Acordos de Abraham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sinatura dos Acordos de Abraham na Casa Branca o 15 de setembro de 2020.

Os Acordos de Abraham son a denominación empregada para referirse ao proceso de normalización diplomática, auspiciado polos Estados Unidos, entre países de maioría islámica e Israel a partir do ano 2020. Orixinalmente, os Acordos de Abraham eran unha declaración conxunta entre o Estado de Israel, os Emiratos Árabes Unidos, e os Estados Unidos, feita o 13 de agosto de 2020.[1] Mais logo tamén se empregou para referirse aos acordos para manter relacións diplomáticas formais entre Israel e Emiratos Árabes Unidos e Bahrain, e por extensión a outros como Marrocos e Sudán.

Mapa dos países asinantes dos Acordos de Abraham en setembro de 2020: Israel (cor azul), Bahrain (cor laranxa) e os Emiratos Árabes Unidos (cor granate).

Os Acordos de Abraham supuxeron a primeira normalización diplomática entre un país árabe e Israel dende 1994, cando o fixera Xordania. Os tratados orixinais foron asinados o 15 de setembro de 2020 nos xardíns da Casa Branca en Washington, D.C., polo ministro de exteriores emiratí Abdullah bin Zayed bin Sultan Al Nahyan, o seu homólogo de Bahrain Abdullatif bin Rashid Al Zayani, o primeiro ministro de Israel Benjamin Netanyahu, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Os negociadores foron Jared Kushner e Avi Berkowitz, conselleiros do presidente dos Estados Unidos.[2][3]

A intitulación oficial do acordo entre Emiratos Árabes Unidos e Israel é Acordos de paz de Abraham: tratado de paz, relacións diplomáticas e normalización plena entre os Emiratos Árabes Unidos e o Estado de Israel.[4][5] Mentres que o pacto entre Bahrain e Israel denomínase Acordos Abraham: Declaración de paz, cooperación e relacións amigables e diplomáticas e foi anunciado polos Estados Unidos o 11 de setembro de 2020.

A referencia a Abraham buscouse para destacar a orixe común das crenzas do xudaísmo e do islam, ambas as dúas relixións, abrahámicas e monoteístas, recoñecen como patriarca a Abraham e baseánse na louvanza ao seu Deus.[6]

Posteriormente, outros países musulmáns sumáronse aos Acordos de Abraham recoñecendo ao Estado de Israel e abrindo relacións diplomáticas con el. Deste xeito, Marrocos normalizou as súas relacións con Israel en decembro de 2020 logo de que os Estados Unidos recoñeceran a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental;[7] tamén Sudán, a partir de xaneiro de 2021, adheriuse á declaración tras serlle retirada a cualificación de "estado patrocinador do terrorismo" e de recibir axuda financeira dos Estados Unidos.[8][9]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

As relacións entre Israel e os países árabes de Oriente Próximo foron complexas dende antes do nacemento do Estado de Israel en 1948: en decembro de 1945 a Liga Árabe aprobou un boicot á comunidade xudía establecida no mandato de Palestina para limitar a inmigración, posteriormente, en 1947, a maioría de países musulmáns rexeitaron o Plan das Nacións Unidas para a partición de Palestina que daría na creación de dous estados (un xudeu e outro árabe) no territorio do mandato británico, e, en 1948, a Liga Árabe estendeu o boicot ao recentemente establecido o Estado de Israel.[10][11] Ademais, cómpre indicar que nas décadas seguintes a ocupación israelí de Palestina e as guerras cos seus veciños favoreceron que a maioría dos países árabe non recoñecesen a Israel. Grazas á mediación dos Estados Unidos, esta posición foi abandonada por Exipto en 1979 e por Xordania en 1994.[12][13]

Tanto Bahrain como os Emiratos Árabes Unidos independizáronse en 1971, é dicir, con posterioridade ás medidas anteriormente referidas, aínda que ambos os dous estados sumáronse ás iniciativas de boicot. Mais os dous países comezaron a manter certas relacións informais con Israel logo dos Acordos de Oslo de 1993. En Bahrain existe unha pequena comunidade xudía en Al-Qatif, que está integrada na sociedade que a acolle, contando mesmo con representación política.[14] Entre Emiratos Árabes Unidos e Israel houbo momentos de maior tensión, como cando en 2010, as autoridades emiratís responabilizaron ao Mossad da morte dun líder de Hamás en Dubai.[15]

