Ronald Fisher

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ronald Fisher
Ronald Fisher en 1913.
Nacemento17 de febreiro de 1890
Lugar de nacementoLondres e East Finchley
Falecemento29 de xullo de 1962
Lugar de falecementoAdelaida
CausaCancro colorrectal
SoterradoSt Peter's Cathedral
NacionalidadeReino Unido
RelixiónIgrexa de Inglaterra e Igrexa Anglicana
Alma máterUniversidade de Cambridge, Harrow School e Gonville and Caius College
Ocupaciónmatemático, xenetista, estatístico, astrónomo e biólogo
CónxuxeAitana
FillosGeorge Fisher Fisher
InfluíuAnil Kumar Gain
Georg Rasch
W. D. Hamilton
Oscar Kempthorne
Richard Dawkins
Kenneth Mather
Geoffrey Miller
PremiosMedalla Royal (1938)
Medalla Guy (1946)
Medalla Darwin (1948)
Medalla Copley (1955)
Medalla Darwin-Wallace (1958)
Na rede
WikiTree: Fisher-4860 Find a Grave: 68302139 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Sir Ronald Aylmer Fisher nado en Londres o 17 de febreiro de 1890 e finado en Adelaide (Australia) o 29 de xullo de 1962, foi un estatístico e biólogo que usou a matemática para combinar as leis de Mendel coa selección natural, de maneira que axudou así a crear unha nova síntese do darwinismo coñecida como a síntese evolutiva moderna, e tamén un prominente euxenista na primeira parte da súa vida.

En 1919 empezou a traballar en Rothamsted Research, unha estación agrícola experimental onde desenvolveu a análise da varianza para analizar os seus inmensos datos dos cultivos que realizou dende a década de 1840, e onde nos seguintes anos estableceu a súa reputación como bioestatístico. Tamén foi un dos maiores fundadores da xenética de poboacións. Entre outras cosas, resumiu o principio de Fisher, propuxo o denominado modelo de selección sexual runaway e a “hipótese do fillo sexy”, e ideou a ecuación de Fisher, o valor reprodutivo e a desigualdade de Fisher.

Anders Hald chamouno «un xenio que, case a soas, creou a fundación da moderna ciencia estatística»,[1] mentres que Richard Dawkins o denominou «o biólogo máis grande dende Darwin. Non só foi o máis orixinal e construtivo dos arquitectos da síntese neodarwiniana; Fisher tamén foi o pai da estatística moderna e do deseño experimental. Tamén se pode considerar que deu aos investigadores da bioloxía e a medicina as súas ferramentas máis importantes ademais da versión moderna do teorema central da bioloxía."[2] Geoffrey Miller dixo del: «Para os biólogos, foi un arquitecto da “síntese moderna” que empregou modelos matemáticos para integrar as leis de Mendel coas teorías da selección biolóxica de Charles Darwin. Para os psicólogos, Fisher foi o inventor de varias probas estatísticas que se deben empregar sempre que sexa posible nas revistas psicolóxicas. Para os granxeiros, foi o fundador de investigacións na agricultura, e salvou millóns de morrer de fame través de programas racionais de cultivo.»[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ronald Fisher na súa cerimonia de graduación na Universidade de Cambridge

Fisher gañou unha bolsa para estudar matemáticas na Universidade de Cambridge en 1909 e conseguiu matrícula de honra en astronomía en 1912. En 1915 publicou o artigo The evolution of sexual preference (La evolución de preferencia sexual)[4] sobre a selección sexual e a selección intersexual. Fisher publicou The Correlation Between Relatives on the Supposition of Mendelian Inheritance en 1918, onde se adiantou ao modelo conceptual xenético que amosa que a varianza continua (primeiro uso do termo varianza na estatística) entre caracteres biolóxicos podería ser resultado das leis de Mendel, reconciliando estas coa evolución gradual.[5] O artigo tamén fundou a xenética cuantitativa moderna empregando o método estatístico de biometría para crear as fundacións pola xenética biométrica.

En 1900 redescubríronse as leis de Mendel en 1900 coa escola de biométrica, liderada por Karl Pearson, seguidor das teorías de Charles Darwin de que pequenas diferenzas importaban moito á evolución, mentres que a escola mendeliana, liderada por William Bateson, pensaba que a obra de Gregor Mendel mostraba que a evolución funciona con grandes diferenzas. Joan Box, filla e biógrafa de Fisher, dixo que este problema xa se resolveu en 1911.[6]

Xunto con Sewall Wright e J. B. S. Haldane, Fisher é un dos principais fundadores da xenética de poboacións, que logrou conciliar a metodoloxía biométrica coa xenética mendeliana, a primeira fase da síntese evolutiva moderna.

