Saltar ao contido

Lysenkismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Trofim Lysenko falando no Kremlin en 1935. Detrás del están (de esqauerda a dereita) Stanislav Kosior, Anastas Mikoyan, Andrei Andreev e Iosif Stalin.

O lysenkismo (ruso: лысенковщина, lysenkovshchina, AFI [lɨˈsɛnkəfɕːʲɪnə]; ucraíno: лисенківщина, lysenkivščyna, AFI [lɪˈsɛnkiu̯ʃtʃɪnɐ]) foi unha campaña política liderada polo biólogo soviético Trofim Lysenko contra a agricultura baseada na xenética e na ciencia na metade do século XX, rexeitando a selección natural en favor dunha forma de lamarckismo, e promovendo o uso de técnicas de vernalización e enxerto.

Máis de 3000 biólogos da corrente de pensamento principal en xenética foron despedidos ou encarcerados e numerosos foron executados na campaña soviética de supresión de opoñentes científicos.[1][2][3][4] O presidente da Academia de Agricultura Soviética, Nikolai Vavilov, que fora mentor do propio Lysenko, pero que posteriormente foi denunciado por el, foi enviado a prisión e morreu alí, mentres que a investigación xenética soviética quedou destruída.[3][4] A investigación e ensinanza nos campos da neurofisioloxía, bioloxía celular, e moitas outras disciplinas biolóxicas resultaron moi prexudicadas ou foron prohibidas.

O goberno da Unión Soviética (URSS) apoiou a campaña e Iosif Stalin persoalmente corrixiu un discurso de Lysenko para que reflectise o seu apoio ao que se coñecería como lysenkismo, malia o seu escepticismo sobre a afirmación de Lysenko de que toda ciencia está pola súa natureza orientada pola clase social. Lysenko serviu como director da Academia Lenin de Ciencias Agrícolas da URSS. Outros países do bloque do leste como a República Popular de Polonia, a República de Checoslovaquia, e a República Democrática Alemá aceptaron o lysenkismo como a "nova bioloxía" oficial, en diversos graos, como tamén fixo a República Popular da China durante algúns anos.

Véxase tamén: Lamarckismo e Herdanza mendeliana.
A teoría do plasma xerminal de August Weismann afirmaba que o material hereditario, o plasma xerminal, transmitíase só polos órganos reprodutores. As células somáticas (do corpo) desenvólvense en cada xeración a partir do plasma xerminal. Non hai ningún modo en que as células somáticas poidan afectar a seguinte xeración, ao contrario do que di o lamarckismo.[5]

A xenética mendeliana, a ciencia da herdanza, que se desenvolveu formando un campo da bioloxía baseado en experimentos a prinicpios do século XX polos traballos de August Weismann, Thomas Hunt Morgan, e outros, construíuse sobre o redescubrimento dos traballos de Gregor Mendel. Estes autores mostraron que as características dun organismo son levadas a cabo por xenes herdados, que estaban localizados nos cromosomas do núcleo celular. Os xenes poden ser afectados por cambios aleatorios (mutacións), e poden ser intercambiados e recombinados durante a reprodución sexual, pero transmitense sen cambios de pais a fillos. Os cambios beneficiosos poden propagarse a través da poboación por selección natural ou, en agricultura, por melloramento de plantas.[6]

Porén, algúns marxistas, percibían unha fisura entre o marxismo e o darwinismo. Concretamente, o problema era que mentres que a "loita pola supervivencia" no marxismo se aplica á clase social como un conxunto (a loita de clases), no darwinismo a loita pola supervivencia decídese por mutacións aleatorias individuais. Isto era considerado como unha doutrina liberal, contraria ao marco marxista de "leis inmutables da historia" e contra o espírito do colectivismo. En contraste, o lamarckismo propoñía que un organismo pode dalgún modo transmitir á súa descendencia características que adquiriu durante a súa vida, o que implica que cambiar o corpo pode afectar o material xenético da liña xerminal. Para estes marxistas, un "neolamarckismo" considerábase máis compatible co marxismo.[7][6][8]

A aparición do darwinismo social[9] a finais do século XIX e durante o inicio do XX, que pretendía aplicar á organización da sociedade as ideas da loita pola supervivencia dos máis adaptados (que Darwin aplicara só á evolución biolóxica), chocaba tamén coas interpretacións que facía o marxismo. O darwinismo social xustificaba que os máis ricos e poderosos na sociedade o eran porque eran os mellor adaptados na competencia social, e utilizouse para xustificar a euxenesia, o racismo, o imperialismo e o fascismo.[10][11][12]

O marxismo-leninismo, que se converteu na ideoloxía oficial da URSS de Stalin, incorporara a evolución darwinista como unha doutrina fundacional, que proporcionaba bases científicas para o seu ateísmo de estado. Inicialmente, o principio lamarckista da herdanza dos caracteres adquiridos era considerada unha parte lexítima da teoría evolutiva, e o propio Darwin recoñecera a súa importancia.[13] Aínda que a visión mendeliana xa substituíra en gan medida ao lamarckismo en bioloxía en 1925,[13] este persistiu na doutrina soviética. Ademais do afervoado darwinismo de "vello estilo" de Marx e Engels, que incluía elementos do lamarckismo, había dous resultados experimentais errados que o apoiaban na URSS. Primeiro, Ivan Pavlov, que descubriu os reflexos condicionados, anunciou en 1923[14] que podían herdarse en ratos;[13] e a súa posterior retractación desa afirmación foi ignorada polos ideólogos soviéticos.[13] Segundo, Ivan Michurin interpretou o seu traballo en melloramento de plantas como proba da herdanza dos caracteres adquiridos.[13] Michurin avogaba por un melloramento de plantas dirixido por control ambiental: "Non podemos esperar polos favores da natureza: debemos arrebatarllos a ela.".[15]