Doutra parte, dende comezos do século XXI, as monarquías sunnitas do golfo Pérsico perciben como unha ameaza crecente a Irán, especialmente tras o seu plan nuclear.[16] Estes temores coinciden cos de Israel, o que favoreceu achegamentos patrocinados polos Estados Unidos.[15][17]

Negociacións[editar | editar a fonte]

O 28 de xaneiro de 2020, o goberno de Donald Trump presentou un proposta de paz para Israel e Palestina na Casa Branca.[18] Segundo este plan, o 30% de Cisxordania ficaría baixo o control administrativo e militar israelí, polo que o goberno de Benjamin Netanyahu valorou a posibilidade de anexionar territorio cisxordano.[19] Esta posibilidade foi rebatida polo embaixador emiratí nos Estados Unidos, Yousef Al-Otaiba, nun artigo de prensa o 12 de xuño de 2020 publicado polo xornal de Tel-Aviv, Yedioth Ahronoth. Segundo a súa opinión de Al-Otaiba a anexión de territorio cisxordano por Israel comprometería a seguridade, paz e relacións de Oriente Próximo.[20] A Casa Branca tamén tivo reservas sobre a posible anexión de territorios por parte de Israel, e como alternativa Avi Berkowitz a propuxo lograr a normalización de relacións entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos.[21]

Os ministros de Exteriores de Bahrain e Emiratos Árabes Unidos asinan os Acordos de Abraham canda Benjamin Netanyahu e Donald Trump.

En xullo de 2020, as negociacións entre EUA e os Estados Unidos comezaron, favorecidas polo interese mutuo fronte Irán e valorando as preocupacións emiratís.[22] Finalmente, o acordo de recoñecemento entre Israel e Emiratos Árabes Unidos acadouse o 13 de agosto de 2020.[23]

Poucas horas despois, autoridades de Bahrain comunicaron aos Estados Unidos a súa vontade de chegar a un acordo similar. As negociacións estiveron encabezadas polos asesores do presidente Donald Trump, Jared Kushner e Avi Berkowitz. O acordo pechouse o 11 de setembro de 2020 logo dunha chamada telefónica entre Donald Trump, Benjamin Netanyahu e Hamad bin Isa Al Khalifa, rei de Bahrain.

A sinatura dos Acordos de Abraham tiveron lugar o 15 de setembro de 2020 nos xardíns da Casa Branca coa presenza dos ministros de exteriores dos Emiratos Árabes Unidos e de Bahrain, o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.

Cando se fixo a sinatura, o presidente Donald Trump afirmou que outras cinco nacións poderían unirse aos acordos cedo, incluíndo Arabia Saudí, mais para os analistas analistas os candidatos máis cribles a curto prazo eran Sudán e Omán.[24] Tamén con optimismo, en setembro do 2020, o embaixador dos Estados Unidos ante a ONU, Kelly Craft, dixo que un país novo recoñecería Israel "ao día seguinte ou dous."[25] O día 23 de outubro do 2020, Israel e Sudán anunciaron a normalización das relacións, sendo así Sudán o terceiro país árabe en sumarse a iniciativa dos Acordos de Abraham en dous meses.[26] Ademais, o 10 de decembro de 2020, o presidente Trump anunciou que Israel e o Reino de Marrocos acordaran estabelecer relacións diplomáticas plenas.[27] Como contrapartida, os Estados Unidos recoñeceron a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental.[28]

Documentos[editar | editar a fonte]

Declaración dos Acordos de Abraham

Os documentos relacionados cos Acordos de Abraham son os seguintes:

Tipo Nome oficial Data Países asinantes Texto
Declaración Declaración dos Acordos de Abraham 15 de setembro de 2020 Estados Unidos, Israel, Emiratos árabes Unidos, Bahrain [29]
Acordo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos Acordos de paz de Abraham: tratado de paz, relacións diplomáticas e normalización plena entre os Emiratos Árabes Unidos e o Estado de Israel 15 de setembro de 2020 Israel, Emiratos árabes Unidos, Estados Unidos (testemuña) [30]
Acordo entre Israel e Bahrain Acordos Abraham: Declaración de paz, cooperación e relacións amigables e diplomáticas 15 de setembro de 2020 Bahrain, Israel, Estados Unidos (testemuña) [31]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Bahrain[editar | editar a fonte]

Troco de agasallos entre Isaac Herzog e o rei de Bahrain na súa visita de decembro de 2022.

