Serie B

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Competición deportivaSerie B
Tipoprofessional sports league (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Deportefútbol Editar o valor em Wikidata
OrganizadorLNPB (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Parte deSistema de ligas de futebol da Itália (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Liga superiorLega Calcio Serie A Editar o valor em Wikidata
Liga inferiorSerie C Editar o valor em Wikidata
Número de participantes20 Editar o valor em Wikidata
Localización  e  Datas
PaísItalia Editar o valor em Wikidata
Vixencia1929 – Editar o valor em Wikidata
Calendario da tempadaagostomaio Editar o valor em Wikidata
Período de ocorrencia1 ano Editar o valor em Wikidata
Outro
Páxina web oficiallegab.it Editar o valor em Wikidata
Facebook: legaserieb Twitter: Lega_B Instagram: legab LinkedIn: lega-nazionale-professionisti-serie-b Youtube: UCTR9tmCXHChytTwVravvjfw Editar o valor em Wikidata

A Serie B, denominada Serie BKT por motivos de patrocinio,[1][2] é a segunda máxima categoría do sistema de ligas do fútbol profesional en Italia. Organizada pola Lega Nazionale Professionisti B,[3] sitúase inmediatamente por debaixo da Serie A, e por riba da Serie C.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros campionatos italianos de fútbol eran extremadamente elitistas e estaban formados por un reducido número de equipos. Foi en 1904 cando o torneo se ampliou coa primeira edición da Segunda Categoría, unha competición na que participaban por unha banda as formacións reservas dos clubs pertencentes á Primeira Categoría, e por outra aqueles clubs provinciais que acababan de entrar na Federación.

Para os provinciais non abondaba con vencer aos reservas dos equipos metropolitanos gañando o campionato de reserva: tiñan que demostrar ante unha Comisión Técnica Federal que adquiriran un nivel técnico de fútbol como para poder competir cos equipos titulares que disputaban a Primeira Categoría. Facíano nun partido de proba ante un equipo de Primeira Categoría ante importantes expoñentes do fútbol da época.

O statu quo mudou grazas a un dirixente federal que publicou unha carta nas columnas de fútbol da Gazzetta dello Sport en febreiro de 1912. Non existía intercambio entre a Primeira e a Segunda Categoría, que tiña que asumir os gastos de toda unha tempada para verse anulados por só un partido contra os reservas dos grandes equipos. O directivo propuxo a introdución do mecanismo de ascenso-descenso e inmediatamente recibiu o consentimento de moitos clubs e, en consecuencia, elaboráronse varias propostas de modificación do regulamento vixente, de cara á Asemblea Federal anual. Este mecanismo foi introducido pola Asemblea Federal do 31 de agosto de 1912, na que se aprobou o proxecto Valvassori-Faroppa, que modificou a pirámide do fútbol italiano ao transformar a Segunda Categoría no novo campionato Promozione, ademais de crear un campionato dedicado aos equipos reservas. Do mesmo xeito que antigamente se xestionara a Segunda Categoría, o campionato de Promozione foi encomendado aos Comités Comarcais, que a FIGC establecera en 1909.

Con todo, non foi ata 1921 cando o Progetto Pozzo creou un auténtico campionato nacional de segunda categoría, mediante a creación da Segunda División. A nova lexislación introducida, moi desexada pola CCI (que xa a aplicou na tempada 1921/22) e aprobada co Proxecto Pozzo, prevía a división de Italia en 2 grandes áreas xeográficas xestionadas por dúas ligas, Liga Norte e Liga Sur, cun corte claro no centro Italia, que levou aos equipos da Toscana a competir nos campionatos do Norte e aos das Marcas e de Umbría no Sur. A Segunda División, en consecuencia, foi sometida a dúas normativas diferentes pola clara diferenza entre as distintas organizacións e situacións xeográficas: no Norte organizada fóra do ámbito rexional directamente pola Liga Norte e no Sur de novo polos Comités Rexionais porque as distancias e os medios de comunicación non permitían a xestión deste campionato a nivel interrexional. Só a partir da tempada 1925/26 a Liga Sur dos grandes clubs organizou directamente os grupos rexionais da Segunda División.

o Genoa campión da Serie B 1972/73. Con 6 títulos, é o club máis laureado da competición.

No Norte, a novo competición arrancou na tempada 1922/23 cun total de 48 equipos divididos en seis grupos, estruturados a nivel interrexional pero aínda vagamente correspondentes ás competencias dos comités rexionais. Na campaña 1924/25 o número de equipos reduciuse a 40, divididos en catro grupos, agora xeograficamente máis extensos. No Sur, non todos os Comités Comarcais foron quen de organizar de inmediato o campionato de Segunda División, algo moi difícil sobre todo nas rexións insulares onde escaseaban os campos regulamentarios. No primeiro campionato participaron 25 equipos e na tempada seguinte chegouse aos 40. Con todo, nos seguintes anos apareceron numerosos problemas, nunha época especialmente convulsa a nivel político. Poucos foron os clubs que conseguiron competir nos catro campionatos organizados pola Liga Sur dende 1922 ata 1926 debido aos elevados custos que supoñía.

