Rascón de terra
Rascón de terra | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Área de distribución de C. crex Área reprodutora de verán Área de invernada
| |||||||||||||||
Sinonimia[2] | |||||||||||||||
|
O rascón de terra[3][4] ou guión de paspallás[5] (Crex crex) é unha ave da familia dos rálidos. Reprodúcese en Europa e Asia, chegando cara ao leste ata China, e migra a África durante o inverno do hemisferio norte. En Galicia é unha ave de paso rara.[3] É un rálido de tamaño medio con partes inferiores con vetas beixes ou grises e partes superiores negras amarronadas, marcas castañas nas ás, e parte inferior cor óxido con barras brancas nos flancos e zona subcaudal. O seu forte peteiro é de cor carne, o iris é marrón claro e as patas e pés son grises claros. Os xoves son de plumaxe similar á dos adultos, e os polos están cubertos de penuxe negro, como en todos os rálidos. Non se distinguen subespecies, aínda que os individuos do leste da súa área de reprodución tenden a ser lixeiramente máis claros que os do oeste. A chamada do macho é un alto crec crec, do cal deriva o seu nome científico. O rascón de terra é máis grande que os seus parentes próximos de África (Crex egregia), que comparten con el a súa área de invernada, e dita especie ten ademais plumaxe máis escura e unha face máis sinxela.
O hábitat reprodutor desta especie son as terras cubertas de herbas, como os campos de feo e utiliza ambientes similares nos seus campos de invernada. É unha especie discreta que constrúe un niño feito de follas de herba nun burato no chan e pon de 6 a 14 ovos cor crema cubertos con manchas avermelladas. Os ovos fan eclosión en 19 ou 20 días, e os polos negros precoces empluman ás cinco semanas aproximadamente. A especie está en rápido declive en boa parte da súa anterior área de reprodución porque as modernas prácticas agrícolas con frecuencia destrúen os seus niños antes de que se completase a crianza dos polos. É omnívoro, pero aliméntase principalmente de invertebrados, e ocasionalmente de mamíferos pequenos e ras e materia vexetal incluíndo sementes de herbas e grans de cereais. As ameazas naturais ás que se enfronta son os mamíferos introducidos ou que se fixeron silvestres, as aves grandes, varios parasitos e as enfermidades.
Aínda que o número de exemplares declinou fortemente en Europa occidental, esta ave está clasificada como "especie pouco preocupante" na Lista vermella da IUCN debido á súa enorme área de distribución e as súas poboacións aparentemente estables en Rusia e Casaquistán.[1] A súa cantidade no oeste da China é máis significativa do que anteriormente se pensaba e as medidas de conservación aplicadas facilitaron un incremento da poboación nalgúns países que sufriran grandes perdas.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A familia Rallidae comprende case 150 especies. Aínda que as orixes do grupo se perden no tempo, o maior número de especies e as formas menos especializadas encóntranse no Vello Mundo, o que suxire que esta familia se orixinou alí. A taxonomía dos pequenos rascóns é complicada, pero o parente máis próximo desta especie é a espeice africana C. egregia, que ás veces é clasificado nun xénero propio, Crecopsis, pero que o máis usual é que a sitúen en Crex.[6][7] Ambas as especies son de peteiro curto con preferencia polas terras herbáceas en vez de polos hábitats acuáticos típicos dos rálidos. As Porzana, especialmente a Porzana albicollis, son parentes próximos do xénero Crex.[8]
O rascón de terra foi descrito primeiramente por Linnaeus no seu Systema Naturae en 1758 como Rallus crex,[9] pero posteriormente foi trasladado ao xénero Crex, creado polo naturalista alemán e ornitólogo Johann Matthäus Bechstein en 1803, e foi denominado Crex pratensis.[10] Porén, como o uso de crex era máis antigo que o de pratensis, dado o principio de prioridade sobre o nome específico de Bechstein, a especie acabou recibindo o seu nome actual de Crex crex.[11] O nome binomial Crex crex, que vén do grego antigo "κρεξ", é onomatopeico, e procede da chamada renxente repetitiva desta especie.[12][13]
Descrición
[editar | editar a fonte]É un rálido de mediano tamaño, de 27 a 30 cm de longo, cunha envergadura alar de 42 a 53 cm. Os machos pesan como media uns 165 g e as femias 145 g. O macho adulto ten o píleo e toda a parte superior de cor negra amarronada, con vetas beixes ou grises. As plumas cobertoiras da á son dunha distintiva cor castaña con algunhas barras brancas. A face, pescozo e peito son grises azulados, agás a liña marrón clara que vai desde a base do peteiro ata detrás do ollo, a barriga é branca, e os flancos e zona subcaudal están barrados de castaño e branco. O seu forte peteiro é de cor carne, ten un iris marrón claro e as patas e pés son grises claros. Comparado co macho, a femia ten partes superiores de tons máis cálidos e unha liña