O detective Conan
| Esta páxina contén texto en xaponés. Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños. |
O detective Conan (名探偵 コナン Meitantei Conan?) é unha serie de Gosho Aoyama que aínda non está rematada nin en manga nin en anime e que alcanzou un éxito notable dentro e fóra do Xapón.
O anime está producido por TMS Entertainment e sobrepasa xa os 756 episodios. Ademais, conta con 16 películas e aínda se emite tódalas semanas no Xapón en Yomiuri TV.
No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, dende 1994, superando xa a cantidade de 800 capítulos. Ata o de agora saíron 78 tomos. Planeta DeAgostini encárgase da súa publicación no noso país, facéndoo unicamente na lingua castelá (e catalán soamente en Cataluña). Actualmente encóntrase dividido en dúas coleccións, Volume 1 e Volume 2 de 13 e 75 tomos respectivamente. A colección Volume 2 estase a publicar e sufriu xa diversas ampliacións tras o número inicial. Dado o éxito a colección Volume 1 reeditouse novamente hai pouco.
O 2 de outubro de 2006 foi lanzada a primeira saga de O detective Conan con actores reais, titulada "O detective Conan Drama". O segundo drama foi estreado o 7 de decembro de 2007.
En Galicia, o anime lanzouse ao ar o 10 de abril do 2006 na Televisión de Galicia, dentro do contedor xuvenil Xabarín Club chegando a emitiren 300 episodios tras varias reposicións. O 2 de febreiro do 2009 a serie pasou a se reemitir dende o principio na nova canle galega G2, na grella de luns a venres, ao mediodía e no serán. Por outra banda, no Nadal do ano 2007-2008, saíron á venda dous DVDs da serie con varios capítulos da mesma. Durante o ano 2012 e 2013 emitíronse as oito primeiras películas da serie en galego.
Índice |
Argumento[editar]
- Véxase tamén: Personaxes de O detective Conan.
Deste xeito comeza o argumento central desta historia, na que Shinichi Kudo, un detective de instituto de 17 anos, é encollido por mor dunha droga experimental que lle dá unha organización formada por uns misteriosos Homes de Negro ao ser descuberto mentres os estaba a espreitar no momento en que realizaban un sospeitoso intercambio. Os confiados Homes de Negro, Gin e Vodka, crendo que o veleno acabaría por matar a Shinichi, déixano agonizando na escuridade da noite pero, lonxe de morrer, Shinichi convértese nun rapaz de 7 anos.
Desorientado e sen saber moi ben que facer, Shinichi vai buscar axuda á casa do seu veciño e amigo, o profesor Agasa. Sorprendido polos efectos secundarios desa estraña droga experimental, Agasa aconséllalle que oculte a súa verdadeira identidade para que as persoas que lle rodean non corran perigo. Así, adopta o pseudónimo Conan Edogawa (Conan, saído de Arthur Conan Doyle e Edogawa, de Rampo Edogawa) e preséntase ante Ran Mouri, a súa mellor amiga, co obxectivo de investigar e dar co paradoiro da Organización dos Homes de Negro xa que seu pai, Kogoro Mouri é un sobranceiro detective privado.
Mentres espera con inquietude a aparición de calquera pista que lle conduza ata a Organización, Conan non poderá evitar resolver a través de Kogoro unha morea de delitos e asasinatos que se van producindo, a esgalla, ao seu arredor. Tanto é así, que o inepto detective vai collendo fama coas súas resolucións. En varias ocasións, Conan está a piques de obter algunha información relevante sobre a organización, coma o lugar onde parece ser que se reunían os Homes de Negro (O Bar Cocktail, que finalmente estoupa por mor dunha bomba que puxeran os propios Homes de Negro para borrar as súas pegadas), ou a información da composición da droga APTX 4869, incluída nun disquete que acaba nas mans do inspector Sango Yokomizo como proba dun asasinato).
