Isidoro de Kiev

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Isidoro de Kiev
Isidore of Kiev.jpg
Metropolita da Igrexa Católica de Kiev e toda a Rus
Biografía
Nacementoc. 1385 en Monemvasia, Imperio Bizantino
Pasamento27 de abril de 1463 en Roma, Estados Pontificios
Metropolita de Kiev e toda a Rus
1437 - 1441
PredecesorXerásimo (ortodoxo)
SucesorGregorio II
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

Isidoro de Kiev, nado arredor de 1385 en Monemvasia (Imperio Bizantino) e finado o 27 de abril de 1463 en Roma (Estados Pontificios), foi un eclesiástico católico grego, metropolita de Kiev e toda a Rus entre 1437 e 1441, cardeal e patriarca latino de Constantinopla.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era de orixe grega, dunha familia ortodoxa de Monemvasia.[1] Algúns historiadores indican que arredor de 1413 foi elixido metropolita de Monemvasia,[2][3] mais outros historiadores rexeitan dita identificación proposta.[4] Entrou no mosteiro, e chegou a ser hegúmeno do mosteiro de San Demetrio de Constantinopla.[5] Dende moi cedo foi partidario da reunión da Igrexa ortodoxa coa Igrexa católica.

Cando o Imperio Bizantino estaba ameazado polos otománs, a corte valorou a posibilidade dun rescate dos reinos de Europa Occidental como resultado da reunión entre as igrexas, e en 1434 Isidoro foi enviado por Xoán VIII Paleólogo a Basilea, como parte dunha delegación para negociar co Concilio de Basilea. Á súa volta, continuou a participar nas preparacións da reunión.

En 1437 foi nomeado metropolita de Kiev e toda a Rus (estando entón a sé en Moscova) polo patriarca ecuménico de Constantinopla Xosé II, tamén favorable á unión. Á súa chegada a Moscova, comezou a organizar a delegación moscovita para o Concilio de Ferrara, malia a hostilidade do gran duque Basilio II.

No concilio, o 5 de xullo de 1439 foi asinada a fórmula de entendemento, a bula Laetantur coeli, polos representantes de rito latino e rito bizantino, Isidoro entre eles. Posteriormente, o 18 de decembro do mesmo ano, Isidoro foi creado cardeal por Uxío IV, e nomeado legado papal para Lituania, Livonia e Moscovia. Á súa volta a Moscova, publicou dende Buda unha encíclica chamando aos seus bispos a aceptar a unión, mais cando chegou a Moscova na pascua de 1441 se encontrou coa oposición de Basilio II e de varios bispos.

Á súa chegada a Moscova, durante a súa primeira Divina Liturxia na Catedral da Dormición no Kremlin, Isidoro nomeou ao papa Uxío IV durante a liturxia, e proclamou o decreto de unificación. Ademais, Isidoro enviou unha mensaxe do Vaticano a Basilio II, pedíndolle a súa colaboración para a propagación da unión. Tres días máis tarde, Isidoro foi arrestedo e encerrado no mosteiro de Chudov.

En setembro de 1443, logo de dous anos encerrado, o metropolita fuxiu a Tver, posteriormente a Lituania e, finalmente, a Roma, onde foi recibido polo papa. Alí foi nomeado bispo de Sabina.

O papa Nicolao V enviouno como legado a Constantinopla en 1452 para continuar coa reunión de católicos e ortodoxos. Levou con el arredor de 200 soldados para a defensa da cidade. Coa caída de Constantinopla en mans dos otománs o 29 de maio de 1453 salvou a vida ao vestir a un cadáver coas súas roupas, mais caeu como prisioneiro e foi enviado a Asia Menor como escravo.

Cando conseguiu fuxir volveu a Roma. O 10 de maio de 1456 foi nomeado administrador de Nicosia, e o 20 de abril de 1458 patriarca titular de Constantinopla.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. McNeill, William H. (2009). Venice: The Hinge of Europe, 1081-1797 (en inglés). University of Chicago Press. p. 110. ISBN 9780226561493. 
  2. Runciman, Steven (2009). Lost Capital of Byzantium: The History of Mistra and the Peloponnese. Tauris Parke Paperbacks. p. 103. ISBN 9780857718105. 
  3. Ζακυθηνός, Διονύσιος (1957). "Μανουήλ Β′ ο Παλαιολόγος και ο Καρδινάλιος Ισιδώρος στην Πελοπόννησο". Mélanges offerts à Octave et Melpo Merlier: à l'occasion du 25e anniversaire de leur arrivée en Grèce (en grego) (Instituto Francés de Atenas) 3: 45–69.  Na obra, Zakythinos apóiase na correspondencia de Isidoro para concluir que fora metropolita de Monemvasia entre 1413 e 1430 aproximadamente.
  4. Especialmente Vitalien Laurent e Giovanni Mercati. Véxase as notas en Setton, Kenneth M. (1978). The Papacy and the Levant, 1204-1571: The Fifteenth Century (en inglés). American Philosophical Society. pp. 3–4. ISBN 9780871691279. 
  5. Langer, Lawrence N. (2001). Historical Dictionary of Medieval Russia. Scarecrow Press. pp. 70–71. ISBN 9780810866188. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Giovanni Mercati, ed. (1926). Scritti d'Isidoro il cardinale Ruteno: e codici a lui appartenuti che si conservano nella Biblioteca apostolica vaticana. Biblioteca Apostolica Vaticana. 
  • Philippides, Marios; Hanak, Walter K. (2018). Cardinal Isidore (c.1390–1462): A Late Byzantine Scholar, Warlord, and Prelate. Routledge. ISBN 9781351214889. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]