Moeda dun centavo de dólar Wreath

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moeda dun centavo de dólar Wreath [1]
A/: Cabeza da liberdade tipo Flowing Hair. Póla vexetal e data.

Lendas: LIBERTY / 1793.

R/: Valor facial rodeado por grilanda vexetal. Valor facial como fracción no exergo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / ONE CENT / 1/100

A moeda dun centavo de dólar Wreath foi unha moeda estadounidense de cobre dese valor facial cuñada en 1793. Caracterízase pola grilanda ou coroa vexetal do seu reverso (Wreath en inglés), e é o segundo modelo dos centavos emitidos co anverso do tipo Flowing hair, logo do centavo Chain, tamén de 1793.

Este novo modelo do centavo foi a resposta do director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, David Rittenhouse, ás críticas publicadas nos xornais sobre o modelo anterior.[2]

Produción[editar | editar a fonte]

A cuñaxe deste centavo comezou o 4 de abril de 1793, inicialmente uns poucos exemplares de proba a modo de pezas de representación, sobre discos especialmente puídos e abrillantados.[3] Os discos para a cuñaxe ordinaria elaboráranse nos derradeiros días de marzo, utilizando a chatarra de cobre comprada pola incipiente Casa da Moeda entre o 1 e o 6 de marzo, que se esgotou o 19 de abril, o que motivou a interrupción da produción.[2]

No entanto, posteriores adquisicións de cobre nos meses de maio e xuño posibilitaron a continuación das cuñaxes ao longo do ano. Entre o 9 de abril e o 17 de xullo entregáronse 63.353 exemplares en nove lotes.[2][4]

Deseño[editar | editar a fonte]

Aínda que algúns autores lle outorgan a autoría do gravado desta moeda a Henry Voigt, o certo é que non hai rexistros que poidan confirmar tal hipótese. Segundo o investigador numismático Walter Breen, Voigt non foi o seu creador, xa que o estilo é demasiado diferente ao do centavo Chain, que si que llo atribúe con certeza. Xa que logo, Breen considera que a responsabilidade deste deseño debeu estar entre os gravadores Birch e Adam Eckfeldt, quizais mesmo de xeito compartido, dada a proximidade entre o estilo do centavo Wreath e outras moedas creadas por ambos.[2]

Anverso[editar | editar a fonte]

Exemplar da moeda na Colección Numismática Nacional dos EUA, exposto no National Museum of American History, do Instituto Smithsoniano.

O deseño do anverso consistía nunha cabeza estilizada da Liberdade ollando cara á dereita e co cabelo solto ao vento, formado por guechos soltos e en punta, dos cales os tres inferiores son especialmente longos e diverxentes. Na súa parte superior inclúese a inscrición LIBERTY ("Liberdade") e por baixo da cabeza unha pequena póla con tres follas e, no exergo, a data.[1][2]

Malia responder ao mesmo modelo, o deseño da cabeza da Liberdade sufriu lixeiras modificacións con respecto ao do anterior centavo Chain, aínda que os cambios se produciron sinaladamente no reverso, que sufriu unha modificación total do seu deseño.[5]

Reverso[editar | editar a fonte]

A figura central do reverso, que lle dá nome á moeda, é unha coroa ou grilanda vexetal composta por dúas pólas con follas lanceoladas, amarradas na parte inferior por un lazo. No medio de cada póla hai un trevo. No interior deste conxunto amósase a expresión do seu valor facial, ONE CENT, que se repite debaixo, no exergo do reverso, en forma de fracción de dólar: 1/100. Rodeando este deseño do reverso aparece a inscrición UNITED STATES OF AMERICA, cunha grafila de puntos no seu exterior.[1][2]

Variantes[editar | editar a fonte]

Cuñáronse 63.353 exemplares do centavo de tipo Wreath, aproximadamente o dobre do anterior modelo Chain.[5] Os primeiros espécimes presentaban no seu canto un deseño estilizado de vides e barras, que coincidía exactamente co canto do centavo Chain. En cuñaxes posteriores, o deseño do canto substituíuse pola inscrición ONE HUNDRED FOR A DOLLAR ("Cen por un dólar").[1][2]

No ámbito do coleccionismo das primeiras moedas de cobre dos Estados Unidos adoitan clasificarse as moedas en trece variantes, consonte a escala de Sheldon. A maioría destas variantes implican cambios relativamente menores, e con frecuencia requiren un exame moi exhaustivo para as discernir.[2] Así e todo, hai unha variante que é sinaladamente recoñecible, coñecida como "folla de amorodeira", por mor da semellanza coa folla desta planta que adquire o pequeno trifolio do anverso, sobre a data. Só se coñecen catro exemplares desta variante, todos eles moi gastados pola circulación.[5] O mellor espécime coñecido da variante "folla de amorodeira" vendeuse nunha poxa numismática en decembro de 2004 por 414.000 dólares.[6]

Coleccionismo[editar | editar a fonte]

O centavo Wreath é o segundo tipo dos centavos de dólar de tamaño grande cuñados en 1793. Por mor da súa escaseza, é moi apreciado non só polos coleccionistas de centavos grandes, senón en xeral polos coleccionistas de tipos da moeda estadounidense, o que explica a súa gran demanda.[7]

Probablemente se conserve arredor do 4 % das 63.353 moedas cuñadas orixinalmente; é dicir, entre 2.400 e 2.800 exemplares, dos que arredor de 30 están nun estado de conservación perfecto, sen sinais de circulación, e o resto en graos de conservación moi diversos.[2]

En 2013, un exemplar nun sorprendente estado de conservación clasificado como MS-69 —sen sinais de ter circulado— pola entidade clasificadora Professional Coin Grading Service (PGS) foi adxudicado nunha poxa pública por 558.125 dólares.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "1 Cent "Flowing Hair Cent" Wreath reverse". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 "1793 Wreath Design". En Breen, W. (2000).
  3. Breen, W. (1989). Páxina 30.
  4. Julian, R. W. (1963). "The Beginning of Coinage - 1793". En Numismatic Scrapbook Magazine. Maio. Páxina 1.359.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "1793 Flowing Hair Large Cent, Wreath Reverse". Flowinghaircent.com
  6. Block, F. (2020). "A Rare 1793 Strawberry-Leaf Cent Hits Auction for the Fourth Time in 130 Years". Penta (Barrons.com). 30 de xullo.
  7. Thorne, M. (2018). "Collect All 17 U.S. Cent Types". En Numismatic News. 29 de novembro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Breen, W. (1989). Walter Breen's Encyclopedia of United States and Colonial Proof Coins, 1722-1989. Bowers and Merena. ISBN 978-0943161211
  • Breen, W. (2000). Walter Breen's Encyclopedia of Early United States Cents, 1793-1814. Bowers & Merena. ISBN 9780943161860
  • Julian, R. W. (1974). "The Cent Coinage of 1793". En Numismatic Scrapbook Magazine. Decembro. Páxinas 60-68.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]