Kliment Timiryazev, un divulgador da ciencia en Rusia, tiña simpatía polo comunismo, e aliouse coa nova república soviética. Isto fixo que as súas perspectivas da ciencia fosen máis ortodoxas e amplamente coñecidas. Cando apareceu a teoría do xene a inicios da década de 1900, algúns teóricos do xene promovían o mutacionismo salatacionista como alternativa ao gradualismo darwinista, e Timiriazev argumentou enerxicamente contra el. As posicións de Timiryazev influíron en moitos, incluíndo Michurin.[16]

A agricultura soviética na década de 1930 estaba en crise debido a que Stalin forzou a colectivización das granxas e a erradicación dos granxeiros kulak. A resultante fame soviética de 1932–1933 provocou que o goberno buscase unha solución técnica que servise para manter o seu control político central.[17]

Na Unión Soviética

[editar | editar a fonte]

Postulados de Lysenko

[editar | editar a fonte]
Trofim Lysenko en 1938

En 1928, rexeitando a selección natural e a xenética mendeliana, Trofim Lysenko afirmaba ter desenvolvido técnicas agrícolas que poderían incrementar radicalmente o rendemento das colleitas. Estas incluían a vernalización, a transformación de especies (unha especie converténdose noutra), a herdanza dos caracteres adquiridos, e a hibridación vexetativa (ver máis abaixo).[6] Afirmaba en concreto que a vernalización do trigo, expoñendo as sementes á humidade e baixas temperaturas, podía incrementar grandemente o rendemento das colleitas. Afirmaba ademais que podía transformar a especie Triticum durum (trigo duro de primavera), en Triticum vulgare (trigo de outono común) por medio de 2 a 4 anos de plantación en outono. Esta transición de especies, segundo el, ocorría sen que se orixinase unha forma intermedia.[18] Porén, xa se sabía que isto era imposible, xa que T. durum é un tetraploide con 28 cromosomas (4 conxuntos de 7), mentres que T. vulgare é hexaploide con 42 cromosomas (6 conxuntos).[6] Esta obxección non refutou a Lysenko, xa que el afirmaba que o número de cromosomas cambiaba tamén.[18]

Lysenko defendía que o concepto de xene era unha "invención burguesa", e negaba a presenza de calquera "substancia inmortal da herdanza" ou "especie claramente definida", o cal el coidaba que era metafísica platónica e non ciencia marxista estritamente materialista. En vez diso, propoñía unha "xenética marxista" postulando unha posibilidade ilimitada de transformación dos organismos vivos por medio de cambios ambientais no espírito da transformación dialéctica marxista, e en paralelo co programa do Partido de crear o home novo soviético e someter a natureza para o seu beneficio. Lysenko refusaba admitir as mutacións aleatorias, afirmando que "a ciencia é o inimigo da aleatoriedade".[19]

Hibridación vexetativa lysenkoísta que implica un efecto do escallo sobre a planta receptora cando se enxerta unha árbore froiteira. A concepción lamarckista de Lysenko está moi debilmente xustificada pola teoría moderna da transferencia horizontal de xenes.[20]

Lysenko afirmaba ademais que nas plantas producíase a herdanza lamarckista dos caracteres adquiridos, como nos "ollos" dos tubérculos de pataca, aínda que as diferenzas xenéticas nestas partes da planta xa se sabía que eran mutacións somáticas non herdables.[6][21] Tamén sostiña que cando se enxerta unha árbore, o escallo fai cambiar permanentemente as características herdables da planta base portaenxertos. Na teoría biolóxica moderna, un cambio dese tipo é teoricamente posible por medio de transferencia horizontal de xenes; porén, non hai probas de que isto realmente ocorra, e ademais Lysenko rexeitaba completamente o mecanismo dos xenes.[20]

Isaak Izrailevich Prezent, un biólogo daquela politicamente fóra do favor gobernamental, trouxo a Lysenko á atención pública. Retratou a Lysenko como un xenio que desenvolvera unha técnica revolucionaria que podía levar ao triunfo da agricultura soviética, unha excitante posibilidade para a sociedade soviética que sufría as fames da época de Stalin. Lysenko converteuse nun favorito da máquina de propaganda soviética, que esaxerou o seu éxito, proclamou os seus resultados experimentais falsos e omitiu toda mención aos seus fallos.[22] Os medios de comunicación do estado publicaron artigos entusiásticos como "Siberia está transformada nunha terra de hortos de árbores froiteiras e xardíns" e "O pobo soviético cambia a natureza", mentres que calquera que se opuxese a Lysenko era presentado como un defensor do "misticismo, o escurantismo e o atraso."[23]