En 1926 a Carta de Viareggio rebautizou a máxima categoría como División Nacional, escalando en consecuencia o nome das categorías inferiores. Así, a Segunda División asumiu o nome de Primeira División, pero non foi o único cambio, pois os dous organismos que organizaban a torneo, a Liga Norte e a Liga Sur, uníronse para converterse no Directorio de Divisións Superiores. Tras isto, só un dos grupos quedou reservado para o fútbol do sur, que foi substituído en boa parte por numerosos clubs do norte.

A reforma concibida pola Carta de Viareggio foi completada en 1928 polo novo presidente da FIGC, o fascista boloñés Leandro Arpinati. O influente político estableceu a creación no prazo dun ano dun campionato de segunda categoría radicalmente diferente: xa non sería un torneo interrexional, senón un campionato cun único grupo nacional, idéntico ao igualmente deseñado para a máxima categoría. Deste xeito, en 1929 naceu a Serie B da División Nacional. A instauración do grupo único tamén para o campionato de segunda espertou as protestas dos clubs máis pequenos que se queixaron dos enormes gastos de desprazamento para os partidos en todo o territorio nacional e dos menores ingresos respecto da máxima liga. Propuxeron en balde estender a primeira edición da Serie B da División Nacional a dous grupos pero a proposta non foi aceptada e a Serie B quedou cun único grupo.[4]

Na primeira edición inscribíronse 18 equipos, un formato que permaneceu inalterado ata a 1933/34, cando se probou a división en dous grupos a nivel territorial (oeste e leste). Con todo, o experimento non saíu ben e na 1935/36 volveuse ao modelo orixinal que, salvo un intento de redución entre 1936 e 1938, continuou ata a parada que provocou a segunda guerra mundial.

Trala guerra, a colosal destrución bélica unida á pobreza xeneralizada impediron o inmediato relanzamento do torneo, que se desenvolveu de diferentes xeitos entre as dúas principais zonas do país, o norte e o sur. Nas tempadas 1946/47 e 1947/48 disputouse a Serie B coa fórmula de tres grupos (con subdivisión xeográfica noroeste, nordeste e centro-sur). Na 1948/49 a FIGC finalmente conseguiu recrear un só grupo de 22 equipos, para logo reducilo de novo a 18 na 1952/53 . Na campaña 1958/59 decidiuse ampliar o número de clubs a 20, establecendo un formato que, salvo nunha ocasión (o campionato 1967/68, con 21 equipos pola diminución de 18 a 16 na Serie A) permaneceu inalterado durante os seguintes 35 anos. Foron as consecuencias do chamado Caso Catania as que alteraron a tradición consolidada na tempada 2003/04 e provocaron un campionato con 24 equipos, que se reduciu a 22 ao ano seguinte. Na edición 2018/19, por mor da non inscrición do Avellino, o Bari e o Cesena e a imposibilidade de repescar equipos en tan pouco tempo, o campionato de prata volveu ter un número impar de equipos, 19. Para a tempada 2019/20 o campionato volveu contar con 20 equipos, como foi habitual entre 1968 e 2003.[5]

Formato[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que a Serie A (categoría inmediatamente superior), o grupo único estableceuse na temapda 1929/30. O formato é idéntico ao da máxima categoría: unha liga con partidos na casa e fóra, entre os 20 equipos participantes. Outórganse tres puntos ao gañador de cada partido, un punto por cada empate e ningún punto ao equipo perdedor.[6] O regulamento prevé tres ascensos á máxima categoría e catro descensos á Serie C.[6] Os dous primeiros clasificados ascenden automaticamente, mentres que o terceiro ascenso decídese a través dos play-off, nos que participan os equipos clasificados do 3º ao 8º posto, salvo no caso no que entre o 3º e o 4º clasificado exista unha diferenza de máis de 14 puntos: neste caso non se disputan play-offs e, en consecuencia, o 3º clasificado ascende directamente á Serie A. Pola contra, os equipos do posto 18º ao 20º descenden directamente. O cuarto descenso decídese mediante un play-out que enfronta ao 16º e o 17º clasificados a non ser que haxa unha diferenza de 5 ou máis puntos entre eles: nese caso non se disputa o play-out e o 17º clasificado descende directamente á Serie C.[6] A partir da tempada 2005/06, cando dous ou máis equipos obteñen os mesmos puntos, utilízanse como criterio de desempate os resultados obtidos nos enfrontamentos directos entre os clubs implicados.

