Juan Carlos Lorenzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Juan Carlos Lorenzo
Información persoal
Nome Juan Carlos Lorenzo Pereira
Nacemento 27 de outubro de 1922 e 10 de outubro de 1922
Lugar de nacemento Buenos Aires
Falecemento 14 de novembro de 2001
Lugar de falecemento Buenos Aires
Posición Centrocampista/dianteiro
Carreira xuvenil
Nueva Chicago
Chacarita Juniors
River Plate
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1940–1945 Chacarita Juniors 79 (20)
1945–1947 Boca Juniors 25 (8)
1948 Quilmes 12 (4)
1948–1952 Sampdoria 77 (19)
1952–1954 AS Lorraine
1954–1957 Atlético de Madrid 12 (3)
1957–1958 Rayo Vallecano 38 (8)
1958–1960 Mallorca
Adestrador
1958–1960 Mallorca
1961–1962 San Lorenzo
1962 Arxentina
1962–1964 Lazio
1964–1965 Roma
1965 San Lorenzo
1966 Arxentina
1967 River Plate
1968 Mallorca
1968–1971 Lazio
1972–1973 San Lorenzo
1973–1974 Atlético de Madrid
1975–1976 Unión de Santa Fe
1976–1979 Boca Juniors
1980 Racing Club
1981 Argentinos Juniors
1981–1982 San Lorenzo
1982–1982 Vélez Sársfield
1983 Atlanta
1984 Independiente Santa Fe
1984–1985 Lazio
1985 San Lorenzo
1987 Boca Juniors
Na rede
Find a Grave: 7053953 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Juan Carlos Lorenzo Pereira, coñecido como o Toto Lorenzo, nado en Bos Aires o 27 de outubro de 1922 e finado na mesma cidade o 14 de novembro de 2001, foi un xogador e adestrador de fútbol arxentino, de orixe galega.

Destacou principalmente como adestrador, forxando unha prestixiosa carreira, durante a cal gañou un notable número de títulos nacionais e internacionais en diferentes clubs, especialmente na Arxentina. Está considerado un dos mellores adestradores da historia do fútbol arxentino e un adestrador adiantado á súa época.[1][2]

Como futbolista xurdiu da canteira do Chacarita, formando parte do equipo que acadou o ascenso á Primeira división arxentina en 1941. Xogou tamén en Boca Juniors, logrando 3 títulos: unha copa nacional e dúas copas do Río da Prata. Destacou durante a súa estancia no RCD Mallorca, onde foi futbolista e adestrador ao mesmo tempo e co que logrou o ascenso desde a Terceira División á Primeira División en só dous anos.

Xa plenamente na súa carreira como adestrador, consagrouse conseguindo dous campionatos de liga con San Lorenzo en 1972, un deles de xeito invicto. Como adestrador do Atlético de Madrid, realizou unha grande actuación e conseguiu rematar como subcampión da Copa de Europa de 1974.

Os seus maiores logros conseguiunos dirixindo o Boca Juniors, club ao que levou a gañar un total de cinco títulos. A nivel nacional, consagrou ao equipo "xeneize" cun dobre campionato de Primeira División en 1976. Ademais gañou as dúas primeiras Copa Libertadores do club, en 1977 e 1978, así como a desaparecida Copa Intercontinental de 1977, tamén a primeira da historia do equipo.[3] Foi seleccionador arxentino en dúas Copas do Mundo: Chile 1962 e Inglaterra 1966.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na rúa Suipacha de Bos Aires en 1922, sendo o único fillo de dous emigrantes galegos que se coñeceran e casaran na Arxentina: José Lorenzo Pérez, un zapateiro ourensán, e Rosa Pereira Mallo, unha compostelá que traballaba pasando o ferro.[4] Foi súa nai quen lle deu o alcume de "Toto".[2]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira como futbolista en Nueva Chicago, pasando logo ás categorías inferiores de Chacarita Juniors, aínda que estivo varios meses tamén no terceiro equipo de River Plate. Debutou na Primeira División Arxentina co Chacarita o 24 de novembro de 1940, ano no que o equipo acabou descendendo á Primeira B. Con todo, o equipo volveu lograr o ascenso na tempada seguinte e Lorenzo xogou nel ata 1944, cando foi transferido a Boca Juniors.[5]

Co club "xeneize" logrou dous subcampionatos, en 1945 e 1946. Pasou logo brevemente por Quilmes, antes de dar o salto a Europa, onde fichou pola Sampdoria italiana. Permaneceu no club xenovés até 1952, momento no que marchou a Francia incorporándose ao AS Lorraine.