Poucas semanas despois do acordo, varios ministros de Bahrain viaxaron a Israel en 2020 para manter unha reunión trilateral con autoridades hebreas e dos Estados Unidos.[32] Logo da rúbrica dos Acordos de Abraham, o Reino de Bahrain nomeou a Khaled Yousif Al-Jalahma como o seu primeiro embaixador en Israel o 30 de marzo do ano 2021.[33] Ademais, Bahrain acolleu as visitas oficiais de altas autoridades de Israel nos anos seguintes: a do ministro de exteriores Yair Lapid en 2021, a do primeiro ministro Naftali Bennett e a do presidente do Estado, Isaac Herzog, en 2022.[34][35][36]

Emiratos Árabes Unidos[editar | editar a fonte]

Grazas aos Acordos de Abraham, en outubro de 2020, un grupo de ministros emiratís visitaron Israel por primiera vez, aínda que contou coa protesta das autoridades palestinas, Emiratos Árabes Unidos solicitou a apertura dunha embaixada en Tel-Aviv, algo que pasaría en xullo de 2021.[37][38] Pola súa banda, Israel estableceu unha embaixada en Abu Zabi e un consulado xeral en Dubai, inaugurados polo ministro de Relacións Exteriores, Yair Lapid, en xuño de 2021.[39] Ademais, o primeiro ministro hebreo, Naftali Bennett, fixo en decembro de 2021 unha viaxe oficial a Emiratos Árabes Unidos, cualificada de histórica pola prensa.[40]

En 2022, Israel e Emiratos Árabes Unidos acadaron un acordo de libre comercio que albiscaba unha redución ou a eliminación das tarifas aduaneiras do 96% dos produtos comerciais entre ambos os dous países. Ademais, segundo as previsión, contábase con superar os 11 mil millóns de dólares en volume de actividades mercantís entre ambos os dous estados en 5 anos.[41] O acordo entrou en vigor en marzo de 2023.[42]

Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Baixo a presidencia de Joe Biden, o 2 de febreiro de 2021, o voceiro de Departamento de Estado, Ned Prize, trasladou que "os Estados Unidos continuarán a instar a outros países a normalizar relacións con Israel", pero precisando que a normalización non "é un substituto para a paz entre Israel e Palestina".[43]

Ademais, o 26 marzo do ano 2021, un grupo de 18 senadores dos Estados Unidos, presentaron unha moción para instar ao Departamento de Estado a desenvolver unha estratexia axeitada “para fortalecer e expandir o Abraham Acordos e outros acordos de normalización relacionados con Israel.”[44]

Segundo o xornal dixital Axios o goberno de Joe Biden quere continuar coa normalización diplomática aberta no período de Trump buscando novos pactos, pero fronte á denominación Acordos de Abraham, prefire referirse a isto como "proceso de normalización".[45][46] Esta visión tamén foi sinalada polo semanario The Jewish Press, vencellado á comunidade xudía ortodoxa moderna de Brooklyn, atendendo ás declaracións públicas do voceiro do Departamento de Estado.[47]

Marrocos[editar | editar a fonte]

Recepción de Mohamed VI de Marrocos á delegación conxunta dos Estados Unidos e Israel en decembro de 2020.

En decembro do 2020, Israel e Marrocos fixeron unha declaración conxunta para establecer un acordo de normalización das súas relacións. Asemade, os Estados Unidos recoñeceron a reclamación de Marrocos sobre Sáhara Occidental.[48] Estas declaracións foron empregadas por Alxeria para xustificar a ruptura unilateral das relacións con Marrocos en 2021.[49]

