Ernestina de Champourcín
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Ernestina Michels de Champourcin y Morán de Loredo 10 de xullo de 1904 Vitoria, España |
Morte | 27 de marzo de 1999 (94 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | Sacramental de San Lorenzo y San José |
Actividade | |
Ocupación | Escritora |
Membro de | |
Xénero artístico | Poesía |
Movemento | Xeración do 27 e Las Sinsombrero (en) |
Pseudónimo literario | Ernestina de Champourcín |
Familia | |
Cónxuxe | Juan José Domenchina |
Ernestina de Champourcín Morán de Loredo, nada en Vitoria o 10 de xullo de 1905 e finada en Madrid o 27 de marzo de 1999, foi unha das poetas españolas máis importantes da Xeración do 27.[1] Formou parte do grupo de mulleres pensadoras e artistas españolas coñecidas como "Las Sinsombrero".[2]
Traxectoria vital e literaria
[editar | editar a fonte]Ernestina de Champourcin Morán de Loredo, nada na rúa do Paseo de San Francisco en Vitoria na casa coñecida como "La casa de las jaquecas"[3]. Pertenceu a unha familia católica e tradicionalista, que lle ofreceu unha esmerada educación, xunto aos seus irmáns (na que se reforza o coñecemento e uso de diferentes linguas) nun ambiente familiar, culto e aristocrático.[1]
O seu pai, Antonio Michels de Champourcin, era avogado de ideas monárquicas, de inclinación liberal-conservadora. Posuía o título de barón de Champourcin, o que testemuña que a familia paterna, proviña da Provenza francesa.[4] Pola súa banda, Ernestina Morán de Loredo Casteláns, como se chamaba a súa nai, naceu en Montevideo, e era a única filla dun militar, asturiano de ascendencia, con quen viaxou frecuentemente a Europa.
Ao redor dos dez anos, Ernestina trasladouse, xunto co resto da familia, a Madrid. Comezou os seus estudos no Colexio do Sagrado Corazón, e compaxinou os seus estudos coa preparación por profesores particulares. Examinouse como alumna libre de bacharelato no Instituto Cardenal Cisneros. O seu desexo de estudar na Universidade viuse truncado debido en parte á oposición do seu pai, pese ao apoio da súa nai, disposta a acompañala ás clases, para cumprir coa norma existente para as mulleres menores de idade.[1]
O seu coñecemento do francés e do inglés, e a súa creatividade, levárona a escribir poesía en francés dende moi nova; textos que ela mesma destruíu ao iniciar unha vocación literaria xa de xeito profesional. O seu amor á lectura e o ambiente culto familiar puxérona en contacto cos grandes da literatura universal dende moi pequena, crecendo cos libros de Victor Hugo, Alphonse de Lamartine, Alfred de Musset, Alfred de Vigny, Maurice Maeterlinck, Paul Verlaine e de grandes místicos casteláns, como Xoán da Cruz e Tareixa de Ávila. Máis tarde leu a Ramón María del Valle-Inclán, Rubén Darío, Concha Espina, Amado Nervo e, sobre todo, Juan Ramón Jiménez. A figura de Juan Ramón Jiménez ten unha importancia vital no desenvolvemento de Ernestina como poeta, e de feito, ela sempre o considerou como o seu mestre.[4]
Pertenza ás Vangardas
[editar | editar a fonte]Como a gran maioría de representantes da súa xeración, os primeiros testemuños da súa obra poética son poemas soltos publicados a partir de 1923 en diversas revistas da época, tales como Manantial, Cartagena Ilustrada ou La Libertad. En 1926 María de Maeztu e Concha Méndez fundaron o Lyceum Club Femenino, tratando con iso de concienciar da necesidade de unidade entre as mulleres, a fin de que se axudasen na loita por tomar partido na solución dos problemas culturais e sociais do seu tempo. Este proxecto interesou a Champourcín, que se involucrou nel, encargándose de todo o relativo á literatura.[4]
Nese mesmo ano Ernestina publica en Madrid a súa obra En silencio e envíalle a Juan Ramón un exemplar esperando o xuízo e crítica do poeta á súa primeira obra. A pesar de non recibir ningunha contestación, o seu camiño cruzouse co do admirado poeta e a súa muller, Zenobia Camprubí, en La Granja de San Ildefonso. A partir dese casual encontro xurdiu entre ambos unha amizade que lle levou a consideralo o seu mentor, do mesmo xeito que lles sucedeu aos seus compañeiros de xeración.[5] É así como entrou en contacto con algúns dos integrantes da Xeración do 27: Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luís Cernuda, Jorge Guillén, Pedro Salinas ou Vicente Aleixandre. Debe tamén ao seu mentor o coñecemento da poesía inglesa clásica e moderna: John Keats, Percy Bysshe Shelley, William Blake, Yeats.[4]
