Estado Libre de Prusia
| |||||
| |||||
Lema nacional: Gott mit uns ("Deus con nós") | |||||
Himno nacional: Heil dir im Siegerkranz ("Viva a túa coroa vitoriosa") | |||||
Capital | Berlín | ||||
Goberno | República | ||||
Ministro-Presidente de Prusia | |||||
• 1918 | Friedrich Ebert (primeiro) | ||||
• 1933 - 1945 | Hermann Göring (último) | ||||
Período histórico | Idade Contemporánea Século XX: período entreguerras | ||||
• Establecemento: Proclamación da República | 7 de novembro de 1918 | ||||
• Disolución: Proclamación polos Aliados da lei n° 46[1] | 25 de febreiro de 1947 | ||||
Superficie | |||||
• 1925[2] | 292.695,36 km2 | ||||
Poboación | |||||
• 1925[2] est. | 38.175.986 | ||||
Densidade | 130,4/km² | ||||
Moeda | Marco alemán | ||||
Membro de: República de Weimar |
O Estado Libre de Prusia (en alemán: Freistaat Preußen) foi un estado alemán formado despois da abolición do reino de Prusia como consecuencia da derrota do imperio alemán na primeira guerra mundial. Para formar o seu nome preferiuse a utilización do nome patrimonial alemán Freistaat ("Estado Libre"), que equivale aproximadamente a Republik ("República"), porque este último recordaba á cultura latina, que era asociada con Francia pola maioría dos alemáns (e a súa maior inimiga naquela época).
Foi o maior Land do Estado alemán durante a República de Weimar, xa que comprendía case cinco oitavos do seu territorio (o 62,5 %) e gran parte da súa poboación (o 61,3 %).[2] Dado que tiña tanto territorio e poboación, o novo goberno pensou, nun principio, dividir Prusia en varios Länder (estados) máis pequenos e manexábeis, pero o sentimento tradicionalista dos prusianos prevaleceu e Prusia seguiu inalterada (quitando as perdas territoriais).
O democrático Estado Libre de Prusia colapsou cando sucedeu o chamado Preußenschlag (golpe de estado de Prusia) de 1932–1933 e o ministro-presidente Otto Braun foi forzado a renunciar ao seu cargo. O seu goberno acudiu aos tribunais por esta destitución irregular, pero tras as eleccións de 1933 o réxime nazi tomou o control do goberno prusiano.
Desde 1933, o Estado Libre foi privado da democracia parlamentaria e gobernado exclusivamente baixo o liderado do Partido Nacional-Socialista Obreiro Alemán (partido nazi). Inicialmente, Prusia foi administrada polo alto cargo nazi Hermann Göring, que foi nomeado ministro-presidente de Prusia. En 1935, o territorio do Estado Libre foi desmantelado en Reichsgaue,[3] A algunhas delas se lles incorporou territorios prusianos e non prusianos, acabando así con eficacia con Prusia como unha soa unidade territorial de Alemaña. Aínda que o Estado Libre de Prusia continuou existindo nominalmente baixo o mandato de Hermann Göring, en 1935 o goberno prusiano foi realmente absorbido polo goberno do Reich alemán, e a posición de Göring como ministro-presidente foi relegada a un papel simbólico en comparación cos labores máis prominentes que desempeñaba no goberno do Terceiro Reich.
Despois do final da segunda guerra mundial Otto Braun achegouse a mandos militares estadounidenses para solicitar o restablecemento do goberno prusiano legal. Pero estes, e as demais forzas aliadas, que ocuparan toda Alemaña, opuxéronse á idea e declararon suprimida a Prusia en 1947.
