Lingua chinesa

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Linguas chinesas»)

Chinés
汉语/漢語 Hànyǔ, 中文 Zhōngwén'
Pronuncia:
Outros nomes:Hànyǔ (chinés) escrito do xeito tradicional (esquerda) e con caracteres simplificados (dereita)
Falado en: República Popular da China (en curto "China"), República da China (coñecido como "Taiwán"), Singapur, Malaisia, as Filipinas e outras rexións con comunidades chinesas
Rexións: (maioritarias): Asia Oriental
(minoritarias): Sueste de Asia, e outras rexións con comunidades chinesas
Total de falantes: 1 197 294 060 (falantes de tódalas variedades)[1]
Posición: Chinés: 1

Mandarín: 1
Wu: 12
Yue: 18
Min: 22
Hakka: 33
Gan: 42

Familia: Sino-tibetana
 Sinítica
  Chinés
   Chinés
Escrita: Escrita chinesa, Zhùyīn fúhào
Estatuto oficial
Lingua oficial de: China
Taiwán
Singapur
Macau
Hong Kong

Recoñecida coma lingua rexional en: Mauricio e no Canadá
(Estatuto oficial na cidade de Vancouver, Columbia Británica)

Regulado por: Na China: Comisión Nacional de Lingua e Escritura[2]
En Taiwán: Comité Nacional de Linguas
En Singapur: Consello de Promoción do Mandarín
En Malaisia: Consello de Estandarización da Lingua Chinesa
Códigos de lingua
ISO 639-1: zh
ISO 639-2: chi (B)zho (T)
ISO 639-3: varios:
zho — Lingua chinesa
cdo — Min Dong
cjy — Jin
cmn — Mandarín
cpx — Pu Xian
czh — Huizhou
czo — Min Zhong
gan — Gan
hak — Hakka
hsn — Xiang
mnp — Min Bei
nan — Min Nan
wuu — Wu
yue — Yue
Mapa


Lenda:

     Países que teñen o chinés como lingua nativa ou administrativa      Países con máis de 5 000 000 de falantes de chinés      Países con máis de 1 000 000 de falantes de chinés      Países con máis de 500 000 falantes de chinés      Países con máis de 100 000 falantes de chinés      Principais comunidades de falantes de chinés

Status

O chinés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

O chinés[4] (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano[5]. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).

Arredor dun quinto da poboación mundial, por riba de 1.000 millóns, falan algunha forma de chinés como lingua materna. De acordo cos novos informes de marzo de 2007, un 86% da xente na República Popular da China fala unha variante do chinés.[6] O mesmo informe indica que o 53%, 700 millóns, poden comunicarse eficazmente en mandarín estándar (normalmente chamado "mandarín"), superando a calquera outra lingua do mundo.

Trátase dunha lingua tonal, isto é, na que un mesmo conxunto de fonemas ten distinto significado en función do ton no que se emite. O chinés escríbese con caracteres que nalgún caso son ideogramas pero máis comunmente representan pronuncias e composicións. Unha persoa escolarizada coñece uns 1.000 caracteres e unha culta uns 5.000. A escritura chinesa é a base das escrituras tradicionais coreana e xaponesa. O xaponés actual utiliza uns 2.000 kanji, caracteres chineses co mesmo significado pero distinta pronuncia.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia da lingua chinesa.

A historia da lingua remóntase até hai uns 3 000 anos, época da que datan os primeiros documentos escritos en chinés. A lingua evolucionou dende unha hipotética protolingua sino-tibetana que ao longo do tempo deu lugar a diferentes variedades locais que son mutuamente inintelixíbeis. Por mor disto, os diversos gobernos centrais da China tentaron de xeito repetido impulsar un estándar unificado.[7]

Orixes[editar | editar a fonte]

A meirande parte dos lingüistas clasifica as variedades do chinés como parte da familia de linguas sino-tibetanas xunto coa lingua birmana, as linguas tibetanas e outras faladas no Himalaia.[7] Aínda que a relación entre estas linguas xa foi evidenciada a comezos do século XIX, a reconstrución da orixinaria lingua sino-tibetana está moito menos desenvolvida que no caso do indoeuropeo ou o austroasiático. Entre as principais dificultades destaca a enorme diversidade de linguas, a falta de flexión en moitas delas e os efectos do contacto entre linguas. Ademais, moitas das linguas con menos falantes fálanse en zonas montañosas de difícil acceso.[8] Sen unha reconstrución fiábel da protolingua sino-tibetana, a estrutura principal da familia aínda segue sen estar clara.[8]