A partir de 1927, Ernestina comeza unha etapa na que publica nos xornais (en especial no Heraldo de Madrid e La Época) case exclusivamente crítica literaria. Nestes artigos publicados antes da guerra civil trata cuestións como a natureza da poesía pura e a estética da “poesía nova” que nese momento estaban a traballar os mozos do 27, grupo do que ela sentíase integrante ao compartir a mesma concepción da poesía.[5] Segue publicando os seus libros en Madrid: Ahora (1928), La voz en el viento (1931), Cántico inútil (1936) o cal a fai ser coñecida no mundo literario da capital. Pódese apreciar unha evolución na súa obra dende un Modernismo inicial, á sombra de Juan Ramón Jiménez, a unha poesía máis persoal, marcada pola temática amorosa envolta nunha rica sensualidade. Foi seleccionada por Gerardo Diego para a súa Antología de 1934, xunto a Josefina de la Torre, sendo elas dúas as únicas mulleres.[6]
Mantivo unha intensa correspondencia coa poeta Carmen Conde, practicamente ininterrompida dende xaneiro de 1928 até 1930. A partir dese ano, as cartas fóronse distanciando, aínda que a mantiveron até os anos oitenta. Con todo, por circunstancias diversas, consérvanse sobre todo as cartas de Champourcín a Conde, recollidas no libro de Rosa Fernández Urtasun, Ernestina de Champourcin y Carmen Conde. Epistolario (1927-1995).[7][8]
En 1930, mentres realiza actividades no Lyceum Feminino, do mesmo xeito que outras intelectuais da República, coñece a Juan José Domenchina, poeta e secretario persoal de Manuel Azaña, con quen contraerá matrimonio o 6 de novembro de 1936.[1]
Pouco antes do golpe de estado de 1936 Ernestina publicou a que sería a súa única novela, La casa de enfrente. Á parte desta obra só escribiu fragmentos doutra novela inconclusa, Mientras allí se muere, na que narra as vivencias experimentadas por ela durante o seu traballo de enfermeira nos anos da guerra civil.[1] Os acontecementos políticos que sucederon xustifican que a súa difusión quedase eclipsada. No entanto, esta obra representa un importante fito na literatura escrita por mulleres, pois nela a autora realiza a través dunha narradora-protagonista, unha análise sobre a crianza, educación e socialización das nenas burguesas nas primeiras décadas do pasado século XX. Esta obra permite considerar a Ernestina de Champourcin como moderadamente feminista.[9]
Guerra civil e exilio
[editar | editar a fonte]Durante a Guerra Civil, Juan Ramón e a súa esposa, Zenobia, preocupados polos nenos orfos ou abandonados, fundaron unha especie de comité denominado "Protección de Menores". Ernestina uníuselles en calidade de enfermeira, pero debido a certos problemas con algúns milicianos tivo que deixalo e entrar como auxiliar de enfermeira no hospital rexentado por Dores Azaña.[1]
Unha das consecuencias do traballo do seu marido Juan José, como secretario político de Azaña, foi que o matrimonio tivo que abandonar Madrid, iniciando un periplo que lles levou a Valencia, Barcelona e Francia, onde estiveron en Tolosa e París, ata que, finalmente, en 1939, foron convidados polo diplomático e escritor mexicano Alfonso Reyes, fundador e director da Casa de España de México, convertendo este país no lugar definitivo do ser exilio.[1][10]
A pesar de que nun primeiro momento Ernestina escribiu numerosos versos para revistas como Romance e Rueca, a súa actividade creativa reduciuse ante as necesidades económicas que lle fixeron centrar a súa actividade no seu traballo de tradutora para o Fondo de Cultura Económica e de intérprete para a Asociación de Persoal Técnico de Conferencias Internacionais.[11]
A súa etapa en México é unha das máis fecundas; publicou Presencia a oscuras (1952), Cárcel de los sentidos (1960) e El nombre que me diste (1960).[1]
O seu mentor Juan Ramón Jiménez traballaba como agregado cultural na embaixada española en Estados Unidos e outros compoñentes do grupo do 27 exiliáronse tamén a América, como foi o caso, entre outros, de Emilio Prados e Luis Cernuda. A pesar de todo, o cambio non foi fácil. O matrimonio non tivo fillos, e soportaron de forma moi distinta o exilio. Mentres Juan José Domenchina non levou ben a súa nova vida como exiliado e morreu en 1959, ela chegou a ter fortes sentimentos de arraigamento con esta a súa nova “patria”.[12] É neste momento cando a relixiosidade vivida durante a súa nenez agudízase, dando á súa obra un misticismo descoñecido até o momento. Publica Hai-kais espirituales (1967), Cartas cerradas (1968) e Poemas del ser y del estar (1972).