A embaixada israelí en Rabat foi aberta polo ministro de exteriores Yair Lapid en agosto de 2021, marcando o estreitamento das relacións mutuas.[50] O 24 de novembro do 2021, o ministro israelí de Defensa, Benny Gantz, asinou, canda o seu homólogo marroquí, Abd al-Latif Lodi, un acordo en materia de intelixencia e industria militar. Deste xeito, Israel e Marrocos manteñen unha cooperación no eido da seguridade sen precedentes con outro estado árabe.[51] En 2022, o xefe das Forzas de Defensa de Israel visitou oficialmente Marrocos para profundar nas súas relacións en materia de defensa.[52] Ademais, a final do ano 2022, Isaac Herzog, presidente de Israel, visitou oficialmente Marrocos e louvou a protección brindada polas autoridades marroquís aos xudeus durante o Holocausto.[53] En xuño de 2023, Marrocos e Israel fixeron os seus primeiros exercicios militares conxuntos en África e, doutra banda, fontes xornalísticas revelaron que o goberno israelí estudaba recoñecer a soberanía marroquí no Sáhara Occidental.[54][55] Finalmente, un mes despois, en xullo, Israel recoñeceu formalmente o Sáhara Occidental como territorio de Marrocos.[56]

Omán[editar | editar a fonte]

Omán aprazou a decisión de normalizar relacións con Israel ata despois das eleccións presidenciais dos Estados Unidos do 3 de novembro de 2020. Posteriormente, o 11 de febreiro do 2021, o ministro de exteriores, Badr al-Busaidi dixo que estaban satisfeitos coas canles de comunicación mantidas con Israel ata ese momento, engadindo que Omán está "comprometido coa paz entre Israel e os palestinos baseada nunha solución de dous estados."[57]

Sudán[editar | editar a fonte]

O 23 de outubro de 2020, Sudán comunicou formalmente a súa vontade de normalizar lazos con Israel nun acordo co presidente dos Estados Unidos, Donald Trump.[58][59] Israel e Sudán xa achegaran posicións para un recoñecemento en febreiro de 2020 durante unha reunión en Uganda.[60] Paralelamente, os Estados Unidos amosaronse partidaros de retirar a Sudán da listaxe de Estados Patrocinadores do Terrorismo, de erguer sancións económicas e avanzar nas discusións para o pago da débeda.[58]

En xaneiro do 2021, Sudán asinou a declaración, completando a súa promesa os Estados Unidos de retirar a Sudán da lista dos países que apoian o terrorismo e proporcionar un préstamo ponte para o pago do Banco Mundial e acceso mil millóns de dólares en financiamento anual.[61] En abril do 2021, o goberno de Sudán revogou unha lei de 1958 que prohibía relacións diplomáticas e empresariais sudanesas con Israel.[62]

Con todo, a rúbrica dun acordo bilateral de recoñecemento pleno entre Sudán e Isarel non está concretada en xuño de 2023. O empeoramento da situación política interna sudanesa e a oposición de sectores sociais á normalización poden explicar este atraso.[63][64]

Xordania[editar | editar a fonte]

Os Acordos de Abraham fixeron posible asinar un acordo entre Israel, Xordania, e os Emiratos árabes Unidos en 2021. Denominado "Electricidade por auga", Israel e Xordania asinaron un memorando de entendemento en asuntos de clima, grazas ao cal Xordania instalará enerxía renovable no seu territorio que se enviará a Israel, en troco de que Israel desalinara auga no seu territorio que enviará para Xordania.[65]

Impacto económico[editar | editar a fonte]

As relacións que de facto mantiñan Israel e os Emiratos Árabes Unidos dende había tempo, especialmente nos eidos do comercio de diamante, e tecnoloxías de defensa e intelixencia artificial, víronse favorecidas polos Acordos de Abraham e permitiron formalizalas e estreitalas.[66][67][68]

Diferentes empresas israelís comezaron a prestar servizos do mercado emiratí como Lishot, unha compañía especializada no control da calidade das augas, e abríronse varios restaurantes kosher en Dubai.[69][70] Doutra banda, a Oficina de Investimento de Abu Zabi abriu a súa primeira rama exterior en Tel-Aviv, e diferentes investidores de Emiratos Árabes Unidos mercaron accións de sociedades de Israel como do club de fútbol Beitar, do Porto de Haifa ou da compañía aérea Israir.[71][72][73][74]

Segundo o Ministerio de Defensa de Israel, o valor das exportacións da defensa israelí a países cos que normalizara as relacións grazas aos Acordos de Abraham acadara 791 millóns de dólares en 2021.[75]

Impacto medioambiental[editar | editar a fonte]