En 1954 asistiu, por recomendación do seu adestrador Jacques Favre, a un curso de adestradores que realizaba a liga inglesa en Lilleshall. Pouco antes, nun partido amigable fronte ao Real Madrid no que debutou Alfredo Di Stéfano, viuno xogar o técnico arxentino Helenio Herrera, quen o levou en 1954 para o Atlético de Madrid.[2][6] Disputou 12 partidos na súa primeira tempada e anotou 4 goles. Militou no equipo madrileño unha tempada e media máis, aínda que sen gozar apenas de minutos, e en 1957 foi traspasado ao Rayo Vallecano, co que disputou a parte final da liga de Segunda División.

En agosto dese mesmo ano obtivo o título de adestrador nacional, na mesma promoción que Kubala e Di Stéfano entre outros.[7] Na tempada 1957/58 disputou 32 partidos co Rayo, anotando 7 goles, e acto seguido fichou como xogador-adestrador polo RCD Mallorca, de Terceira División, por recomendación de Di Stéfano.[2]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

Xogador-adestrador no Mallorca (1958-1960)[editar | editar a fonte]

Como xogador-adestrador do Mallorca logrou gañar 25 de 30 partidos na tempada 1958/59, logrando o ascenso á Segunda División.[8] Na seguinte tempada, exercendo de novo como futbolista e técnico ao mesmo tempo, o equipo acabou campión e conseguiu o primeiro ascenso da súa historia á máxima categoría. Continuou xa só como adestrador na primeira tempada do equipo na Primeira División, pero tras 13 xornadas foi cesado nunha polémica decisión que provocou a dimisión de parte da directiva do club.[9][10]

Subcampionato con San Lorenzo (1961-1962)[editar | editar a fonte]

Juan Carlos Lorenzo na Praza de Maio en 1962.

En 1961 foi contratado por San Lorenzo de Almagro. Cun estilo que foi considerado innovador levou o club porteño ao subcampionato, o que lle abriu as portas da selección arxentina,[2] á que dirixiu no Mundial de 1962.

Lazio e Roma (1962-1965)[editar | editar a fonte]

Logo da experiencia no equipo nacional o Toto regresou a Europa para dirixir á Lazio. O club romano atravesaba un dos peores momentos da súa historia, despois de descender por primeira vez á Serie B un ano antes. Lorenzo conseguiu levar a Lazio ao segundo lugar da táboa, conseguindo o ascenso esa mesma tempada, nun equipo no que destacaron Orlando Rozzoni, Idilio Cei e Diego Zanetti. Na súa segunda tempada en Roma, acadou o oitavo posto da Serie A.

Na tempada 1964/65 fichou polo outro gran equipo da capital italiana, a Roma, coa que conquistou ao pouco de chegar a primeira Copa de Italia para o club, tras derrotar ao Torino na final.

Regreso á Arxentina (1965-1967)[editar | editar a fonte]

Volveu logo a San Lorenzo e na etapa previa á Copa Mundial de 1966 os dirixentes da Asociación do Fútbol Arxentino volvérono chamar para que dirixise a albiceleste no torneo intercontinental, onde logrou o quinto lugar final. En 1967 tivo un breve paso por River Plate, onde coincidiu con algúns xogadores da selección como Hugo Gatti e Jorge Solari, pero non conseguiu bos resultados.[2]

Segundas etapas na Lazio e no Mallorca (1968-1971)[editar | editar a fonte]

A principios de 1968 volveu ao Mallorca, para substituír na parte final da tempada a Vicente Dauder. Con todo, non chegou a rematar a campaña, pois abandonou o club despois de só seis xornadas por problemas co seu contrato.[11]

En 1968 volveu á Lazio, que se atopaba de novo na Serie B, e acadou un novo ascenso co club romano, rematando campión da segunda categoría. Continuou dous anos máis en Roma, onde tivo ás súas ordes ao histórico Giorgio Chinaglia e onde cruzou unhas acusacións co seu antigo mentor Helenio Herrera que lle valeron unha multa a ambos.[12][13] Na tempada 1970/71 o equipo acabou descendendo.

