Saltar ao contido

Gradualismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O gradualismo é unha hipótese, teoría ou principio que considera que os cambios se producen gradualmente ou que a variación é gradual na natureza.[1] Conceptos similares son o uniformitarismo, o incrementalismo e o reformismo.

Xeoloxía e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Nas ciencias naturais, o gradualismo é a teoría que considera que os cambios profundos observados na natureza son o produto acumulativo de procesos lentos pero continuos, o que xeralmente se contrapón ao catastrofismo. A teoría foi proposta en 1795 polo médico escocés James Hutton para aplicala á xeoloxía, e foi despois incorporada á teoría do uniformitarismo (Uniformitarianism) de Charles Lyell. Os principios de ambas as teorías foron aplicados despois á bioloxía e constituíron a base da teoría da evolución.

Charles Darwin foi moi influenciado polo libro de Lyell Principles of Geology, que explicaba a metodoloxía e teoría uniformitaristas. Usando o uniformitarismo, que establece que non se pode apelar para explicar os cambios no pasado a unha forza ou fenómeno que non se observa no presente (ver catastrofismo), Darwin teorizou que o proceso evolutivo debe ocorrer gradualmente, non a saltos, xa que os saltos non se observan no presente, e desviacións extremas das variacións fenotípicas usuais serían probablemente seleccionadas en contra.

O gradualismo confúndese con frecuencia co concepto máis específico de gradualismo filético. Este último é un termo acuñado por Stephen Jay Gould e Niles Eldredge para contrapoñelo ao seu modelo do equilibrio interrompido, que, aínda que tamén é basicamente gradualista, considera que a maior parte da evolución está marcada por longos períodos de estabilidade evolutiva, chamados períodos de "estase", que son interrompidos por raros momentos breves de evolución ramificante.[2]

Gradualismo filético

[editar | editar a fonte]

O gradualismo filético é un modelo de evolución que teoriza que a maioría da especiación é lenta, uniforme e gradual.[3] Cando a evolución ocorre deste modo, é xeralmente pola transformación continua dunha especie completa noutra nova (por medio dun proceso chamado anaxénese). Neste punto de vista non hai unha clara liña de demarcación entre unha especie ancestral e as especies descendentes, a non ser que ocorra unha bifurcación.

Gradualismo puntuado

[editar | editar a fonte]

O gradualismo interrompido ou puntuado (punctuated gradualism) é unha hipótese microevolutiva que se refire a unha especie que ten unha "estase relativa sobre unha parte considerable da súa duración total [e] sofre cambios morfolóxicos periódicos, relativamente rápidos que non levan a unha ramificación da liñaxe". É un dos tres modelos comúns de evolución. Aínda que o modelo tradicional da paleontoloxía, o modelo filoxenético, afirma que as características evolucionan lentamente sen asociación directa coa especiación, a idea relativamente nova e máis controvertida do equilibrio interrompido considera que os principais cambios evolutivos non ocorren nun período gradual senón durante eventos rápidos, raros e localizados de especiación ramificante. O gradualismo interrompido considérase unha variante destes modelos, situada a medio camiño entre o gradualismo filético e o modelo do equilibrio interrompido. Afirma que a especiación non é necesaria para que unha liñaxe evolucione rapidamente desde un equilibrio a outro, senón que pode mostrar rápidas transicións entre estados estables duradeiros.

Política e sociedade

[editar | editar a fonte]

En política, o gradualismo é a hipótese de que os cambios sociais poden ser alcanzados por medio de pequenos incrementos discretos en vez de por convulsións profundas como revolucións ou levantamentos. O gradualismo é unha das características definitorias do liberalismo e o reformismo políticos.[4]

Nas políticas socialistas e no movemento socialista, o concepto de gradualismo distínguese frecuentemente do reformismo, e o gradualismo insiste en que os obxectivos a curto prazo necesitan ser formulados e aplicados de tal modo que leven inevitablemente aos obxectivos a longo prazo. Está normalmente asociado co concepto socialista libertario do poder dual e considérase un camiño medio entre o reformismo e o socialismo revolucionario.