Regreso e "segundo exilio"
[editar | editar a fonte]En 1972 Ernestina regresou a España. A volta non foi fácil e tivo que vivir un novo período de adaptación ao seu propio país, experiencia que fixo xurdir nela sentimentos que mostra en obras como Primer exilio (1978). Os sentimentos de soidade e de vellez, e unha invasión de recordos dos lugares nos que estivera e as persoas coas que vivira, foron impregnando cada un dos seus posteriores poemarios: La pared transparente (1984), Huyeron todas las islas (1988), Los encuentros frustrados (1991), Del vacío y sus dones (1993) e Presencia del pasado.[4]
A obra titulada La ardilla y la rosa (Juan Ramón en mi memoria) (1981), é unha selección comentada da súa correspondencia con Zenobia, realizada por Ernestina e publicada pola editorial da Fundación Zenobia-Juan Ramón Jiménez que a titulou Los libros de Fausto; Zenobia á súa vez, publicou un pequeno e revelador libro, titulado Vivir con Juan Ramón que condensa páxinas do seu “Diario” de 1916 e o seu texto “Juan Ramón y yo“.[13]
Ernestina morreu en Madrid o 27 de marzo de 1999.
Análise da súa obra
[editar | editar a fonte]A poesía de Ernestina de Champourcín é profunda e á vez lixeira, suave e contundente: melodiosa. Os versos de Ernestina, son de fácil e agradable lectura, e neles soubo expresar certeramente a intensa fondura da súa alma. Isto fai que a súa temática sexa moi distinta á dalgúns dos seus contemporáneos.[5][12]
En parte da súa obra rememórase a poesía dos grandes místicos españois: Santa Teresa e San Juan da Cruz; así como a obra de Juan Ramón Jiménez.[12] De feito, en Presencia a oscuras (1952) utiliza sonetos, décimas, romances e outras estrofas tradicionais da poesía barroca.[5]
É moi habitual ao falar de Ernestina de Champourcin como poeta da Xeración do 27, facer recaer a atención sobre todo na súa obra anterior á guerra. O cal leva inmediatamente a comentar, a radicalidad do cambio, que se produciu na autora durante o exilio, que a leva cara á poesía relixiosa. Pero, en cambio, poucas veces fálase da súa última poesía, da que escribiu ao regresar a España na que, para algúns autores, está o mellor da súa obra, xa que se trata dunha poesía na que se conxuga a contemplación retrospectiva, a memoria, sen deixar de ter unha mirada cara ao futuro afrontado coa lucidez e a valentía de quen se achega á morte.[5]
Etapas na súa poesía
[editar | editar a fonte]Primeira etapa: poesía do amor humano
[editar | editar a fonte]Os expertos consideran que na obra de Ernestina pódense ver tres etapas, dúas delas moi claras. Unha primeira etapa, a da poesía do amor humano, que abarca os catro libros publicados con anterioridade á guerra civil: desde En silencio (1926) até Cántico inútil (1936), nos que a autora evoluciona pasando dunhas orixes que poderían cualificarse de tardorrománticos e modernistas a unha “poesía pura” moi próxima á de Juan Ramón Jiménez.[14]
Segunda etapa: poesía do amor divino
[editar | editar a fonte]Esta etapa, que se separaría da anterior por un período de nula produción poética nos primeiros momentos do exilio en México, debidos á necesidade de manter unha actividade remunerada economicamente, podería denominarse a da poesía do amor divino (1936-1974). Iníciase con Presencia a oscuras (1952) obra que supón un novo tempo na súa poesía. A temática pasa a centrarse do amor humano ao amor divino. Pódese ver que a protagonista de obras como El nombre que me diste...(1960), Cárcel de los sentidos(1964), Hai-kais espirituales (1967), Cartas cerradas (1968) e Poemas del ser y del estar (1972), ten unha profunda inquietude relixiosa.[10]
Terceira etapa: poesía do amor sentido