O éxito político de Lysenko era debido principalmente á súa adhesión ao Partido Comunista e á ideoloxía soviética. O seu ataque á "pseudociencia burguesa" da xenética moderna e a proposta de que as plantas poden axustarse rapidamente a un ambiente cambiante conviña á batalla ideolóxica na agricultura e sociedade soviéticas.[24][20] Despois dos desastrosos esforzos de colectivización de finais da década de 1920, os novos métodos de Lysenko eran vistos polos funcionarios soviéticos como algo que achaiaba o camiño da "revolución agrícola". O propio Lysenko procedía dunha familia campesiña e era un partidario entusiasta do leninismo.[25][20] Os xornais controlados polo Partido aplaudían o "éxito" práctico de Lysenko e cuestionaban os motivos dos seus críticos, ridiculizando a timidez dos académicos que instaban a facer a observación paciente e imparcial necesaria para a ciencia.[25][26] Lysenko foi admitido na xerarquía do Partido Comunista, e puxérono á fronte dos asuntos agrícolas.

El utilizou a súa posición para denunciar os biólogos como "amantes das moscas e odiadores da xente",[27] e para acusar os biólogos tradicionais de seren "socavadores" que traballaban para sabotar a economía soviética. Denunciou a distinción entre a bioloxía teórica e a aplicada e rexeitou os métodos xerais como o control de grupos e as estatísticas:[28]

Os biólogos non temos o menor interese en cálculos matemáticos, os cales confirman as inútiles fórmulas estatísticas dos mendelistas … Non queremos someternos ao azar cego … Mantemos que as regularidades biolóxicas non se parecen a leis matemáticas.

Lysenko presentábase a si mesmo como un seguidor de Ivan Vladimirovich Michurin, un coñecido e querido horticultor soviéico, pero a diferenza de Michurin, Lysenko insistía en usar só técnicas non xenéticas como a hibridación e o enxerto.[6]

O apoio de Iosif Stalin incrementou a popularidade de Lysenko. En 1935, Lysenko comparou os seus opoñentes en bioloxía cos campesiños que aínda se resistían á colectivización emprendida polo goberto soviético, dicindo que os seus opoñentes das súas teorías eran opoñentes do marxismo. Stalin estaba entre o público do seu discurso, e foi o primeiro en poñerse de pé e aplaudir, berrando "Bravo, camarada Lysenko. Bravo."[29] Stalin persoalmente fixo adicións alentadoras a un discurso de Lysenko, malia o escepticismo do dictador cara a afirmación de Lysenko de que toda ciencia está orientada pola clase.[30] O apoio oficial animou a Lysenko e deulle a el e a Isaak Prezent vía libre para difamar a calquera xenetista que aínda falase contra el. Unha vez que Lysenko se converteu no xefe da Academia Soviética de Ciencias Agrícolas, os xenetistas clásicos empezaron a ser denominados investigadores da "ciencia fascista"[31] e moitos dos opoñentes do lysenkismo, como o seu anterior mentor Nikolai Ivanovich Vavilov, foron encarcerados ou executados, aínda que non por ordes persoais de Lysenko.[32][25]

En outubro de 1947 Lysenko e Stalin enviáronse múltiples cartas. Lysenko prometeu a Stalin cultivar trigo ramificante cun rendemento de 15.000 kg/ha. Nesa época, a variedade de trigo máis produtiva baixo condicións excepcionalmente favorables podía chegar aos 2.000 kg/ha.[26]

O mendelismo-morganismo, neodarwinismo weissmanista.. non están desenvolvidos nos países capitalistas occidentais para os propósitos da agricultura, senón que serven aos propósitos reaccionarios do euxenismo, racismo, etc. Non hai relacións entre as prácticas agrícolas e a teoría da xenética burguesa. Carta de Lysenko a Stalin do 27 de outubro de 1947 citada en[26]

Máximo auxe

[editar | editar a fonte]

Do 31 de xullo ao 7 de agosto de 1948, a Academia de Ciencias Agrícolas (VASKhNIL) mantivo unha sesión que durou unha semana,[33] organizada por Lysenko e aprobada por Stalin.[26] Ao final dela, o lysenkismo foi decalarado "a única teoría correcta". Como Lysenko dixo performativamente ao final, "O Comité Central do Partido Comunista examinou o meu informe e aprobouno". Os asistentes consideraron isto como o nacemento dunha nova ortodoxia. Dos 8 científicos que avogaban pola xenética durante a sesión, 3 anunciaron inmediatamente o seu arrepentimento.[26]

Aos científicos soviéticos esixíuse lles que denunciasen calquera traballo que contradixese a Lysenko,[34] e a crítica foi denunciada como "burguesa" ou "fascista". O Ministerio de Educación Superior ordenou a todos os institutos biolóxicos seguir inmediatamente a ortodoxia de Lysenko:[35]

"A Administración da Universidade Central e a Administración de Cadros diríxense a revisar en dous meses todos os departamentos das facultades biolóxicas para liberalos de todos os que se opoñen á bioloxía michurinista e para reforzalos nomeando michurinistas para eles." Punto 6 da Orde No. 1208 (23 de agosto de 1948) (trans. p. 125 [36].

