Adam Eckfeldt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAdam Eckfeldt


Biografía
Nacemento15 de xuño de 1769.
Filadelfia, Pensilvania.
Morte6 de febreiro de 1852 (82 anos)
Filadelfia, Pensilvania.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
Actividade
OcupaciónCuñador xefe da Casa da Moeda de Filadelfia
Familia
CónxuxeMaria Hahn.
Margaretta Baush.
FillosJacob R. Eckfeldt; Anna Mary, Elias, Susannah, Adam e Margharetta Eckfeldt.


John Adam Eckfeldt, nado en Filadelfia o 15 de xuño de 1769 e finado na mesma cidade o 6 de febreiro de 1852, foi un traballador da primeira etapa da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia, o segundo en ocupar o cargo de cuñador xefe, entre 1814 e 1839.

O pai de Adam Eckfeldt era propietario dunha gran ferraría e participou nos primeiros intentos de cuñar moeda estadounidense. Adam Eckfeldt construíu as primeiras prensas da Ceca de Filadelfia, gravou algúns dos seus primeiros cuños e foi responsable dos deseños das primeiras moedas de cobre estadounidenses, así como da famosa proba dos 5 centavos de prata (half disme) de 1792, que algunhas autoridades consideran como a primeira moeda propiamente dos Estados Unidos. Foi nomeado cuñador adxunto da Casa da Moeda en 1796, e pasou a ser cuñador xefe logo do falecemento do seu predecesor, Henry Voigt, en 1814.

Eckfeldt foi cuñador xefe durante un cuarto de século, período no que a Ceca de Filadelfia se trasladou a unhas novas instalacións. Ademais dos labores propios do seu cargo, Eckfeldt comezou a apartar e conservar as moedas raras que a poboación entregaba á casa da moeda como metal para a súa fundición e posterior recuñaxe, e puxo en marcha un gabinete numismático na casa da moeda, que evolucionou ata se converter na Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos.

Mesmo despois da súa xubilación en 1839, Eckfeldt seguiu desempeñando voluntariamente e sen retribución as funcións de cuñador xefe, e logo do seu falecemento foi relevado por Franklin Peale.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

John Adam Eckfeldt naceu en Filadelfia, Pensilvania, o 15 de xuño de 1769, fillo de Maria Madalena e de John Jacob Eckfeldt,[1] un gran fabricante de ferramentas e utensilios de corte.[2][3][4] Naquela época, era común que os descendentes de alemáns levasen como primeiro nome "John", aínda que o común era que se lles chamase polo segundo nome.[5]

Os pais de Adam emigraran de Nuremberg, en Baviera, cara a 1764.[4] John Jacob Eckfeldt, na súa gran ferraría, fabricara xa algúns cuños para a cuñaxe de moedas de 1783 baixo os Artigos da Confederación, autorizado polo financeiro de Filadelfia Robert Morris. Adam foi aprendiz do seu pai e adquiriu unha gran destreza no traballo co ferro e no uso da maquinaria.[6]

Carreira na Casa da Moeda de Filadelfia[editar | editar a fonte]

Inspección das primeiras moedas, de John Dunsmore (1856-1945). Entre outros, o presidente Washington (4º pola esquerda), o daquela secretario de estado Thomas Jefferson (5º), a primeira dama (6ª, sentada), David Rittenhouse (7º), Henry Voigt (8º) e Adam Eckfeldt (9º).

Durante a infancia de Eckfeldt, as trece colonias británicas situadas ao longo da costa atlántica dos actuais Estados Unidos subleváronse, o que deu lugar á posterior independencia daqueles territorios. Logo da ratificación da Constitución estadounidense, o Congreso e numerosas oficinas gobernamentais pasaron a ter a súa sede en Filadelfia, incluída a Casa da Moeda dos Estados Unidos, que se acababa de crear.[7] Adam Eckfeldt construíu a primeira prensa de fuso para as novas instalacións en 1792, o mesmo ano en que o Congreso aprobou a coñecida como Lei da Moeda de 1792, que autorizaba o establecemento dunha casa de moeda nacional, e el foi o encargado de gravar o cuño do anverso do centavo experimental de Birch ese mesmo ano.[5] Adam tamén construíu outra maquinaria para a casa da moeda e axudou a supervisar as súas primeiras cuñaxes.[3][8]

Prensa de Eckfeldt de 1792, exposta na Ceca de Filadelfia baixo o cadro de Dunsmore, no que sae representada.