[editar | editar a fonte]Esta pode chamarse a da poesía do amor sentido (1974-1991): É a que se inicia coa volta do exilio, momento no que xorden novas inquietudes en Champourcin: ser capaz de volver adaptarse á súa nova situación, reencontrarse con lugares ao tempo coñecidos e irrecoñecibles, que se caracteriza pola evocación de tempos e lugares. Os libros finais, como Huyeron todas las islas (1988), son unha recapitulación e un epílogo dunha poesía que é á vez intimista e transcendente.[10]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]Para Emilio Lamo de Espinosa (catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense e sobriño de Ernestina de Champourcin) unha das razóns do silencio sobre a obra desta gran literata española é debido á súa mística. Para este autor, o intimismo da súa obra e o crecente peso da poesía relixiosa, fixo que non se lle tivese en conta, nin o seu gran labor social, nin o seu compromiso á causa republicana, nin as súas actividades en prol do recoñecemento dos dereitos das mulleres a ser tratadas do mesmo xeito que os seus compañeiros homes.[5] E así o fixo constar nunha homenaxe que se lle fixo ao poeta na Residencia de Estudiantes en 2005, ano do centenario do nacemento de Ernestina.
Podería afirmarse que Ernestina padeceu a mala sorte das “terceiras vías”, ao non acabar de estar claramente nin na dereita nin na esquerda, un pouco como lle ocorre, salvando as distancias ao propio Ortega e Gasset, rexeitado por uns por ateo e polos outros porque era elitista, acusado o tempo de ser de dereitas e de ser de esquerdas. Tamén considera Emilio Lano de Espinosa que a posición de Ernestina débese fundamentalmente ao carácter da propia autora, da súa independencia de criterio total e rotunda, salvaxe, case asocial, e ao tempo da súa vontade de non ser tipificada, categorizada, cosificada.[5]
A pesar de poder considerar a Ernestina de Champourcin como a única muller que realmente estivo, nunha situación de igualdade co resto dos poetas hoxe chamados de 27, o seu recoñecemento en España non se produciu até 1989 en que se lle concedeu o Premio Euskadi de Literatura en castelán na súa modalidade de Poesía.[5]
Premios
[editar | editar a fonte]- Premio Euskadi de Literatura en castellano na súa modalidade de Poesía (1989)
- Premio Mujeres Progresistas (1991)
- Nomeamento ao Premio Príncipe de Asturias das Letras en 1992
- Medalla ao Mérito Artístico del Ayuntamiento de Madrid en 1997.[1][4]
Ernestina de Champourcín e o feminismo
[editar | editar a fonte]O Grupo de Investigación en historia recente da Universidade de Navarra (GIHRE) convoca o Premio Ernestina de Champourcin para promover estudos sobre a muller.[15]
Podería cualificarse a Ernestina de Champourcín como feminista, entendendo como tal, a persoa que vive unha constante preocupación por que se recoñecese o valor da muller no mundo cultural e intelectual. É por iso polo que o seu labor a favor do feminismo así entendido foi constante desde moi novo e até o final das súas forzas.[5]
Para autores como José Anxo Ascunce, Ernestina de Champourcín loitou en todo momento pola dignidade da muller, e esta opinión reflíctea no seu libro Poesía a través del tiempo.[6]
De todos os xeitos, a propia autora nunha entrevista que lle realizou Edith Checa (xornalista, locutora e redactora departamento de radio UNED) en 1997, nega rotundamente que se lle poida cualificar como feminista no sentido xeral que se dá a este termo. Ela só se consideraba unha poeta.[6]
