a asimilación cultural de toda a poboación.[3] Tres meses máis tarde estalaría outra guerra entre ambos reinos que concluíu en 1660 coa firma do Tratado de Copenhaguen, certificando a soberanía sueca. En 1677, en plena Guerra Escanesa, máis de 14.000 soldados daneses asediaron o pobo fortificado durante case un mes, pero foron derrotados polos 2000 militares suecos que a defendían.

Os conflitos continuaron a comezos do século XVIII, cando as tropas danesas entraron en Malmö durante a Gran Guerra do Norte (1709). Un ano despois, o batallón sueco a cargo do xeneral Magnus Stenbock logrou expulsar aos daneses e retomar o control. Todos estes episodios, sumados á chegada da peste bubónica, rebaixaron a poboación local a pouco máis de 300 habitantes na década de 1720.

As autoridades suecas asumiron a reconstrución de Malmö cando a situación xa se había estabilizado. Ademais da inauguración dun novo porto en 1775, desenvolvéronse servizos básicos como escolas, hospitais, a central eléctrica e unha planta de tratamento de augas residuais.[1]

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

A cidade viviu unha época de esplendor grazas ao novo porto e ao comezo da Revolución Industrial. Houbo dous feitos que contribuíron a iso. Por unha banda, o empresario Frans Suell dedicouse a importar tabaco de América do Norte ao resto de Europa durante a Revolución das Trece Colonias, e máis tarde o porto explotaríase como ruta de contrabando durante as Guerras Napoleónicas.[4] E doutra banda, o navieiro Frans Henrik Kockum fundou o estaleiro Kockums Naval en 1840, o que levou a especialización de Malmö no sector industrial.[5][6] Finalmente, o negocio local viuse impulsado en 1856 coa inauguración do ferrocarril entre Malmö e Lund, ampliado en 1874 ata Katrineholm.

En 1870, Malmö superara a Norrköping como a terceira cidade sueca máis habitada, e en 1900 a súa poboación pasaría os 60.000 habitantes. Ao longo do século XX, a chegada de inmigrantes (suecos e estranxeiros) motivou a construción de novas zonas residenciais e vivendas de protección oficial repartidas polo municipio de Malmö. Todas esas casas construíronse baixo o proxecto polo millón de vivendas.[7]

Porén, na década de 1970 produciuse unha grave crise económica que afectou aos estaleiros suecos. Kockums tivo que ser rescatada polo estado, e en 1986 cesou toda a produción de barcos civís para especializarse en buques militares, coa consiguiente destrución de empregos. Ademais, moitas familias de clase media mudáronse a cidades dormitorio como Vellinge, Lomma e Staffanstorp.

Ante esa situación, o municipio apostou pola reconversión industrial a través de dotacións culturais, da remodelación do barrio portuario (Västra Hamnen) e de importantes obras arquitectónicas para reducir o desemprego.[8] Parte dos edificios do antigo estaleiro foron rehabilitados para albergar outras instalacións, tales como o campus da Escola Superior de Malmö (1998).[9] No 2000 inaugurouse o ponte de Øresund que conecta a Malmö con Dinamarca a través do mar Báltico,[10] e en 2005 completáronse as obras do Turning Torso, un rañaceos residencial de 190 metros deseñado por Santiago Calatrava.[11] O xesto que confirmou a transformación de Malmö foi o desmantelamento da guindastre Kockums en 2002. Por outra banda, o centro urbano viviu un proceso de xentrificación.[7]

Malmö foi sede do Festival de Eurovisión en dúas ocasións: 1992 (no Malmö isstadion) e 2013 (no Malmö Arena).[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Malmö history". malmo.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2016. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  2. "Les Affaires du Conte de Boduel - A translation of Bothwell's Memoirs". www.marie-stuart.co.uk (en inglés). Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  3. 3,0 3,1 "Freden i Roskilde - Roskildefreden (1658)". www.sydsverige.dk (en danés). Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  4. Bylund, Jesper. "Tobaksindustri". Malmö Stad (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  5. "The Stirling Engine: an engine for the future". Saab Solutions (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de xuño de 2016. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  6. Bylund, Jesper. "Kockums". Malmö Stad (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  7. 7,0 7,1 "Malmö: una pequeña gran ciudad". geoface.es. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  8. "Eurovision 2013: Discover the transformation of Malmö". ESCToday (en inglés). 8 de maio de 2013. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  9. "Malmö University". Study in Sweden (en inglés). Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  10. "Así es el puente escandinavo que asombra en las redes". El País. 10 de febreiro de 2016. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  11. "Calatrava, premio '10 year Award' por su edificio Turning Torso". El Mundo. 7 de agosto de 2015. Consultado o 3 de xuño de 2016. 
  12. "La ciudad sueca de Malmö acogerá Eurovisión 2013". El País. 9 de xuño de 2012. Consultado o 10 de xuño de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]