Historia de Prusia desde de 1918 até a extinción do estado prusiano[editar | editar a fonte]
Perdas territoriais tras a I guerra mundial[editar | editar a fonte]
Excepto polas súas colonias de ultramar, o Territorio imperial de Alsacia e Lorena e as partes bávaras da Saargebiet, todas as perdas territoriais alemás como resultado da guerra mundial foron perdas prusianas. Como se especifica no tratado de Versalles, Aledmaña foi obrigada a entregar:
- as vilas de Eupen e Malmedy, a Bélxica;[4]
- o norte de Schleswig, a Dinamarca;
- o territorio de Memel, a Lituania;
- o territorio de Hlučín (Hultschin, en alemán), a Checoslovaquia;
- o Saargebiet ou territorio da conca do Sarre, foi administrado por Francia, encomenda que lle fixo a Sociedade de Nacións.
Ademais, a provincia do Rin (Rheinprovinz), ou Prusia renana (Rheinpreußen), converteuse nunha zona desmilitarizada.
A maior parte das perdas territoriais de Prusia pasaron a Polonia, incluíndo a maior parte das provincias de Posen e Prusia Occidental, e unha sección do leste de Silesia. A cidade de Danzig e os seus arredores foron colocados baixo a administración da Sociedade de Nacións como o estado da Cidade Libre de Danzig. Estas perdas separaron a Prusia Oriental do resto do país, agora só accesíbel por ferrocarril a través do Corredor polaco ou por mar.
1918–1932: Bastión democrático[editar | editar a fonte]
Ao longo dos seus primeiros 400 anos de existencia, Prusia fora sinónimo de oligarquía e militarismo. En contraste, durante a República de Weimar Prussia era un piar da democracia. O restritivo Sistema das tres clases,[5] foi suprimido pouco despois de que o káiser Guillerme II abdicara. Agora o poder pasara dos Junker,[6] terratenentes e grandes empresarios ao "Berlín Vermello" e a zona industrializada do Ruhr, ambos os territorios con maiorías obreiras. Prusia convertíase nun bastión da esquerda.
De 1919 a 1932 Prusia foi gobernada por unha coalición formada polo Partido Socialdemócrata de Alemaña (Sozialdemokratische Partei Deutschlands, SDP), o católico Partido do Centro ((Deutsche Zentrumspartei, ou simplemente Zentrum) e os demócratas do Partido Democrático Alemán (Deutsche Demokratische Partei, DDP); desde 1921 a 1925, os gobernos de coalición incluían tamén o Partido Popular Alemán (Deutsche Volkspartei, DVP).
A diferenza de noutros Estados do Reich alemán, en Prusia o goberno pola maioría dos partidos democráticos nunca estivo en perigo de extinción. Porén, en Prusia Oriental e nalgunhas zonas industriais, o Partido Nacional Socialista dos Traballadores Alemáns (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), o partido Nazi de Adolf Hitler foi gañando cada vez máis influencia e apoio popular, especialmente da clase media-baixa.
1932: O Preußenschlag ou Golpe de Estado prusiano[editar | editar a fonte]
Todo isto cambiou o 20 de xullo de 1932 co Preußenschlag ("golpe prusiano"), cando o Chanceler do Reich Franz von Papen derrocou por decreto ao goberno democrático do Estado Libre de Prusia de Otto Braun, co pretexto de que perdera o control da orde pública. Isto foi provocado por un tiroteo entre membros da Sturmabteilung (SA) e das Schutzstaffel (SS) e militantes comunistas en Altona, Hamburgo (Altona era aínda unha parte de Prusia naquel momento). Despois deste decreto de emerxencia, Papen autodesignouse Comisario do Reich para Prusia, e tomou o control do goberno. Este feito facilitou que Adolf Hitler asumira o control de Prusia no ano seguinte.
O goberno de Otto Braun presentou unha demanda nos tribunais, pero o caso seguiu sen resolverse debido primeiro á segunda guerra mundial e a posterior ocupación aliada e a partición de Alemaña.
O establecemento do goberno nazi en Prusia[editar | editar a fonte]
O 30 de xaneiro de 1933, Hitler fora nomeado Chanceler de Alemaña. Como parte do trato para conseguir iso, Papen foi formalmente nomeado ministro-presidente de Prusia, ademais de vicechanceler do Reich. E o lugartenente de Hitler Hermann Göring converteuse en ministro do Interior do Estado. Catro semanas máis tarde (27 de febreiro de 1933), a Reichstag foi incendiado.
