Moeda dun centavo de dólar Chain

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda dun centavo de dólar Chain [1]
A/: Cabeza da liberdade tipo Flowing Hair. Data.

Lendas: LIBERTY / 1793.

R/: Valor facial en letra e como fracción, rodeado por unha cadea.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / ONE CENT / 1/100

A moeda dun centavo de dólar Chain foi o a primeira moeda estadounidense dun centavo de cobre de tamaño grande, producida unicamente en 1793.

Esta moeda caracterízase pola presenza no seu reverso dunha cadea —en inglés Chain, que lle dá o nome—, como símbolo da unión dos estados dos Estados Unidos, aínda que este deseño causou controversia entre a poboación, que asociou a cadea coa falta de liberdade.

O centavo Chain foi a primeira moeda producida oficialmente pola Casa da Moeda dos Estados Unidos para a súa circulación ordinaria,[2] de conformidade coa Lei do 14 de xaneiro de 1793.[3] Anteriormente existira xa o centavo Fugio, de 1787 —tamén coñecido como centavo Franklin—, baseado no dólar continental, mais esa moeda non fora cuñada para a circulación pola US Mint.

Produción[editar | editar a fonte]

Henry Voigt, que fora nomeado cuñador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos o 29 de xaneiro de 1793, completou os cuños desta moeda en febreiro dese mesmo ano, segundo consta nun posterior informe ao Congreso do director da Casa da Moeda, Elias Boudinot, do 9 de febreiro de 1795.[3]

O cobre para a fabricación dos discos procedía da chatarra que estaba dispoñible na Casa da Moeda desde outubro de 1792, polo que o metal presentaba grandes variacións en canto a homoxeneidade, densidade, maleabilidade e dureza, o que ocasionou que moitas das moedas cuñadas acaben presentando defectos como pequenas burbullas, cavidades ou laminacións.[4] Pola súa parte, pódese asegurar que o aceiro para os cuños era dunha gran calidade, xa que segundo consta nos rexistros, para a cuñaxe das 36.103 moedas utilizáronse unicamente catro cuños do anverso e dous do reverso.[3]

Segundo o investigador numismático Walter Breen, é probable que a primeira cuñaxe dos centavos Chain se producise de xeito cerimonial o 22 de febreiro de 1793, coincidindo co aniversario de Washington,[5] e a esta primeira entrega seguiríana outras oito posteriores, entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo, ata que a produción se tivo que deter por mor da falla de discos para a cuñaxe.[3][6]

Aínda que o 31 de marzo xa estaban dispoñibles 40.000 novos discos de cobre, a emisión do centavo Chain xa non se retomou, e estes utilizáronse para a cuñaxe do seu substituto, o coñecido como centavo Wreath, co que se pretendeu acabar coa controversia orixinada polo deseño da cadea[3]

Deseño[editar | editar a fonte]

Anverso[editar | editar a fonte]

O deseño do anverso consistía nunha cabeza estilizada da Liberdade ollando cara á dereita e co cabelo solto ao vento, formado por guechos soltos e en punta. Na súa parte superior inclúese a inscrición LIBERTY ("Liberdade") e por baixo da cabeza, no exergo, a data.[1][3]

O recurso á cabeza da Liberdade resultaba practicamente inevitable, atendendo aos termos da Lei da Moeda do 2 de abril de 1792, que prescribía no anverso das moedas "un deseño emblemático da liberdade".[3]

Reverso[editar | editar a fonte]

A figura central do reverso, que lle dá o nome á moeda, é unha cadea entrelazada de 15 elos, que representan os 15 estados da unión existentes naquel momento. Dentro da cadea aparecen as inscricións relativas ao seu valor facial, tanto en letra, ONE CENT, como en forma de fracción do dólar, 1/100. Rodeando este motivo central aparece a inscrición UNITED STATES OF AMERICA.[1][3]