ocular máis estreita e menos nítida. Fóra da estación reprodutora, a parte superior en ambos os sexos faise máis escura e a inferior menos gris. Os xoves teñen unha aparencia similar á dos adultos, mais o seu ton na parte superior é máis amarelo e a cor gris da parte inferior é substituída por marrón con tons beixes. Os polos están cubertos de penuxe negra, como é característico nos rálidos. Aínda que non se distinguen subespecies, todas as poboacións mostran unha gran variación individual en coloración e estas aves fanse gradualmente máis claras e máis grises cara ao leste da súa área de distribución. Os adultos sofren unha muda completa despois de reproducirse, que normalmente acaba a finais de agosto ou principios de setembro, antes da migración ao sueste de África. Fan tamén unha muda parcial pre-reprodutora antes de retornaren desde África, que afecta principalmente á plumaxe da cabeza, corpo e cola. As aves novas teñen unha muda da cabeza e corpo ás cinco semanas de vida.[14]
O rascón de terra é simpátrico co rascón africano Crex egregia nos terreos de invernada, pero pode distinguirse polo seu gran tamaño, partes superiores máis claras, parte superior das ás de cor leonada e un padrón diferente da parte inferior. En voo, ten ás máis longas e arredondadas e un batido de ás menos profundo que o seu parente africano e mostra un bordo anterior branco na á ata a parte interna da á. Tanto nas áreas de reprodución coma de invernada é difícil de confundir con calquera outro rálido, xa que as especies simpátricas son máis pequenas, con marcas brancas na parte superior, diferentes debuxos nas partes inferiores e peteiros máis curtos. Un rascón de auga en voo lembra a certas aves que se cazan, pero os seus debuxos castaños das ás e as patas colgantes son características diagnósticas.[14]
Voz
[editar | editar a fonte]Nos terreos de reprodución, a chamada de anuncio do macho é un alto e repetitivo son renxente crec crec que normalmente fai desde un pousadeiro baixo coa cabeza e pescozo do animal case verticais e o peteiro completamente aberto. A chamada pode sentirse desde 1,5 km de distancia e serve para establecer o territorio de reprodución, atraer femias e retar machos intrusos. Os machos poden distinguirse individualmente por pequenas diferenzas nas súas vocalizacións. O inicio da estación fan a súa chamada case continuamente de noite e con frecuencia tamén de día.[14] Poden repetila máis de 20 000 veces nunha noite, e a frecuencia maior é ás 3 da mañá.[15] A chamada evolucionou para sinalar a localización do macho claramente, xa que esta especie se agocha entre a vexetación.[16] A frecuencia da chamada redúcese pasadas algunhas semanas, pero pode intensificarse de novo preto do final do período de posta e despois decaer outra vez contra o final da estación reprodutora. Para atraer os machos poden facerse imitacións mecánicas da súa chamada producidas fretando dous cachos de madeira ou costelas, tendo un deles amosegas,[17] ou pasando unha tarxeta de crédito sobre os dentes dun peite ou cremalleira.[15][18] O macho ten tamén unha chamada similar a un gruñido, que fai co peteiro pechado e utiliza durante as interaccións agresivas.[14]
A femia pode facer unha chamada que é similar á do macho; esta ten tamén un distintivo son de ladrido, similar en ritmo ao da chamada principal pero sen a característica renxente.[19] A femia tamén ten unha chamada piante aguda e un son u-u-u para chamar os polos. Os polos fan unha chamada tranquila de contacto piiic-piiic e un pío usado para pedir comida.[14] Debido ao difícil que é ver esta especie, xeralmente se fan os seus censos contando as chamadas dos machos entre as 11 da noite e as 3 da mañá;[20] estas aves non se moven moito de noite, pero poden vagar ata a 600 m durante o día, o cal podería facer que se contasen dúas veces se se monitorizan entón.[21] A identificación individual dos machos polas pequenas diferenzas nas súas chamadas indica que a contaxe de chamadas sobreestima a verdadeira cantidade de exemplares nunha zona en case o 30%, e incluso esta discrepancia podería ser maior, xa que só o 80% dos machos adoitan facer algunha chamada nunha determinada noite.[22] O rascón de terra é silencioso en África.[23]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Reprodúcese desde Irlanda cara ao leste a través de Europa ata Siberia central. Aínda que desapareceu de gran parte da súa antiga área, esta ave podía atoparse antes nos hábitats axeitados de toda a zona de Eurasia situada entre as latitudes 41°N e 62°N.[24] Hai tamén unha poboación de certo tamaño no oeste da China,[25] pero esta especie raramente nidifica no norte de España e en Turquía. As antigas informacións de que se reproducía en Suráfrica son incorrectas e debéronse á confusión duns ovos nunha colección dun museo que en realidade pertencían ao Rallus caerulescens.