A instancias de Hitler, o Presidente Paul von Hindenburg suspendeu por decreto as liberdades civís en Alemaña. Seis días despois do incendio, as eleccións parlamentarias do 5 de marzo de 1933 consolidou a posición do Partido Nazi, aínda que non logrou a maioría absoluta. Porén, co seu socio de coalición, o Partido Popular, Hitler obtivo unha escasa maioría no Reichstag.
Göring interveu de maneira prominente nestas eleccións, porque era o comandante da forza policial máis grande do Reich. A súa policía perseguía e acosaba aos membros doutros partidos (especialmente aos comunistas e aos socialdemócratas) e só permitiu que os Nazis e os Populares puideran realizar a súa campaña electoral sen seren molestados relativamente.
Desmantelamento de Prusia[editar | editar a fonte]
No estado centralizado creado polos nazis, mediante as leis "sobre a reconstrución do Reich" (Gesetz über den Neuaufbau des Reiches) do 30 de xaneiro de 1934 e "sobre os gobernadores do Reich" (Reichsstatthaltergesetz), do 30 de xaneiro de 1935, os estados e provincias de Prusia disolvéronse de feito, se non na lei. Os gobernos federais do Estado eran a partir de aí controlados polos gobernadores do Reich que eran designados directamente polo chanceler. Paralelamente a iso, a organización do partido nazi nos distritos creados para substituír as antigas divisións administrativas (Gaue) cobraba importancia crecente; como oficial a cargo dun Gau (o Gauleiter e triste memoria) era designado tamén polo chanceler. Hitler nomeara formalmente ao gobernador de Prusia, aínda que as súas funcións eran exercidas por Göring.
As posicións de liderado de Reichsstatthalter e ministro-presidente, ambos os cargos ostentados por Hermann Göring, continuaron existindo pero estaban subordinadas ao réxime nazi. Aínda se realizaron algúns cambios nas provincias prusianas máis tarde. Por exemplo, a "lei da área metropolitana de Hamburgo" ou "lei do Gran Hamburgo" (Groß-Hamburg-Gesetz) de 1937 transferíalle e este Gau algúns territorios das provincias de Hannover e Schleswig-Holstein, ao mesmo tempo que anexionaba o Geesthacht hamburgués e a cidade hanseática de Lübeck a Schleswig-Holstein, así como o porto hamburgués de Cuxhaven á provincia de Hannover.
Outros cambios tiveron lugar en 1939, con cesións de municipios suburbanos pruso-hanoverianos a Bremen e devolver a anexión do porto bremés de Bremerhaven á provincia de Hannover. Tamén a cidade hamburguesa de Wilhelmshaven foi cedida a Oldenburgo.
En 1942, as redistribucións afectaron ás provincias de Saxonia e Hannover, e ao Estado Libre de Brunswick.
As terras prusianas transferidas a Polonia despois do tratado de Versalles foron reanexionadas durante a segunda guerra mundial. Porén, a maioría destes territorios non foron reintegrados en Prusia, senón asignados a diferentes Gaue da Alemaña nazi.
Disolución formal de Prusia[editar | editar a fonte]
Co fin do goberno nacionalsocialista 1945 veu a división de Alemaña en zonas de ocupación e a transferencia do control de todo o territorio ao leste da liña Oder-Neisse a outros países. Como ocorrera no caso da primeira guerra mundial, case a totalidade deste territorio fora territorio prusiano (agás unha pequena porción da terra ao leste da fronteira revisada que pertencera a Saxonia).
A maior parte do territorio foi transferido a Polonia e a parte setentrional de Prusia Oriental, incluíndo Königsberg (hoxe Kaliningrado), foi anexionada pola Unión Soviética.
