Gregor Mendel
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Johann Mendel 20 de xullo de 1822 Hynčice (Imperio Austríaco) |
Morte | 6 de xaneiro de 1884 (61 anos) Brno (Imperio Austrohúngaro) |
Causa da morte | insuficiencia renal nefrite (pt) |
Lugar de sepultura | Cemitério Central de Brünn (pt) tumba da orde dos Agustinos no cemiterio central de Brno |
Abade | |
1868 – 1884 | |
Datos persoais | |
Grupo étnico | Pobo moravo |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Palacký University Olomouc (en) Universidade de Viena |
Actividade | |
Campo de traballo | Xenética |
Ocupación | biólogo, botánico, sacerdote católico, matemático, xenetista, apicultor, naturalista |
Empregador | St Thomas's Abbey in Brno (en) |
Alumnos | Leoš Janáček |
Orde relixiosa | Orde de Santo Agostiño |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Mendel |
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Мендель Грегор Иоганн) Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, |
Páxina web | mendelweb.org |
Gregor Mendel, nado en Heinzendorf o 20 de xullo de 1822[1] e finado o 6 de xaneiro de 1884 en Brno, foi un monxe agostiño católico e naturalista que describiu as chamadas Leis de Mendel que rexen a herdanza xenética, por medio dos traballos que levou a cabo con diferentes variedades da planta do chícharo (Pisum sativum). Os primeiros traballos en xenética foron realizados por Mendel. Inicialmente realizou cruces de sementes, as cales tiveron a particularidade de saír de diferentes estilos e algunhas da súa mesma forma. Nos seus resultados atopou caracteres como os dominantes que se caracterizan por determinar o efecto dun xene e os recesivos por non ter efecto xenético sobre unha persoa heterocigota.
O seu traballo non foi valorado cando o publicou no ano 1866. Hugo de Vries, botánico holandés, xunto a Carl Correns e Erich von Tschermak, redescubriron as leis de Mendel por separado no ano 1900.
Biografía
[editar | editar a fonte]Mendel naceu nun pobo chamado Heinzendorf, pertencente ao Imperio Austrohúngaro (hoxe Hynčice, en Silesia, República Checa) o 20 de xullo de 1822, sendo bautizado co nome de Johann Mendel. Tomou o nome de pai Gregorio ao ingresar como frade agostiño en 1843, no convento de agostiños de Brünn (actualmente a cidade de Brno). En 1847 ordenouse sacerdote.
Mendel foi titular da prelatura da Imperial e Real Orde Austríaca do emperador Francisco Xosé I, director emérito do Banco Hipotecario de Moravia, fundador da Asociación Meteorolóxica Austríaca, membro da Real e Imperial Sociedade Morava e Silesia para a Mellora da Agricultura, Ciencias Naturais e Coñecementos do País, e xardineiro (de feito aprendeu do seu pai como facer enxertos e cultivar árbores froiteiras).
Mendel presentou os seus traballos nas reunións da Sociedade de Historia Natural de Brünn[2] o 8 de febreiro e o 8 de marzo de 1865, publicándoos posteriormente como Experimentos sobre híbridos de plantas (Versuche über Pflanzenhybriden) en 1866 nas actas da Sociedade. Os seus resultados foron ignorados por completo, e tiveron que transcorrer máis de trinta anos para que fosen recoñecidos e entendidos.
Ao tipificar as características fenotípicas (aparencia externa) dos chícharos chamounas «caracteres». Usou o nome de «elemento», para referirse ás entidades hereditarias separadas. O seu mérito radica en darse conta de que os seus experimentos (variedades de chícharos) sempre ocorrían en variantes con proporcións numéricas simples.
Os «elementos» e «caracteres» recibiron posteriormente infinidade de nomes, pero hoxe coñécense de xeito universal polos que suxeriu en 1909 o biólogo dinamarqués Wilhem Ludwig Johannsen, como xenes. Sendo máis exactos, as versións diferentes de xenes responsables dun fenotipo particular chámanse alelos. Os chícharos verdes e amarelos corresponden a distintos alelos do xene responsable da cor.