Chinés antigo e medio[editar | editar a fonte]

Os exemplos máis antigos que se conservan de chinés son inscricións en ósos oraculares do ano -1250, coincidindo coa época da dinastía Shang.[9] O chinés antigo foi a lingua da época da dinastía Zhou do Oeste (entre -1046 e -771), e consérvase nas inscricións chinesas en bronce, en Shijing, tamén en partes de Shujing e I Ching.[10]

Diversos estudosos tentaron reconstruír a fonoloxía do chinés antigo comparando as variedades máis modernas de chinés coa rima de Shijing e cos elementos fonéticos que se atopan na meirande parte dos caracteres chineses.[7]

A pesar de que moitos dos detalles quedan aínda por esclarecer, sábese que o chinés antigo difire do chinés medio na ausencia de consoantes obstruentes retroflexas e palatais, mais si amosa grupos consonánticos iniciais, así como nasais e líquidas xordas.[10] As reconstrucións máis recentes tamén describen o chinés antigo como unha lingua atonal con grupos consonánticos ao final da sílaba, que evolucionou cara a unha lingua con distinción tonal no chinés medio.[10] Tamén se puideron identificar diversos afixos derivativos, pero a lingua non era flexiva, polo que indicaba as relacións gramaticais empregando partículas gramaticais ou alterando a orde sintáctica.[9]

O chinés medio foi a lingua empregada durante e época das Dinastías do Norte e do Sur e coas dinastías Sui, Tang e Song (entre os séculos VI e X). Pódense distinguir dúas etapas do chinés medio. A etapa máis temperá está reflectida no dicionario de rima Qieyun (do ano 601), mentres que a segunda etapa atópase recollida nas táboas de rima Yunjing, feitas por antigos filólogos chineses como guía para interpretar o sistem de Qieyun.[10]

Estes traballos definen as categorías fonolóxicas, mais non se sabe con certeza os sons que representan.[11] Os lingüistas identificaron algúns sons comparando as categorías con pronuncias das variedades modernas de chinés e préstamos do chinés noutras linguas, como o xaponés, o vietnamita e o coreano.[7] O sistema resultante é moi complexo e cun número moi grande de consoantes e vogais, mais seguramente non se distinguían todas elas nun só dialecto, senón que representaba un diasistema que recollía os estándares do norte e o sur no século VI para poder ler os clásicos.[7]

Auxe dos dialectos do norte[editar | editar a fonte]

Despois da caída da dinastía Song e durante o reinado das dinastías do norte Jin e Yuan, desenvolveuse unha nova fala (hoxe coñecida como mandarín antigo) baseada nos dialectos da Chaira do Norte da China arredor da capital.[7] O Zhongyuan Yinyun (1324) foi un dicionario que codificou as convencións de ritmo do novo verso sanqu nesta lingua.[7] Xunto co posterior Menggu Ziyun, este dicionario amosa que a lingua compartía numerosas características que se atopan nos dialectos de mandarín modernos.[7]

Até mediados do século XX, a meirande parte da poboación do sur da China só falaba a súa lingua local. Por este motivo, durante a época da Dinastía Ming e da Dinastía Qing, os oficiais tiñan que encargarse da administración do imperio usando unha lingua común baseada nos dialectos do mandarín, coñecida como Guānhuà (官話, literalmente "lingua dos oficiais").[7] Durante este tempo, esta lingua foi usada como koiné e estaba baseada nos dialectos falados na zona de Nanjing, pero non se correspondía cun dialecto único e concreto.[12] Cara a metade do século XIX, o dialecto de Pequín converteuse no dominante e foi esencial para calquera tipo de negocio nos tribunais imperiais.[12]

