Realismo socialista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia da arte
Arte contemporánea
MonaLisa sfumato.jpeg
Arte prehistórica
Arte antiga
Arte medieval
Arte occidental
Arte contemporánea
Arte etnográfica
Arte americana
Arte africana
Arte asiática
Arte islámica
O primeiro tractor, de Vladimir Krijatzki

O Realismo socialista é unha corrente estética cuxo propósito é leva-los ideais do comunismo ó terreo da arte. Foi a tendencia artística predominante durante gran parte da historia da Unión Soviética, particularmente durante o goberno de Iósif Stalin, na República Popular China e, en xeral, na maior parte dos países socialistas.

As correntes vangardistas víanse como un complemento natural para as políticas revolucionarias; nas artes visuais florecía o construtivismo e na poesía e máis na música loubánbanse as formas non tradicionais e vangardistas, como o caso da ópera atonal O nariz, de Shostakovich, baseada no relato homónimo de Gógol.

Con todo, esta situación non tardou en xerar críticas dalgúns compoñentes do Partido Comunista, que rexeitou estilos modernos como o impresionismo, o surrealismo, o dadaísmo e o cubismo, debido ós principios subxectivistas que lles subxacían (o subxetivismo chocaba frontalmente coa aspiración obxectiva do materialismo dialéctico) e ós temas que trataban (o realismo socialista só consideraba relevantes os temas relacionados coa política e os traballadores).Isto levou a considerar a ditos estilos como manifestacións de arte burgués.

O realismo socialista foi, dun xeito unha reacción contra os estilos burgueses anteriores á revolución, converténdose en política oficial do Estado en 1932 ó promulgar Iósif Stalin o decreto de reconstrución das organizacións literarias e artísticas.

Fúndase a Unión de Escritores Soviéticos para promover esta doutrina e a nova política foi consagrada polo Congreso de Escritores Socialistas de 1934, para ser a partir de entón estritamente aplicada en todas as esferas da produción artística. O 10 de febreiro de 1948, dítase o chamado decreto Zhdánov, que marcou o comezo dunha campaña de críticas e descalificacións contra moitos compositores soviéticos, entre eles Vano Muradeli, Dmitri Shostakovich, Serguéi Prokófiev e Aram Jachaturian. Máis adiante o gobierno de Stalin pasaría a apoiar a algún de ditos artistas, chegando Shostakovich e Prokófiev a recibi-lo Premio Stalin.

As restricións relaxáronse considerablemente trala morte de Stalin en 1953 e en 1958 foron oficialmente rehabilitados os compositores condeados polo decreto Zhdánov, mantendo porén o Estado influencia sobre a produción artística. Os artistas que pretendían conserva-la súa total independencia da política oficial víanse nun clima hostil. A postura favorable ó realismo socialista na Unión Soviética non impidiu que se promoveran obras, autores e xéneros do Século XIX alleos a dita corrente e enraizados na tradición rusa, favoreceuno un destacado desempeño de intérpretes de música académica e ballet, entre outras manifestacións artísticas.

Durante as décadas seguintes xurdiu un interese nos estilos artísticos alternativos, feito que acentuouse cara finais da década de 1980 coas reformas de "apertura cara Ocidente" de Mijaíl Gorbachov. O realismo socialista seguiu porén vixente como estilo artístico oficial deica o desmembramento da Unión Soviética en 1991, momento no que o Estado abandonou a súa inmensa participación no eido artístico, catalogada como positiva por uns e como censura por outros.

O realismo socialista noutros países[editar | editar a fonte]

A Unión Soviética exportou o realismo socialista a case tódolos demais estados socialistas, onde a doutrina foi cobrando vixencia con diversos graos de rigor, convertíndose na forma predominante de arte en ditos países durante uns cincuenta anos. Hoxe en día o único país onde predomina esta corrente estética é Corea do Norte. Na República Popular China o realismo socialista pódese observar en imáxes idealizadas que promoven o programa espacial ou na propaganda oficial. Durante o goberno de Mao, o realismo socialista materializábase xeralmente en literatura e cadros que loubaban ós traballadores e á revolución.

O realismo socialista na súa versión máis ortodoxa non foi importante en países con outros réximes políticos, pero certas correntes artísticas tiñan analoxías con aquel, como o muralismo mexicano de Siqueiros, Rivera e Orozco, caracterizado por un claro compromiso social, unha expresa vinculación ideolóxica co socialismo e certo despoxamento de elementos puramente ornamentais ou formais en aras da claridade e eficacia da mensaxe social.

Características do realismo socialista[editar | editar a fonte]

O realismo socialista ten as súas raíces no neoclacisismo e nas tradicións realistas da literatura rusa o século XIX, que describen a vida simple do pobo, do cal é un expoñente a obra de Maxim Gorki.

Sostén que a verdadeira arte é a que describe e louba a loita do proletariado cara o progreso socialista. O estatuto da Unión de Escritores Soviéticos de 1934 sostiña que o realismo socialista era o método básico da literatura e a crítica literaria soviéticas; esixía do escritor veracidade e unha representación concreta da realidade no seu desenvolvemento revolucionario.A concreción e veracidade histórica da representación artística da realidade debe estar vinculada coa tarefa de transformación ideolóxica e educacional dos traballadores no espírito do socialismo.

O seu obxectivo e loubar ó traballador común, sexa industrial ou agrícola, ó presenta-la súa vida, traballo e recreación como algo admirable. Noutras verbas, o seu obxectivo é educar ó pobo nas miras e no significado do socialismo. O obxectivo final é crear o que Lenin deu en chamar un tipo de ser humano completamente novo, o Novo Home Soviético. Stalin describiu ós executores do realismo socialista como enxeñeiros de almas.

O termo realismo refírese á intención de describir ó traballador como é na realidade, portando as súas ferramentas. O proletariado está no centro dos ideais comunistas e polo tanto a súa vida é materia digna de estudo. Con isto, o realismo socialista distánciase da arte aristocrática producido baixo os tsares durante os séculos anteriores, pero entróncase coa tendencia decimonónica a representar a vida social do pobo chán.

Os pintores representan campesiños ledos e musculosos, traballadores de fábricas e granxas colectivas; durante o estalinismo tamén producían numerosos retratos heroicos de Stalin. As paisaxes industriais e agrícolas que exhibían os logros da economía soviética eran temas moi comúns. Agardábase que os novelistas escribiran historias concordantes coa doutrina marxista do materialismo dialéctico. Os compositores de música debían crear unha música vívida que reflectira a vida e as loitas do proletariado.

Galería de obras realistas socialistas[editar | editar a fonte]