Associated Press, o 14 de agosto de 2021, informou dun acordo secreto sobre petróleo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos que se lograra canda os Acordos de Abraham. Segundo isto, Eliat, porto israelí no Mar Vermello, converteríase no punto de referencia para o envío de petróleo emiratí cara aos mercados occidentais. As investigacións denunciaron o impacto que podería causar isto nos arrecifes da zona, así como a ameaza para o resto dos ecosistemas do golfo de Aqaba.[76]

Cume do Negev de 2022[editar | editar a fonte]

Os días 27 e 28 de marzo do 2022, no complexo hoteleiro Sde Boker de Israel, tivo lugar o Cume do Negev, unha reunión na que participaron os ministros de relacións exteriores de Bahrain, Marrocos, Exipto e Emiratos Árabes Unidos, canda o secretario de Estado dos Estados Unidos, todos acollidos polo ministro de exteriores israelí, Yair Lapid. A conferencia buscaba fortalecer as ligazóns entre os estados participantes dun xeito informal. Na declaración final, os participantes amosaron a súa predisposición para converter o cume nun foro permanente.[77]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Federico-O'Murchú, Seán. "Read: Full US-Israel-UAE statement on normalizing relations". CNN. Consultado o 2022-03-31. 
  2. "Israel, UAE and Bahrain sign Abraham Accord; Trump says “dawn of new Middle East”". The Hindu (en inglés). 2020-09-16. ISSN 0971-751X. Consultado o 2022-03-31. 
  3. Ravid, Barak (2020-08-13). "Behind the scenes: How the Israel-UAE deal came together". Axios (en inglés). Consultado o 2022-03-31. 
  4. "How the Abraham Accords Look Forward, Not Back". The Washington Institute (en inglés). Consultado o 2022-03-31. 
  5. "Israel signs pacts with 2 Arab states: A 'new' Mideast?". AP NEWS (en inglés). 2021-04-20. Consultado o 2022-03-31. 
  6. Meuse, Alison Tahmizian (2020-09-15). "Israel inks twin Arab treaties with UAE, Bahrain". Asia Times (en inglés). Consultado o 2022-03-31. 
  7. "Israel and Morocco agree to normalise ties in latest US-brokered deal". France 24 (en inglés). 2020-12-10. Consultado o 2023-06-04. 
  8. "Sudan quietly signs Abraham Accords weeks after Israel deal". Reuters (en inglés). 2021-01-07. Consultado o 2023-06-04. 
  9. "U.S. Treasury signs loan deal to clear Sudan's $1.2 billion World Bank arrears". Reuters (en inglés). 2021-01-06. Consultado o 2023-06-04. 
  10. The question of Palestine and the United Nations (PDF). United Nations. 2008. 
  11. William J. Miller (2016-06-03). "Arab Boycott". World Encyclopedia of Law (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-05. 
  12. "ISRAEL and EGYPT: Framework for peace in the Middle East agreed at Camp David (with annex). Signed at Washington on 17 September 1978" (PDF). peacemaker.un.org. 
  13. "THE JORDAN-ISRAEL ACCORD: THE OVERVIEW; ISRAEL AND JORDAN SIGN A PEACE ACCORD". archive.nytimes.com. Consultado o 2023-06-05. 
  14. "King of Bahrain hosts Hanukkah candlelighting". The Jerusalem Post (en inglés). Consultado o 2023-06-05. 
  15. 15,0 15,1 Alonzo, Evan (2020-09-24). "El Acuerdo de Abraham sí es el ‘acuerdo del siglo’". Política Exterior (en castelán). Consultado o 2023-06-05. 
  16. Shalal, John Irish and Andrea. "There’s an alliance growing between Saudi Arabia and Israel — and Iran should be worried". Business Insider (en inglés). Consultado o 2023-06-05. 
  17. Entous, Adam (2018-06-11). "Donald Trump’s New World Order". The New Yorker (en inglés). ISSN 0028-792X. Consultado o 2023-06-05. 
  18. "Trump leaps into Middle East fray with peace plan that Palestinians denounce". Reuters (en inglés). 2020-01-28. Consultado o 2023-06-04. 
  19. "Explainer: Israel, annexation and the West Bank". BBC News (en inglés). 2020-06-16. Consultado o 2023-06-04. 
  20. "La anexión será un serio revés para mejorar las relaciones con el mundo árabe". ynetespanol (en castelán). 2020-06-13. Consultado o 2023-06-04. 
  21. "Behind the scenes: How the Israel-UAE deal came together". axios.com. Consultado o 4-6-2023. 