O rascón de terra inverna principalmente en África, desde a República Democrática do Congo e o centro de Tanzania cara ao sur ata o leste de Suráfrica. Ao norte desta área, pode verse principalmente durante a migración, pero de cando en vez inverna no norte de África e ao oeste e norte da súa área central do sueste de África. A maioría da poboación do sur de África dunhas 2 000 aves vive en KwaZulu-Natal e a antiga provincia de Transvaal, e a cantidade de exemplares noutras partes de África non se coñece con seguridade. Hai varios rexistros do século XIX, cando as poboacións eran moito maiores que agora, de exemplares que foron vistos no oeste de Europa, principalmente en Gran Bretaña e Irlanda, entre decembro e febreiro.[26]
Este rascón de auga migra a África seguindo dúas rutas: unha ruta occidental a través de Marrocos e Alxeria e outra máis oriental e importante a través de Exipto. Como ave de paso foi rexistrada na maioría dos países situados entre as súas áreas de reprodución e invernada, incluíndo boa parte de África occidental.[14] Por exemplo, sábese que aves que saíron da illa de Coll, Escocia, seguindo a ruta occidental pararon en África occidental na súa viaxe cara máis ao sur, e no voo de regreso, fixeron escala en España ou norte de África.[27] Os migrantes do leste foron rexistrados nas partes do sur de Asia que están entre o leste da súa área reprodutora e África. Alén desas zonas, foi rexistrado como ave errante en Sri Lanka, Vietnam e Australia,[25] as Seychelles,[28] Bermuda,[29] Canadá, EUA, Groenlandia,[14] Islandia, as Faroes, os Azores, Madeira, e as illas Canarias.[26]
É principalmente unha especie de terras baixas, pero reprodúcese ata os 1 400 m de altitude nos Alpes, a 2 700 m na China e a 3 000 m en Rusia.[25][26] Cando se reproduce en Eurasia, os hábitats do rascón de terra incluían orixinalmente prados con ríos con herbas altas e plantas como Carex e Iris. Agora encóntrase principalmente en pradeiras húmidas usadas para a produción de feo, especialmente zonas agrícolas húmidas tradicionais cunha sega limitada ou pouco uso de fertilizantes. Tamén utiliza outras pradeiras sen árbores en montañas ou taigas, na costa, ou as creadas polo lume. Poden usar áreas máis húmidas como as beiras das zonas húmidas, pero evitan os hábitats moi húmidos, como son áreas abertas ou con vexetación de máis de 50 cm de alto ou que son demasiado densas para camiñar por elas. Os escasos arbustos ou setos poden servirlle como posto para facer as chamadas. As pradeiras que non son segadas ou pastadas acaban tendo unha vexetación demasiado enguedellada para ser axeitadas para a nidación, pero localmente poden usar campos de cereais, chícharos, nabos, trevo ou patacas. Despois de reproducirse os adultos trasládanse para mudar a zonas de vexetación máis alta como a de xuncos, iris, ou estrugas, volvendo aos prados con feo e forraxe para a súa segunda posta.[14] Na China, usa tamén os campos de liño como sitios de nidación.[25] Aínda que os machos a miúdo cantan nos campos de cereais ou herba intensamente traballados, a reprodución con éxito é pouco común, e os niños nas marxes dos campos ou preto de terras en barbeito adoitan ter máis éxito.[24]
Cando inverna en África ocupa hábitats de pradeiras secas e sabanas, e aparece en zona con vexetación de 30 a 200 cm de alto, incluíndo zonas queimadas estacionalmente e ocasionalmente zonas de Carex ou xuncos. Tamén se encontra en campos abandonados ou en barbeito, de herba sen cortar ou aeródromos, e nas beiras dos campos agrícolas. En Suráfrica vive ata polo menos os 1 750 m de altura.[14] Cada exemplar permanece dentro dunha área bastante pequena.[27] Aínda que ás veces aparece xunto co Crex egregia, esa especie normalmente prefire hábitats de pradeiras máis húmidas e curtas que o rascón de terra.[30] En migración, o rascón de terra pode tamén aparecer en campos de trigo e arredor de campos de golf.[14]
Comportamento
[editar | editar a fonte]É unha ave difícil de ver nos seus sitios de reprodución, porque normalmente se agocha entre a vexetación, pero ás veces sae a campo aberto. De cando en vez algúns individuos fanse moi fieis a un lugar; por exemplo, durante cinco veráns consecutivos un exemplar da illa escocesa de Tiree entrou nunha cociña para comer sobras, e en 1999, unha ave invernante na illa escocesa de Barra foi comer comida para galiñas unha vez que estas acabaron de alimentarse.