Manga[editar]
- Artigo principal: Lista de capítulos de O detective Conan.
No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, desde 1994, superando xa a cantidade de 850 capítulos. Ata o 18 de decembro de 2012 saíron 78 tomos.
Planeta DeAgostini encárgase da súa publicación en España, facéndoo unicamente na lingua castelá (e en catalán soamente en Cataluña). Actualmente encóntrase dividido en dúas coleccións, o Volume 1 (os 130 primeiros capítulos) e o Volume 2 (capítulos 131-762) de 13 e 75 tomos respectivamente. A colección Volume 2 estase a publicar e sufriu xa diversas ampliacións tras o número inicial. Dado o éxito a colección Volume 1 reeditouse novamente hai pouco. Ademais existe outra colección (allea á principal), o "Volume Especial" (de 29 tomos); nesta última colección asistimos a casos que se lle presentan a Conan para investigar, pero non achegan ningún acontecemento importante que afecte á trama principal.
Anime[editar]
- Véxase tamén: Lista de episodios de O detective Conan e Música de O detective Conan.
O detective Conan é unha serie animada creada a partir do manga ideado por Gosho Aoyama do mesmo nome. Como adaptación ao celuloide, conserva moitas similitudes coa súa versión en papel, aínda que tamén hai diferenzas de menor grao dentro da trama.
No Xapón o anime estreouse o 8 de xuño do 1996, chegando a emitirse semanalmente ata acadar máis de 756 episodios a día de hoxe, e aínda se segue a emitir cada sábado na Yomiuri TV.
En España dobrouse en lingua castelá (con 407 episodios e 4 filmes baixo o título Detective Conan), en catalán (con 561 episodios e oito películas co título El detectiu Conan), en valenciano (456 capítulos baixo o nome: Detectiu Conan), en vasco (con 105 episodios máis as longametraxes 5 e 6 e o título Conan Detektibea) e tamén en balear (50 episodios en "El detectiu Conan") grazas á produtora Arait Multimedia quen se encargou tamén da dobraxe castelá.
En Galicia o anime lanzouse ao ar o 10 de abril do 2006 na Televisión de Galicia, dentro do contedor xuvenil Xabarín Club chegando a emitiren 300 episodios tras varias reposicións. O 2 de febreiro do 2009 a serie pasou a se reemitir dende o principio na nova canle galega, a G2, na grella de luns a venres, ao mediodía e no serán. Na tvG2, durante o 2012 e o 2013 emitíronse os oito primeiros filmes da serie.
Dobraxe ao galego[editar]
- Estudio: Sodinor S.A. (Vigo)
- Data: 2006-2007
- Tradución: María Alonso Seisdedos
- Dirección: Matías Brea / Alfonso Valiño
- Reparto da dobraxe:
| Personaxe | Actor de dobraxe |
Actor orixinal (Seiyū) |
|---|---|---|
| Shinichi Kudo | Gaspar Somoza | Kappei Yamaguchi |
| Conan Edogawa | Teresa Santamaría | Minami Takayama |
| Ran Mouri | Isabel Vallejo | Wakana Yamazaki |
| Kogoro Mouri | Matías Brea | Akira Kamiya |
| Juzo Megure | Alfonso Valiño | Furin Cha |
| Hiroshi Agasa | Paco Barreiro | Kenichi Ogata |
| Genta Kojima | Antonio Rey | Wataru Takagi |
| Ayumi Yoshida | Marián Muíño | Yukiko Iwai |
| Mitsuhiko Tsuburaya | Patricia de Lorenzo | Ikue Ootani |
| Mitsuhiko Tsuburaya (filmes) | Montse Davila | Ikue Ootani |
| Sonoko Suzuki | Nora Abad | Naoko Matsuio |
| Heiji Hattori | Monti Castiñeiras | Ryu Horikawa |