Durante varios meses, directivas centrais similares despediron científicos, retiraron libros de texto, e esixiron a eliminación de calquera referencia á herdanza na educación superior. Houbo tamén unha orde para destruír todos os stocks de Drosophila (o organismo modelo para estudos xenéticos). (p. 125 [36]). Os xenetistas destacados foron controlados por axentes secretos do Servizo de Seguridade do Estado. (p. 129 [36])

A mesma onda de propaganda apoiaba varias outras "novas ciencias marxistas" pseudocientíficas na academia soviética en campos como a lingüística e a arte. Pravda informou da invención dun motor de movemento perpetuo, confirmando a a afirmación de Engels de que a enerxía disipada nun lugar debe concentrarse nalgunha outra parte.[19] A revista de Lysenko Agrobiology publicou informes de que o trigo se convertera en centeo, os repolos en colinabo, etc.

En 1948, a película Michurin presentaba a Michurin como un científico soviético ideal, levando a propaganda ás masas.[15] Os libros de cancións publicados incluían cancións que alababan a Lysenko, "El camiña pola senda de Michurin/con paso firme;/protéxenos de ser enganados/polos mendelistas-morganistas." (p. 132 [36])

Na opinión política de Lysenko e os seus seguidores, a teoría "weismannista-mendelista-morganista" era reaccionaria e idealista, unha ferramenta dos burgueses, mentres que a teoría "michurinista" era progresista e materialista. A vitoria do michurinismo era presentada como unha vitoria do socialismo sobre o capitalismo. Algúns incluso dicían que as políticas racistas de Hitler derivaban da teoría xenética. (pp. 119-121 [36])

Unha promotora prominente de lysenkismo foi a bióloga Olga Lepeshinskaya, que intentaba demostrar a abioxénese de células e tecidos a partir da "substancia vital". Pronunciaron un discurso en 1950 no cal equiparaban todas as herexías "burguesas":[37]

No noso país xa non hai clases hostís entre si, e a loita de idealistas contra o materialismo dialéctico aínda, dependendo dos intereses de quen defenda, ten o carácter de loita de clases. En efecto, os seguidores de Virchow, Weismann, Mendel e Morgan, que falan da invariabilidade do xene e negan a influencia do ambiente externo, son os predicadores das ensinanzas pseudocientíficas dos euxenistas burgueses e de todas as perversións en xenética, en cuxo solo crecen a teoría racial do fascismo nos países capitalistas. A segunda guerra mundial foi desencadeada polas forzas do imperialismo, que tamén tiña o racismo no seu arsenal. Olga Lepeshinskaya

Quizais os únicos opoñentes do lysenkismo durante a vida de Stalin que escaparon de ser liquidados foron os membros da pequena comunidade de físicos nucleares soviéticos: segundo Tony Judt, "é significativo que Stalin deixase os seus físicos nucleares tranquilos e nunca se atreveu a dubidar dos seus cálculos. Stalin podía estar tolo pero non era estúpido."[38]

Efectos sobre os científicos

[editar | editar a fonte]

En 1948, a xenética foi declarada oficialmente "unha pseudociencia burguesa".[1] Uns 3000 biólogs foron encarcerados, despedidos[2] ou executados por intentar opoñerse ao lysenkismo, e a investigación xenética quedou destruída ata a morte de Stalin en 1953.[3][4] O rendemento das colleitas soviéticas diminuíu.[39][40][3]

De 1934 a 1940, baixo as admonicións de Lysenko e coa aprobación de Stalin, moitos xenetistas foron executados (incluíndo Izrail Agol, Solomon Levit, Grigorii Levitskii, Georgii Karpechenko e Georgii Nadson) ou enviados a campos de traballo. O famoso xenetista soviético e presidente da Academia de Agricultura, Nikolai Vavilov, foi arrestado en 1940 e morreu en prisión en 1943.[41] En 1936, o xenetista norteamericano Hermann Joseph Muller, que se trasladara ao Instituto de Xenética de Leningrado coas súas moscas do vinagre Drosophila, foi criticado por burgués, capitalista, imperialista e promotor do fascismo, e regresou aos Estados Unidos a través da España republicana.[42] Iosif Rapoport, que traballaba en mutáxenos, refusou repudiar publicamente a teoría cromosómica da herdanza e sufriu varios anos de relegación como axudante de laboratorio xeolóxico. O libro de Dmitry Sabinin sobre fisioloxía das plantas foi repentinamente retirado da publicación en 1948. El suicidouse en 1951.