[15] En África, é máis discreto que o Crex egregia, e, a diferenza deste parente africano, é relativamente raro velo en campo aberto, aínda que ocasionalmente se alimenta en camiños ou beiras de estradas. É máis activo ao mencer e solpor, despois de chuvias fortes e durante as chuvias lixeiras. O seu voo típico é feble e aleteante, aínda que menos que o do Crex egregia. Para voos máis longos, como na migración, ten unha acción máis constante e enérxica e coas patas pegadas. Camiña con alancadas altas e pode correr rapidamente pola herba co seu corpo mantido en posición horizontal e aplanado lateralmente. Bótase a nadar se non hai máis remedio. Cando foxe dun can, voa menos de 50 m, aterrando frecuentemente detrás dun arbusto ou uz, e despois agáchase no chan. Se é molestado en campo aberto, este rascón adoita correr en posición baixa durante unha curta distancia, co pescozo estirado cara a adiante, despois permanece de pé ergueito para ollar o intruso. Cando o capturan pode finxir estar morto, recuperando a actividade en canto ve unha vía de escape.[14]
É unha ave solitaria nos seus terreos de invernada, onde cada ave ocupa de 4,2 a 4,9 ha, aínda que a área total utilizada pode ser o dobre desa, xa que un individuo pode moverse localmente debido a inundacións, crecemento das plantas ou porque cortaron a herba. Na migración poden formarse bandadas de ata 40 exemplares, asociándose ás veces co paspallás, de aí que tamén se chame guión de paspallás. A migración ten lugar de noite, e as bandadas descansan durante o día congregándose centos de aves nos sitios favoritos.[14] A capacidade de migrar é innata, e non a aprenden dos adultos. Comprobouse que os polos criados por exemplares mantidos en catividade durante dez xeracións mantiñan unha capacidade de migrar a África e volver con éxito similar á das crías nacidas na natureza.[31]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Ata 1995 considerábase que o rascón de terra era monógamo, pero revelouse que un macho pode ter unha área de vida cambiante, e aparéase con dous ou máis femias, trasladándose cando a posta está case completa. O territorio do macho pode variar desde as 3 ás 51 ha, pero como media é de 15,7 ha. A femia ten unha área moito menor, como media de só 5,5 ha. Os machos retan os intrusos facendo chamadas coas ás colgando e a cabeza apuntando cara a adiante. Normalmente o estraño marcha dalí, pero se decide permanecer, as dúas aves enfróntanse coas cabezas e pescozos ergueitos e as ás tocando o chan. Despois corren dun lado para outro facendo unha chamada de gruñidos e arremeten un contra outro. Pode haber unha verdadeira pelexa na que as aves saltan sobre o opoñente e peteiranse e ás veces danse partadas. As femias non toman parte na defensa do territorio.
O macho pode ofrecer comida á femia durante o cortexo. A exhibición de cortexo é breve e nela estiran o pescozo coa cabeza baixa, despregan a cola e estenden as ás coas puntas tocando o chan. El intenta despois achegarse á femia desde atrás e despois salta sobre as súas costas para copular. O niño normalmente fano nunha pradeira, ás veces en sitios máis seguros en setos ou preto dunha árbore ou arbusto illados, ou entre vexetación alta. Onde a herba non é alta dabondo ao principio da estación, poden construír o primeiro niño sobre vexetacion de marisma ou herbosa, e a segunda posta fana en zonas de feo.[14] O segundo niño pode tamén situarse a maior altitude que o primeiro, para aproveitar as herbas que acaban de crecer no alto dos montes ao avanzar a estación.[32] O niño, ben agochado entre a herba, constrúese nunha depresión que escavan ou nun oco no chan. Está feito de herbas secas duras e entretecidas e outras plantas, e forrado con herbas máis finas.[33] Aínda que a construción dos niños se describe normalmente como realizada pola femia,[26] un recente estudo nun aviario atopou que nas poboacións en catividade o macho é o que sempre constrúe o niño.[34]
O niño é de 12 a 15 cm de diámetro e de 3 a 4 cm de produndidade. A posta é de 6 a 14 ovos, habitualmente de 8 a 12, os cales son ovais, lixeiramente brillantes e de cor crema ou con lixeiros tons verdes, azuis ou grises, e con manchas marróns avermelladas. Os ovos miden como media 37 × 26nbsp;mm e pesan de 13 a 16 g,[14] dos cales o 7% coresponde ao peso da casca.[35] Poñen os ovos a un ritmo de un ao día, pero nas segundas postas poden ás veces poñer dous ovos ao día. A incubación faina só a femia; a súa tendencia a permanecer sentada sobre os ovos cando se ve sorprendida ou de agardar ata o último momento para fuxir, orixina moitas mortes durante a sega do feo e a colleita. Os ovos fan eclosión xuntos despois de 19 a 20 días, e os polos son precoces abandonan o niño un día ou dous despois. Son alimentados pola femia durante tres ou catro días, pero poden atopar comida de seu a partir de entón. Os xoves empluman despois de 34 a 38 días. A segunda posta empézase uns 42 días despois da primeira e o perído de incubación é algo máis curto, de 16 a 18 días. As crías crecidas poden permanecer coa femia ata a partida para África.