| Kazuha Toyama (eps. 124-240) | Ana Ouro | Yuko Miyamura |
| Kazuha Toyama (eps. 241-300) | Ana Lemos | Yuko Miyamura |
| Yusaku Kudo | Luís Iglesia | Hideyuki Tanaka |
| Yukiko Kudo | Xermana Carballido | Sumi Shimamoto |
| Eri Kisaki | Charo Pena | Gara Takashima |
| Doutor Araide | Daniel Lema | Hideyuki Hori |
| Wataru Takagi | Manolo Pombal | Wataru Takagi |
| Miwako Sato | Montse Davila | Atsuko Yuya |
| Ninzaburo Shiratori | César Cambeiro | Kazuhiko Inoue |
| Ninzaburo Shiratori (filmes 1-2) | Monti Castiñeiras | Kaneto Shiozawa |
| Axente Chiba | Antón Rubal | Isshin Chiba |
| Sango Yokomizo (eps. 9-201) | Andrés Bellas | Akio Otsuka |
| Sango Yokomizo (eps. 212-266) | Antón Ja | Akio Otsuka |
| Misao Yamamura (eps. 100-102) | Manolo Pombal | Toshio Furukawa |
| Misao Yamamura (eps. 214-263) | Carlos Jiménez | Toshio Furukawa |
| Heizo Hattori (eps. 124-125) | Óscar Fernández | Takehiro Koyama |
| Heizo Hattori (eps. 283-285) | Fermín Encinar | Takehiro Koyama |
| Caco Kid (eps. 78-79) | Raúl Dans | Kappei Yamaguchi |
| Caco Kid (eps. 142-238) | Chema Gagino | Kappei Yamaguchi |
| Gin (ep. 1) | Óscar Fernández | Yukitoshi Hori |
| Gin (eps. 135-250; filmes) | Coté San Segundo | Yukitoshi Hori |
| Vodka (ep. 1) | Coté San Segundo | Fumihiko Tachiki |
| Vodka (ep. 135-250; filmes) | Xosé Tanas | Fumihiko Tachiki |
| Vermouth (eps. 188-190) | Ana Lemos | Mami Koyama |
| Vermouth (eps. 249-250) | Beatriz García | Mami Koyama |
| Ai Haibara | Chelo Díaz | Megumi Hayashibara |
| Yumi Miyamoto | Charo Pena | Yu Sugimoto |
| Jodie Saintemillion | Beatriz García | Miyuki Ichiyo |
| Shuichi Akai | César Cambeiro | Shuichi Ikeda |
| James Black | Miguel López Varela | Iemasa Kayumi |
- Voces adicionais:
|
|
Outros medios[editar]
Películas[editar]
No Xapón xa se produciron 16 películas de O detective Conan.
| # | Título | Estrea no Xapón | Estrea en Galicia |
|---|---|---|---|
| 01 | "O detective Conan: Explosión no rañaceos "Meitantei Konan Tokei-jikake no matenrō" (名探偵コナン 時計じかけの摩天楼)" |
19 de abril do 1997 | 25 de decembro do 2012 |
|
A ameaza dun terrorista de colocar unha serie de bombas en Toquio, fará que o detective Conan, cuxo verdadeiro nome é o de Shinichi Kudo, teña que empregar a súa incrible capacidade de dedución para salvar un monte de vidas, que agora están nas súas mans. Ao mesmo tempo, a carón de Ran Mouri, a súa compañeira de clase e mellor amiga desde cativos, Conan vai a unha festa do arquitecto Teiji Moriya, que está obsesionado coa simetría. Cal é o vencello entre as obras de Moriya e as explosións que están tendo lugar sobre as súas obras? Cal é o obxectivo que persegue o terrorista? |
|||
| 02 | "O detective Conan: A décimo cuarta vítima "Meitantei Konan Jūyon Banme no Taagett" (名探偵コナン 14番目の標的)" |
18 de abril do 1998 | 26 de decembro do 2012 |
|
O novo caso do detective Conan condúcenos a un restaurante francés futurista sitúado no fondo do mar, nun parque acuático da baía de Toquio, o “Aqua Crystal”. As persoas que se citaron alí son, entre outros, un escritor, un fotógrafo, unha modelo fermosa, un golfista profesional, un sommelier, un presentador de televisión e evidentemente, Shinichi Kudo. Todos eles ignoran que as súas vidas están ameazadas por un asasino en serie que elimina as súas vítimas seguindo unha orde regirosa sen ningún tipo de escrúpulo: Joe Murakami. Non teñen fuxida posible, o único que os pode salvar é o caletre do xenial detective Conan. |