En 1792, a casa da moeda adquiriu tres balanzas de Eckfeldt, quen tamén lle prestou á institución o seu torno, que pasou a utilizarse para tornear os cuños.[9] Crese que Eckfeldt foi quen elaborou o cuño a partir do cal se cuñou a moeda de cinco centavos de prata (half disme) de 1792, considerada por algúns como a primeira moeda cuñada de xeito oficial polo Goberno dos Estados Unidos. En 1829, un visitante da casa da moeda coñeceu a Eckfeldt e máis tarde describiuno como "un artista que fixo o primeiro cuño utilizado nela".[10] E tamén outros relatos posteriores documentan o papel de Eckfeldt nesta cuñaxe: nunha poxa de 1863 vendeuse un exemplar do half disme presumiblemente regalado por Eckfeldt para demostrar o seu traballo. Cítase a Eckfeldt como fonte da tradición de que esa cuñaxe en proba foi cuñada por petición do presidente George Washington para ser utilizada como agasallo.[11]

Eckfeldt fixo funcionar a súa prensa de fuso para cuñar aproximadamente 1.500 exemplares do half disme o 13 de xullo de 1792.[5] Como a primeira Casa da Moeda de Filadelfia aínda estaba daquela en construción, estas moedas producíronse no soto de John Harper, un fabricante de serras de Filadelfia.[7][12] Na súa mensaxe anual ao Congreso a finais dese ano, Washington deu conta da construción en curso dun edificio para a casa da moeda e declarou: "Tamén houbo un pequeno comezo na cuñaxe de half dismes; a falta de moedas pequenas en circulación fixo que a primeira atención recaese neles".[13] Eckfeldt tamén cuñou unha proba dunha moeda de dez centavos (disme), cunha tiraxe de só uns poucos exemplares.[14]

Cuñaxe en proba da moeda de 5 centavos (half disme) de 1792.[15]

Cando en 1793 saíron da casa da moeda os primeiros centavos de cobre, a súa aparencia foi considerada ruda pola poboación, que os recibiu con burlas, o que motivou que se lle pedise a Eckfeldt que realizase uns novos cuños. O resultado foi a inclusión dunha coroa vexetal no reverso do centavo (centavo Wreath) no canto da cadea da emisión anterior (centavo Chain), ademais dun trevo baixo a cabeza da representación alegórica da Liberdade no anverso.[16] Tamén gravou os cuños da primeira moeda de medio centavo ese mesmo ano.[17][18]

Eckfeldt continuou a traballar de xeito intermitente para a Casa da Moeda de Filadelfia. En 1793 construíu un dispositivo para introducir automaticamente os discos no colo do cuño e expulsar as moedas xa cuñadas,[2] e os rexistros da casa da moeda revelan que realizou tamén traballos alí, contratado por obra, en xullo de 1795.[19] En outubro de 1795 xa consta no cadro de persoal da casa da moeda, co posto de forxador e torneiro de cuños,[2] cun salario de 500 dólares por ano.[6] O 1 de xaneiro de 1796, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Elias Boudinot, nomeouno cuñador adxunto, coa anuencia do presidente Washington.[3] As súas funcións nese posto eran amplas.[6]

Cando se comprobou que os cuños que se estaban a utilizar resultaban demasiado quebradizos e fendían con facilidade, a Eckfeldt ocorréuselle a idea de esparexer auga sobre a face do cuño para que o aceiro se temperase uniformemente.[19] En 1805, por petición do director Boudinot, Eckfeldt eliminou tamén un problema de seguridade para a casa da moeda alugando dúas casas adxacentes, o que lle permitiu pechar unha calella interna ao acceso do público.[20] O ano seguinte, o novo director da casa da moeda, Robert Patterson, solicitou un aumento de soldo de 200 dólares para Eckfeldt, cunha carta dirixida ao presidente Thomas Jefferson na que aseguraba que Eckfeldt exercía de facto "a dirección de todo o departamento de cuñaxe".[6]