O éxito na nidación en sitios sen alteracións é alto, do 80 ao 90%, pero é moito menor en prados fertilizados e en terra de labor. O método e o momento da sega é un factor esencial; a sega mecanizada pode matar do 38 ao 95% dos polos dun deteminado lugar, e as perdas poden chegar como media ao 50% na primeira rolada de polos e a algo menos do 40% na segunda.[14] A influencia do tempo climatolóxico sobre a supervivencia dos polos é limitada; aínda que o crecemento dos polos é máis rápido con tempo cálido ou seco, os efectos son relativamente pequenos. A diferenza de moitas especies con crías precoces, os polos son alimentados pola súa nai en maior ou menor medida ata que se fan independentes, e isto pode amortecer o efecto das condicións adversas. O número de polos vivos que fan eclosión é máis importante que o tempo climatoóxico, e hai unha menor supervivencia nas roladas grandes.[36] A taxa de supervivencia anual dos adultos é de menos do 30%,[35][37] aínda que algúns individuos poden vivir de 5 a 7 anos.[38]
Alimentación
[editar | editar a fonte]É unha especie omnívora, pero aliméntase principalmente de invertebrados, incluíndo miñocas, lesmas e caracoiss, arañas, escaravellos, libélulas, saltóns e outros insectos. Nas áreas reprodutoras, é un predador dos gorgullos Sitona, que infestan os campos de legumes.[14] e no pasado consumían grandes cantidades de anteriores pragas das pradeiras, como os tipúlidos e elatéridos.[39] Este rascón come tamén pequenos mamíferos e ras e material vexetal, como sementes de herbas e grans de cereais. A súa dieta nos tereos de invernada é xeralmente similar, pero inclúe presas localmente dispoñibles como térmites, carrachas e escaravellos peloteiros. O alimento recólleo do chan, sobre plantas pouco altas e no interior das matas de herba; este rascón pode buscar entre a folla seca caída co seu peteiro e correr en persecución de presas activas. Caza normalmente agochado, pero, especialmente nas áreas de invernada, ás veces aliméntase en camiños herbosos ou estradas descoidadas.[14] O material indixerible é regurxitado en forma de bólas de 1 cm.[26] Os polos son alimentados principalmente con comida de orixe animal e cando medraron dabondo poden voar cos seus pais ata a 6,4 km de distancia para visitar áreas de alimentación suplementarias. Como ocorre con outros rálidos, tragan grava para axudar a desfacer o alimento no estómago.[14][40]
Predadores e parasitos
[editar | editar a fonte]Os predadores nos terreos de reprodución inclúen os gatos domésticos ou que se volveron silvestres, os visóns americanos introducidos, furóns escapados, londras e raposos comúns, e aves como o miñato común e o corvo cincento.[14] En Lituania, tamén se informou que os cans mapache introducidos capturan rascóns de terra. Cando os polos están expostos a unha sega temperán, poden ser capturados por grandes aves como a cegoña branca, gatafornelas e outras aves de presa, gaivotas e córvidos.[41] En sitios non alterados os niños e crías raramente son atacados, como queda reflectido pola súa alta taxa de éxito reprodutivo alí. Hai un rexistro dun rascón de terra en migración en Gabón que foi cazado por un Accipiter melanoleucus.[14]
O estendido trematodo Prosthogonimus ovatus, que vive nos oviductos das avess, foi atopado no rascón de terra,[42] así como o verme parasito Plagiorchis elegans,[43] as larvas de moscas parasitas,[44] e carrachas dos xéenros Haemaphysalis e Ixodes.[45]
Durante a reintrodución dos rascóns de terra en Inglaterra na estación reprodutora de 2003, observouse enterite e outras doenzas en aves pre-liberadas que era debida a bacterias dunha especie patóxena de Campylobacter.[46]
Status
[editar | editar a fonte]Ata 2010, a pesar de que a súa área de distribución foi estimada en 12 400 000 km2, o rascón de terra foi clasificado como especie case ameazada na Lista vermella da IUCN, porque sofre un grave descenso en Europa, pero unha mellora na súa monitorización en Rusia indica que as perdas que se prevían non ocorreron e a súa cantidade permaneceu estable ou posiblemente se incrementou. Por tanto, non foi clasificada como especie pouco preocupante, xa que non se espera que as maiores poboacións que se encontran de Rusia e Casaquistán cambien moito a curto prazo. Estímase que hai de 1,3 a 2,0 millóns de parellas reprodutoras en Europa, tres cuartos das cales están na Rusia europea, e ademais hai outras 515 000 a 1 240 000 parellas na Rusia asiática; a poboción euroasiática total foi calculada entre os 5,45 e os 9,72 millóns de individuos. En gran parte da metade occidental da súa área houbo un descenso a longo prazo que se espera que continúe, aínda que as medidas de conservación aplicadas fixeron aumentar as cifras en varios países, como a quintuplicación da poboación en Finlandia e a duplicación no Reino Unido.[32] Nos Países Baixos, había 33 territorios reprodutores en 1996, pero este número incrementouse a polo menos 500 en 1998.[47]
