Junker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castelo de Neetzow, RDA 1954, texto orixinal: "O castelo... foi... a sede do Krautjunker Rittmeister von Kruse. Agora o conxunto estatal da mocidade da vila trasladouse ao seu local”.


En alemán denomínase Junker (do baixo alemán medio Juncherre < Junger Herr, xove nobre ou "señorito") aos membros da antiga nobreza terratenente de Prusia que dominou Alemaña ao longo do século XIX e principios do século XX.

Os Junker posuían grandes propiedades rurais onde tamén vivían e traballaban campesiños con moi poucos dereitos e/ou recursos económicos.[1] Orixinalmente constituían un importante sector político, social e económico en Prusia e, despois de 1871, tamén no liderado político, militar e diplomático do Imperio alemán. Un dos Junker máis famosos foi o chanceler Otto von Bismarck.

Historia[editar | editar a fonte]

Pertencentes a Prusia na súa maioría, xurdiron da baixa nobreza e seguiron as tradicións da aristocracia alemá, onde o primoxénito levaba toda a herdanza e os demais fillos eran enviados ao exército ou a igrexa, en tanto que ás fillas buscábaselles o mellor marido posible. Así, moitos clans lograron reunir grandes extensións de terra e un gran poder a través das súas numerosas, e ben situadas, conexións familiares. A súa influencia política estendeuse desde a época do Imperio alemán (1871-1918) até a República de Weimar e a Alemaña nazi. Dicíase que «se Prusia gobernaba Alemaña e os Junker dominaban Prusia, estes tamén dominarían o Imperio alemán a través de Prusia».[2]

Daqueles que pertencían á elite Junker, destacaron personaxes tan influentes como o chanceler e estadista Otto von Bismarck, o militar e posterior Reichspräsident de Alemaña Paul von Hindenburg e o destacado mariscal de campo Gerd von Rundstedt.

Durante a primeira guerra mundial, o nacionalista irlandés e membro do Parlamento Tom Kettle comparou a clase terratenente anglo-irlandesa cos prusianos Junkers, dicindo: "Inglaterra vai loitar pola liberdade en Europa e polo junkerdom en Irlanda. [3]

Algúns Junker constituíron unha especie de camarilla ao redor do presidente von Hindenburg en 1932-1933 e xogaron un importante papel na Machtergreifung ou toma do poder polos nazis.[4]

Segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

A segunda guerra mundial significou non só a perda da base territorial da case totalidade das súas posesións tradicionais, senón que tamén lles levou ao bordo da desaparición. Segundo un estudo realizado entre preto de nove mil Junker, máis da metade morreran combatendo e outro 15 % asasinados en 1945. Do resto, uns cincocentos faleceron en prisión e outros cincocentos suicidáronse, ademais do cincuenta e oito que foran executados polo réxime nazi por participar ou ter colaborado no atentado do 20 de xullo de 1944 contra Adolf Hitler. Só un 15 % logrou sobrevivir.[5]

Fin da guerra e desaparición coa RDA[editar | editar a fonte]

Nos últimos meses da contenda moitos aristócratas fuxiron das súas propiedades na Prusia Oriental e Pomerania ante o avance do Exército Soviético. Tras o final da guerra, aqueles que non fuxiran, foron expulsados dos territorios orientais (Prusia Oriental e Occidental, Pomerania e Silesia) que Alemaña perdeu tras a contenda como consecuencia dos acordos entre os aliados. Posteriormente, nos territorios baixo administración da República Democrática Alemá (RDA) —que correspondía á maior parte de Prusia— prohibiuse a posesión de terras que superasen un certo tamaño, o cal supuxo o fin desta nobreza terratenente.

En Rusia[editar | editar a fonte]

Derivado do mesmo termo baixo-alemán, e do feito de que as familias Junker enviaban a moitos membros ao exército, en Rusia este termo denominou un cargo militar intermedio entre os suboficiais e os ober-oficer. A partir da revolución de outubro de 1917 uns Junker apoiaron o movemento branco e outros aos bolxeviques, disolvéndose o cargo a partir dese ano.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alan J. P. Taylor (2001). The course of German history: a survey of the development of German history since 1815, Routledge, páx. 20
  2. Frederick Austin Ogg (1920). The Governments of Europe, MacMillan Company, páx. 681
  3. Tim Cross (1988), The Lost Voices of World War I, p. 42.
  4. Heinrich August Winkler (1990). «Die Revolution von 1918/19 und das Problem der Kontinuität in der deutschen Geschichte», en Historische Zeitschrift, 250, páx. 317
  5. MacDonogh 2010, p. 316.
  6. "ЭСБЕ/Юнкерские училища — Викитека". ru.wikisource.org (en ruso). Consultado o 2022-03-26. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Davies,Norman. Reinos desaparecidos. La historia olvidada de Europa, 2013. Galaxia Gutenberg/Círculo de Lectores, Barcelona. ISBN=978-84-672-5594-2