No primeiro cuño de produción, o gravador non deixou espazo suficiente para toda a inscrición, polo que nas moedas cuñadas con este primeiro cuño a fraseaparece abreviada como UNITED STATES OF AMERI.[3] Coñécense arredor de 200 exemplares con esta variante, un dos cales foi vendido nunha poxa numismática en 2019 por un millón e medio de dólares.[2] Consonte algúns autores, esta abreviación foi ordenada expresamente polo director da Casa da Moeda, David Rittenhouse, nun intento de equilibrar os deseños de ambas as faces, na procura dunha mellor cuñaxe.[7]

Canto[editar | editar a fonte]

O canto desta moeda está decorado con barras e pólas de vides con follas.[1][3]

Acollemento e controversia[editar | editar a fonte]

Os centavos Chain cuñáronse a finais de febreiro e principios de marzo de 1793. Os rexistros da Casa da Moeda indican que se produciron 36.103 unidades.[2][3]

Mais ao pouco tempo da súa posta en circulación, a poboación comezou a expresar unha reacción maioritariamente desfavorable cara á moeda. Un xornal criticaba o aspecto da cabeza da Liberdade, aducindo que parecía estar asustada. E, aínda que a cadea do reverso pretendía simbolizar a unidade da Unión que se acababa de constituír —esta iconografía era similar á do reverso da moeda anterior dun centavo Fugio e á moeda continental da época da Guerra da Independencia—, moitas críticas apuntaban a unha interpretación asociada á escravitude.[3]

Canto ao anverso, o cabelo con aspecto debía representar a liberdade, mais foi entendido por moitos como unha falla de respectabilidade ou como unha mostra de salvaxismo ou mesmo de tolemia. A este respecto, no Coin Collectors Journal expresábase o seguinte, un século despois do lanzamento da moeda:[8] "Un arado e unha gavela de trigo serían mellores que a cabeza dun idiota co pelo alborotado, que pretendía denotar a Liberdade, mais que o mundo suporá que pretendía designar a cabeza dunha india".[3]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

Ao ser unha moeda producida nun único ano e constituír o primeiro centavo oficialmente cuñado pola US Mint, a súa demanda foi sempre moi elevada,[2] tanto polos coleccionistas de centavos de tamaño grande como polos coleccionistas de tipos da moeda estadounidense.[9]

Dos 36.103 unidades exemplares cuñados apenas sobreviviron ata os nosos días arredor dun milleiro, polo que mesmo os espécimes que presentan graos de conservación máis modestos acadan no mercado do coleccionismo prezos da orde dos milleiros de dólares.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Cent "Flowing Hair Cent" Chain reverse". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "1793 Flowing Hair Large Cent, Chain ReverseFlowinghaircent.com
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 "1793 Chain Design". Breen, W. (2000).
  4. Julian, R. W. (1974). Páxina 68.
  5. Julian, R. W. (1974). Páxina 64.
  6. Julian, R. W. (1963). "The Beginning of Coinage-1793". En Numismatic Scrapbook Magazine. Maio. Páxina 1.359.
  7. Julian, R. W. (2021). "Mottos on United States Coinage". En Numismatic News. 12 de outubro. Vol. 70. Nº 26.
  8. Coin Collectors Journal. Febreiro de 1877. Páxina 28.
  9. Thorne, M. (2018). "Collect All 17 U.S. Cent Types". En Numismatic News. 29 de novembro.
  10. Spurrier, L. (2019) "A Breakdown of Flowing Hair Large Cents". En Coin Week. 30 de xullo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Breen, W. (1989). Walter Breen's Encyclopedia of United States and Colonial Proof Coins, 1722-1989. Bowers and Merena. ISBN 978-0943161211
  • Breen, W. (2000). Walter Breen's Encyclopedia of Early United States Cents, 1793-1814. Bowers & Merena. ISBN 9780943161860
  • Julian, R. W. (1974). "The Cent Coinage of 1793". En Numismatic Scrapbook Magazine. Decembro. Páxinas 60-68.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]