Feo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  • Este artigo trata sobre a herba seca, para o contrario de belo ou bonito véxase laido.
Palleiro en Romanía, semellante aos galegos.
Monllo de feo na India.
Cabalos a comer feo.

O feo[1] ou feno[2] é a herba dunha gramínea ou dunha leguminosa segada e seca que serve de alimento para o gando[3]. As flores de pasto tamén adoitan ser parte dea mestura. As plantas que se utilizan comunmente para o feo inclúen a herba de Vigo (Lolium multiflorum) e o ballico ou raigrás (Lolium perenne), con mesturas doutras herbas e trevos (vermello, branco e subterráneo). A avea, o orxo e mailo trigo tamén soen formar parte do feo. En moitos países, a alforfa constitúe un feo de calidade superior, para o gando bovino e as bestas.

En climas secos e calorosos, o feo está formado de herbas bastas moi secas que teñen moi pouco valor nutricional, mais non existe outra alternativa para os granxeiros desas zonas.

O material das follas determina a calidade do feo. Os agricultores intentan xulgar o punto no que a folla dun prado acada o seu máximo antes de cortar a forraxe. O material segado déixase a enxugar de xeito que a maior parte da humidade se perda, pero o material siga rexo de abondo para que a maquinaria o poida apañar do chan e procesalo para o almacenar en fardos, balas ou en monllos.

Usos[editar | editar a fonte]

O feo emprégase normalmente para alimentar a animais domésticos como as ovellas, cabras, vacas e cabalos cando ou onde non hai herba fresca de abondo, ou cando a herba fresca é demasiado rica para unha doada dixestión do animal. Os porcos poden alimentarse con feo, mais non dixiren a fibra das plantas moi eficientemente.

Fenificación[editar | editar a fonte]

A fenificación ou seca da herba é a operación que consiste someter a desecamento á herba acabada de segar, normalmente pola acción do ar e sol[4].

Até finais do século XIX non se facían medrar herba e trevo xuntos porque as culturas rotaban. Porén, na estación de crecemento, normalmente a primavera, as granxas producían moita máis forraxe da que os animais podían consumir. Xusto cando o pasto acadaba o seu máximo, inmediatamente antes de que a herba florease se se atinaba ben, cortábase o pasto. Gran parte seguí a segarse con gadañas por cuadrillas de homes. Máis tarde, isto facíase con segadoras poxadas por bestas e, a partir dos anos 30, poxadas por tractores. Nos anos 30, unha boa xestión dos pastos demostrou que os pastos máis produtivos eran o ballico e o trevo, polo que se tomaban compromisos cando era a hora de segar. Máis tarde, algúns granxeiro facían cultivos especiais, como a alforfa, para conseguiren feo de alta calidade ou de propósitos especiais.

Durante o período de secado, de varios días, o proceso podíase acelerar, e os efectos da choiva importaban, dándolle a volta á herba. Ao principio isto facíase a man cunha forca ou un angazo, e máis tarde con angazos poxados por tractores. O secado pódese acelerar máis co uso dunha fenificadora, unha máquina que espalla a herba cortada. Este proceso chámase fenificación.

Posteriormente, o feo seco amoreábase arrastrándoo a man ou con máquinas, de xeito que formase unha pía lineal. Mentres se ia amoreando, o feo apañábase por outra cuadrilla. Ao principio isto facíase recolléndoo cunha forca nun carro ou nun camión, e máis tarde con angazos de feo enganchados a un automóbil, camión ou tractor. Como alternativa, o feo solto podíase colocar en feixes ou medas para o seu secado antes de recollelo.

O feo solto trasladábase a unha zona designada para o amoreamento —normalmente unha zona algo elevada para drenar a auga— onde se formaba unha pía de feo ou palleiro. A pía facíase a proba de auga (unha tarefa de considerábel habilidade) e o feo comprimíase baixo o seu propio peso e curábase pola liberación de calor da humidade residual do feo e das forzas de compresión. A pía arrodeábase dun valado para a separar do resto da leira. Cando facía falla, o palleiro abríase cun coitelo e cada día parte de el utilizábase para alimentar os animais. Dependendo da zona, o palleiro podía estar apoiado sobre dunha estrutura interna ou baixo un tellado móbil que se podía baixar mentres se retiraba feo.