Os que apoiaban o lysenkismo eran favorecidos. Oparín defendía firmemente o lysenkismo e foi politicamente favorecido. Aínda que el aparentemente cría con sinceridade no lysenkismo, xa que seguiu mantendo esa crenza mesmo en 1955, despois da súa caída.[43]

Inspirados polo éxito do lysenkismo e pola sesión de 1948 da Academia VASKhNIL, outros campos da ciencia soviética foron tamén acosados, mais por breve tempo e con menos éxito. Houbo campañas en medicina contra os "pavlovianos", en física contra o "einsteinismo reaccionario" e a mecánica cuántica, e en química contra a teoría da resonancia de Pauling. (p. 133 [36])

A finais de 1952, a situación empezou a cambiar e os xornais publicaron artigos criticando o lysenkismo. Porén, o regreso á xenética normal foi máis lenta no período de Nikita Khrushchev, cando Lysenko lle mostrou os supostos éxitos dun complexo agrícola experimental. De novo prohibiuse criticar o lysenkismo, aínda que agora era posible expresar opinións diferentes e os xenetistas encarcerados por Stalin foron liberados ou rehabilitados postumamente. A prohibición foi levantada finalmente na metade da década de 1960.[44][45]

O lysenkismo nunca foi dominante en Occidente, e durante a década de 1960, considerábase cada vez máis como unha pseudociencia.[46] Os científicos soviéticos decatáronse do grande avance en bioloxía molecular, como a carcterización do ADN, e incluso os lysenkoístas que quedaban empezaron a aceptar que o ADN era o material básico da herdanza (se ben aínda rexeitaban a teoría do xene).[13]

Reaparición

[editar | editar a fonte]

No século XXI, o lysenkismo discútese outra vez en Rusia, mesmo en xornais respectables como Kultura e por biólogos.[45] O xenetista Lev Zhivotovsky fixo a afirmación sen fundamento de que Lysenko axudou a fundar a bioloxía do desenvolvemento moderna.[45] Os descubrimentos no campo da epixenética adúcense ás veces como unha confirmación tardía das teorías de Lysenko, pero malia a aparente gran semellanza (os caracteres herdables transmitíanse sen alteración do ADN), Lysenko cría que os cambios inducidos polo ambiente eran o mecanismo primario da heredabilidade. Atopáronse efectos epixenéticos herdables, pero son menores e inestables comparados coa herdanza xenética.[47]

Contido científico

[editar | editar a fonte]

O lysenkismo, como teoría científica, pretendía substituír a evolución darwinista e a teoría xenética por unha nova teoría que puidese explicar e xustificar os fenómenos que Lysenko dicía que existían, como a vernalización, a transformación de especies, a herdanza dos caracteres adquiridos, a hibridación vexetativa, etc.

A herdanza foi reformulada como "a propiedade do corpo vivo de demandar certas condicións ambientais e de reaccionar dunha certa maneira a elas". (p. 144 [36]) Michurin intentou explicar a herdanza lamarckista teorizando que algún tipo de "herdanza" está presente en todo o organismo, a cal reacciona á influencia ambiental. Isto é incompatible coa barreira de Weismann, que fixo que os lysenkoístas denunciasen a Weismann. En lugar diso, propoñían unha teoría "fisiolóxica", na que a herdanza difundía por todo o corpo e dalgunha maneira recollíase nas células xerminais, que están "construídas a partir de moléculas, gránulos, de varios órganos e partes do organismo", é dicir, a teoría da panxénese.[18] Cando dúas células xerminais forman un cigoto, a "débil" é asimilada pola forte, como na dixestión da comida.[13]

Esta teoría tamén explica a hibridación vexetativa, xa que a herdanza do escallo pode difundir á planta portaenxertos, resultando nun cambio na descendencia da planta portaenxertos. A teoría da hibridación vexetativa foi ademais testada en animais inxectándolles sangue. Por exemplo, ao inxectar sangue de polos colorados en polos brancos. Afirmouse que a descendencia dos polos brancos mostraba cores parciais e completas. Porén, esas afirmacións foron rexeitadas polos científicos occidentais. Os experimentos de hibridación de plantas non se puideron replicar, e o experimento dos polos non controlaba os alelos recesivos.[13]

Lysenko tamén propuxo unha forma de heterocronía lamarckista. Unha planta individual desenvólvese por etapas, dependendo do seu ambiente. Un cambio no ambiente pode acelerar ou facer máis lentas estas etapas, e isto ten como resultado efectos augas abaixo que son despois herdados. Esta teoría xustificaba as prácticas de cultivos e cruces de plantas dos lysenkoístas.[13]

Como Darwin propuxo a teoría da panxénese, para Lysenko isto en parte redimía a Darwin, aínda que a corrección histórica de Darwin foi degradada en comparación coa de Lamarck.[18]

Noutros países

[editar | editar a fonte]

Outros países do bloque do leste aceptaban o lysenkismo como a "nova bioloxía" oficial, en diversos graos.

Na República Popular de Polonia o lysenkismo foi impulsado agresivamente pola propaganda estatal. Os xornais do estado atacaron o "dano causado polo mendelismo-morganismo" burgués e a "xenética imperialista", comparándoa co libro nazi Mein Kampf. Por exemplo, Trybuna Ludu publicou un artigo titulado "Científicos franceses recoñecen a superioridade da ciencia soviética" de Pierre Daix, un comunista francés e editor xefe de Les Lettres Françaises, repetindo basicamente as afirmacións da propaganda soviética; isto pretendía crear unha impresión de que o lysenkismo era aceptado por todo o mundo progresista.[23] Aínda que algúns académicos aceptaban o lysenkismo por razóns políticas, a comunidade científica polaca en gran medida opoñíase a el.[48] Un opoñente notable foi Wacław Gajewski: en represalia, negóuselle o contacto con estudantes, aínda que se lle permitiu continuar co seu traballo científico no xardín botánico de Varsovia. O lysenkismo foi rapidamente rexeitado desde 1956, e en 1958 Gajewski fundou o primeiro departamento de xenética, na Universidade de Varsovia.[48]

