Saltar ao contido

CASA/IPTN CN-235

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CASA/IPTN CN-235
CN-235 de Salvamento Marítimo aterrando en Santiago
Tipotransporte/patrulla marítima
FabricanteConstrucciones Aeronáuticas SA, IPTN
Primeiro voo11 de novembro de 1983
Introducido1 de marzo de 1988
Principais usuariosForza Aérea de Turquía
USAF
Forza Aérea de Francia
Forza Aérea de Corea do Sur
Corpo Aéreo de Irlanda
Produción1983-presente
Unidades construídas284
VariantesEADS CASA HC-144 Ocean Sentry

O CASA/IPTN CN-235 é un avión de transporte de alcance medio bimotor desenvolvido conxuntamente por Construcciones Aeronáuticas SA (CASA) de España e IPTN de Indonesia como un avión de pasaxeiros rexional e transporte militar. Entre os seus principais roles militares están a patrulla marítima, a vixilancia e o transporte aéreo. O seu maior usuario é Turquía, que ten 59 unidades.[1]

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O proxecto foi unha empresa conxunta entre Construcciones Aeronáuticas SA (CASA) e Indonesian Aerospace (PT. Dirgantara Indonesia), anteriormente coñecida como IPTN, que formou Airtech International para xestionar o programa. A asociación aplicouse só ás Series 10 e Series 100/110, sendo as versións posteriores desenvolvidas independentemente. Hai ao redor de 230 CN-235 de todas as versións en servizo que levan acumulados máis de 500 000 horas de voo.

O deseño comezou en xaneiro de 1980 e o primeiro voo foi o 11 de novembro de 1983. As certificacións española e indonesia chegaron o 20 de xuño de 1986; o primeiro voo dun exemplar de produción realizouse o 19 de agosto de 1986 e a aprobación de tipo da FAA foi concedida o 3 de decembro. O avión entrou en servizo o día 1 de marzo de 1988.

En 1994 o Corpo Aéreo de Irlanda recibiu dous CN-235 de vixilancia marítima usando un aparello prestado de CASA dende 1992 mentres se fabricaban os seus propios aparellos.[2]

En 1995 CASA iniciou o desenvolvemento dun CN-235 alongado coñecido como o C-295. En decembro de 2002 a Armada de Colombia pediu dous CN-235 para patrulla e misións contra o tráfico de drogas.[3]

En abril de 2005 Venezuela ordenou dous CN-235 de vixilancia marítima e 10 de transporte, pero a operación suspendeuse porque o goberno dos Estados Unidos negouse a permitir a transferencia do que eles consideraban tecnoloxía estadounidense na aviónica.[4]

En xaneiro de 2006 Tailandia pediu a Indonesian Aerospace dez avións, seis para o Ministerio de Defensa e catro para o Ministero de Agricultura.

En agosto de 2006 tres avións CASA CN-235-10 voaban en aeroliñas en África, dous con Safair e un con Tiko Air. A aeroliña filipina Asian Spirit operou un único CN-235-220.

En decembro de 2007 España mercou dous CN-235 de patrulla marítima para a Garda Civil que serían entregados en 2008 e 2009.

O Ministerio de Defensa de Indonesia mercou un CN-235 MPA a Indonesian Aerospace que foi entregado en xuño de 2008.

A principios de xullo de 2008 a Armada de México anunciou que mercaría seis CASA CN-235 a España.[5] En abril de 2010, Hervé Morin, o Ministro de Defensa francés, anunciou a compra de oito CN-235-300 tamén a España.[6]

A Forza Aérea de Corea do Sur mercou 20 aeronaves CN-235, 12 fabricadas por CASA e 8 por Indonesian Aeroespace, usadas como transporte e como transporte VIP. En 2011 Indonesian Aerospace estaba traballando en catro CN-235-110 MPA para a Garda Costeira de Corea do Sur, valorados en 96 millóns de dólares.[7]

A Forza Aérea do Senegal mercou dous CN-235 en 2010 e en agosto de 2012 por 13 millóns de dólares. O país planea mercar dous aparellos máis para tranporte VIP e carga e tam´n está interesado na versión de patrulla marítima.[8]

  1. "Orders, Deliveries, In Operation Military aircraft by Country" (PDF). Airbus. Archived from the original on 20 de novembro de 2015. Consultado o 2018-11-26. 
  2. "CASA CN 235 | Fleet | Air Corps | Defence Forces". www.military.ie (en inglés). Consultado o 2018-11-26. 
  3. "Colombia adquiere dos aviones EADS CASA CN-235 para vigilancia marítima y lucha contra el narcotráfico". airbusgroup (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2018. Consultado o 2018-11-26. 
  4. "Venezuela Buys Military Equipment" (en inglés). Consultado o 2018-11-26. 
  5. "Seis CN-235-300 Persuader para la Armada de México | Blog Militar el Gran Capitán". 2008-12-05. Archived from the original on 05 de decembro de 2008. Consultado o 2018-11-26. 
  6. "Francia compra a EADS ocho aviones CN-135-300 por 250 millones de euros". Libertad Digital (en castelán). 2010-04-04. Consultado o 2018-11-26. 
  7. "RI seeks to exchange planes with South Korea | The Jakarta Post". 2011-08-27. Archived from the original on 27 de agosto de 2011. Consultado o 2018-11-27. 
  8. Martin, Guy. "Senegal seeking more CN235s | defenceWeb". www.defenceweb.co.za (en inglés). Consultado o 2018-11-27.