Jacob R. Eckfeldt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJacob R. Eckfeldt
Biografía
NacementoMarzo de 1803.
Filadelfia, Pensilvania.
Morte9 de agosto de 1872 (68/69 anos)
Filadelfia, Pensilvania.
Datos persoais
País de nacionalidade Estadounidense.
RelixiónLuteranismo.
Actividade
OcupaciónEnsaiador da Casa da Moeda de Filadelfia
EmpregadorCasa da Moeda dos Estados Unidos Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeEmily M. Levering (1835).
FillosFrederick Eckfeldt.
Jacob Bausch Eckfeldt.
John Wiegand Eckfeldt.
PaiAdam Eckfeldt Editar o valor em Wikidata


Jacob Reese Eckfeldt, nado en Filadelfia en marzo de 1803 e finado na mesma cidade o 9 de agosto de 1872, foi ensaiador de metais na Ceca de Filadelfia, da Casa da Moeda dos Estados Unidos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Nado en Filadelfia en marzo de 1803, Jacob R. Eckfeldt era o fillo maior de Margaretta e Adam Eckfeldt (1769-1852), cuñador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia.[1][2][3][4]

Desde rapaz destacou o seu interese polo coñecemento da física e a mecánica, e recibiu a súa educación prinicpalmente na academia clásica do Dr. Wylie e o Sr. Engles, de moita sona naquel tempo.[2][3]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

O seu primeiro traballo foi na administración dunha fábrica de algodón en Trenton, na que permaneceu varios anos, e posteriormente seguiu o seu pai na súa dedicación ao servizo do Goberno e ingresou na Casa da Moeda de Filadelfia, na sala de separación de metais, ás ordes do daquela refinador e fundidor Joseph Cloud.[2] Ao longo da súa traxectoria na institución foi ascendendo ata que o presidente de Andrew Jackson lle encomendou o cargo de ensaiador xefe,[1] o 30 de abril de 1832,[5] en substitución do anterior titular, John Richardson, que chegaba á súa idade de xubilación.[3] Eckfeldt exerceu este cargo durante catro décadas, ata a súa morte.[2]

No exercicio do seu cargo, Eckfeldt beneficiouse das innovacións que outro funcionario da Casa da Moeda, Franklin Peale, levara a Filadelfia logo da súa viaxe a Europa en 1833 para visitar, entre outras, a Monnaie de Paris e a Royal Mint de Londres, e tamén das balanzas e outros instrumentos de precisión creados por Saxton.[6]

A partir do éxito das minas de ouro nos estados sureños e do aumento do comercio en Nova Orleáns, o Congreso aprobou en 1835 a creación de tres sucursais da Casa da Moeda dos estados Unidos no sur —a Ceca de Charlotte (Carolina do Norte), a Ceca de Dahlonega (Xeorxia) e a Ceca de Nova Orleáns (Luisiana)—[7] o que obrigou a Eckfeldt a impartir formación a tres ensaiadores que foron designados para eses lugares.[6]

Durante o seu mandato, Jacob R. Eckfeldt informou de problemas con certos lotes de soberanos británicos que foran enviados á Casa da Moeda para a súa recuñaxe, e sinalou que eses lotes en particular estaban por baixo dos estándares da Casa da Moeda. As autoridades inglesas negárono por "imposible", xa que a Royal Mint de Londres "non comete erros", mais a investigación resultante confirmou as conclusións ás que chegara Eckfeldt. En resposta, o Parlamento británico ordenou un exame minucioso do peso e a lei das moedas de todo o mundo, que determinou que as moedas producidas nos Estados Unidos eran máis uniformes que as doutras nacións, achado que enxalzou a reputación mundial de Eckfeldt como ensaiador.[1]

A principios do verán de 1870 Eckfeldt sufriu unha grave doenza que lle xerou unha afección cardíaca. Dado o seu estado de saúde, o 26 de abril de 1872 acudiu por derradeira vez ao seu posto de traballo na Casa da Moeda de Filadelfia.[8]

Vida persoal e familiar[editar | editar a fonte]

Jacob Eckfeldt foi bautizado e confirmado na igrexa luterana e posteriormente uniuse á presbiteriana. Ademais, participaba asiduamente na Sociedade Bíblica e en diversas actividades de beneficencia.[9]

O 19 de outubro de 1835 casou con Emily M. Levering (1810-1895),[5] con quen tivo tres fillos: Frederick, John Wiegand e Jacob Bausch.[5] Este último traballou na Ceca de Filadelfia ás ordes do seu pai en 1865.[3][4]

Eckfeldt finou en Filadelfia, vítima da doenza que padedcía os últimos anos, o 9 de agosto de 1872.[1][3][5] O seu corpo foi soterrado no cemiterio luterano de Saint Paul, en Ardmore, condado de Montgomery, Pensilvania.[10]

Honras[editar | editar a fonte]

Medalla da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos de 1873, que dedica o seu reverso á memoria de Jacob Eckfeldt.[11]

Foi elixido membro da Sociedade Filosófica Americana en xaneiro de 1843.[1][9]

O día seguinte do seu pasamento, a Ceca de Filadelfia organizou un acto de homenaxe no que participaron entre outros, o director da US Mint James Pollock, e o daquela cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Archibald Loudon Snowden.[12]

A figura de Jacob R. Eckfeldt foi honrada tamén coa dedicatoria do reverso da medalla emitida en 1873 pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos, creada por William Barber.[5]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa traxectoria, Eckfeldt foi autor de dous traballos monográficos relacionados co seu ámbito profesional:[3][5][13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Wilson, J. G.; Fiske, J. (eds). (1900).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Du Bois, W. (1873). Páxina 547.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Assayers: Jacob R. Eckfeldt". EarlyUnitedStatesCoins.com
  4. 4,0 4,1 "Eckfeldt Family Tree (U.S. Mint-Related)". Expo.whitman.com
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Smith, P. (2020).
  6. 6,0 6,1 Du Bois, W. (1873). Páxina 548.
  7. Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Pub., Atlanta. Páxina 50. ISBN 978-0-7948-1972-9
  8. Du Bois, W. (1873). Páxina 549.
  9. 9,0 9,1 Du Bois, W. (1873). Páxina 551.
  10. "Jacob Reese Eckfeldt". Findagrave.com
  11. "1873 Assay Commission Medal". Heritage Auctions. 16 de setembro de 2006.
  12. "In Memoria: the late Professor Eckfeldt". En The Philadelphia Inquirer. 13 de agosto de 1872. Páxina 8.
  13. "Jacob R. Eckfeldt". The Online Books Page.
  14. "Jacob R. Eckfeldt". Entities.oclc.org

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]