|||
| 03 | "O detective Conan: O derradeiro mago do século "Meitantei Konan Seikimatsu no Majutsushi" (名探偵コナン 世紀末の魔術師)" |
17 de abril do 1999 | |
|
O noso heroe atópase finalmente coa súa alma xemelga, o ladrón Caco Kid, o derradeiro mago do século. Axudado polo seu amigo Heiji, Conan acepta o reto de protexer o último tesouro da dinastía rusa dos Romanov, o “Ovo das Lembranzas”. Non obstante Caco Kid, coa súa fantástica técnica de roubo logra confundilos e acada o seu obxectivo. Entrementres Natsumi Kosaka, a lexítima herdeira do tesouro, conta a Conan e aos seus amigos o segredo da historia do ovo e da súa familia, que lles desvela o misterio que agochan esas xoias no seu interior. Conan atopará respostas a moitas das súas preguntas, pero como recuperarán o tesouro? |
|||
| 04 | "O detective Conan: Engaiolado nos teus ollos "Meitantei Konan Hitomi no Naka no Ansatsusha" (名探偵コナン 瞳の中の暗殺者)" |
22 de abril do 2000 | |
|
Diante de toda a Asociación de Detectives Xuvenís, unha persoa misteriosa dispara ó subinspector da policía Osamu Narasawa mentres estaba de servizo. Desgraciadamente, este é só o primeiro asasinato dunha serie de homicidios que implica a todo o corpo de policía. Podería ser a vinganza dalguén externo á policía ou pola contra de alguén infiltrado na mesma? O misterio complícase e podería tratarse do crime perfecto. Agora tamén corre perigo a vida de Ran, que está amnésica a causa de presenciar a agresión á axente Sato. Conan, coma sempre, pensa chegar á fin da cuestión... |
|||
| 05 | "O detective Conan: Conta atrás cara ao ceo "Meitantei Konan Tengoku e no Kauntodawn" (名探偵コナン 天国へのカウントダウン)" |
21 de abril do 2001 | 31 de decembro do 2012 |
|
Conan e os seus amigos visitan o rañaceos máis alto da cidade de Tama, que vai ser inaugurado. Alí coñecen a Mio Tokiwa, propietaria e compañeira de universidade de Kogoro Mouri. Durante a visita, un asasinato coincide coa aparición dun Porsche conducido por uns vellos coñecidos, os Homes de Negro. Unha serie de percances entrarán en escena a máis de 300 metros de altura e Conan e o resto da Asociación de Detectives Xuvenís quedan atrapados no alto do edificio, ao que non se pode acceder pola explosión dunhas bombas. Conseguirá Conan fuxir? Comeza unha conta atrás de supervivencia e perigos. |
|||
| 06 | "O detective Conan: A pantasma de Baker Street "Meitantei Konan Beikaa Suttoritto no bōrei" (名探偵コナン ベイカー街の亡霊)" |
20 de abril do 2002 | |
|
Conan e os seus amigos participan nun xogo virtual, creado polo neno prodixio Hiroki Sawada, que os transporta ata a cidade de Londres do século XIX, na época do famoso detective Sherlock Holmes. Alí terán que resolver o caso dun misterioso asasino en serie: Jack o destripador. A causa dos obstáculos programados pola máquina que os dirixe, o Cocoon, os cativos arriscaran a súa vida neste xogo tan perigoso. O único xeito de fuxir é que un deles chegue á última fase e resolva o caso. Todas as esperanzas están postas no pequeno detective e na súa intelixencia. Conseguirá Conan sacar a verdade á luz e salvar a vida dos seus amigos? |