O interese de Fisher na xenética e na evolución espertou en Cambridge, coa lectura dunha serie de artigos de Karl Pearson ("Mathematical Contributions to the Theory of Evolution"). Na mesma universidade, os mendelianos eran a escola dominante, e Fisher axiña estivo convencido de que o mendelismo era o principal mecanismo da herdanza.

A cola do pavo real en voo, exemplo clásico do modelo de selección autorreforzante de Fisher.

Fisher sentou as bases da xenética de poboacións, demostrando que a posibilidade de que unha mutación incremente a adaptación dun organismo diminúe coa magnitude da mutación e que as poboacións máis grandes dan lugar a máis variacións, de modo que teñen unha maior probabilidade de supervivencia. Tamén propuxo o Fisherian runaway que describe unha conxectura de como a selección sexual, por exemplo nunha especie como o pavo real, crea a cola longa e corida do macho como unha ornamentación sexual.[7][8][9][10][11][12]

Nun libro de 1930, The Genetical Theory of Natural Selection (La teoría xenética da selección natural), Fisher resumiu o principio de Fisher que demostra por que o cociente de sexo entre varóns e femias é case sempre 1:1.[13]

No modelo xeométrico de Fisher explicou a distribución dos efectos das mutacións que poden contribuír á adaptación evolutiva.[14]

Vidreira no salón comedor do Gonville e Caius College, en Cambridge, Inglaterra, que conmemora a Ronald Fisher e representa un cadrado latino, analizado por el en The Design of Experiments.

A súa resposta ao problema estatístico dos investigadores en bioloxía e agronomía foi introducir e desenvolver ideas orixinais no campo da inferencia estatística e no deseño de experimentos. Por exemplo, descubriu a utilidade do uso dos cadrados latinos para mellorar de xeito significativo os métodos agrícolas, cando se atopaba investigando a eficacia dos fertilizantes no rendemento das colleitas e intentando que a calidade da terra non fose un factor indesexable que influíse no rendemento da colleita.[15] Tamén foi o responsable do test exacto de Fisher e da hipótese nula, ambos aplicados no experimento da catadora de té, presentado no seu libro The Design of Experiments (1935).

En 1936 introduciu o conxunto de datos de Iris como un exemplo de análise discriminante linear.[16]

No seu artigo de 1937 The wave of advance of advantageous genes (A onda de avance dos xenes beneficiosos) propuxo a ecuación de Fisher no contexto da dinámica de poboacións para describir a viaxe que realiza un alelo beneficioso cando se esparexe polo aire.[17] A partir de aquí apareceu a ecuación de Fisher–Kolmogorov.[18]

En 1938 resumiu o algoritmo de Fisher–Yates con Frank Yates no seu libro Statistical tables for biological, agricultural and medical research (Táboas estatísicas para invesigacións de bioloxía, agriculura e medicina).[19] A súa descrición do algoritmo empregaba lapis e papel; unha táboa de números aleatorios achegaba o compoñente do azar.

A pesar de ser un opoñente prominente da estatística bayesiana, foi Fisher quen empregou a palabra “bayesiana” por primeira vez.[20] Foi tamén o primeiro en empregar ecuacións de difusión para intentar calcular a distribución da frecuencia dos alelos e a estimación de ligamento empregando métodos de máxima verosimilitude entre poboacións.[21]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

”Blue plaque” de Fisher.
Ronald Fisher de neno.

Fisher naceu cun irmán xemelgo en East Finchley, Londres mais o outro irmán morreu no parto.[22] Tivo tres irmás e un irmán máis vellos.[23] Dende 1896 ata 1904 viviu en Inverforth House, onde a English Heritage puxo en 2002 unha Blue plaque.[24] A súa nai, Kate, morreu cando tiña 14 anos, e 18 meses máis tarde o seu pai George, socio dunha empresa de poxadores comerciantes de artes finas, Robinson & Fisher, perdeu o seu negocio.[25]

Debido á súa mala visión, o mesmo que provocou que o exército británico o rexeitase para a primeira guerra mundial,[26] aprendeu sen empregar papel nin pluma, o cal desenvolveu a súa habilidade en visualizar problemas xeométricos. A pesar desta falta de escribir probas para solucións matemáticas, gañou aos dezaseis anos a medalla de Neeld de matemática mentres asistía á Harrow School. En 1909 a escaseza de recursos económicos e a súa capacidade académica valéronlle unha bolsa para cubrir a súa estadía no Gonville e Caius College da Universidade de Cambridge.