De cativo, o inventor George Escol Sellers coñecía a Eckfeldt, xa que o pai de Sellers era socio dunha empresa que lle subministraba maquinaria á casa da moeda. Nos derradeiros anos do século XIX e da vida de Sellers, este publicou as súas memorias, nas que revivía lembranzas da primeira Casa da Moeda de Filadelfia. Entre as anécdotas, recordaba que en 1812 se asomou por unha fiestra para ver como se cuñaban os centavos, e que Eckfeldt entrou na sala para deter o traballo ao final do día. Ao ver o neno, fíxoo entrar, díxolle que colocase un disco de cobre na prensa e cuñouno para el. Sellers estivo a piques de o deixar caer porque estaba moi quente. Eckfeldt lembroulle que estaba frío cando o colocou na prensa e díxolle que o gardase ata que soubese por que quecera tanto, e que daquela xa podería gastar a moeda en caramelos.[21]

Etapa como cuñador xefe[editar | editar a fonte]

Réplica en prata da medalla da xubilación de Adam Eckfeldt. Anverso creado por Moritz Fürst (1839).
Reverso da anterior, obra de Moritz Fürst ou de Franklin Peale.

Logo do pasamento do que fora o primeiro cuñador xefe da casa da moeda, Henry Voigt, o 15 de febreiro de 1814, Eckfeldt foi nomeado como o seu sucesor polo presidente James Madison, e desempeñou ese cargo durante un cuarto de século, ata 1839.[1][2][3] Durante o seu mandato, seguiu mellorando a maquinaria da Ceca de Filadelfia.[19]

Eckfeldt estableceu que en cada cuñaxe se reservasen e conservasen as "moedas mestras" —as cuñadas con extremo coidado, sobre discos especialmente puídos e cos primeiros golpes dos cuños novos—.[22] Tamén comezou a apartar as moedas estranxeiras raras e interesantes, das que a poboación enviaba á casa da moeda para a súa fundición e posterior conversión en moeda estadounidense. Todas estas pezas pasaron a formar parte do Gabinete Numismático da Casa da Moeda, que Eckfeldt creou en 1838 no seo desa institución.[1][23] Para cubrir as lagoas desa incipiente colección pública, mesmo utilizou cuños antigos para cuñar algunhas moedas con data posterior. Os especialistas descubriron que algúns dos cuños de anverso e de reverso que el elixiu para tal fin non se utilizaran xuntos no seu día para cuñar moedas destinadas á circulación, creando así exemplares únicos.[24] Tamén adquiriu algunhas pezas que lle resultaban de interese para completar a colección, entre as que se achaba un espécime do dobrón Brasher, do que só se coñecen seis exemplares.[25] Eckfeldt adoitaba botar man dos seus propios fondos para adquirir moedas para o Gabinete da Casa da Moeda. Co tempo, esta colección converteuse na Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos, xestionada polo Instituto Smithsoniano.[26]

En 1828, Eckfeldt participou novamente nunhas transaccións inmobiliarias para ampliar as operacións da Ceca de Filadelfia, e por 1.000 dólares promoveu a adquisición dun dos terreos que se alugaran en 1805. Despois do traslado da primeira casa da moeda ás súas novas instalacións na década de 1830, Eckfeldt logrou tamén que aqueles terreos se vendesen en 1837 pola mesma suma pola que foran comprados.[20] O novo edificio da Ceca de Filadelfia estaba nas rúas Juniper e Chestnut, a só seis quinteiros da residencia de Eckfeldt, na propia rúa Juniper.[27]

George Escol Sellers, nas súas memorias antes citadas, describiu a Eckfeldt como:[28]

[...] un home de firme integridade, un home cauto, coidadoso, ordenado e meticuloso; non era un dos mecánicos audaces, impulsivos e inventivos, aínda que baixo o seu coidado se adoptaron gradualmente moitas melloras aparentemente lixeiras mais que en conxunto supuxeron unha gran economía de traballo. Non carecía en absoluto de capacidade inventiva.