A poboación reprodutora empezou a diminuír no século XIX, pero o proceso acelerouse despois da Segunda guerra mundial.[48] A principal causa do forte declive en gran parte de Europa é a perda de niños e polos polas segas temperáns. As datas da colleita do feo adiantáronse no pasado século debido ao rápido crecemento das colleitas, feita posible pola drenaxe do terreo e o uso de fertilizantes, e polo paso da sega manual usando gadañas á sega mecánica con segadoras que ao principio eran tiradas por cabalos e despois por tractores. A mecanización tamén significa que poden cortarse grandes áreas rapidamente, deixando ao rascón sen sitio alternativos para criar tanto na súa primeira posta coma na segunda.[41] O estilo de sega, tipicamente seguindo un padrón circular desde o exterior do campo ata o centro, dálle poucas posibilidaes de escapar aos polos, que ´quedan tamén máis expostos aos animais predadores. Os adultos poden a miúdo fuxir das segadoras, aínda que algunhas femias que están chocando os ovos séntanse firmemente sobre os ovos con resultado fatal.[14]
A perda de hábitat é a outra grande ameaza para o rascón de terra. Ademais da diminución da idoneidade do hábitat que supón a drenaxe e fertilización dos campos de forraxe en comparación cos métodos tradicionais de uso dos prados de feo, en Europa occidental axudouse con subvencións a conversión das pradeiras en terras de labor arables, e máis ao leste o colapso das granxas colectivas da era comunista contibuíu ao abandono e falta de conservación de moitas terras nesta importante área reprodutora.[41] Ameazas máis localizadas son as inundacións de primavera[49] e as molestias causadas por estradas ou parques eólicos.[41] Esta ave é boa para comer e nalgúns países publicábanse receitas de pratos con esta ave nos libros de receitas.[50] Máis significativo que a caza directa é a perda de moitos exemplares, ata 14 000 ao ano, en Exipto, onde as aves migrantes son capturadas en redes colocadas para capturar paspallases, xunto cos cales a miúdo migran (por iso se lle chama tamén guión de paspallás).[15] Aínda que isto pode acontecerlle ao 0,5 a 2,7% da poboación europea, as perdas por esta forma de caza son menores que cando a especie cazada era máis numerosa e predicible.[51]
A maioría dos países europeos tomaron medidas para conservar o rascón de terra e aplicar políticas de xestión nacionais; hai tamén un plan de acción europeo conxunto.[52] O foco dos esforzos de conservación está posto en facer un seguimento das poboacións e na ecoloxía e mellorar a supervivencia, principalmente cambiando o momento e o método da sega do feo.[32] Unha sega máis serodia deixa tempo para que a reprodución das aves se complete, e deixar sen cortar bandas nos lindes dos campos e segar desde o centro cara ao exterior reduce as baixas causadas pola sega.[14] Pénsase que coa aplicación destes cambios se pare o declive da poboación sempre que as medidas se apliquen a escala suficientemente grande.[53] A redución da caza ilegal e a protección en países onde se permite aínda a caza, son tamén posibles medidas de conservación.[32] Estase intentando a reintrodución do rascón de terra ou protexendo os seus sitios de reprodución en varios países.[54] Onde os sitios de reprodución afectan áreas urbanas, hai custosas implicacións, estimadas nun estudo en Alemaña en varios millóns de euros por cada rascón.[55] A especie non parece estar seriamente ameazada nos seus terreos de invernada e pode beneficiarse da deforestación, que crea máis hábitats abertos axeitados para ela.[30]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Crex crex". IUCN Red List of Threatened Species (IUCN) 2012: e.T22692543A38352465. doi:10.2305/IUCN.UK.2012-1.RLTS.T22692543A38352465.en. Consultado o 1 de novembro de 2016.
- ↑ Stone, Witmer (1894). "A Review of the Old World Rallinae". Proceedings of the Academy of Natural Sciences of Philadelphia 46: 130–149.
- ↑ 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- ↑ Definición de Rascón de terra no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016.
- ↑ Taylor & van Perlo 2000, p. 30
- ↑ Livezey 1998, p. 2098
- ↑ Livezey 1998, p. 2134
- ↑ Linnaeus, Carolus (1758). Systema naturae per regna tria naturae, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata (en latín) 1. Holmiae (Stockholm): Laurentii Salvii. p. 153.
- ↑ Bechstein, Johann Matthäus (1803). Ornithologisches Taschenbuch von und für Deutschland oder kurze Beschreibung aller Vogel Deutschlands [Paperback by and for Germany or a Brief Description of All Birds in Germany] (en alemán). vol 2. Leipzig: Richter. p. 336. doi:10.5962/bhl.title.62820.
- ↑ Sclater, Philip Lutley (1896). "Remarks on the divergencies between the "Rules for naming Animals" of the German Zoological Society and the Stricklandian Code of Nomenclature". Proceedings of the Zoological Society of London 54 (2): 306–319.
- ↑ Wood, John George (1855). The Illustrated Natural History. Londres: G. Routledge. p. 302.
- ↑ Smith, John Maynard; Harper, David (2003). Animal Signals. Oxford: Oxford University Press. p. 11. ISBN 0-19-852685-7.
- ↑ 14,00 14,01 14,02 14,03 14,04 14,05 14,06 14,07 14,08 14,09 14,10 14,11 14,12 14,13 14,14 14,15 14,16 14,17 14,18 14,19 14,20 14,21 Taylor & van Perlo 2000, pp. 320–327
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 Cocker, Mark; Mabey, Richard (2005). Birds Britannica. Londres: Chatto & Windus. pp. 178–180. ISBN 0-7011-6907-9.