A Checoslovaquia comunista adoptou o lysenkismo en 1949. O prominente xenetista Jaroslav Kříženecký (1896–1964) criticou o lysenkismo nas súas clases e foi despedido da Universidade de Agricultura en 1949 por "servir ao sistema capitalista establecido, considerándose el superior á clase traballadora, e sendo hostil á orde democrática do pobo"; e foi encarcerado en 1958.[49]

Na República Democrática Alemá, aínda que o lysenkismo se ensinaba nalgunhas universidades, tivo moi pouco impacto na ciencia debido ás accións duns poucos científicos, como o xenetista Hans Stubbe, e o contacto científico con institucións de investigación de Berlín Occidental. Non obstante, as teorías lysenkoístas atopábanse nos libros de texto escolares ata a caída de Nikita Khrushchev en 1964.[50]

O lysenkismo dominou a ciencia chinesa desde 1949 ata 1956, período durante o cal a discusión aberta de teorías alternativas como a xenética mendeliana clásica estaba prohibida. Só en 1956 durante un simposio xenético se lles permitiu aos opoñentes do lysenkismo criticalo libremente e argumentar en favor da xenética mendeliana.[51] Nas actas do simposio, cítase a Tan Jiazhen dicindo que "Xa que a URSS empezou a criticar a Lysenko, atrevémonos a criticalo tamén".[51] Durante certo tempo permitiuse a coexistencia de ambas as escolas, aínda que a influencia dos lysenkoístas seguiu sendo grande por varios anos, contribuíndo á Gran Fame debido á perda do rendemento das colleitas.[51]

John Desmond Bernal, profesor de Física no Birkbeck College, Londres, Membro da Sociedade Real e comunista foi case o único entre os científicos de Occidente[52] que fixo unha enérxica defensa pública de Lysenko.[53]