Durante a primeira guerra mundial, Fisher atravesou momentos de extrema carestía económica. A pesar das dificultades, comezou a escribir recensións de libros para a Euxenic Review e incrementou gradualmente o seu interese no traballo xenético e estatístico.

En 1919 Fisher empezou a traballar na Rothamsted Experimental Station (Harpenden, Hertfordshire, Inglaterra). Alí comezou o estudo dunha extensa colección de datos, con resultados que foron publicados baixo o título xeral de Studies in Crop Variation. Durante os seguintes sete anos, dedicouse ao estudo pioneiro dos principios do deseño de experimentos (The Design of Experiments, 1935), elaborou os seus traballos sobre a análise da varianza e comezou a prestar unha atención especial ás vantaxes metodolóxicas da computación de datos (Statistical Methods for Research Workers, 1925).

En 1929 foi admitido na Royal Society. O recoñecemento fixo crecer a súa fama e converteuse nun investigador docente de prestixio internacional. En 1933 pasou a ocupar a cátedra de Euxenesia no colexio universitario de Londres. En 1939, co inicio da guerra, a cátedra foi suprimida e exiliouse a Rothamsted.

En 1943, logo de atravesar unha longa crise económica e persoal, ocupou a Cátedra de Xenética en Cambridge. Os seus traballos sobre o cromosoma do rato culminaron en 1949 coa publicación de The Theory of Inbreeding. En 1947 fundou xunto con Cyril Darlington a revista Heredity.

Despois de xubilarse de Cambridge en 1957 integrouse como investigador sénior no CSIRO en Adelaide, Australia. Morreu de cancro de colon en 1962.

Euxenesia[editar | editar a fonte]

Fisher en 1912.

Fisher convertérase nun dos fundadores máis activos da Sociedade de Euxenesia xunto con John Maynard Keynes, R. C. Punnett e Horace Darwin. Un terzo do seu libro The Genetical Theory of Natural Selection consistiu nunha síntese da literatura xa publicada ao respecto, e á aplicación destas ideas ao ser humano. Fisher atribuía o declive e a caída das civilizacións ao feito de que se alcanzara un momento histórico no que comezara a decaer a fertilidade das clases altas. Utilizando os datos do censo de 1911 para Gran Bretaña, Fisher mostraba a relación inversa entre fertilidade e clase social. A causa, na súa opinión, radicaba no incremento do status social das familias que non eran capaces de producir moita descendencia, pero que medraran polas vantaxes económicas asociadas a ter un número reducido de fillos. Para superar esta "lacra", Fisher propuña que as vantaxes económicas das que gozaban as familias pequenas, desaparecesen por medio de subsidios estatais.

Entre 1929 e 1934 Fisher participou moi activamente na campaña emprendida pola Euxenics Society a favor da aprobación dunha lei que permitise a esterilización sobre a base de criterios euxenésicos, unha esterilización voluntaria e positiva que nunca se aplicase como castigo.

Controversias[editar | editar a fonte]

Opúxose á cuestión racial da UNESCO, crendo que as evidencias e a experiencia cotiá mostraban que grupos de seres humanos diferían profundamente «na súa capacidade innata por desenvolvementos intelectuais e emocionais» concluíndo que o «problema práctico internacional é o de aprender a compartir os recursos deste planeta amigablemente con persoas de natureza material», e que «este problema anúbrase por esforzos ben intencionados que buscan minimizar as diferenzas existentes». A declaración modificada, titulada «The Race Concept: Results of an Inquiry» (1951) acompañouse co comentario desconforme de Fisher.[27]