No entanto, á medida que Eckfeldt avellentaba ao servizo da casa da moeda, a finais da década de 1820 e principios da de 1830, comezou a amosarse remiso a adoptar as innovacións propostas polo seu compañeiro, o fundidor e refinador Franklin Peale. Este, igual que Eckfeldt de inclinacións mecánicas, achegaba moitas suxestión para a mellora da maquinaria de cuñaxe, algunhas das cales foron adoptadas por Eckfeldt.[29] Nunha carta a Sellers, Eckfeldt indicábase: "Se o señor Peale tivese todo o poder poríao todo boca abaixo". Segundo Sellers:[30]

[...] A renuncia a un estilo de traballo de case toda a vida, que fora a constante preocupación de Eckfeldt, naturalmente, sería duro, e aínda máis vindo doutro departamento, mais á medida que as melloras se introducían gradualmente e demostraban a súa eficacia, Eckfeldt dáballe todo o crédito a quen lle correspondía, e lembro que se entusiasmou co aforro de traballo [no uso do torno de retratos Contamin] na duplicación das matrices de traballo.
Medalla de ouro orixinal presentada a Adam Eckfeldt, pola súa xubilación en 1839.

En 1833, Peale foi enviado de xira polas casas de moeda europeas para aprender novas técnicas, e regresou a Filadelfia con ideas para novas máquinas e innovacións diversas, entre elas a introdución da enerxía de vapor, utilizada na Real Casa da Moeda de Londres desde 1810, con equipamentos adquiridos á compañía Boulton & Watt, que utilizaba na Ceca de Soho.[3][31] Aínda que Eckfeldt tería preferido aplicar o vapor ás prensas de moedas existentes, construíuse unha nova prensa para a enerxía de vapor, e con ela cuñáronse unhas medallas conmemorativas, como primeiras pezas producidas a vapor na Ceca de Filadelfia, a principios de 1836.[32]

En 1839, Eckfeldt xubilouse logo de 25 anos exercendo o cargo de cuñador xefe e máis de corenta como empregado da casa da moeda. Os seus compañeiros nesa institución obsequiárono cunha medalla de ouro, da que tamén se cuñaron duplicados en prata e en bronce. O anverso foi deseñado polo gravador de Filadelfia Moritz Fürst, que por veces realizaba algúns traballos para a casa da moeda. O reverso pode ser obra de Fürst ou de Peale.[1][24]

Páxina de sinaturas da carta entregada a Eckfeldt pola súa xubilación, asinada, entre outros, por Patterson, Peale, Jacob Eckfeldt e Christian Gobrecht.

Eckfeldt recomendou a Peale como o seu sucesor,[1] e Peale foi nomeado.[24] Non obstante, Eckfeldt seguiu desempeñando as funcións de cuñador xefe sen remuneración ata poucos días antes da súa morte,[1][33] o 6 de febreiro de 1852,[1][3] en tanto que Peale dedicaba o tempo liberado a deseñar e vender medallas para beneficio propio, cos equipamentos da casa da moeda.[24] Despois da morte de Eckfeldt, Peale escribiu o que o historiador numismático Don Taxay denomina unha "carta frenética" ao daquela director da Casa da Moeda, George Nicholas Eckert, na que solicitaba o nomeamento dun axudante, dada a cantidade de traballo que vía que tiña que asumir.[33]

En 1996, a American Numismatic Association honrou a figura de Adam Eckfeldt coa súa inclusión no Salón da Fama da entidade.[1][34]

Vida privada e familiar[editar | editar a fonte]