Mendel faleceu o 6 de xaneiro de 1884 en Brünn, por nefrite crónica.
Leis de Mendel (1865)
[editar | editar a fonte]- Primeira lei, ou Principio da uniformidade: Cando se cruzan dous individuos de raza pura, os híbridos resultantes son todos iguais entre si. O cruzamento de dous individuos homocigotos, un dominante (AA) e outro recesivo (aa), orixina só individuos heterocigotos, é dicir, os individuos da primeira xeración filial son uniformes entre eles (Aa).[3]
- Segunda lei, ou Principio da segregación: Certos individuos son capaces de transmitir un carácter aínda que neles non se manifeste. O cruzamento de dous individuos da F1 (Aa) dará orixe a unha segunda xeración filial na cal reaparece o fenotipo "a", a pesar de que todos os individuos da F1 eran de fenotipo "A". Isto fai presumir a Mendel que o carácter "a" non desaparecera, senón que só estaba "oculto" polo carácter "A", pero que ao reproducirse un individuo, cada carácter segrega por separado.
- Terceira lei, ou Principio da transmisión independente: Esta lei fai referencia ao cruzamento polihíbrido (monohíbrido: cando se considera un carácter; polihíbrido: cando se consideran dous ou máis caracteres). Mendel traballou este cruzamento en chícharos, nos cales as características que el observaba (cor da semente e rugosidade da súa superficie) atopábanse en cromosomas afastados. Deste xeito, observou que os caracteres transmitíanse independentemente uns doutros. Esta lei, con todo, deixa de cumprirse cando existe ligazón (dous xenes están en locus moi próximos e non se separan na meiose).
Experimentos de Mendel
[editar | editar a fonte]Mendel comezou os seus experimentos escollendo dúas plantas de chícharos que diferían nun carácter, cruzou unha variedade de planta que producía sementes amarelas con outra que producía sementes verdes, estas plantas forman a Xeración Parental (P).
Como resultado deste cruzamento producíronse plantas que producían máis nada que sementes amarelas, repetiu as cruces con outras plantas de chícharo que diferían noutros caracteres e o resultado era o mesmo, producíase un carácter dos dous na xeración filial. Ao carácter que aparecía chamoulle dominante e ao que non, recesivo. Neste caso a cor amarela é dominante fronte á cor verde.
As plantas obtidas da Xeración Parental denomínase Primeira Xeración Filial (F1).
Mendel deixou que se autofecundaran as plantas da Primeira Xeración Filial e obtivo a Segunda Xeración Filial (F2) composta por plantas que producían sementes amarelas e plantas que producían sementes verdes nunha proporción 3:1 (3 de sementes amarelas e 1 de sementes verdes). Repetiu o experimento con outros caracteres diferenciados e obtivo resultados similares nunha proporción 3:1.
Desta experiencia formulou a Primeira lei de Mendel e a Segunda lei de Mendel.
Máis adiante Mendel decidiu comprobar se estas leis funcionaban en plantas diferenciadas en dous ou máis caracteres, escolleu como Xeración Parental plantas de sementes amarelas e lisas e plantas de sementes verdes e rugosas.
Cruzounas e obtivo a Primeira Xeración Filial composta por plantas de sementes amarelas e lisas, a Primeira lei cumpríase, na F1 aparecían os caracteres dominantes (amarelos e lisos) e non os recesivos (verde e rugosos).
Obtivo a Segunda Xeración Filial autofecundando a Primeira Xeración Filial e obtivo sementes de todos os estilos posibles, plantas que producían sementes amarelas e lisas, amarelas e rugosas, verdes e lisas e verdes e rugosas, contounas e probou con outras variedades e obtíñanse nunha proporción 9:3:3:1 (9 plantas de sementes amarelas e lisas, 3 de sementes amarelas e rugosas, 3 de sementes verdes e lisas e unha planta de sementes verdes e rugosas).