  22. "UAE’s Al Otaiba goes behind the scenes of the Abraham Accords". Consultado o 30-9-2020. 
  23. Zieve-Cohen, Sam (2020-09-30). "UAE's Al Otaiba goes behind the scenes of the Abraham Accords". Jewish Insider (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  24. Crowley, Michael (2020-09-15). "Israel, U.A.E. and Bahrain Sign Accords, With an Eager Trump Playing Host". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2023-06-04. 
  25. Archive, View Author; feed, Get author RSS (2020-09-23). "UN ambassador: Another country will recognize Israel in 'day or two'" (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  26. "Israel, Sudan agree to normalize ties with U.S. help: joint statement". Reuters (en inglés). 2020-10-23. Consultado o 2023-06-04. 
  27. "Israel, Morocco to normalize ties; US shifts W Sahara policy". AP NEWS (en inglés). 2021-04-20. Consultado o 2023-06-04. 
  28. "EE.UU. reconoce la soberanía marroquí del Sáhara Occidental". La Vanguardia (en castelán). 2020-12-10. Consultado o 2023-06-04. 
  29. "Full text of the Abraham Accords and agreements between Israel and the United Arab Emirates/Bahrain". cnn.com. 
  30. "The Israel-UAE-Bahrain Abraham Accords Peace Agreement". Haaretz. 
  31. "Declaration of peace, cooperation, and constructive diplomatic and friendly relations between the State of Israel and the Kingdom of Bahrain.". Jerusalem Post. 
  32. Staff, ToI. "Bahrain ministers said making first official visit to Israel for three-way talks". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  33. "Bahrain names Khaled Yousif Al-Jalahma as Manama's ambassador to Israel". www.i24news.tv. Consultado o 2023-06-04. 
  34. "Israel foreign minister in Bahrain for landmark visit". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  35. "Israeli Prime Minister wraps up historic Bahrain visit – DW – 02/15/2022". dw.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  36. "President Herzog arrives in Bahrain on official visit". GOV.IL (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  37. Muñoz Pandiella, Lluís (2020-10-20). "Israel califica de "histórica" la visita de EAU, pero Palestina la tilda de "vergonzosa"". France 24. Consultado o 2023-06-05. 
  38. "UAE inaugurates Israel embassy after normalisation deal". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2023-06-05. 
  39. McKernan, Bethan; correspondent, Bethan McKernan Middle East (2021-06-29). "Israeli foreign minister Yair Lapid opens embassy in Abu Dhabi". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2023-06-05. 
  40. "Israel Prime Minister Naftali Bennett announces historic visit to UAE as fears over Iran grow". ABC News (en inglés). 2021-12-12. Consultado o 2023-06-05. 
  41. "Why the UAE and Israel Struck a Trade Deal". Time (en inglés). 2022-06-01. Consultado o 2023-06-05. 
  42. "Entra en vigor el acuerdo de libre comercio entre Israel y Emiratos Árabes". SWI swissinfo.ch (en castelán). 2023-03-26. Consultado o 2023-06-05. 
  43. "Israel's Normalization Pacts Not a Substitute for Peace With Palestinians, State Dept. Says". Haaretz (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  44. "Bipartisan senators introduce bill to expand Abraham Accords". The Jerusalem Post (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  45. "Israel pushes White House ceremony to seal Sudan normalization deal". 10-3-2021. Consultado o 4-6-2023. 
  46. "Department Press Briefing – April 1, 2021". state.gov. Consultado o 4-6-2023. 
  47. Desk, Jewish Press News (2021-04-03). "US State Department Can’t Say ‘Abraham Accords’" (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  48. "Morocco latest country to normalise ties with Israel in US-brokered deal". BBC News (en inglés). 2020-12-10. Consultado o 2023-06-04. 
  49. "La rupture des relations diplomatiques entre l’Algérie et le Maroc, nouvelle étape d’une longue escalade". Le Monde.fr (en francés). 2021-08-25. Consultado o 2023-06-04. 
  50. "Israel e Marrocos estreitan lazos, unidos pola ambición territorial". Nós Diario. 2021-08-13. Consultado o 2023-06-05. 
