Saltar ao contido

Lyceum Club Femenino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Lyceum Club Femenino foi unha asociación de mulleres que funcionou en Madrid entre os anos 1926 e 1939.[1] Entre o importante número de socias pode destacarse á súa impulsora e presidenta, a escritora María de Maeztu.

Antecedentes internacionais

[editar | editar a fonte]

Foi fundado en 1926, por un centenar de mulleres de ámbitos culturais ilustrados, seguindo o exemplo do primeiro lyceum creado en 1904 en Londres pola escritora británica Constance Smedley-Armfield. O obxectivo do Lyceum era a defensa dos intereses da muller, á vez que lles facilitaba un lugar de encontro e promovía o desenvolvemento educativo, cultural e profesional das mulleres, así como facilitaba a organización de obras de carácter social. Pronto xurdiron clubs similares en Berlín, París, Bruxelas, Nova York, Roma, A Haia e outras cidades do mundo. En 1908, organizouse unha federación internacional destas entidades. O club era aconfesional e apolítico, e a admisión como socia estaba restrinxida a mulleres que realizasen traballos literarios, artísticos ou científicos, participasen en causas sociais ou posuísen títulos académicos.[2]

Constitución en España

[editar | editar a fonte]

O club español estaba formado por mulleres da elite sociocultural do país que polo seu ambiente familiar tiñan un elevado nivel de educación, interese pola cultura e tempo para desenvolver actividades. Esta asociación contaba no momento da súa fundación con 115 asociadas. A presidencia ostentábaa María de Maeztu. As vicepresidentas eran Victoria Kent e Isabel Oyarzábal. A secretaría recaeu en Zenobia Camprubí;[2] Amalia Galárraga era a tesoureira, Helen Phillips a vicesecretaria e María Martos de Baeza a bibliotecaria.[1] Baseábase nos Estatutos de Londres, que foron aprobados pola asociadas.[2]

Tiña seccións de Literatura, Música, Artes Plásticas e industriais, Internacional, Hispanoamérica, Ciencias e Social. Os obxectivos xerais do club concretáronse en defender os intereses morais e materiais da muller, desenvolvendo as iniciativas económicas, científicas e artísticas; fomentar o espírito colectivo, facilitando o intercambio de ideas e a compenetración de sentimentos; organizar obras de carácter social, celebrar conferencias, etc.

En 1931, creouse o Lyceum Club de Barcelona converténdose nun espazo de confluencia para destacadas escritoras catalás como Aurora Bertrana ou Carmen Montoriol.[3]

As socias

[editar | editar a fonte]

En 1927, un ano despois da súa fundación, o número de socias aumentara considerablemente.[2] O acceso á condición de membro do club non viña restrinxido por motivos ideolóxicos. As mulleres podían ser socias se cursaran estudos superiores ou se destacaran como escritoras, artistas, ou intelectuais. Tamén podían pertencer aquelas que participaran en obras sociais. Como o acceso aos estudos estaba limitado de feito ás persoas de clase media e alta, este grupo predominaba no club.[1] Entre as socias non había tampouco restrición por estado civil ou orientación sexual, incluíndose algunhas mulleres abertamente lesbianas, como era o caso de Victorina Durán. En 1930, de preto de 500 socias, 475 estaban casadas.[1]

Foron asociadas ao Lyceum Club, entre outras, Carmen Baroja, Matilde Calvo Rodero, Clara Campoamor, Zenobia Camprubí, Ernestina de Champourcín, María de Maeztu, Victorina Durán, Elena Fortún, Amalia Galárraga, Matilde Huici, Victoria Kent, María Lejárraga, María Teresa León, Concha Méndez, Margarita Nelken, Isabel Oyarzábal, Helen Phillips, Mabel Rick, Rosario Lacy, Pura Maortua, Carmen Gallardo Martín-Gamero, María Martos Arregui O'Neil, María do Mar Terrones Villanueva, Carmen Monné, María Francisca Clar Margarit, Julia Iruretagoiena e Rosa Spottorno. Na presidencia honorífica figuraban a raíña Vitoria Uxía e a Duquesa de Alba.[1]

Desaparición

[editar | editar a fonte]

Co estalido da Guerra Civil Española e a derrota e exilio da República en 1939, desmantelouse o Lyceum, que pasou a ser o "Club Medina", rexido pola Sección Feminina.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • León, María Teresa (1970) Memoria de la melancolía, Buenos Aires, Editorial Losada.
  • Rodrigo, Antonina (1979) Mujeres de España. Las silenciadas, Barcelona, Plaza & Janés, S. A.
  • Baroja y Nessi, Carmen (1998), Recuerdos de una mujer de la Generación del 98, edición de Amparo Hurtado, Barcelona, Tusquets Editores.
  • Hurtado, Amparo (1999), «El Lyceum Club Femenino (Madrid, 1926-1939)», Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, nº 36, II época, pp. 23-40.
  • Fagoaga, Concha (2002) «El Lyceum Club de Madrid, élite latente», Bussy-Genevois, Danièle (dr.), Les espagnoles dans l’histoire. Une sociabilité démocratique (XIXe-XXe siècles), Saint-Denis, Presses Universitaires de Vincennes, pp. 145-167.
  • Mangini, Shirley (2006) Las modernas de Madrid: las grandes intelectuales españolas de la Vanguardia, Barcelona, Península. «El Lyceum Club de Madrid. Un refugio feminista en una capital hostil», Asparkia, 17, pp. 125-140.
  • Marina, José Antonio, y Rodríguez de Castro, María Teresa (2009) La conspiración de las lectoras, Barcelona, Editorial Anagrama.ç
  • Aguilera Sastre, Juan (2011) «Las fundadoras del Lyceum Club Femenino Español», BROCAR, 35, pp. 65-90.
  • González Naranjo, Rocío (2015) «Ilustres tontas y locas: el Lyceum Club de Madrid, todo un ejemplo de solidaridad femenina», Martín Clavijo M., González de Sande M., Cerrato D. y Moreno Lago Eva María (Ed.), Locas. Escritoras y personajes femeninos cuestionando las normas, Sevilla, Arcibel Editores, pp. 721-734.
  • González Naranjo, Rocío (2015) «Création et association : le Lyceum Club », Il, Elle : Entre Je(u), Limoges, PULIM, pp. 243-259.