|||
| 07 | "O detective Conan: Encrucillada na antiga capital "Meitantei Konan Meikyū no Kurosoroodo" (名探偵コナン 迷宮の十字路)" |
19 de abril do 2003 | |
|
Conan, Mouri, Ran e os Detectives Xuvenís viaxan a Quioto para resolver unha serie de asasinatos relacionados cos membros da banda de ladróns Genji Botaru, autores de robos de estatuas de Buda e de coleccións de arte moi valiosas. Durante a investigación coincidirán con Heiji e Kazuha e todos entrarán nun xogo no que poden morrer. Pero Conan atopa o xeito de volver a ser Shinichi, aínda que durante pouco tempo, para poder salvar a vida de Kazuha, que foi secuestrada. Recuperar obras de artes robadas e resolver misterios, poderá Conan desenmarañar o fío do caso? |
|||
| 08 | "O detective Conan: O mago do ceo prateado "Meitantei Konan Ginyoku no Majishan" (名探偵コナン 銀翼の奇術師)" |
17 de abril do 2004 | 3 de xaneiro do 2013 |
|
A famosa actriz Juri Maki contrata a Kogoro Mouri para protexerse de Caco Kid, que ameaza con roubarlle o seu anel de safiro, coñecido coma “A Xoia da Fortuna”. Kogoro, Ran, Conan e a Asociación de Detectives Xuvenís son convidados a representación da obra de teatro durante a cal se pensa que se cometerá o roubo. Conan logra evitar o roubo pero os plans de Kid trasládanse ata un avión no que viaxará o elenco da representación. Pero este comeza a quedar sen combustible, un dos motores estoupa e a pista de aterraxe incendiouse. Poderán volver pisar terra firme? |
|||
| 09 | "O detective Conan: Estratexia nas profundidades "Meitantei Konan Suiheisenjō no Sutoratejii" (名探偵コナン 水平線上の陰謀)" |
9 de abril do 2005 | |
|
Quince anos atrás, o barco de carga, “Yashiromaru I”, naufragou no Océano Atlántico despois de chocar contra un iceberg. Non obstante, o que parecera un accidente fora provocado por un asasino. Agora, Conan e os seus compañeiros embárcanse nun cruceiro, o “Aphrodithe”. Pero unha serie de homocidios e explosións, causadas polo mesmo asasino, ameazan as súas pequenas vacacións. Todos os pasaxeiros soben ós botes salvavidas agás Ran, que está atrapada nalgunha parte do navío. Poderá Conan rescatala antes de que afogue nas profundidades? Poderá descubrir a identidade do culpable? |
|||
| 10 | "O detective Conan: O réquiem dos detectives "Meitantei Konan Tantei-tachi no Rekuiemu" (名探偵コナン 探偵たちの鎮魂歌)" |
15 de abril do 2006 | |
|
Un home contrata a Kogoro para que resolva un caso en Yokohama e pídelle que a súa filla de os detectives xuvenís o acompañen. Pero todo é unha trampa para utilizalos a estes coma reféns e obrigar a Mouri a resolver o caso antes de que pasen doce horas, dándolle pequenas pistas a través do teléfono móbil. O criminal é moi astuto e intelixente, e mesmo coñece a verdadeira identidade de Conan. No caso vanse involucrando ó pouco Heiji Hattori, Caco Kid e o corpo policial de Toquio para axudalos. Pero, que quere conseguir ó asasino? Vai poder Conan salvar a Ran e ós seus amigos antes de que remate a conta atrás? |
|||
| 11 | "O detective Conan: A bandeira pirata no grande océano "Meitantei Konan Konpeki no Jorii Rojaa" (名探偵コナン 紺碧の棺)" |
21 de abril do 2007 | |
|