Nalgunhas granxas, o feo solto almacenábase nun alpendre ou alboio, normalmente de xeito que se comprimise e curase. O feo podía almacenarse no sollado do alpendre, sobre dos animais, ou nunha palleira, especialmente deseñada para abeirar o feo.

O monllos de feo producen calor interno por mor da fermentación bacteriana. Se se amorea feo con herba húmida, a calor producida pode ser de abondo para prender lume no palleiro. Os granxeiros teñen que ter conta dos niveis de humidade para evitaren esta "combustión espontánea".

Palleiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Palleiro.

Os palleiros ou medas son unha construción rústica, característica de lugares como o centro e norte da Península Ibérica ou zonas agrícolas de Romanía. Consiten nunha morea de palla ou de herba seca en forma de cono, que se fai na eira de tal xeito que non se molle coas choivas[5]. Componse dun pau central de madeira sobre o que se acumula o feo cortado.

A partir do século XXI, co uso da maquinaria, este xeito de almacenamento foi substituído polas balas ou vultos de palla. Arranxar o feo cómpre dunha dedicación e boa preparación do mesmo para contar coas condicións óptimas para o consumo do mesmo.

Enfardelamento mecanizado[editar | editar a fonte]

Rotoenfardeladora mecánica.

As enfardeladoras móbiles, máquinas que apañana e enfardelan o feo nun mesmo proceso, desenvolvéronse arredor de 1940. As primeiras enfardeladoras producían fardos rectangulares o bastante miúdos para que un home puidese levalos na cabeza, colocándoos no chan. O tamaño e a forma permitía que unha persoa puidese recoller estes vultos, amorealos nun vehículo para o seu transporte cara a zona de almacenamento e despois erguer o palleiro. Como a choiva arrastra os nutrientes do feo, este acostumaba a se almacenar nun alpendre ou se abeiraba cunha lona impermeábel.

Despois dalgúns intentos de mecanizar o transporte de fardos pequenos desde a leira ao palleiro, os granxeiros pasaron a utilizar enfardeladoras que producían fardos maiores, maximizando a cantidade de feo que fica abeirada dos elementos. Os vultos rectangulares grandes son fáciles de apiar, porén os vultos redondos poden facerse máis densos e hoxe en día son máis comúns nos países occidentais. A razón entre o volume e a área da superficie posibilita que moitos granxeiros de zonas secas poidan deixar os fardos á intemperie até rematar de seren consumidos. Os granxeiros de zonas húmidas desenvolveron saquetas de plástico para envolver os vultos que se deixan fóra.

Estas grandes balas arredondadas de feo supoñen un perido para os granxeiros: de 1992 a 1998, 74 traballadores de granxa morreron en incidentes con fardos redondos de feo.[6] Cómpre extremar a precaución cando se traballa decote con grandes fardos redondos de feo.

Bote con fardos rectangulares de feo, a finais do século XIX.

A colla dunha cantidade máxima de feo de gran calidade depende completamente da ocorrencia simultánea de condiciones óptimas da cultura, o agro e mailo clima. Cando isto ocorre, pode haber un período de actividade intensa na granxa de feo no que a colla prosigue até que as condicións climáticas deixan de ser favorábeis. No período de "vacacións de verán", no que as escolas públicas fechaban, era tradición que os rapaces axudaran na colla familiar do feo.

Febre do feo[editar | editar a fonte]

A febre do feo é o estado alérxico periódico que aparece na primavera e verán e caracterizado pola presenza de conxuntivite, rinite, e posibilidade de crise asmática, estando causado polo pole das gramíneas[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Entrada no DRAG.
  2. Non é normativo, pero a palabra está recollida entre outros en: E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
  3. Dicionario da Real Academia Galega, A Coruña, RAG, 2012
  4. Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  5. Definición no Portal das palabras
  6. "Hazards Associated with Using Farm Tractors to Move Large Bales". Consultado o 10 de setembro 2006.  |url-arquivo= ten un formato incorrecto: data (Axuda)
  7. Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]