Na década de 1930 adoptouse o chinés estándar como lingua nacional baixo o nome de Guóyǔ (国语/國語 "lingua nacional"). Despois de diversas disputas polas propostas das variedades do norte e do sur, finalmente a Comisión Nacional pola Unificación da Lingua impuxo o dialecto de Pequín en 1932. Trala fundación da República Popular da China en 1949, o estándar pasou a ser chamado pǔtōnghuà (普通话/普通話 "fala común").[11] A lingua nacional é hoxe en día usada na educación, os medios de comunicación e nas situacións formais tanto na China como en Taiwán.[7] En Hong Kong e Macau, por mor da súa historia lingüística e colonial, a lingua da educación, os medios, as situacións formais e a vida diaria segue a ser o cantonés, aínda que a lingua estándar é moi influente e ensínase nas escolas.[13]

Variedades[editar | editar a fonte]

O sinoloxista Jerry Norman estimou que existen centos de variedades inintelixíbeis de chinés.[14] Esas variedades forman un continuo dialectal cuxas diferenzas medran a medida que aumenta a distancia entre elas.[7] Xeralmente, as áreas montañosas do sur da China amosan unha diversidade lingüística meirande que na chaira do norte da China. Nalgunhas zonas do sur, o dialecto principal dunha cidade só é comprensíbel para os seus veciños máis próximos. Por exemplo, a cidade de Wuzhou atópase a 190 km río arriba de Guangzhou, pero a variedade de cantonés falada alí é máis semellante á de Guangzhou que á de Taishan, a 95 km ao suroeste de Guangzhou. En zonas da provincia de Fujian, as falas dos condados veciños ou mesmo vilas poden ser inintelixíbeis entre elas.[7]

Até finais do século XX, os emigrantes chineses ao sur de Asia e América do Norte procedían das áreas costeiras do sur do país, onde se fala min, hakka e cantonés.[7] A maioría dos inmigrantes chineses de América do Norte falan o dialecto de Taishan.[11]

Clasificación[editar | editar a fonte]

As distintas linguas chinesas da China e Taiwán.

Número de falantes nativos (incluíndo todos os países):[15]



     Mandarín: 847,8 millóns (70.9%)     Wu: 77,2 millóns (6.5%)     Min: 71,8 millóns (6.0%)     Yue: 60 millóns (5.0%)     Jin: 45 millóns (3.8%)     Xiang: 36,0 millóns (3.0%)     Hakka: 30,1 millóns (2.5%)     Gan: 20,6 millóns (1.7%)     Huizhou: 4,6 millóns (0.4%)     Pinghua: 2 millóns (0.2%)


As variedades locais de chinés adóitanse clasificar en sete grupos dialectais de acordo coa diferente evolución dende o chinés medio:[7][16]

A clasificación do lingüista Li Rong, que foi empregada no Language Atlas of China (1987), distingue outros tres grupos máis:[16][17]

  • Jin, anteriormente incluído no mandarín.
  • Huizhou, anteriormente incluído no Wu.
  • Pinghua, anteriormente incluído no Yue.

Algunhas variedades quedan aínda sen clasificar, entre as que se atopan o dialecto de Danzhou (falado en Danzhou na illa de Hainan), o Waxianghua (falado no oeste de Hunan) e o Shaozhou Tuhua (falado no norte de Guangdong).[16]

Chinés estándar e diglosia[editar | editar a fonte]

O Putonghua ou Guoyu, máis coñecido como mandarín, é a lingua estándar oficial empregada na República Popular da China, Taiwán e Singapur (onde se coñece co nome de "Huayu" ou simplemente chinés). Está baseada no dialecto de Pequín, que é o dialecto de mandarín falado en Pequín. Os gobernos destes países pretenden que os falantes de tódalas variedades de chinés empreguen o mandarín como unha lingua común de comunicación, e por iso é empregado nos medios de comunicación, como lingua vehicular das escolas e nas axencias dos gobernos.