Bicampionato con San Lorenzo (1972-1973)[editar | editar a fonte]

En 1972 volveu por terceira vez a San Lorenzo. A superioridade do equipo ese ano foi tal que acadou o título do Metropolitano catro xornadas antes de finalizar o torneo. No Torneo Nacional do mesmo ano, a superioridade foi aínda maior, logrando o título sen perder ningún partido e derrotando na final a River Plate cun gol de Luciano Figueroa na prórroga.[2]

Atlético de Madrid (1973-1974)[editar | editar a fonte]

En xullo de 1973 deixou o equipo porteño e aceptou o cargo de adestrador do Atlético de Madrid, que viña de gañar a liga o ano anterior.[14] Aínda que non puido revalidar o título ligueiro que foi para o Barcelona, realizou unha gran Copa de Europa, eliminando a Galatasaray, Dinamo de Bucarest, Estrela Vermella e Celtic, e plantándose na final, a primeira na historia do club. Na final, disputada no Estadio de Heysel contra o Bayern de Múnic de Udo Lattek, o partido chegou sen goles ata a prórroga, na que o Atlético se adiantou cun gol de Luis Aragonés, pero foi empatado no derradeiro minuto por outro de Georg Schwarzenbeck. Xogouse un partido de desempate dous días despois, e o equipo alemán conquistou o título con dous goles de Uli Hoeneß e outros dous de Gerd Müller. Renovou contrato por un ano máis pero en novembro foi substituído por Luis Aragonés debido aos malos resultados.[15]

Ascenso con Unión de Santa Fe (1975-1976)[editar | editar a fonte]

En 1975 regresou a Arxentina para dirixir o recentemente ascendido Unión de Santa Fe. O equipo reforzouse con grandes fichaxes como as de Hugo Gatti, Rubén Suñé Ernesto Mastrángelo ou Victorio Cocco, e converteuse na revelación do campionato Metropolitano, acadando o cuarto lugar da táboa.

Éxitos con Boca Juniors (1976-1979)[editar | editar a fonte]

Ao ano seguinte fichou por Boca Juniors, onde comezou a súa etapa máis triunfante en canto a títulos. Decidiu levar consigo para Boca a tres xogadores do Unión: Gatti, Suñé e Mastrángelo. Na súa primeira tempada gañou os dous títulos do país (Torneo Metropolitano e Torneo Nacional) e ao ano seguinte conquistou a primeira Copa Libertadores de América para o club, tras derrotar ao Cruzeiro na quenda de penaltis do partido de desempate. En agosto de 1978 conquistou a Copa Intercontinental batendo na final ao campión de Europa, o Borussia Mönchengladbach alemán, e en novembro gañou a súa segunda Copa Libertadores consecutiva, tras non perder ningún partido na competición e gañar finalmente ao Deportivo Cali colombiano. Acadou aínda unha terceira final en 1979, pero caeu derrotado fronte ao Club Olimpia de Asunción.

Últimos equipos (1980-1987)[editar | editar a fonte]

En 1980 pasou a dirixir o Racing Club, e ao ano seguinte o Argentinos Juniors e outra vez San Lorenzo, co que viviu un dos seus peores momentos como adestrador, ao descender á Primeira B.[2] Pasou logo polo Atlante mexicano, o Vélez Sarsfield e o Atlanta, conseguindo con este último o ascenso en 1983 á primeira división.[2]

Juan Carlos Lorenzo na súa segunda etapa como adestrador de Boca Juniors, en 1987.