  51. Peregil, Juan Carlos Sanz, Francisco (2021-11-24). "Israel y Marruecos cierran en Rabat un acuerdo de cooperación militar sin precedentes en el mundo árabe". El País (en castelán). Consultado o 2023-06-04. 
  52. "Israel y Marruecos explorarán acuerdos en defensa en su primer encuentro de alto nivel". euronews (en castelán). 2022-07-18. Consultado o 2023-06-04. 
  53. AFP. "Herzog hails Moroccan king for country’s treatment of Jews during Holocaust". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2023-06-05. 
  54. "Des soldats israéliens participent pour la première fois à des manœuvres au Maroc". L'Orient-Le Jour. 2023-06-06. Consultado o 2023-06-07. 
  55. "Israel estudia reconocer la soberanía de Marruecos sobre el Sáhara Occidental". La Vanguardia (en castelán). 2023-06-07. Consultado o 2023-06-07. 
  56. "Israël reconnaît la souveraineté du Maroc sur le Sahara occidental". LEFIGARO (en francés). 2023-07-17. Consultado o 2023-07-19. 
  57. "Oman content with current Israel relationship, foreign minister says". Reuters (en inglés). 2021-02-11. Consultado o 2023-06-04. 
  58. 58,0 58,1 "Sudan formally recognizes Israel in U.S.-brokered deal". NBC News (en inglés). 2020-10-23. Consultado o 2023-06-04. 
  59. "President Donald J. Trump Brokers a Historic Peace Agreement Between Israel and Sudan – The White House". trumpwhitehouse.archives.gov. Consultado o 2023-06-04. 
  60. Schwartz, Felicia (2020-08-18). "Sudan in Talks to Formalize Ties With Israel". Wall Street Journal (en inglés). ISSN 0099-9660. Consultado o 2023-06-04. 
  61. "Sudan quietly signs Abraham Accords weeks after Israel deal". Reuters (en inglés). 2021-01-07. Consultado o 2023-06-04. 
  62. "Sudan’s cabinet votes to repeal Israel boycott law". www.aljazeera.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  63. "Sudan political, civil groups slam Israel normalisation move". The New Arab (en inglés). 2023-02-05. Consultado o 2023-06-04. 
  64. "Sudan to Advance Normalization With Israel, Three Years After Signing Deal, Official Says". Haaretz (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  65. Udasin, Sharon (2021-11-23). "Israel, Jordan, UAE sign pivotal deal to swap solar energy, desalinated water". The Hill (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  66. "Diamond Trade Binds Israel and the UAE Together". CTECH - www.calcalistech.com. 2018-11-27. Consultado o 2023-06-04. 
  67. "Israeli robotics delegation to Dubai marks warming Gulf ties". AP NEWS (en inglés). 2021-04-20. Consultado o 2023-06-04. 
  68. Staff, ToI. "UAE-based intelligence firm said recruiting IDF veterans from elite cyber unit". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  69. "DHL flies first consignments direct from Israel to Dubai". Globes (en inglés). 2020-03-09. Consultado o 2023-06-04. 
  70. "UAE-Israel treaty: Data insights will be key for sizing up deals". gulfnews.com (en inglés). 2020-10-19. Consultado o 2023-06-04. 
  71. Godinho, Varun (2020-09-17). "Abu Dhabi Investment Office to open first international branch in Tel Aviv" (en inglés). Consultado o 2023-11-06. 
  72. "Beitar Jerusalem and the UAE: Football, identity, politics – DW – 12/18/2020". dw.com (en inglés). Consultado o 2023-06-04. 
  73. "Dubai-based NY Koen Group to bid for Israir". Globes (en inglés). 2020-10-13. Consultado o 2023-06-04. 
  74. "The Dubai tycoon with ambitions for Haifa Port". Globes (en inglés). 2021-02-17. Consultado o 2023-06-04. 
  75. "Israel’s ‘Abraham Accords’ 2021 Defense Exports Hit $791 Million". Bloomberg.com (en inglés). 2022-04-12. Consultado o 2023-06-04. 
  76. "Secretive Israel-UAE oil deal endangers prized Eilat corals". AP NEWS (en inglés). 2021-08-14. Consultado o 2023-06-04. 
  77. Hudson, John (2022-03-28). "U.S., Israel and Arab states to expand cooperation in unprecedented meeting". Washington Post (en inglés). ISSN 0190-8286. Consultado o 2023-06-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]