Na China continental e Taiwán a diglosia é frecuente. Por exemplo, ademais de falar mandarín, un residente de Shanghai tamén adoita ser quen de falar no dialecto de Shanghai da lingua wu; e se medrou noutro lugar mesmo podería falar o dialecto particular daquel lugar. Unha persoa de Guangzhou adoita poder falar cantonés e tamén mandarín. En Taiwán, a maioría da poboación fala taiwanés, hakka ou unha lingua austronesia ademais de mandarín.[18] En Taiwán é habitual que a xente mesture pronunciacións, frases e palabras do mandarín coas doutras linguas da illa. Esta mestura considéranse algo normal en contextos informais ou familiares.[19]

Escrita[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Escrita chinesa.

A relación entre o chinés falado e o escrito é bastante complexa. As variedades do chinés foron evolucionando ao longo do tempo, mentres que a escrita cambiou moi pouco. A literatura chinesa clásica comezou no Período das Primaveras e Outonos, aínda que os exemplos máis antigos que se conservan de chinés son inscricións en ósos oraculares do ano -1250, coincidindo coa época da dinastía Shang.[9]

A ortografía chinesa baséase en caracteres ou hanzi, que se escriben en bloques rectangulares imaxinarios. Tradicionalmente escribíanse en columnas verticais que se debían ler de arriba a abaixo e de esquerda a dereita. Os caracteres chineses son morfemas independentes dos cambios fonéticos. Por exemplo, o carácter ("un") lese en chinés estándar, jat1 en cantonés e chi̍t/it en hokkien. O vocabulario das principais variantes chinesas é moi diverxente e tamén existen "caracteres dialectais" que se empregan nas diversas variantes en situacións coloquiais de chinés escrito. Por exemplo, os caracteres 冇 e 係 do cantonés e a lingua hakka son considerados arcaicos e non se usan na escrita do chinés estándar.

O cantonés coloquial escrito fíxose moi popular nos chats de Internet e na mensaxería instantánea entre os falantes de cantonés de Hong Kong. O seu emprego está considerado moi informal e non se utiliza en contextos máis formais.

Na provincia de Hunan, as mulleres de certas áreas escriben a súa lingua local mediante un silabario derivado dos caracteres chineses chamado Nüshu.

A lingua dungan, ás veces considerada un dialecto do mandarín, escríbese co alfabeto cirílico e no pasado escribíase co alfabeto árabe. O pobo dungan é de relixión musulmá e vive principalmente en Casaquistán, Kirguizistán e Rusia.

Caracteres chineses[editar | editar a fonte]

Lantingji Xu de Wang Xizhi, escrito nun estilo de semicursiva.

Cada un dos caracteres chineses representa unha palabra monosilábica ou un morfema. No ano 100, o famoso estudoso da dinastía Han Xu Shen clasificou os caracteres en seis categorías: pictogramas, ideogramas, ideogramas compostos, préstamos fonéticos, compostos fonéticos e caracteres derivativos. Deles só un 4% foi categorizado como pictogramas, incluíndo algún dos caracteres máis simples, como rén 人 (humano), 日 (sol), shān 山 (montaña, outeiro), shuǐ 水 (auga). Entre un 80% e un 90% foron clasificados como compostos fonéticos, como chōng 沖 (verquer), combinando o compoñente fonético zhōng 中 (medio) co radical semántico 氵(auga). Case todos os caracteres creados dende entón son deste tipo. O dicionario de Kangxi do século XVIII recoñecía 214 radicais diferentes.

Os caracteres modernos desenvolvéronse a partir da escrita kaishu. Existen varios estilos de escrita na caligrafía chinesa, entre os que se inclúen a escrita de selo, a escrita en cursiva e a escrita clerical. Os artistas de caligrafía poden empregar os caracteres tradicionais ou os simplificados, mais adóitanse usar os primeiros para a arte tradicional.

Existen dous sistemas de uso para os caracteres chineses. O primeiro é o sistema tradicional, que aínda se usa en Hong Kong, Taiwán, Macau e as comunidades chinesas no estranxeiro, agás Singapur e Malaisia. Tomou forma a partir dos caracteres estandarizados que datan da derradeira dinastía Han. O segundo é unha simplificación da escrita chinesa que se introduciu na República Popular da China en 1954 para facilitar a alfabetización masiva da poboación.

Singapur, que posúe unha considerábel comunidade chinesa, é o único e primeiro país estranxeiro que adoptou de forma oficial a simplificación dos caracteres. En Malaisia tamén é o sistema máis empregado de facto entre as xeracións máis novas.