Martin Luther King, Jr. opúxose á idea do gradualismo como un método para eliminar a segregación racial nos Estados Unidos. O goberno quería tratar de integrar os afroamericanos e euroamericanos lentamente na mesma sociedade, pero moitos crían que isto era un medio para que o goberno fose pospoñéndoo sen facer realmente nada contra a segregación racial.[5]

Lingüística e cambios nas linguas

[editar | editar a fonte]

En lingüística, os cambios na lingua considéranse graduais, o produto dunha cadea de reaccións e suxeitos a unha deriva cíclica.[6] A visión de que as linguas criollas son o produto do catastrofismo é moi discutido.

Moralidade

[editar | editar a fonte]

O gradualismo tamén se usou nun sentido relixioso, especialmente no catolicismo (concretamente en ética e teoloxía moral), para describir que certos individuos e familias que forman unha parroquia ou comunidade poden estar vivindo nalgún punto ao longo dunha liña que vai desde estar en serio pecado, a estar polo menos minimamente en "estado de graza" e poder recibir a eucaristía, e a estar nun nivel de gran santidade. As vidas e relacións da xente con estilos de vida moralmente inaceptables pode ter algúns elementos bos, mesmo moi bos, como o amor sacrificado e o respecto constante. Recoñece que as virtudes non son proposicións de todo ou nada, e que poden encontrarse elementos bos mesmo no contexto de situacións moralmente inaceptables.

Budismo e outras filosofías orientais

[editar | editar a fonte]

O gradualismo é o enfoque e certas escolas do budismo e outras filosofías orientais (por exemplo, teravada ou ioga), que din que se pode acadar a iluminación paso a paso, por medio dunha ardua práctica. O enfoque oposto, que se obtén a sabedoría de golpe, denomínase subitismo. O debate sobre este asunto foi moi importante na historia do desenvolvemento do zen, o cal rexeita o gradualismo,[7] e para oestablecemento do enfoque oposto do budismo tibetano, despois do Debate de Samye. Continúa noutras escolas de filosofía india e chinesa.[8]

Outros tipos de gradualismo

[editar | editar a fonte]

O gradualismo contraditorio é o tratamento paraconsistente da "borrosidade" desenvolvida por Lorenzo Peña, que considera verdadeiras contradicións como situacións nas que un asunto goza só de existencia parcial.

O gradualismo no cambio social aplicado por medios reformistas é un principio moral ao cal a Sociedade Fabiana está comprometida. Dun modo máis xeral, o reformismo é a aceptación de que os cambios graduais nas institucións existentes poden finalmente cambiar o sistema económico fundamental da sociedade e as estruturas políticas; e que unha acumulación de reformas pode levar á emerxencia dun sistema económico e forma de sociedade enteiramente diferente á que ten o capitalismo actual. Esta hipótese do cambio social xurdiu da oposición ao socialismo revolucionario, que mantén que a revolución é necesaria para que ocorran cambios fundamentais.

Na terminoloxía das especulacións relacionadas coa Nova Orde Mundial, o gradualismo refírese á implantación gradual dun goberno mundial totalitario.

  1. Brian McGowran. (2008). Biostratigraphy: Microfossils and Geological Time. Cambridge University Press. p. 384. ISBN 978-0521048170
  2. Eldredge, Niles, and S. J. Gould (1972). "Punctuated equilibria: an alternative to phyletic gradualism." In T.J.M. Schopf, ed., Models in Paleobiology. San Francisco: Freeman, Cooper and Company, pp. 82-115.
  3. Eldredge, N. and S. J. Gould (1972). "Punctuated equilibria: an alternative to phyletic gradualism" In T.J.M. Schopf, ed., Models in Paleobiology. San Francisco: Freeman Cooper. p. 84.
  4. Paul Blackledge (2013). "Left reformism, the state and the problem of socialist politics today". International Socialist Journal. Consultado o 14 November 2013. 
  5. King, Martin Luther (August 28, 1963). "I have a dream speech". Consultado o 1 November 2015. 
  6. Henri Wittmann (1983). "Les réactions en chaîne en morphologie diachronique." Actes du Colloque de la Société internationale de linguistique fonctionnelle 10.285-92.[1] Arquivado 14 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.
  7. Bernard Faure, Chan/Zen Studies in English: The State Of The Field
  8. Gregory, Peter N. (editor) (1991). Sudden and Gradual. Approaches to Enlightenment in Chinese Thought. Delhi: Motilal Banarsidass Publishers Private Limited. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]