Tivo un interese propio por escribir poesía da mesma categoría que a dos homes, ademais colaborou en xornais buscando explicitamente que non fóra en páxinas dedicadas en exclusiva a mulleres (sección na que se adoitaban publicar as colaboracións das mulleres), e demostrou grande audacia á hora de apuntar os traballos dos poetas. De feito, a visión da muller que reflicte nos seus poemas é rechamante, con mulleres activas, que toman iniciativa, que non se deixan levar, que tratan de ser donas das súas vidas.[5]
O seu activismo levoulle a colaborar desde 1926 no Lyceum Club Feminino que impulsou María de Maeztu, a primeira asociación feminina española cuxo fin era, segundo os seus estatutos, “defender os intereses morais e materiais da muller, admitindo, canalizando e desenvolvendo todas aquelas iniciativas e actividades de índole exclusivamente económica, benéfica, artística, científica e literaria que redunden no seu beneficio”. Máis tarde, durante a súa época no exilio en México, promoveu as actividades culturais e formativas entre as mulleres indíxenas que vivían no Distrito Federal, e animou a algunhas mulleres intelectuais de alí a pór en marcha as súas propias asociacións e revistas literarias. Prestou grande apoio e consello, desde finais dos anos 20 até o final da súa vida, a todas aquelas mulleres que acudían a ela ao querer dedicarse á poesía. Ernestina convidábaas non só a escribir, senón tamén a darse a coñecer, involucrarse na vida cultural etc.[5]
A atención case exclusiva que lle dedicou ao seu marido nos últimos anos da súa vida, e o xiro cara a unha relixiosidade máis profunda na súa madurez, fixo que algúns autores o considerasen como un retroceso con respecto aos ideais polos que loitara até entón. Para Ernestina, en cambio, todo isto era o froito lóxico da súa capacidade de decisión como muller e da súa entrega cara a aquilo no que cría. Así, o profundo amor que sentía polo seu marido levoulle a coidar del cando a necesitaba, nuns anos nos que a angustia pola situación política española e a pena de non poder volver á súa patria ancoraron a Juan José nunha profunda desesperanza. Pola súa banda, coa poesía relixiosa, Ernestina expón o seu redescubrimento de Deus como algo liberador, que enche de sentido e de plenitude a súa vida cotiá e que lle fai sentir necesidade de escribir novamente tras uns anos de silencio poético.[5]
Fontes arquivísticas
[editar | editar a fonte]O arquivo persoal de Ernestina de Champourcin atópase no Arquivo Xeral da Universidade de Navarra e é de acceso libre.[16]
Catálogo das súas obras
[editar | editar a fonte]Poesía
[editar | editar a fonte]- En silencio. Madrid, Espasa-Calpe, 1926.
- Ahora. Madrid, Imprenta Brass, 1928.
- La voz en el viento. Madrid, Compañía Ibero-Americana de Publicaciones, 1931.
- Cántico inútil. Madrid, Aguilar, 1936.
- Presencia a oscuras. Madrid, Rialp, 1952.
- El nombre que me diste.... México, Finisterre, 1960.
- Cárcel de los sentidos. México, Finisterre, 1964.
- Hai-kais espirituales. México, Finisterre, 1967.
- Cartas cerradas. México, Finisterre, 1968.
- Poemas del ser y del estar. Madrid: Alfaguara, 1972.
- Primer exilio. Madrid, Rialp, 1978.
- Poemillas navideños. México, 1983.
- La pared transparente. Madrid, Los Libros de Fausto, 1984.
- Huyeron todas las islas. Madrid, Caballo Griego para la Poesía, 1988.
- Antología poética, (prólogo de Luz María Jiménez Faro). Madrid, Torremozas, 1988.
- Ernestina de Champourcín. Málaga, Centro Cultural de la Generación del 27, 1991.
- Los encuentros frustrados. Málaga, El Manatí Dorado, 1991.
- Poesía a través del tiempo. Barcelona, Anthropos, 1991.
- Del vacío y sus dones. Madrid, Torremozas, 1993.
- Presencia del pasado (1994-1995) . Málaga, Poesía circulante, núm. 7, 1996.
- Cántico inútil, Cartas cerradas, Primer exilio, Huyeron todas las islas. Málaga, Centro Cultural de la Generación del 27, 1997.