Koumijima é unha illa preciosa do Océano Pacífico. Unha lenda deste lugar é a de dúas mulleres piratas que agocharon un tesouro nun lugar da illa: o Palacio Acuático. Conan, os detectives xuvenís, Ran e Sonoko van de vacacións a Koumijima para descansar. E mentres os detectives xuvenís resolven un mapa do tesouro, as rapazas fan mergullo e son testemuñas da morte dunha rapaza a mans dunha serpe, que a primeira vista parece accidental. E curiosamente, esa morte está relacionada coa lenda do palacio acuático. Que perigos lles depararán a Ran e Sonoko? Poderán saír con vida de tan perigosa illa? |
|||
| 12 | "O detective Conan: A partitura do medo "Meitantei Konan Senritsu no Furu Sukoa" (名探偵コナン 戦慄の楽譜)" |
19 de abril do 2008 | |
|
Sonoko convida a Ran, Conan, Kogoro e á Asociación de Detectives Xuvenís á inauguración dun maxestuoso auditorio propiedade de Kazuki Domoto, un pianista famoso que dirixe unha prestixiosa academia musical. No acontecemento tocarase un violín Stradivarius acompañado dun órgano de pipa e da voz da soprano Reiko Akiba. Porén a cantante sofre varios intentos de asasinato, relacionados cuns homicidios que involucran a todos os alumnos da academia do mestre Domoto. No día da inauguración, a velada convértese nun pesadelo cheo de bombas. Quen se agocha tras estes horribles sucesos? |
|||
| 13 | "O detective Conan: O corvo perseguidor "Meitantei Konan Shikkoku no Cheisaa" (名探偵コナン 漆黒の追跡者)" |
18 de abril do 2009 | |
|
Unha serie de asasinatos no Xapón comezan a ser perpetrados. Kogoro Mouri é convidado á reunión de investigación do caso, pero nesta agóchase un dos membros da Organización dos Homes de Negro. Parece ser que estes teñen un certo interese nos asasinatos. Conan comeza a recompilar pistas para poder atopar o paradoiro dos seus inimigos, desvelando que o culpableería vingar a morte da súa moza cunha gran carraxe e odio. Non obstante Irish, un novo membro da organización, descobre a súa verdadeira identidade e non dubidará en matalo. Poderá Conan saír vivo deste enfrontamento? |
|||
| 14 | "O detective Conan: O barco perdido no ceo "Meitantei Konan Tenkuu no Rosuto Shippu" (名探偵コナン 天空の難破船)" |
17 de abril do 2010 | |
|
Jirokichi Suzuki, un tío de Sonoko, decide enfrontar a Caco Kid ofrecéndelle a oportunidade de que lle roube unha das súas xoias máis valoradas, a “Lady Sky do Firmamento”. O roubo terá lugar nun dirixible que viaxará dente Toquio a Osaka, e Conan e o detective Mouri están convidados. Pero durante a travesía aparece unha banda de atracadores, o Siamés Vermello, que se fai co control do aerostático. O medo comeza a xurdir entre os tripulantes e só Conan e os detectives xuvenís poderán salvar a vida de todos os viaxeiros. Poderán atrapar á banda de ladróns e coller dunha vez a Caco Kid? |
|||
| 15 | "O detective Conan: Os quince minutos de silencio "Meitantei Konan Chinmoku no Quootaa" (名探偵コナン 沈黙の15分)" |
16 de abril do 2010 | |
|
Os feitos ocorren nunha montaña nevada, na que Conan terá que sobrevivir nas consecuencias máis extremas. Unha liña de tren está en perigo ante as posibles ameazas que foron remitidas ó Gobernador de Toquio. Namentres un rapaz que perdeu a memoria nun accidente durante a construción dun encoro no pobo verase implicado nestes sucesos. Conan é os seus amigos intentarán impedilo todo, ó mesmo tempo no que Ran está en perigo e a enorme nevarada impide a resolución do misterio. |
