Isaac Herzog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isaac Herzog
Nacemento22 de setembro de 1960
Lugar de nacementoPardes Hanna-Karkur
NacionalidadeIsrael
Relixiónxudaísmo
Alma máterUniversidade de Tel Aviv, Universidade Cornell, Universidade de Nova York e Ramaz School
Ocupaciónpolítico, avogado e avogado defensor
PaiChaim Herzog
NaiAura Herzog
CónxuxeMichal Herzog
IrmánsMichael Herzog
PremiosOrder of Makarios III
Na rede
IMDB: nm2336709 Facebook: IsaacHerzog Twitter: Isaac_Herzog Instagram: isaacherzog Telegram: IcHaKeR WikiTree: Hertsog-2 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Isaac "Bouji" Herzog (en hebreo: יצחק "בוז'י" הרצוג), nado o 22 de setembro de 1960 en Tel Aviv, é un político israelí. Militante laborista, foi varias veces ministro entre 2005 e 2011, presidente da Axencia Xudía para a Terra de Israel e elixido pola Knesset para ser Presidente do Estado en xuño de 2021[1].

Traxectoria persoal[editar | editar a fonte]

Familia[editar | editar a fonte]

Procede dunha familia vencellada á vida política israelí. O seu pai foi Chaim Herzog, militar e político laborista que foi presidente do Estado de Israel de 1983 a 1993. O seu avó, Yitzhak HaLevi Herzog, natural de Irlanda, foi rabino xefe asquenací do Mandato Palestina e logo de Israel entre 1936 e 1959. Tamén foi sobriño do diplimático e ministro Abba Eban[2] e o seu irmán, Michael, é xeneral das Forzas de Defensa de Israel. Todo isto redundou en que sexa percibido como parte dunha minoría privilexiada[3], cualificada ás veces como unha "aristocracia"[4][5].

Esta casado e é pai de tres fillos. Reside en Tel Aviv[6]. Fala hebreo, árabe e inglés[7].

Infancia e educación[editar | editar a fonte]

O seu alcume "Bouji" púxollo a nai e é o resultado dunha mestura entre a verba hebrea para boneca (booba) e a francesa para xoia (bijou)[8]. Pasou parte da súa adolescencia nos Estados Unidos, pois o seu pai exerceu como embaixador de Israel ante as Nacións Unidas entre 1975 e 1978, razón pola que estudou nalgúns colexios de elite americanos[9]. Logo de cumprir co servizo militar como oficial de intelixencia, estudou Dereito na Universidade de Tel Aviv e na Universidade Cornell de Nova York. Traballou no bufete Herzog, Fox & Ne'emann, do que o seu pai foi fundador, antes de crear o seu propio bufete.

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Isaac Herzog comezou a súa carreira política en 1988, como secretario do Consello Económico e Social durante dous anos.

Afiliado ao Partido Laborista israelí o seu primeiro cargo de relevancia pública foi a secretario do gabinete do goberno de Ehud Barak ata 2001. Ata 2003 foi presidente da Autoridade Antidroga. Nas eleccións lexislativas de 2003 foi escollido membro da Knesset cargo que revalidaría ata 2018.

Funcións ministeriais[editar | editar a fonte]

En 2005 incorporouse ao goberno de Ariel Sharon como ministro de Construción e Vivenda. Continuou cos cargos ministeriais nos gobernos de Olmert sendo o responsable de Turismo (2006-2007) e Diáspora, Sociedade e Loita contra o Antisemitismo que compatibilizou coa de Benestar e servizos sociais (2007-2009). Á fronte deste ministerio coordinou unha campaña de axuda humanitaria á Franxa de Gaza en 2009[10]. Tras as eleccións lexislativas de 2009, Benjamin Netanyahu, do partido conservador Likud, recibiu a confianza da Knesset para formar un goberno, e Herzog proseguíu á fronte de Benetsar e servizos sociais ata 2011.

Líder da oposición a Netanyahu[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2011, o Partido Laborista retirou o apoio a Netanyahu e Herzog, xunto cos outros ministros dese partido, abandonou o cargo ministerial. Reelixido como deputado nas eleccións lexislativas de 2013, foi escollido o 22 de novembro dese mesmo ano presidente do Partido Laborista. Xa como líder laborista visitou o presidente palestino, Mahmoud Abbas, respaldando un acordo de paz que recollese a solución dos dous estados no conflito árabe israelí[11].

Para as lexislativas de 2015, Isaac Herzog propuxo ás formacións centristas e seculares Kadima e Hatnuah (excisión da anterior) unha coalición xunto cos laboristas. A proposta foi aceptada e Herzog e a líder de Kadima, e exministra de xustiza, Tzipi Livni, fixeron público o acordo: a Unión Sionista, nome da coalición, tiña como albo evitar un novo triunfo de Netanyahu[12]. Durante a campaña a Unión Sionista procurou atender o descontento polos problemas sociais (aumento da pobreza, carestía da vivenda, por exemplo) fronte a Netanyahu, centrado na seguridade[13]. As enquisas parecían apoiar a estratexia da Unión Sionista abrindo posibilidades a un cambio político[14]. Con todo, o resultado electoral saldouse co Likud de Netanyahu en primeira posición, por diante do bloque dirixido por Herzog. Algúns analistas consideraron que a falta de carisma de Herzog limitou as súas opcións fronte un popular Netanyahu[15].

Como líder da oposición, Isaac Herzog xulgou con dureza ao goberno na Knesset sinalando a Netanyahu como responsable da deterioración das relacións entre os Estados Unidos e Israel, criticou a súa negativa a acoller refuxiados sirios que fuxían da guerra civil[16] e cuestionouno polas sospeitas de corrupción[17].