Desta experiencia deduciu a Terceira Lei de Mendel.
Mendel e a apicultura
[editar | editar a fonte]Un aspecto non moi coñecido da vida de Mendel é que se adicou durante os últimos 10 anos da súa vida ás abellas. Mendel recoñece que as abellas resultaron un modelo de investigación frustrante. É probable que o experimento realizado con abellas fose guiado para confirmar a teoría da herdanza.
En 1854 Mendel discute en Silesia cos apicultores a hipótese de Jan Dzierzon que enuncia que as raíñas infértiles ou os ovos que non son fecundados por esperma dos machos producen abellóns, producíndose reprodución sexual nas femias e reprodución asexual nos machos ou abáboros. A este proceso Jan Dzierzon denominouno partenoxénese.
A teoría de Dzierzon foi confirmada por hibridación, aínda que o cruzamento de abellas é difícil, pois durante o voo nupcial da raíña non debe haber abábaros estraños. Por iso, Mendel construíu unha gaiola de tecido de catro metros de longo e catro de alto, situando a colmea no exterior dela, para lograr o obxectivo desexado que era realizar os cruzamentos necesarios para lograr os híbridos de diferentes razas de abellas. Pero durante a vida de Mendel a teoría de Dzierzon non foi probada. Seguramente, o que Mendel pretendía era probar a segregación de caracteres xenéticos.
O director da Sociedade de Apicultura de Brünn, Ziwansky, proveu diferentes razas de abellas da especie Apis mellifera: italianas (Apis mellifera ligustica), carniolas (Apis mellifera carnica), exipcias e chipriotas, que os apicultores locais reproducían. As chipriotas foron obtidas directamente de Chipre polo conde Kolowrat. Unha das abellas con diferenzas de cores foi obtida de Pernambuco (Brasil), incluíndo algúns espécimes de Suramérica. Estes foron enviados polo profesor Macowsky a Mendel e eran abellas da especie Trigona lineata, melipónidos ou abellas sen aguillón, criadas durante dous anos sucesivos.
Mendel foi un activo membro da Sociedade de Apicultura de Brünn e en 1871 foi nomeado presidente da mesma. Entre o 12 e o 14 de setembro de 1871, Mendel e Ziwansky foron delegados pola Asociación de Apicultura de Brünn ao Congreso de Apicultura en lingua xermana a desenvolverse en Kiel. En 1873 Mendel declinou a presidencia e en 1874 foi reelecto pero por circunstancias persoais privadas indicou que lle resultaba imposible ocupar o cargo. En 1877 afírmase en Honigbienen (a revista da Asociación) que o prelado das abellas posuía 36 colmeas. Pero en realidade o interese biolóxico de Mendel residía na relación que teñen as abellas coas flores.
Honras
[editar | editar a fonte]- En 1994, a Universidade de Agricultura de Brno pasa a chamarse co seu nome na súa honra, Universidade Mendel.
- Un colexio maior da Cidade Universitaria de Madrid leva o seu nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O 20 de xullo é o seu aniversario, aínda que frecuentemente se menciona o 22 de xullo, día do seu bautismo. Biografía de Mendel en Museo Mendel Arquivado 19 de setembro de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ Mendel, J.G. 1866. Versuche über Plflanzenhybriden. Verhandlungen des naturforschenden Vereines in Brünn, Bd. IV für dás Jahr, 1865 Abhandlungen:3-47.
- ↑ Algúns autores obvian a Primeira Lei de Mendel, e por tanto chaman Primeira Lei ao principio da segregación e Segunda Lei ao principio da transmisión independente (para estes mesmos autores, non existe unha Terceira Lei).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikispecies posúe unha páxina sobre: Gregor Mendel |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Gregor Mendel |