|||
| 16 | "O detective Conan: O undécimo dianteiro "Meitantei Konan Juuichininme no Sutoraikā" (名探偵コナン 11人目のストライカー)" |
14 de abril do 2012 | |
|
A Asociación de Detectives Xuvenís está gozando un partido de fútbol. Namentres, a Axencia de Detectives Mouri recibe unha chamada de ameaza de bomba. Isto non é un xogo! Para incitar ó señor Mouri, o culpable fai estoupar un coche diante da súa Axencia... Só hai un xeito de detelo, resolver o código que deixou para atopar o agocho da bomba. O inspector Megure, Kogoro e Ran buscan polos arredores de Beika pero non encontran pista ningunha. Quéndalles só 45 minutos! Ran decide chamar a Shinichi para que os axude e Conan comeza a investigar. Quen é o culpable? O mundo do fútbol é máis escuro do que imaxinabamos... |
|||
Animacións de vídeo orixinal (OVAs)[editar]
As OVAs son capítulos especiais de longa duración non emitidos en televisión. No Xapón adóitanse sacar en vídeo ou DVD.
-
# Título en galego 1 Conan contra Caco Kid contra Yaiba 2 Dezaseis sospeitosos 3 Conan, Heiji e o neno desaparecido 4 Conan, Caco Kid e o Cristal Nai 5 Obxectivo, Kogoro Mouri! A investigación secreta dos Detectives Xuvenís! 6 A persecución do diamante desaparecido! Conan e Heiji contra Caco Kid 7 O desafío escrito de Agasa 8 O instituto das mozas detectives: o libro de Sonoko 9 O estraño despois de 10 anos 10 Kid na Illa das Trampas 11 Instrucións secretas dende Londres 12 O milagre de Escálibor
Detective Conan Drama[editar]
Detective Conan Drama (名探偵コナン- 工藤新一への挑戦状, Meitantei Conan: Kudō Shin'ichi he no Chōsenjō) é un especial con actores reais que preparou Gosho Aoyama para conmemorar os 10 anos do anime. A historia acontece uns días antes de que Shinichi se encontre cos Homes de Negro e que estes lle dean o veleno. Shinichi, que recibe unha carta anónima que lle informa dun rapto que se producirá nunha excursión do instituto, intentará dar co culpable. Pero ese non será o único secuestro que teña que impedir o xove detective.
- Dirección: Koichi Okamoto
- Guionistas: Gosho Aoyama, Mutsuki Watanabe
- Produtores: Toshikazu Tanaka, Masahiro Kunimoto, Akira Miyakawa
- Música: Katsuo Ono
- Reparto:
-
Personaxe Actor Shinichi Kudo Oguri Shun Kogoro Mouri Jinnai Takanori Ran Mouri Kurokawa Tomoka Juuzou Megure Nishimura Masahiko Sonoko Suzuki Iwasa Mayuko Keiji Tamagawa Ibu Masato Shingo Kitajima Fukawa Ryo Mai Nishida Mizukawa Asami Kunio Azuma Matsushige Yutaka Kyosuke Minamida Nishimura Kazuhiko Yoko Okino Becky
Mercadorías[editar]
DVDs da serie[editar]
No Nadal do ano 2007-2008, saíron á venda en Galicia dous DVDs da serie como parte dunha campaña.
- O detective Conan I
Conan e Mouri trasládanse á residencia do gran escritor de novelas de terror Torákura, alcumado Drácula. Alí, o detective dormente, é contratado para resolver un caso de relación extraconxugal. Pero despois de falar co sobranceiro escritor, este aparece morto cunha estaca chantada no peito. Días máis tarde, Kogoro e a súa familia, visitan un albergue de montaña onde coñecen unha actriz e a súa dobre. Alí son testemuñas da morte da actriz por celos da súa suplente.