En xullo de 2017, no proceso de renovación da dirección do laborismo, Herzog foi eliminado en primeira rolda, uns meses despois dimitiu do seu cargo como deputado da Knesset. O seu posto como xefe da oposición foi ocupado por Tzipi Livni[18].

Presidente da Axencia Xudía para a Terra de Israel[editar | editar a fonte]

En xuño de 2018, Isaac Herzog foi nomeado presidente da Axencia Xudía, organización histórica centrada na integración e desenvolvemento dos inmigrantes xudeus en Israel[19]. Electo, malia a oposición de Netanyahu, o seu mandato expira en 2022. Dende esa institución alertou contra o auxe do antisemitismo nos Estados Unidos[20] e Europa[21].

Eleccións presidenciais de 2021[editar | editar a fonte]

De cara ás eleccións para designar o presidente de Israel do 2 de xuño de 2021, Herzog presentouse como candidato tendo como contrincante a Miriam Peretz[22]. Segundo algúns círculos xornalísticos, Herzog contaba con vantaxe, por ser un punto de equilibro entre os distintos sectores políticos do país fronte Peretz, habitante dun asentamento en Cisxordania[23].

A escolla foi vista como unha representación da pugna entre dous dos grupos da sociedade israelí[24]: dunha parte, Herzog, representante dunha elite de orixe asquenasita que dominou a política do Estado de Israel dende a súa fundación, máis aliñada cun pensamento liberal ou progresista; fronte Peretz, inmigrante mizrahí (denominación para os xudeus procedentes do norte de África) que encarnaba aos grupos sociais e étnicos máis aliñados co pensamento conservador e relixioso.

Finalmente, o 2 de xuño de 2021 a Knesset fixo as eleccións e Herzog contou con 87 votos fronte os 27 da súa contrincante[25]. Herzog foi electo co maior respaldo parlamentario ata o momento polo que sucederá a Rivlin ao termo do seu mandato o 9 de xullo de 2021[26]. É o primeiro presidente fillo doutro presidente[27].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Isaac Herzog elected 11th President of Israel by wide margin". The Jerusalem Post. 1-06-2021. Consultado o 1-06-2021. 
  2. "Israël : Isaac Herzog, ancien chef du Parti travailliste, élu président". Le Monde.fr (en francés). 2021-06-02. Consultado o 2021-06-03. 
  3. "Isaac Herzog: Israel’s new president is softly spoken veteran of centre-left". the Guardian (en inglés). 2021-06-02. Consultado o 2021-06-03. 
  4. "All in the family". The Jerusalem Post. 25-4-2012. Consultado o 3-6-2021. 
  5. "Meet Isaac Herzog, the underdog candidate who might dethrone 'King Bibi' when Israelis cast their ballots". nationalpost (en inglés). Consultado o 2021-06-03. 
  6. "Isaac Herzog bio". The Jewish Agency for Israel. Arquivado dende o orixinal o 02-06-2021. Consultado o 1-6-2021. 
  7. "Personalities: Isaac Herzog, MK". Israel Ministery of Foreign Affairs. Consultado o 1-06-2021. 
  8. "Isaac Herzog: The underdog bites back". France 24 (en inglés). 2015-03-17. Consultado o 2021-06-01. 
  9. "Isaac Herzog". The Jewish Agency (en inglés). 2018-08-08. Consultado o 2021-06-01. 
  10. "Minister Herzog to coordinate humanitarian aid to the Gaza Strip". 13-01-2009. Consultado o 1-06-2021. 
  11. Laub, Karin (2013-12-01). "Israel's new opposition leader meets Palestinian president, pledges support for peace deal". CTVNews (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  12. "Israël : le centre et les travaillistes s'allient contre Nétanyahou". Le Monde.fr (en francés). 2014-12-10. Consultado o 2021-06-01. 
  13. "IgadiPaper nº152". Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). Consultado o 2021-06-09. 
  14. staff, T. O. I. "Final polls before elections give Herzog 4-point lead". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2021-06-09. 
  15. "Isaac Herzog, scion of Israeli political dynasty, battling to dislodge Netanyahu". the Guardian (en inglés). 2015-03-17. Consultado o 2021-06-01. 
  16. "Herzog calls on government to allow Syrian refugees into Israel". Haaretz.com (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  17. Kershner, Isabel (2017-01-02). "Benjamin Netanyahu Questioned in Israel Graft Inquiry". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2021-06-01. 
  18. "Herzog to become Jewish Agency head despite Netanyahu's opposition". 
  19. Spraragen, Avraham (2018-07-10). "Former Cornell Summer College Student Elected Chairman of Jewish Agency for Israel". The Cornell Daily Sun (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  20. "US and Israeli officials respond to synagogue shooting". Israel National News (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  21. staff, T. O. I.; JTA. "Jewish Agency head to Euro Parliament: Jews no longer safe on streets of Europe". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  22. "Herzog, Peretz to face off in presidential race in Knesset". The Jerusalem Post. 1-06-2021. Consultado o 1-06-2021. 
  23. "First woman or Zionist royalty: Who will be elected Israeli president on Wednesday". Haaretz.com (en inglés). Consultado o 2021-06-01. 
  24. Gur, Haviv Rettig. "Wednesday’s presidential race is a microcosm of Israeli Jews’ deeper divides". www.timesofisrael.com (en inglés). Consultado o 2021-06-03. 
  25. "Isaac Herzog wins Israeli presidential election, defeating Miriam Peretz". Haaretz.com (en inglés). Consultado o 2021-06-03. 
  26. "Isaac Herzog wins Israeli presidential election, defeating Miriam Peretz". Haaretz.com (en inglés). Consultado o 2021-06-02. 
  27. "Isaac Herzog: A second generation president". 2-6-2021. Consultado o 3-6-2021. 


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]