As perdas representaron case as dúas quintas partes do territorio prusiano e case unha cuarta parte do territorio dentro das fronteiras de Alemaña antes de 1938. Estímase que uns 10 millóns de alemáns fuxiron ou foron expulsados á forza destes territorios como parte do chamado éxodo alemán. O que quedaba de Prusia abarcaba un pouco máis da metade do territorio alemán restante e un pouco máis da metade do territorio de Prusia antes de 1914.
Pola lei nº 46 de 25 de febreiro de 1947, o Consello de Control aliado proclamou formalmente a disolución do estado prusiano.[1] Aínda que os aliados alegaron a historia do militarismo prusiano como a súa principal xustificación para a disolución de Prusia, a súa existencia demostraríase impracticábel despois do inicio da guerra fría e a división de Alemaña en dos estados no contexto dese conflito.
Goberno[editar | editar a fonte]
A diferenza do seu predecesor autoritario de preguerra, Prusia era unha democracia prometedora dentro de Alemaña. A abolición da aristocracia transformara Prusia nunha rexión amplamente dominada pola á esquerda do espectro político, co "Berlín Vermello" e o centro industrial da rexión do Ruhr exercendo unha grande influencia. Durante este período, unha coalición de partidos de centro-esquerda gobernou, predominantemente baixo o liderado do socilademócrtata prusiano Otto Braun, que promoveu varias reformas, xunto co seu ministro do Interior, Carl Severing, que foron modelo para a posterior República Federal de Alemaña.
Por exemplo, o primeiro ministro prusiano só podía ser apartado do cargo se houbera unha "maioría suficiente" para un posíbel sucesor. Este concepto, coñecido como "voto de censura construtiva", levouse á lei orgánica da República Federal de Alemaña.[7] A maioría dos historiadores considera que o goberno prusiano durante este tempo foi, con moito, o de máis éxito da Alemaña nese momento.
Similares disposicións rexían na constitucións doutros Estados alemáns da República de Weimar e dos actuais Lënder, un poder executivo dirixido por un Ministro-Presidente de Prusia investido por un Landtag (parlamento do Estado) elixido polo pobo.
Ministros-Presidentes do Estado Libre de Prusia[editar | editar a fonte]
Nº | Nome | Data de acceso ao cargo | Data de abandono do cargo | Partido |
---|---|---|---|---|
1 | Friedrich Ebert | 9 de novembro de 1918 | 11 de novembro de 1918 | SPD |
2 | Paul Hirsch | 11 de novembro de 1918 | 27 de marzo de 1920 | SPD |
3 | Otto Braun | 27 de marzo de 1920 | 21 de abril de 1921 | SPD |
4 | Adam Stegerwald | 21 de abril de 1921 | 5 de novembro de 1921 | Zentrum |
– | Otto Braun | 5 de novembro de 1921 | 18 de febreiro de 1925 | SPD |
5 | Wilhelm Marx | 18 de febreiro de 1925 | 6 de abril de 1925 | Zentrum |
– | Otto Braun | 6 de abril de 1925 | 20 de xullo de 1932a | SPD |
Cargo administrado polo Reichskommissar entre o 20 de xullo de 1932 e o 30 de xaneiro de 1933 | ||||
6 | Franz von Papen | 30 de xaneiro de 1933 | 10 de abril de 1933 | Independente |
7 | Hermann Göring | 10 de abril de 1933 | 24 de abril de 1945 | NSDAP |
a.administrado polo Reichskommissar entre o 20 de xullo de 1932 e o 30 de xaneiro de 1933. |
Provincias de Prusia[editar | editar a fonte]
As provincias despois do tratado de Versalles[editar | editar a fonte]
De acordo co parágrafo 1º do artigo 32 da Constitución de 30 de novembro de 1920, o Estado Libre de Prusia estaba dividido en trece provincias, a saber:
- Once provincias con Dieta provincial (en alemán, Provinziallandtag):
- provincia de Prusia Oriental (en alemán, Provinz Ostpreußen), capital Königsberg;
- provincia de Brandeburgo (en alemán, Provinz Brandenburg), capital Potsdam;
- provincia de Pomerania (en alemán, Provinz Pommern), capital Stettin;
- provincia de Baixa Silesia (en alemán, Provinz Niederschlesien), capital Breslau;
- provincia de Alta Silesia (en alemán, Provinz Oberschlesien), capital Oppeln;
- province de Saxonia (en alemán, Provinz Sachsen), capital Magdeburgo;
- provincia de Schleswig-Holstein (en alemán, Provinz Schleswig-Holstein), capital Kiel;
- provincia de Hannover' (en alemán, Provinz Hannover), capital Hannover;
- provincia de Westfalia (en alemán, Provinz Westfalen), capital Münster;
- Provincia renana (en alemán, Rheinprovinz), capital Coblenza;
- provincia de Hesse-Nassau (en alemán Provinz Hessen-Nassau), capital Kassel.