En 1984 regresou á Lazio para substituír a Paolo Carosi. Alí tivo ás súas ordes a Laudrup, Batista e Giordano entre outros. Con todo, non chegou a rematar a tempada, deixando o equipo tras 18 xornadas. En 1985 volveu durante varios partidos ao banco de San Lorenzo e en 1987 ao de Boca Juniors, para substituír o cesado Roberto Marcos Saporiti, pero os resultados seguiron sen chegar e tamén foi relevado despois de 14 xornadas e substituído por José Pastoriza.[16] Tras isto puxo punto e final á súa carreira como técnico despois de case tres décadas.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Juan Carlos Lorenzo dirixiu á selección arxentina de fútbol nas fases finais dos Mundiais de fútbol de 1962 e 1966 con diferente sorte. En Chile foi eliminado rapidamente na primeira rolda. En Inglaterra o equipo conseguiu pasar invicto a primeira fase e foi eliminado polo equipo local, que máis tarde sería campión, nun partido con polémica arbitraxe.[17]

Morte[editar | editar a fonte]

Morreu en Bos Aires o 14 de novembro de 2001, aos 79 anos de idade, por unha infección pulmonar e diabetes.[18] O seu corpo foi incinerado e as súas cinzas espalladas detrás dunha portería de La Bombonera, estadio de Boca Juniors.[19]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Como xogador[editar | editar a fonte]

Chacarita Juniors[editar | editar a fonte]

Boca Juniors[editar | editar a fonte]

RCD Mallorca[editar | editar a fonte]

Como adestrador[editar | editar a fonte]

RCD Mallorca[editar | editar a fonte]

SS Lazio[editar | editar a fonte]

San Lorenzo[editar | editar a fonte]

Boca Juniors[editar | editar a fonte]

Atlanta[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Gráfico (17/03/13). "Heber Mastrángelo, 100x100: “Lorenzo estuvo 20 años adelantado“". Consultado o 25 de junio de 2016. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "Las picardías del Toto Lorenzo, el técnico que hizo escuela, dirigió en dos Mundiales y dejó frases célebres". Infobae (en castelán). 27 de marzo de 2020. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  3. "JUAN CARLOS LORENZO, UNO DE LOS ENTRENADORES MÁS EXITOSOS DE BOCA". DeporTV (en castelán). 14 de decembro de 2015. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2016. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  4. "El Toto Lorenzo, un personaje polémico de película" (en castelán). 27 de outubro de 2018. Consultado o 25 de xaneiro de 2021. 
  5. "Campeonato 1945". historiadeboca.com.ar (en castelán). Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  6. "Jugador argentino al Atlético de Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de agosto de 1954. p. 5. 
  7. "Kubala, primero y Di Stéfano segundo en el resultado final del curso de preparadores". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de agosto de 1957. p. 5. 
  8. Vich, Xisco (14 de abril de 2009). "¿Sabías que el Mallorca ascendió de Tercera a Primera en tres temporadas?" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 21 de xaneiro de 2021. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  9. "El Mallorca prescinde de los servicios de Lorenzo". Mundo Deportivo (en castelán). 15 de decembro de 1960. p. 1. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  10. "Con Saso, de nuevo entrenador". Mundo Deportivo (en castelán). 16 de decembro de 1960. p. 1. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  11. "Lorenzo renuncia a seguir como entrenador del Mallorca". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de abril de 1968. p. 12. 
  12. "Flash Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de setembro de 1969. p. 14. 
  13. "Flash Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xaneiro de 1970. p. 16. 
  14. "Juan Carlos Lorenzo, nuevo entrenador del At. Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). 6 xullo de 1973. p. 18. 
  15. "Luis, nuevo entrenador del At. Madrid". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de novembro de 1974. p. 36. 
  16. "BOCA 1987/88" (en castelán). 23 de marzo de 2018. Consultado o 31 de xaneiro de 2021. 
  17. Scime, Miguel (1 de maio de 2018). "La increíble historia de cómo la expulsión de Antonio Rattín en el Mundial de 1966 hizo que se inventaran las tarjetas en el fútbol" (en castelán). Consultado o 31 de xaneiro de 2021. 
  18. "Murió el "Toto" Lorenzo, una gloria del fútbol argentino" (en castelán). 14 de novembro de 2001. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  19. "El "Toto" Lorenzo fue símbolo de un estilo que sigue rigiendo al fútbol" (en castelán). 15 de novembro de 2001. Consultado o 30 de xaneiro de 2021.