- ↑ Osiejuk, Tomasz S.; Olech, Bogumia (2004). "Amplitude spectra of Corncrake calls: what do they signalise?" (PDF). Animal Biology 54 (2): 207–220. doi:10.1163/1570756041445218. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de decembro de 2013. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ Boswall, J. (1998). "Answering the calls of nature: human mimicry of avian voice" (PDF). Transactions of Leicester Literary and Philosophical Society 92: 10–11. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de decembro de 2017. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ Mason, A. G. (1940). "On Some Experiments with Corncrakes". The Irish Naturalists' Journal 7 (9): 226–237. JSTOR 25532979.
- ↑ Ottvall, Richard (1999). "Female Corncrake (Crex crex) singing in the wild". Journal of Ornithology 140 (4): 453–456. doi:10.1007/BF01650989.
- ↑ Bibby, Colin J.; Burgess, Neil D.; Hill, David A.; Mustoe, Simon; Lambton, Sandra (2000). Bird Census Techniques. Kidlington, Oxfordshire: Academic Press. p. 180. ISBN 978-0-12-095831-3.
- ↑ Hudson, Anne V.; Stowe, Tim J.; Aspinall, Simon J. (1990). "Status and distribution of Corncrakes in Britain in 1988" (PDF). British Birds 83 (5): 173–187.
- ↑ Peake, T.M.; McGregor, P.K. (2001). "Corncrake Crex crex census estimates: a conservation application of vocal individuality" (PDF). Animal Biodiversity and Conservation 24 (1): 81–90. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2012. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ Newman, Kenneth (2002). Newman's Birds of Southern Africa. Cape Town: Struik. pp. 120–122. ISBN 1-86872-735-1.
- ↑ 24,0 24,1 Green, Rhys E.; Rocamora, Gerard; Schäffer, Norbert (1997). "Populations, ecology and threats to the Corncrake Crex crex in Europe" (PDF). Vogelwelt 118: 117–134. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 25,3 Bräunlich, Axel; Rank, Michael (2001). Schäffer, N.; Mammen, U., eds. Notes on the occurrence of the Corncrake (Crex crex) in Asia and in the Pacific region (PDF). Proceedings International Corncrake Workshop 1998. Hilpoltstein, Germany. pp. 10–13. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de xaneiro de 2012. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Snow, David; Perrins, Christopher M., eds. (1998). The Birds of the Western Palearctic. vol 1 (concise ed.). Oxford: Oxford University Press. pp. 496–499. ISBN 0-19-854099-X.
- ↑ 27,0 27,1 Pitches, Adrian (2013). "Corn Crakes—a Scottish conservation success story". British Birds 106 (5): 241–242.
- ↑ Skerrett, Adrian; Betts, Michael; Bullock, Ian; Fisher, David; Gerlach, Ron; Lucking, Rob; Phillips, John; Scott, Bob (2006). "Third report of the Seychelles Bird Records Committee" (PDF). Bulletin of the African Bird Club 13 (1): 65–72.
- ↑ Bourne, W.P.R. (1957). "The breeding birds of Bermuda". Ibis 99 (1): 94–105. doi:10.1111/j.1474-919X.1957.tb01935.x.
- ↑ 30,0 30,1 Taylor & van Perlo 2000, pp. 316–320
- ↑ Pain, Debbie; Green, Rhys; Clark, Nigel (2011). "Bird on the edge: can the Spoon-billed Sandpiper Eurynorhynchus pygmeus be saved?" (PDF). BirdingASIA 15: 26–35. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2013. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 32,3 "Species factsheet: Crex crex". BirdLife International. 2015. Arquivado dende o orixinal o 03 de maio de 2015. Consultado o 27 de maio de 2015.
- ↑ Seebohm, Henry (1896). Coloured Figures of the Eggs of British Birds. Edited posthumously by Richard Bowdler Sharpe. Sheffield: Pawson & Brailsford. p. 83.
- ↑ Graham, Jamie (2009). "Corn Crake pair-bonding and nesting behaviour" (PDF). British Birds 102 (4): 217.
- ↑ 35,0 35,1 Robinson, R.A. (2005). "Corncrake Crex crex (Linnaeus, 1758)". BirdFacts: profiles of birds occurring in Britain & Ireland (BTO Research Report 407). Thetford: BTO. Consultado o 12 de xuño de 2011.
- ↑ Tyler, G.A.; Green, Rhys E. (2004). "Effects of weather on the survival and growth of Corncrake Crex crex chicks". Ibis 146 (1): 69–76. doi:10.1111/j.1474-919X.2004.00225.x.
- ↑ Green, Rhys E. (2004). "A new method for estimating the adult survival rate of the Corncrake Crex crex and comparison with estimates from ring-recovery and ring-recapture data" (PDF). Ibis 146 (3): 501–508. doi:10.1111/j.1474-919x.2004.00291.x. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ Hume, Rob (2009). RSPB Complete Birds of Britain and Europe. Royal Society for the Protection of Birds. Londres: Dorling Kindersley. p. 264. ISBN 1-4053-4589-6.