Eckfeldt contraeu matrimonio en dúas ocasións. Co seu breve primeiro matrimonio en 1792 con Maria Hahn, que terminou coa morte desta, non houbo descendencia, mais do seu segundo matrimonio, con Margaretta Bausch, naceron seis fillos,[1] entre eles, a súa filla Susanna, que casou con William Ewing DuBois, primeiro conservador da colección de moedas da Casa da Moeda. Jacob Reese Eckfeldt, un dos fillos varóns, foi durante corenta anos (1832-1872) ensaiador da Casa da Moeda dos Estados Unidos, e o fillo deste, Jacob Branch Eckfeldt, superou a ambos antepasados en tempo de servizo, traballando na casa da moeda durante 64 anos, de 1865 a 1929.[24]

Adam Eckfeldt era afeccionado á horticultura e posuía unha propiedade rural en Upper Darby, Pensilvania, que herdaron os seus dous fillos.[4] Por outra banda, á parte da súa dedicación á casa da moeda, Eckfeldt foi o primeiro presidente da compañía de bombeiros Good Will, cargo que ocupou durante case toda a súa vida adulta,[35] e deseñou un sistema de pancas para o seu uso en camións de bombeiros.[36]

Foi membro da loxa Concordia número 67 entre 1795 a 1806, e mestre da loxa en 1803. No Museo de Arte de Filadelfia consérvase un recipiente de porcelana chinesa de exportación co seu nome e os símbolos masónicos.[37]

Nun esbozo biográfico de Eckfeldt publicado en 1897, Samuel Fitch Hotchkin, describiu así a súa figura:[4]

Era un home moi informado sobre moitos temas; posuía un xenio inventivo e foi capaz de introducir algunhas excelentes melloras nos procesos de cuñaxe. Era singularmente traballador e enérxico, e polas súas calidades sociais e a súa rectitude era universalmente respectado e, de feito, querido polos traballadores asociados con el e polo amplo círculo dos seus coñecidos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Smith, P. (2020).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Forrer, L. (1907).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Evans, G. G., ed. (1885). Páxinas 110-111.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hotchkin, S. F. (1897). Páxinas 348-349.
  5. 5,0 5,1 5,2 Smith, P. (1997). Páxina 61.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 102.
  7. 7,0 7,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 72-73.
  8. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 59.
  9. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 73.
  10. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 71.
  11. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 72.
  12. Breen, W. (1988). Páxinas 152-153.
  13. Orosz, J. J. (2012).
  14. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 76.
  15. "5 Cents "Half Disme"". Numista.com
  16. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 104.
  17. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 105.
  18. Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 105.
  19. 19,0 19,1 19,2 Smith, P. (1997). Páxina 62.
  20. 20,0 20,1 Orosz, J. J.; Augsburger, L. D. (2011). Páxina 49.
  21. Orosz, J. J.; Augsburger, L. D. (2011). Páxinas 50-51.
  22. Evans, G. G., ed. (1885). Páxina 41.
  23. Camparette, L. T. (1906). Páxina 78.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 Smith, P. (1997). Páxina 63.
  25. Breen, W. (1988). Páxina 92.
  26. Lange, D. W. (2006). Páxina 162.
  27. Orosz, J. J.; Augsburger, L. D. (2011). Páxinas 62-63.
  28. Ferguson, E. S., ed. (1965). Páxina 70.
  29. Ferguson, E. S., ed. (1965). Páxina 71.
  30. Ferguson, E. S., ed. (1965). Páxina 76.
  31. "The Modern Age". The Royal Mint Museum.
  32. Ferguson, E. S., ed. (1965). Páxinas 76-78.
  33. 33,0 33,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 183.
  34. "Numismatic Hall of Fame". American Numismatic Association.
  35. Scharf, J. T.; Westcott, T. (1884). Páxina 1.894.
  36. "On fire engines, hose, and some other apparatus manufactured and used in Philadelphia, for the purpose of extinguishing fire". En The Franklin Journal and American Mechanics' Magazine. The Franklin Institute, Filadelfia. Vol. 3. Nº 5.Maio de 1827. Páxina 26.
  37. Lee, J. G. (1984). Páxina 139.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Henry Voigt

Cuñador xefe da Ceca de Filadelfia
US Mint

1814 - 1839
Sucesor:
Franklin Peale