- Dúas provincias sen Dieta provincial:
- cidade de Berlín (en alemán, Stadtgemeinde Berlin), é dicir, o Gran Berlín (en alemán, Groß-Berlin), na que os seus representantes no Consello do Estado eran elixidos polo consello municipal (en alemán, Stadtverordnetenversammlung);
- Marca fronteiriza de Posnania-Prusia-Occidental (en alemán, Grenzmark Posen-Westpreußen), capital Schneidemühl, na que os seus representantes no Consello do Estado eran elixidos poles Dietas municipais.
O parágrafo 3º do precitado artigo engadía que o país de Hohenzollern (en alemán, Hohenzollernschen Lande e, despois, a partir de 1928, Hohenzollerische Lande) estaría representado no Consello do Estado por un membro elixido pola Asemblea Rexional (en alemán, Kommunallandtag).
Cambios anteriores ao réxime nazi[editar | editar a fonte]
En 1920 aprobouse a "lei do Gran Berlín" para crear o Gran Berlín, ampliando a capital prusiana a expensas de Brandenburgo, do cal fora separado Berlín en 1881. A lei do Gran Berlín ampliara considerabelmente o tamaño da cidade, e as súas fronteiras mantéñense en gran parte no moderno Land alemán de Berlín.
O que quedaba das provincias de Posen e a Prusia Occidental uníronse para formaren Posen-Prusia Occidental en 1922.
Cambios durante o réxime nazi[editar | editar a fonte]
Ver Desmantelamento de Prusia arriba.
Desmembramento despois da segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]
Despois da ocupación de Alemaña polos aliados en 1945, as provincias de Prusia dividíronse entre os seguintes Estados:
- Cedido á Unión Soviética
- A parte norte da Prusia Oriental. Hoxe, á óblast de Kaliningrado, un enclave ruso entre Lituania e Polonia.[8]
- Cedido a Polonia
- Todo o territorio situado ao leste da liña Oder-Neisse, ademais de Stettin. Isto equivalía á maior parte de Silesia, Pomerania oriental, a rexión de Neumark de Brandeburgo, todo o territorio de Posen-Prusia Occidental e o resto da Prusia Oriental non cedida á URSS.[8]
Partición de Alemaña[editar | editar a fonte]

- Territorios situados baixo administración soviética
Despois da guerra formáronse os seguintes Estados (Lender), despois de fusionáranse outros Estados alemáns; estes Estados foron abolidos en 1952 e substituídos por varias provincias e, finalmente, foron restaurados tras a reunificación alemá en 1990:
- Brandeburgo, do resto da provincia de Brandenburgo.
- Saxonia-Anhalt, da maior parte da provincia de Saxonia. O resto da provincia converteuse en parte de Turinxia.
- Mecklemburgo-Antepomerania: o resto da provincia de Pomerania (a maior parte da Pomerania Occidental) se fusionaron en Mecklenburgo.