  1. 1,0 1,1 Gardner, Martin (1957). Fads and Fallacies in the Name of Science. Nova York: Dover Books. pp. 140–151. ISBN 978-0486131627. 
  2. 2,0 2,1 Birstein, Vadim J. (2013). The Perversion Of Knowledge: The True Story Of Soviet Science. Perseus Books Group. ISBN 9780786751860. Consultado o 2016-06-30. O académico Schmalhausen, os profesores Formozov e Sabinin, e outros 3000 biólogos, vítimas da sesión de agosto de 1948, perderon os seus traballos profesionais debido á súa integridade e principios morais [...] 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Soyfer, Valery N. (1 de setembro de 2001). "The Consequences of Political Dictatorship for Russian Science". Nature Reviews Genetics 2 (9): 723–729. PMID 11533721. doi:10.1038/35088598. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Soĭfer, Valeriĭ. (1994). Lysenko and The Tragedy of Soviet Science. New Brunswick, N.J.: Rutgers University Press. ISBN 9780813520872. 
  5. Huxley, Julian (1942). Evolution, the Modern Synthesis. p. 17. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Leone, Charles A. (1952). "Genetics: Lysenko versus Mendel". Transactions of the Kansas Academy of Science 55 (4): 369–380. ISSN 0022-8443. JSTOR 3625986. doi:10.2307/3625986. 
  7. Kautsky, John H., ed. (1989). "Karl Kautsky: Nature and Society (1929)". www.marxists.org. Consultado o 21 de febreiro de 2020. Moitos viron unha concordancia entre Darwin e Marx en que ambos consideraban a loita como o motor do desenvolvemento, un a loita de clases, o outro a loita pola existencia. Pero hai unha gran diferenza entre estes dous tipos de loita! ... Para Marx, as masas son os portadores do desenvolvemento, para Darwin é o individuo, aínda que non exclusivamente para moitos dos seus discípulos... Unha concepción bastante individualista que se correspondía moi ben co pensamento do liberalismo que era todopoderoso en tempos de Darwin e que era, polo tanto, doadamente aceptado... Un neolamarckismo materialista, liberado non só de toda a inxenuidade das súas orixes senón tamén de todo misticismo, que algúns dos seus seguidores buscan inxectar nel, parecíame que afirmaba en bioloxía os mesmos principios que Marx revelara para a sociedade na concepción materialista da historia. 
  8. Ghiselin, Michael T. (1994). "The Imaginary Lamarck: A Look at Bogus "History" in Schoolbooks". The Textbook Letter (setembro-outubro de 1994). Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2000. Consultado o 12 de decembro de 2019. 
  9. Williams, Raymond (2000). "Social Darwinism". En John Offer. Herbert Spencer: Critical Assessment. London; Nova York: Routledge. pp. 186–199. ISBN 9780415181846. 
  10. Claeys, Gregory (2000). "The "Survival of the Fittest" and the Origins of Social Darwinism". Journal of the History of Ideas 61 (2): 223–240. doi:10.1353/jhi.2000.0014. 
  11. Bowler, Peter J. (2003). Evolution: The History of an Idea (3ª ed.). University of California Press. ISBN 978-0520236936. páx. 298–299}}
  12. Leonard, Thomas C. (2009) "Origins of the Myth of Social Darwinism: The Ambiguous Legacy of Richard Hofstadter's Social Darwinism in American Thought", Journal of Economic Behavior & Organization 71, pp. 37–51.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 13,7 13,8 Caspari, E. W.; Marshak, R. E. (16 de xullo de 1965). "The Rise and Fall of Lysenko". Science (New Series) 149 (3681): 275–278. Bibcode:1965Sci...149..275C. JSTOR 1715945. PMID 17838094. doi:10.1126/science.149.3681.275. 
  14. Pawlow, I. P. (1923-11-09). "New Researches on Conditioned Reflexes". Science (en inglés) 58 (1506): 359–361. Bibcode:1923Sci....58..359P. ISSN 0036-8075. PMID 17837325. doi:10.1126/science.58.1506.359. ... os reflexos condicionados, é dicir, a actividade nerviosa máis alta, hérdanse. Actualmente, completáronse algúns experimentos con ratos brancos. ... Cómpre combinar trescentas veces a alimentación dos ratos co toque dunha campá para acostumalos a correr ao posto de alimentación ao oíren a campá. ... A cuarta xeración necesitaba só 10 leccións. ... Creo moi probable que despois dalgún tempo unha nova xeración de ratos correrá cara ao posto de alimentación ao oír a campá sen ningunha lección previa. 
  15. 15,0 15,1 Kepley, Vance (xullo de 1980). "The Scientist as Magician: Dovzhenko's Michurin and the Lysenko Cult". Journal of Popular Film and Television (en inglés) 8 (2): 19–26. ISSN 0195-6051. doi:10.1080/01956051.1980.10661859. 
  16. Dobzhansky, Theodosius (maio de 1949). "The Suppression of a Science". Bulletin of the Atomic Scientists (en inglés) 5 (5): 144–146. Bibcode:1949BuAtS...5e.144D. ISSN 0096-3402. doi:10.1080/00963402.1949.11457065. 
  17. Ellman, Michael (xuño de 2007). "Stalin and the Soviet Famine of 1932–33 Revisited". Europe-Asia Studies 59 (4): 663–693. doi:10.1080/09668130701291899. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2007-10-14. Consultado o 2019-12-12. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Dobzhansky, Theodosius (febreiro de 1952). "I Lysenko's "Michurinist" Genetics". Bulletin of the Atomic Scientists (en inglés) 8 (2): 40–44. Bibcode:1952BuAtS...8b..40D. ISSN 0096-3402. doi:10.1080/00963402.1952.11457270. 
  19. 19,0 19,1 Kolakowski, Leszek (2005). Main Currents of Marxism. W. W. Norton & Company. ISBN 978-0393329438. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 Liu, Yongsheng; Li, Baoyin; Wang, Qinglian (2009). "Science and politics". EMBO Reports 10 (9): 938–939. ISSN 1469-221X. PMC 2750069. PMID 19721459. doi:10.1038/embor.2009.198. 
  21. Asseyeva, T. (1927). "Bud mutations in the potato and their chimerical nature" (PDF). Journal of Genetics 19: 1–28. doi:10.1007/BF02983115. 
  22. Rispoli, Giulia (2014). "The Role of Isaak Prezent in the Rise and Fall of Lysenkoism". Ludus Vitalis 22 (42). Arquivado dende o orixinal o 2019-12-12. Consultado o 2019-12-12. 