Un lector chinés cunha boa educación pode recoñecer entre 4 000 e 6 000 caracteres, mentres que se requiren uns 3 000 para poder ler e entender os xornais. O goberno chinés define a alfabetización dos seus traballadores co coñecemento de 2 000 caracteres, aínda que esta só é unha alfabetización funcional. Un dicionario completo, como o dicionario de Kangxi, contén arredor de 40 000 caracteres, incluíndo caracteres arcaicos e raros, dos que menos dunha cuarta parte son de uso común hoxe en día.

Homófonos[editar | editar a fonte]

O chinés estándar ten menos de 1 700 sílabas diferentes pero uns 4 000 caracteres escritos de uso común, polo que moitos deles son homófonos. Por exemplo, tódolos seguintes caracteres (non necesariamente palabras) pronúncianse : 鸡/雞 galiña, 机/機 máquina, 基 básico, 击/擊 golpear, 饥/饑 fame e 积/積 acumular. Na oralidade, o significado da sílaba está determinado polo contexto. Os falantes poden clarificar que caracteres están a empregar ofrecendo palabras ou frases a modo de exemplo: 名字叫嘉英,嘉陵江的嘉,英國的英 Míngzi jiào Jiāyīng, Jiālíng Jiāng de jiā, Yīngguó de yīng – "O meu nome é Jiāyīng, 'Jia' como o 'río Jialing' e 'ying' como en 'Inglaterra'."

As variedades meridionais como o cantonés ou o hakka preservaron máis rimas de sílabas e tamén teñen máis tons. Algúns dos exemplos anteriores do mandarín teñen unha pronuncia distintan en cantonés (romanizado usando o jyutping): gai1, gei1, gei1, gik1, gei1 e zik1 respectivamente.

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

A estrutura fonolóxica da cada sílaba consiste nun núcleo vocálico (que pode ser monotongo, ditongo ou mesmo tritongo en certas variedades), precedido por unha marxe (unha consoante, ou unha consoante cunha semivogal; a ausencia de marxe tamén é posíbel), e seguido (de xeito opcional) por unha marxe de pechazón cunha consoante. Tódalas sílabas posúen ton. Hai algúns casos nos que a vogal non ten función de núcleo. Un exemplo témolo no cantonés, onde as consoantes nasais /m/ e /ŋ/ poden constituír por si soas unha sílaba.

En calquera das variedades do chinés as sílabas adoitan ser abertas (polo que non teñen marxe de pechazón), pero as sílabas con peche só poden rematar en /m/, /n/, /ŋ/, /p/, /ɻ /, /t/, /k/ ou /ʔ/. A maioría das variedades admiten ese peche de sílaba, mentres que outras como o mandarín estándar está limitado a /n/, /ŋ/ e /ɻ /.

O número de sons en cada unha das linguas difire, pero compartiron unha tendencia á redución de sons dende o chinés medio. Os dialectos do mandarín experimentaron unha redución moi forte de sons, polo que amosan moitas máis palabras multisilábicas que calquera das outras variedades. O número total de sílabas nalgunhas variedades é de máis de mil incluíndo os diferentes tons. Se se descartan os tons, as combinacións de sílabas redúcense moito (só entre 398 e 418).

Tons[editar | editar a fonte]

Tódalas variedades do chinés empregan tons para distinguir as palabras.[7] Algúns dialectos do norte da China teñen só tres tons, mentres que os dialectos do sur chegan a ter entre seis e dez tons. O dialecto de Shanghai é unha excepción xa que o seu rexistro de tons reduciuse a un sistema de dous acentos tonais semellantes aos que se usan no xaponés moderno.

Un exemplo moi común para ilustrar o sistema de tons no chinés é o da pronuncia da sílaba ma cos catro tons diferentes do chinés estándar (ademais do neutro). Os tons tamén están exemplificados nas seguintes cinco palabras chinesas.