- Poesía esencial (2008). Fundación Banco Santander. Colección Obra Fundamental. ISBN 978-89913-90-5
Novelas
[editar | editar a fonte]- La casa de enfrente (1936). Edición de Carmen Urioste-Azcorra co título de La casa de enfrente seguido de dos capítulos de la novela Mientras allí se muere. Sevilla: Renacimiento Biblioteca de Rescate, 2013. ISBN 977-8-84847-283-3-7
- María de Magdala (1943). 2ª ed. 2015. Ariccia: Aracne editrice. Edición a cargo de Magdalena Aguinaga Alfonso. ISBN 978-88-548-7767-2.
Outros
[editar | editar a fonte]- Epistolario (1927-1995) (2007). Correspondencia con Carmen Conde. Edición a cargo de Rosa Fernández Urtasun. ISBN 978-84-9740-235-4.[7]
Traducións
[editar | editar a fonte]- (Sonetos del portugués, de 1942) de Elizabeth Barrett Browning
- El dios escorpión: Tres novelas cortas (1973) de William Golding.
- Obra escogida de Emily Dickinson (1946)
- Cuentos de Edgar Allan Poe (1971)
- Diario V: 1947-1955 (1985), de Anaïs Nin
- El aire y los sueños (1943) de Gaston Bachelard
- El chamanismo y las técnicas arcaicas del éxtasis (1951) de Mircea Eliade
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 "De Champourcín Morán, Ernestina". www.escritores.org. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ "Las Sinsombrero, un grupo de mujeres que debemos recuperar". Gente que brilla (en castelán). 2018-02-16. Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2019. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ Gómez, Rocío Díaz (2018-04-29). "Rocío Díaz Gómez : "La casa de las jaquecas": La casa de Ernestina de Champourcin en Vitoria". Rocío Díaz Gómez. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Urtasun, Rosa Fernández (2008). "Ernestina de Champourcin: una voz diferente en la Generación de 27". Hipertexto (7): 18–37. ISSN 1553-3018.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 "PoesíaDigital". www.poesiadigital.es. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Edith Checa: Ernestina de Champourcín - nº 9 Espéculo". webs.ucm.es. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2020. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ 7,0 7,1 "Ernestina de Champourcin y Carmen Conde. Epistolario (1927-1995) Portal del Hispanismo". hispanismo.cervantes.es. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ Champourcín; Conde. Rosa Fernández Urtasun, ed. Epistolario. Madrid: Castalia. ISBN 978-84-9740-235-4.
- ↑ "La casa de enfrente - Ernestina de Champourcin - ¡¡Ábrete libro!! - Foro sobre libros y autores". www.abretelibro.com. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2020. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 "CVC. El Trujamán. Historia. Traduciendo desde el exilio (1): Ernestina de Champourcín, por Josefina Cornejo.". cvc.cervantes.es. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ Grados, Zero (2017-03-06). "El templo secreto de Ernestina de Champourcín". Zero Grados (en castelán). Consultado o 2019-12-02.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Millán, Gabriela. "Ernestina de Champourcin, poetisa de la Generación del 27 Revista ISTMO" (en inglés). Consultado o 2019-12-02.
- ↑ "“La ardilla y la rosa Juan Ramón en mi memoria”". MI SIGLO (en castelán). Consultado o 2019-12-02.
- ↑ "Poetas del Novecientos : entre el Modernismo y la Vanguardia : (Antología).Tomo II : De Guillermo de Torre a Ramón Gaya / edición de José Luis García Martín Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes". www.cervantesvirtual.com. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ "Premio Ernestina de Champourcín. Grupo de Investigación en Historia Reciente (GIHRE). Universidad de Navarra". www.unav.edu. Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2020. Consultado o 2019-11-11.
- ↑ "detalle-fondos personales. Universidad de Navarra". www.unav.edu. Consultado o 2019-11-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ernestina de Champourcín |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Acillona, Mercedes, “Poesía mística y oracional en Ernestina de Champourcin”, Letras de Deusto, 48 (1991).
- Arizmendi, Milagros, ed. e prólogo, Ernestina de Champourcin, Poemas de exilio, de soledad y de oración. Encuentro ediciones y Universidad de Navarra. 2004. ISBN 84-7490-742-X
- Ascunce, José Ángel, ed. e prólogo, Ernestina de Champourcin, Poesía a través del tiempo, Barcelona: Anthropos, Memoria Rota. Exilios y Heterodoxias, (1991).
- Balló. Las Sinsombrero. Barcelona: Espasa. ISBN 978-84-670-4603-8.