- Saxonia: o resto da provincia de Silesia engadiuse a Saxonia.[9]
- Territorios situados baixo administración aliada
O resto de Prusia fusionouse con outros Estados alemáns para converterse nos seguintes Estados de Alemaña Occidental:
- Schleswig-Holstein, da provincia de Schleswig-Holstein (baixo administración británica).
- Baixa Saxonia, da provincia de Hannover (baixo administración británica).
- Renania do Norte-Westfalia, da provincia de Westfalia e a metade norte da provincia do Rin (baixo administración británica).
- Renania-Palatinado, do resto do sur da provincia do Rin (baixo administración francesa).
- Hesse, da provincia de Hesse-Nassau (baixo administración estadounidense).
- Wurtemberg-Hohenzollern, da provincia de Hohenzollern (baixo administración francesa). Este Estado, pouco despois, fusionouse co de Baden para formar o de Baden-Württemberg.
- Berlín, dividido en Berlín Oriental baixo administración soviética e Berlín Occidental baixo administración dos aliados, divididos en sectores (británico, francés e estadounidense). Berlín Occidental estaba rodeado pola Alemaña Oriental e, en última instancia, foi pechado polo muro de Berlín. As dúas metades reuníronse despois da reunificación alemá para formar o actual Estado alemán de Berlín. Unha proposta para fusionar Berlín co Estado federado de Brandeburgo foi rexeitada por votación popular en 1996.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 Territorial Reorganization Inside Germany. Abolition of the State of Prusia. Control Council Law No. 46 and Excerpt from Report of Military Governor (en inglés).
- ↑ 2,0 2,1 Beckmanns Welt-Lexikon und Welt-Atlas. Verlagsanstalt Otto Beckmann, 1931, Leipzig / Viena
- ↑ O Reichsgau (plural Reichgaue) era unha división territorial e administrativa do Reich alemán na época do terceiro Reich. Equivalente máis ou menos a unha provincia, o termo xa fora utilizado na época de Carlomagno).
- ↑ En ambas as localidades realizáronse plebiscitos para determinar se serían separados de Alemaña e anexionados a Bélxica. Ambos os territorios foron anexionados formalmente o 6 de marzo de 1925.
- ↑ O Sistema das tres clases era un sistema de votación adoptado en 1849 polo rei Federico-Guilerme IV de Prusia para a elección da Cámara dos Deputados de Prusia. O escrutinio era desigual, público e indirecto.
- ↑ Denominábase Junker ao membro da nobreza terratenente de Prusia e o leste de Alemañaa que dominou todo o pais alemán ao longo do século XIX e principios do XX. Xurdiron da baixa nobreza e seguiron as tradicións da aristocracia alemán, onde o primoxénito levaba toda a herdanza e os demais fillos varóns eran enviados ao Exército ou á Igrexa, en tanto que ás fillas se lles buscaba o mellor marido posíbel. Así, moitos clans lograron reunir grandes fincas e un gran poder a través das súas numerosas, e ben situadas, conexións familiares.
- ↑ E tamén incorporado á Constitución española de 1978.
- ↑ 8,0 8,1 Ver mapa máis arriba, en Disolución formal de Prusia.
- ↑ Estes territorios, xunto coa zona de Berlín ocupada pola USSS, formarían a República Democrática Alemá.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Bled, Jean-Paul (2007): Histoire de la Prusse. París: Fayard. ISBN 978-2-213-62678-9.
- Clark, Christopher (2006): Iron Kingdom. The Rise and the Downfall of Prussia, 1600-1947. Allen Lane/ Penguin Books. ISBN 0-7139-9466-5.
- Koch, H. W. (1984): A History of Prussia. Londres: Longman. ISBN 0-582-48190-2.
- MacDonogh, Giles (1994): Prussia. Londres: Sinclair-Stevenson. ISBN 1-85619-267-9.
- Zayas, Alfred-Maurice de (1994): A Terrible Revenge: The Ethnic Cleansing of the East European Germans, 1944-1950. Nova York: St. Martin's Press. ISBN 0-312-12159-8.