- ↑ Stone, Witmer (1932). "Collinge on the Corn-crake" (PDF). The Auk 49 (1): 126–127. JSTOR 4076773. doi:10.2307/4076773.
- ↑ Taylor & van Perlo 2000, pp. 39–41
- ↑ 41,0 41,1 41,2 41,3 Koffijberg & Schaffer 2006, p. 21
- ↑ Rothschild, Miriam; Clay, Theresa (1953). Fleas, Flukes and Cuckoos. A Study of Bird Parasites. Londres: Collins. pp. 204–205.
- ↑ Yildirimhan, Hikmet S.; Bursey, Charles R.; Altunel, F. Naci (2011). "Helminth parasites of the Balkan green lizard, Lacerta trilineata Bedriaga 1886, from Bursa, Turkey" (PDF). Turkish Journal of Zoology 35 (3): 1–17. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de agosto de 2018. Consultado o 09 de setembro de 2019.
- ↑ Matyukhin, V.; Krivosheina, M.G. (2008). "Contribution to the knowledge of Diptera (Insecta) parasitizing on birds". Entomological Review 88 (2): 258–259. doi:10.1134/S0013873808020115.
- ↑ Hoogstraal, Harry; Traylor, Melvin A.; Gaber, Sobhy; Malakatis, George; Guindy, Ezzat; Helmy, Ibrahim (1964). "Ticks (Ixodidae) on migrating birds in Egypt, spring and fall 1962". Bulletin of the World Health Organization 30 (3): 355–367. PMC 2554818. PMID 14163959.
- ↑ Mudenda, N.; Sainsbury, A.W.; Macgregor, S.K.; Flach, E.J.; Owen, R.J. (2008). "Prevalence of Campylobacter species in corncrakes (Crex crex) in a reintroduction programme in the UK". Veterinary Record 163 (9): 274–275. PMID 18757906. doi:10.1136/vr.163.9.274.
- ↑ van den Berg, Arnoud B. (1999). "European news 45". British Birds 92 (6): 278–300.
- ↑ Koffijberg & Schaffer 2006, p. 6
- ↑ Donaghy, A. (2007). "Corncrakes: a lot done, more to do". Wings 46: 26–27.
- ↑ Beeton, Isabella (1861). The Book of Household Management. Londres: S.O. Beeton. p. 210.
- ↑ Newton, Ian (2010). Bird Migration (Collins New Naturalist Library 113). Londres: Collins. p. 532. ISBN 0-00-730732-2.
- ↑ International Single Species Action Plan for the Conservation of the Corncrake, June 2006.
- ↑ Green, Rhys E.; Tyler, G.A.; Stowe, T.J.; Newton, A.V. (1997). "A simulation model of the effect of mowing of agricultural grassland on the breeding success of the corncrake (Crex crex)". Journal of Zoology 243 (1): 81–115. doi:10.1111/j.1469-7998.1997.tb05758.x.
- ↑ Holden, Peter; Cleeves, Tim (2010). RSPB Handbook of British Birds. Robertsbridge, East Sussex: Christopher Helm. p. 110. ISBN 1-4081-2735-0.
- ↑ Matauschek, Jan Marcus (2005). "The impact of endangered species law on the real estate development process explored with cost-benefit analysis: The case of the corncrake in Hamburg/Germany" (PDF). German Working Papers in Law and Economics 2005 (Paper 7): 1–30.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rascón de terra |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Rascón de terra |
Ojutros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Koffijberg, Kees; Schaffer, Norbert (2006). International single species action plan for the conservation of the Corncrake Crex crex (PDF). Bonn, Germany: Convention on the Conservation of Migratory Species of Wild Animals (CMS) and Agreement on the Conservation of African-Eurasian Migratory Waterbirds (AEWA) (CMS Technical Series & AEWA Technical Series 14 & 9).
- Livezey, Bradley C. (1998). "A phylogenetic analysis of the Gruiformes (Aves) based on morphological characters, with an emphasis on the rails (Rallidae)". Philosophical Transactions of the Royal Society of London 353 (1378): 2077–2151. PMC 1692427. doi:10.1098/rstb.1998.0353.
- Lockwood, W.B. (1984). Oxford Book of British Bird Names. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-214155-4.
- Taylor, Barry; van Perlo, Berl (2000). Rails. Robertsbridge, Sussex: Pica. ISBN 1-873403-59-3.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeos, fotos, e sons de rascón de terra na Internet Bird Collection
- Crex crex en Flickr: Field Guide Birds of the World
- Plumas de rascón de terra (Crex crex)Arquivado 19 de agosto de 2018 en Wayback Machine.
- Upon Appleton House, to my Lord Fairfax de Andrew Marvell
- The Landrail de John Clare
- Texto sobre esta especie en The Atlas of Southern African Birds
- {{{2}}} en Avibase
- Galería de fotos de Rascón de terra en VIREO (Universidade de Drexel)
- Crex-crex - Gravacións de sons de Corn crake en Xeno-canto.