- Checa, Edith, “Entrevista. Ernestina de Champourcin olvidada entre los equívocos linderos de la Generación del 27”, Espéculo, 9 (1998).
- Ciplijauskaite, Birute, “Escribir entre dos exilios: las voces femeninas de la Generación del 27”, en Homenaje al Profesor Antonio Vilanova, II, eds. A. Sotelo Vázquez e M. C.
- Comella, Beatriz, Ernestina de Champourcin, del exilio a Dios, Rialp, Madrid (2002), ISBN 84-321-3422-8
- Cuesta Tudela, Dolores, “Una lectura de la obra poética de Ernestina de Champourcin en el exilio: de Presencia a oscuras a Poemas del ser y del estar”, en L’exili cultural de 1939, II, Valencia (2001).
- Fernández Urtasun, Rosa e Ascunce, José Ángel (eds.), Ernestina de Champourcin: mujer y cultura en el siglo XX, Biblioteca Nueva, Madrid (2006), ISBN 84-9742-601-0
- Jiménez Faro, Luzmaría, “Ernestina de Champourcin: un camino hacia la luz”, Ínsula 557.
- Lacarra Lanz, Eukene, Estrategias discursivas y el yo agenérico en la poesía religiosa de Ernestina de Champourcin, Universidad del País Vasco.
- Landeira, Joy. "Ernestina de Champourcin: Vida y literatura." Ferrol: Sociedad de cultura Valle-Inclan, 2005.
- Landeira, Joy. "Una rosa para Ernestina: Ensayos en conmemoración del centenario de Ernestina de Champourcin." Ferrol: Sociedad de cultura Valle-Inclan, 2006.
- Mabrey, María Cristina C., Ernestina de Champourcin, poeta de la Generación del 27 en la oculta senda de la tradición poética femenina, Ediciones Torremozas, 413 pp., Madrid (2007), ISBN 978-84-7839-396-1
- Milán Malo, Gabriela, “Ernestina de Champourcin, poetisa de la Generación del 27”, Istmo (1999), México D.F.
- Miró, Emilio, “Carmen Conde y Ernestina de Champourcin”, Insula 390 (1979).
- Mujeres del 27, Madrid, Ínsula, 557, 1993.
- Perlado, José Julio, “Entrevista a Ernestina de Champourcin en 1986”, Espéculo, 8, Madrid, 1998.
- Rey Baliña, Paula Antía (20 18). La obra poética de Ernestina de Champourcin (1926-1936): una mujer del Lyceum club. https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/20166
- Sanz Hermida, Rosa, El silencio creador de Ernestina de Champourcin, Tesis doctoral, Universidad de Oviedo, 1991.
- Siles, Jaime, "Ernestina de Champourcin casi desdibujada", en Poesía esencial, Madrid, Fundación BSCH, 2008, pp. LXIV. Madrid (2008), ISBN 978-84-89913-90-5.
- Villar, Arturo del, “Ernestina de Champourcin”, La Estafeta Literaria, 556 (1975).
- Jeanne Marie, Los caminos del alma / Les Chemins de l’âme - memoria viva de los poetas del 27’ mémoire vive des poètes de la Génération de 1927, éditions Paradigme Orléans.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Posiblemente a última entrevista realizada a Ernestina, pola xornalista e escritora Edith Checa, 1996 (en castelán).
- Ernestina de Champourcin na webdoc de rtve: as sinsombrero (en castelán).
- Rosa Fernández Urtasun Conferencia sobre Ernestina de Champourcin impartida, dentro da X Xornadas Europeas de Raíces de Europa (en castelán).
- Poemas de Ernestina de Champourcín (en castelán).
- Antoloxía de Ernestina de Champourcín (en castelán).
- Estudo sobre a lírica de Ernestina de Champourcín (en castelán).
- Rosa Fernández Urtasun. Retrato literario de Ernestina de Champourcín (en castelán).
- Rosa Fernández Urtasun. Ernestina de Champourcin: una voz diferente en la Generación del 27 Hipertexto (en castelán).
- "Premio Ernestina de Champourcin a estudios sobre la mujer" Arquivado 22 de xuño de 2017 en Wayback Machine. (en castelán).
- Páxina web Las sinsombrero Arquivado 23 de xuño de 2019 en Wayback Machine. (en castelán)