Play-off[editar | editar a fonte]

A final do play-off da Serie B 2017/2018

Os playoffs foron introducidos na Serie B na tempada 2004/05, para determinar o terceiro equipo ascendido á Serie A. O formato orixinal contaba coa participación de catro equipos (do 3º ao 6º clasificado) que se enfrontaban en semifinais e final (con emparellamentos a ida e volta). Se a diferenza entre o 3º e o 4º clasificado era superior a nove puntos, o terceiro clasificado ascendía directamente á Serie A, senón disputaríase o play-off. Na tempada 2012/13 produciuse un cambio no regulamento da final e suprimiuse a posibilidade de prórroga no partido de volta.

Na tempada 2013/14 modificouse e ampliouse o formato ata un máximo de seis equipos (do 3º ao 8º clasificado), que á súa vez debían estar comprendido nun arco de 14 puntos como máximo, polo que o número de clubs participantes nos play-off de ascenso podía variar e, en consecuencia, a articulación do torneo cambiar segundo o número de equipos. O 3º seguía ascendendo directamente se tiña unha diferenza de máis de 9 puntos sobre o 4º.

A partir da tempada 2017/18 o play-off dispútase sempre con seis equipos (os clasificados do 3º ao 8º lugar) sen ter en conta a marxe entre eles, pero a diferenza de puntos entre o 3º e 4º clasificado non debe ser maior de 14 puntos. O formato xa non é variable en función do número de equipos.

O formato actual estrutúrase do seguinte xeito:

  • Acceden á fase previa os equipos clasificados do 5º ao 8º posto: dispútase unha eliminatoria a partido único na casa do equipo mellor clasificado ao final do campionato e en caso de empate ao final do encontro xógase unha prórroga. En caso de novo empate tralo minuto 120, o mellor clasificado da liga pasa a semifinais.
  • O 3º e 4º clasificado pasan directamente ás semifinais, ás que se suman os 2 gañadores da fase previa. As semifinais dispútase a eliminatorias de ida e volta e sen prórroga. En caso de empate o equipo mellor clasificado pasa á final.
  • A final dispútase con partidos de ida e de volta e en caso de empate ascende á Serie A o equipo mellor clasificado na liga. A partir da campaña 2015/16 estableceuse prórroga e quenda de penaltis só para o caso no que os dous equipos tivesen rematado o campionato cos mesmos puntos. Nin nas semifinais nin na final se aplica a regra do gol en campo contrario.

Play-out[editar | editar a fonte]

Os play-out introducíronse na tempada 2003/04 para determinar o cuarto equipo que descende á Serie C (os tres últimos clasificados descenden directamente, e tamén o fai o cuarto peor clasificado se a súa diferenza de puntos co 5º peor é de máis de 4 puntos. O play-out dispútase a ida e volta e en caso de empate descende o peor clasificado. A partir da campaña 2015/16 estableceuse prórroga e quenda de penaltis só para o caso no que os dous equipos tivesen rematado o campionato cos mesmos puntos. Do mesmo xeito que nos play-offs, a regra do gol en campo contrario non se aplica no play-out.

Evolución no número de equipos[editar | editar a fonte]

Período Participantes
1929-1933 18
1933-1934 26 en dous grupos
1934-1935 32 en dous grupos
1935-1936 18
1936-1937 16
1937-1938 17
1938-1943 18
1946-1947 60 en tres grupos
1947-1948 54 en tres grupos
1948-1950 22
1950-1951 21
1951-1952 20
1952-1958 18
1958-1967 20
1967-1968 21
1968-2003 20
2003-2004 24
2004-2018 22
2018-2019 19
2019- 20


Campión por edición[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "TATUTO" (PDF) (en italiano). Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  2. "Nasce la Serie BKT: ecco il nuovo title sponsor del campionato" (en italiano). 22 de xuño de 2018. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  3. "La Lega Serie B decide lo slittamento del campionato e il cambio di denominazione" (PDF) (en italiano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de outubro de 2015. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  4. "Diatribe e problemi del Calcio meridionale". Il Littorale (en italiano). 17 de xullo de 1929. p. 2. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  5. "Figc, serie B a 20 squadre dalla prossima stagione". la Repubblica (en italiano). 30 de xaneiro de 2019. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  6. 6,0 6,1 6,2 "COMUNICATO UFFICIALE N. 57/A" (PDF). Federación Italiana de Fútbol (en italiano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2 de setembro de 2013. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  7. Con todo, Pro Patria, Lucchese e Unione Sportiva Salernitana 1919Salernitana]], vencedores dos tres grupos, contan os tres o título como propio
  8. Novara, Padova e Palermo, vencedores dos tres grupos, contan os tres o título como propio

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]