  23. 23,0 23,1 "Lysenkoist propaganda in Trybuna Ludu". cyberleninka.ru. Consultado o 2020-06-07. 
  24. Geller, Mikhail (1988). Cogs in the wheel : the formation of Soviet man. Knopf. ISBN 978-0394569260. 
  25. 25,0 25,1 25,2 Graham, Loren R. (1993). Science in Russia and the Soviet Union: A Short History. Cambridge University Press. pp. 124–128. ISBN 978-0-521-28789-0. 
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Borinskaya, Svetlana A.; Ermolaev, Andrei I.; Kolchinsky, Eduard I. (2019). "Lysenkoism Against Genetics: The Meeting of the Lenin All-Union Academy of Agricultural Sciences of August 1948, Its Background, Causes, and Aftermath". Genetics 212 (1): 1–12. ISSN 0016-6731. PMC 6499510. PMID 31053614. doi:10.1534/genetics.118.301413. 
  27. Epistemology and the Social, Evandro Agazzi, Javier Echeverría, Amparo Gómez Rodríguez, Rodopi, 2008, "Philosophy", p. 149
  28. Faulk, Chris (2013-06-21). "Lamarck, Lysenko, and Modern Day Epigenetics". Mind the Science Gap (en inglés). Consultado o 2020-06-06. 
  29. Cohen, Richard (3 de maio de 2001). "Political Science". The Washington Post. 
  30. Rossianov, Kirill O. (1993). "Editing Nature: Joseph Stalin and the "New" Soviet Biology". Isis 84 (decembro de 1993): 728–745. JSTOR 235106. PMID 8307727. doi:10.1086/356638. 
  31. deJong-Lambert, William (2017). The Lysenko Controversy as a Global Phenomenon, Volume 1: Genetics and Agriculture in the Soviet Union and Beyond. Palgrave Macmillan. p. 6. ISBN 978-3319391755. 
  32. Harper, Peter S. (2017). "Lysenko and Russian genetics: Reply to Wang & Liu". European Journal of Human Genetics 25 (10): 1098. ISSN 1018-4813. PMC 5602019. PMID 28905879. doi:10.1038/ejhg.2017.118. 
  33. Lenina, Vsesoyuznaya Akademiya Sel'skokhozyaistvennykh Nauk im V. I. (1949). The situation in biological science: proceedings of the Lenin Academy of Agricultural Sciences of the U.S.S.R. session, July 31-August 7, 1948, verbatim report. Moscow: Foreign Languages Publishing House. 
  34. Wrinch, Pamela N. (xullo de 1951). "Science and Politics in the U.S.S.R.: The Genetics Debate". World Politics 3 (4): 486–519. JSTOR 2008893. doi:10.2307/2008893. 
  35. Kaftanoff S, 1948, Orde do Ministerio de Educación Superior da URSS no. 1208, do 23 de agosto de 1948 Sobre o estado da ensinanza de disciplinas biolóxicas nas universidades e medidas para reforzar as facultades biolóxicas por un equipo cualificado de biólogos michurinistas (en ruso).
  36. 36,0 36,1 36,2 36,3 36,4 36,5 36,6 Zhores Medvedev (31 de decembro de 1969). The Rise and Fall of T. D. Lysenko. Translated by I. Michael Lerner. Columbia University Press. doi:10.7312/MEDV92664. ISBN 978-0-231-88984-1. Wikidata Q109407986.)
  37. "Лепешинская О.Б. Развитие жизненных процессов в доклеточном периоде". www.bioparadigma.spb.ru. Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2008. Consultado o 2023-08-27. 
  38. Judt, Tony (2006). Postwar: A History of Europe Since 1945. Nova York: Penguin Books. p. 174n. 
  39. Wade, Nicholas (17 de xuño de 2016). "The Scourge of Soviet Science". Wall Street Journal. 
  40. Swedin, Eric G. (2005). Science in the Contemporary World : An Encyclopedia. Santa Barbara, California: ABC-CLIO. pp. 168, 280. ISBN 978-1851095247. 
  41. Cohen, Barry Mandel (1991). "Nikolai Ivanovich Vavilov: the explorer and plant collector". Economic Botany 45 (1 (xaneiro-marzo de 1991)): 38–46. JSTOR 4255307. doi:10.1007/BF02860048. 
  42. Carlson, Elof Axel (1981). Genes, radiation, and society: the life and work of H. J. Muller. Ithaca, NY: Cornell University Press. pp. 184–203. ISBN 978-0801413049. 
  43. "VIVOS VOCO: В.Я. Александров, "Трудные годы советской биологии"". vivovoco.astronet.ru. 2014-11-11. Arquivado dende o orixinal o 2014-05-25. Consultado o 2024-05-16. 
  44. Alexandrov, Vladimir Yakovlevich (1993). Трудные годы советской биологии: Записки современника [Difficult Years of Soviet Biology: Notes by a Contemporary]. Наука ["Science"]. 
  45. 45,0 45,1 45,2 Kolchinsky, Edouard I.; Kutschera, Ulrich; Hossfeld, Uwe; Levit, Georgy S. (2017). "Russia's new Lysenkoism". Current Biology 27 (19): R1042–R1047. Bibcode:2017CBio...27R1042K. ISSN 0960-9822. PMID 29017033. doi:10.1016/j.cub.2017.07.045.  o cal cita Graham, Loren (2016). Lysenko's Ghost: Epigenetics and Russia. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-08905-1. 
  46. Gordin, Michael D. (2012). "How Lysenkoism Became Pseudoscience: Dobzhansky to Velikovsky". Journal of the History of Biology 45 (3): 443–468. ISSN 0022-5010. JSTOR 41653570. PMID 21698424. doi:10.1007/s10739-011-9287-3. 
  47. Graham, Loren (2016). Lysenko's Ghost: Epigenetics and Russia. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-08905-1. 
  48. 48,0 48,1 Gajewski W. (1990). "Lysenkoism in Poland". Quarterly Review of Biology 65 (4): 423–34. PMID 2082404. doi:10.1086/416949. 
  49. Orel, Vitezslav (1992). "Jaroslav Kříženecký (1896–1964), Tragic Victim of Lysenkoism in Czechoslovakia". Quarterly Review of Biology 67 (4): 487–494. JSTOR 2832019. doi:10.1086/417797. 
  50. Hagemann, Rudolf (2002). "How did East German genetics avoid Lysenkoism?". Trends in Genetics 18 (6): 320–324. PMID 12044362. doi:10.1016/S0168-9525(02)02677-X. 
  51. 51,0 51,1 51,2 Li, C. C. (1987). "Lysenkoism in China". Journal of Heredity 78 (5): 339. doi:10.1093/oxfordjournals.jhered.a110407. 
  52. Witkowski, J. A. (2007). "J. D. Bernal: The Sage of Science by Andrew Brown (2006), Oxford University Press". The FASEB Journal 21 (2): 302–304. doi:10.1096/fj.07-0202ufm. 
  53. Goldsmith, Maurice (1980). Sage: A Life of J. D. Bernal. Londres: Hutchinson. pp. 105–108. ISBN 0-09-139550-X. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]