Os catro tons principais do mandarín estándar pronunciados coa sílaba ma.
Exemplos de tons do mandarín estándar
Hanzi Pinyin Variación do ton Significado
/ Ton alto "nai"
Ton alto ascendente "cánabo"
/ Ton baixo descendente-ascendente "cabalo"
/ Ton alto descendente "reprender"
/ ma Ton neutro partícula interrogativa

O cantonés estándar, pola súa banda, ten seis tons en sílabas abertas e tres en sílabas que rematan con pausas:[20]

Exemplos de tons do cantonés estándar
Hanzi Jyutping Variación do ton Significado
/ si1 Ton alto descendente "poema"
si2 Ton alto ascendente "historia"
si3 Ton medio "asasinar"
/ si4 Ton baixo descendente "tempo"
si5 Ton baixo ascendente "mercado"
si6 Ton baixo "si"
sik1 Ton alto (pausa) "cor"
sik3 Ton medio (pausa) "espiña"
sik6 Ton baixo (pausa) "comer"

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Chinese: A macrolanguage of China". ethnologue.com. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  2. "china-language.gov.cn". Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2015. Consultado o 5 de decembro de 2015. 
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chinés.
  5. *David Crystal, The Cambridge Encyclopedia of Language (Cambridge: Cambridge University Press, 1987) , p. 312. “A falta de intelixibilidade mutua das variantes é o principal fundamento para referirse a elas como linguas separadas.”
    • Charles N. Li, Sandra A. Thompson. Mandarin Chinese: A Functional Reference Grammar (1989), p 2. “A familia de linguas chinesas clasifícase xeneticamente como unha rama independente da familia de linguas sino-tibetana.”
    • Jerry Norman. Chinese (1988), p.1. “Os dialectos modernos do chinés son en realidade máis ben unha familia de linguas.
  6. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2008. Consultado o 08 de outubro de 2007. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 7,12 7,13 7,14 Norman, Jerry (1988). Chinese. Cambridge: Cambridge University Press. pp. 183–185. ISBN 978-0-521-29653-3. 
  8. 8,0 8,1 Handel, Zev (2008). "What is Sino-Tibetan? Snapshot of a Field and a Language Family in Flux". Language and Linguistics Compass 2 (3). pp. 422–436. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Schuessler, Axel (2007). ABC Etymological Dictionary of Old Chinese. Honolulu: University of Hawaii Press. pp. 1. ISBN 978-0-8248-2975-9. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Baxter, William H. (1992). A Handbook of Old Chinese Phonology. Berlín: Mouton de Gruyter. pp. 2–3. ISBN 978-3-11-012324-1. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Ramsey, S., Robert (1987). The Languages of China. Princeton University Press. ISBN 978-0-691-01468-5. 
  12. 12,0 12,1 Coblin, W. South (2000). "A brief history of Mandarin", Journal of the American Oriental Society. pp. 537–552. 
  13. Zhang, Bennan; Yang, Robin R. (2004). Putonghua education and language policy in postcolonial Hong Kong, en Language policy in the People's Republic of China: Theory and practice since 1949. pp. 143–161. ISBN 978-1-4020-8038-8. 
  14. Norman, Jerry (2003). "The Chinese dialects: phonology", en Thurgood, Graham; LaPolla, Randy J., The Sino-Tibetan languages. pp. 72-83. ISBN 978-0-7007-1129-1. 
  15. Lewis, Simons e Fennig. "Ethnologue: Languages of the World". Consultado o 6 de decembro de 2015. 
  16. 16,0 16,1 16,2 Kurpaska, Maria (2010). Chinese Language(s): A Look Through the Prism of "The Great Dictionary of Modern Chinese Dialects". Walter de Gruyter. pp. 53-55. ISBN 978-3-11-021914-2. 
  17. Wurm; et al. (1987). Language Atlas of China. Longman. ISBN 978-962-359-085-3. 
  18. Klöter, Henning (2004). "Language Policy in the KMT and DPP eras". China Perspectives 56. Consultado o 11 de decembro de 2015. 
  19. Kuo, Yun-Hsuan. "New dialect formation : the case of Taiwanese Mandarin". Consultado o 11 de decembro de 2015. 
  20. Matthews, Stephen; Yip, Virginia (1994). Cantonese: A Comprehensive Grammar. Routledge. pp. 20–22. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

En español[editar | editar a fonte]

En inglés[editar | editar a fonte]