Fisher falou en público en contra do estudo de 1950 que mostraba que o tabaco causa cancro de pulmón, argüíndo Post hoc ergo propter hoc (despois disto, polo tanto, a consecuencia disto), é dicir, que unha correlación positiva entre dous factores non implica causalidade entre eles.[28]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hald, Anders (1998). A History of Mathematical Statistics. Nova York: Wiley. ISBN 0-471-17912-4. 
  2. Dawkins, R. (2010). WHO IS THE GREATEST BIOLOGIST SINCE DARWIN? WHY? Edge "Who is the greatest biologist since Darwin? That's far less obvious, and no doubt many good candidates will be put forward. My own nominee would be Ronald Fisher. Not only was he the most original and constructive of the architects of the neo-Darwinian synthesis. Fisher also was the father of modern statistics and experimental design. He therefore could be said to have provided researchers in biology and medicine with their most important research tools, as well as with the modern version of biology's central theorem."
  3. Miller, Geoffrey (2000). The mating mind: how sexual choice shaped the evolution of human nature, London, Heineman, ISBN 0-434-00741-2 (tamén Doubleday, ISBN 0-385-49516-1) p.54
  4. Fisher, R. A. (1915). "The evolution of sexual preference". Euxenic Review 7 (3): 184–192. PMC 2987134. PMID 21259607. 
  5. Box, Joan Fisher (1978) Ronald Fisher: The Life of a Scientist, New York: Wiley, pp 50–61
  6. R A Fisher: the life of a scientist Preface
  7. Fisher, R.A. (1915) The evolution of sexual preference. Euxenics Review (7) 184:192
  8. Fisher, R.A. (1930) The Genetical Theory of Natural Selection. ISBN 0-19-850440-3
  9. Edwards, A.W.F. (2000) Perspectives: Anecdotal, Historial and Critical Commentaries on Genetics. The Genetics Society of America (154) 1419:1426
  10. Andersson, M. (1994) Sexual selection. ISBN 0-691-00057-3
  11. Andersson, M. and Simmons, L.W. (2006) Sexual selection and mate choice. Trends, Ecology and Evolution (21) 296:302
  12. Gayon, J. (2010) Sexual selection: Another Darwinian process. Comptes Rendus Biologies (333) 134:144
  13. Fisher, R.A. 1930 The Genetical Theory of Natural Selection, Clarendon Press, Oxford
  14. Orr, Allen (2005). "The genetic theory of adaptation: a brief history". Nature Reviews Genetics 6 (2): 119–127. PMID 15716908. doi:10.1038/nrg1523. 
  15. Crilly, Tony (2011). 50 cosas que hay que saber sobre matemáticas. Ed. Ariel. ISBN 978-987-1496-09-9. 
  16. R. A. Fisher (1936). "The use of multiple measurements in taxonomic problems" (PDF). Annals of Euxenics 7 (2): 179–188. doi:10.1111/j.1469-1809.1936.tb02137.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de abril de 2011. Consultado o 27 de maio de 2016. 
  17. R. A. Fisher. The wave of advance of advantageous genes, Ann. Euxenics 7:353–369, 1937.
  18. Fisher 2
  19. Fisher, Ronald A.; Yates, Frank (1938). Statistical tables for biological, agricultural and medical research (3ª ed.). Londres: Oliver & Boyd. pp. 26–27. OCLC 14222135. 
  20. Agresti, Alan; Hichcock, David B. (2005). "Bayesian Inference for Categorical Data Analysis" (PDF). Statistical Methods & Applications 14 (14): 298. doi:10.1007/s10260-005-0121-y. 
  21. R. A. Fisher, and Balmukand, B. 1928. The estimation of linkage from the offspring of selfed heterozygotes. Journal of Genetics 20:79-92.
  22. Fisher biography
  23. Box, Joan Fisher (1978) Ronald Fisher: The Life of a Scientist, New York: Wiley, pp 8–16
  24. Aldrich, John. "A Blue Plaque for Ronald Fisher’s Childhood Home". Economics, Soton University. Soton.ac.uk. Consultado o 9 de decembro de 2013. 
  25. "Heritage: The Hampstead years of Sir Ronald Aylmer Fisher - most significant British statistician of the 20th century". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 27 de maio de 2016. 
  26. [onlinelibrary.wiley.com/doi/10.1002/0470011815.b2a17045/abstract Fisher, Ronald Aylmer]
  27. http://unesdoc.unesco.org/images/0007/000733/073351eo.pdf Arquivado 02 de setembro de 2009 en Wayback Machine. "The Race Concept: Results of an Inquiry", p. 27. UNESCO 1952
  28. Marston, Jean (8 de marzo de 2008). "Smoking gun (letter)". New Scientist (2646): 21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Box, Joan Fisher (1978) Ronald Fisher: The Life of a Scientist, Nova York: Wiley, ISBN 0-471-09300-9.
  • David Howie, "Interpreting Probability: Controversies and Developments in the Early Twentieth Century" (Cambridge University Press, 2002)
  • Salsburg, David (2002) The Lady Tasting Tea: How Statistics Revolutionized Science in the Twentieth Century, ISBN 0-8050-7134-2
  • Frank Yates & Kenneth Mather (1963) Ronald Aylmer Fisher. Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society of London 9:91-120 Available on University of Adelaide website

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]