- O detective Conan II
Un misterioso asasino a soldo, O Raposo, foi contratado para asasinar un home que tiña cancro. Este arrepíntese, e por iso desexa que Kogoro o protexa para non acabar morto. Mentres fan sendeirismo pola montaña, aparecen varios montañeiros, e Conan descobre que un deles é o malvado asasino. Logo, o pequeno detective, terá que facer fronte a outro homicidio. Kogoro estará cunha amiga durante a noite, e ao outro día descobren que está implicada nun misterioso asasinato. Así e todo, a hora estimada do crime é a mesma na que Kogoro acompañou á súa amiga.
Videoxogos[editar]
Ata o de agora, publicáronse varios videoxogos sobre O detective Conan no Xapón, para varios tipos de consolas. En España, lanzouse o videoxogo para Wii "Detective Conan: La investigación de Mirápolis", publicado no Xapón no ano 2007 e en España no 2009.
- Detective Conan: Tsuioku no Mirajiyu (O detective Conan: A investigación de Mirápolis)
Sobre unha illa artificial, atópase o parque Mirápolis, grande edificio da arquitectura mundial, deseñado para o lecer do público. Kogoro é convidado á cerimonia de inauguración, e xunto con Ran e a Asociación de Detectives Xuvenís viaxan ata o parque para pasalo ben. Pero, o que ía ser un momento de descanso e pracer para o detective, convértese nun pesadelo cheo de misterios, asasinatos e enigmas. Xunto con Heiji Hattori e Ai Haibara, Conan está disposto a descubrir a verdade.
Curiosidades[editar]
- Na primeira edición dos primeiros tomos do manga (edición española), houbo problemas coa tradución dos nomes dalgúns personaxes da Organización dos Homes de Negro, dando o nome de Cherry a Sherry e o de Belmotte a Vermouth.
- Mentres que no manga, Conan se reencontraba cos Homes de Negro pouco despois de que estes lle deran o veleno, na adaptación ao anime que corresponde co episodio "A grande explosión do tren bala"; episodio 5, non son Gin e Vodka quen aparecen no tren, senón uns homes con moito parecido físico a estes pero que nada teñen que ver coa Organización dos Homes de Negro.
- A irmá de Shiho Miyano, Akemi Miyano, é asasinada no manga por Gin case ó comezo da historia. Na adaptación ao anime esta historia correspóndese co capítulo "O roubo dos 100 millóns de dólares"; episodio 14, no que Akemi non parece ter relación cos Homes de Negro e sae ilesa do altercado grazas a Conan. Para solucionar isto, e dado que a morte deste personaxe era vital para a futura trama da serie, os responsables da mesma decidiron engadir, xusto antes da primeira aparición de Shiho, un episodio similar ó 14 no que Akemi finalmente morre asasinada por Gin, "O gran atraco da Organización dos Homes de Negro"; episodio 135.
- Os personaxes de Genta, Ayumi e Mitsuhiko son unha homenaxe de Gosho Aoyama ós personaxes Xigante, Shizuka e Suneo do manga e anime Doraemon.
- O día 7 de marzo de 2007, a revista Shonen Sunday conmemorou o capítulo 600 deste manga e o día 22 de xullo de 2009, conmemorou o capítulo 700, e o 800 o 14 de decembro do 2011.
- Todos os membros da Organización dos Homes de Negro teñen nomes en clave de bebidas alcólicas. O gin é unha bebida alcólica, aromatizada xeralmente con fresas, típica de Holanda e Inglaterra. O vodka, licor típico de Rusia e Polonia, procede da destilación de plantas ricas en amidón. O tequila, procedente de México, elabórase a partir do agave. O pisco, de Perú, obtense a partir da destilación de uvas. O vermouth, é viño branco macerado e aromatizado con herbas. O sherry é o viño por excelencia do sur de España.
- Minami Takayama, a dobradora de Conan Edogawa na súa versión xaponesa e integrante feminina do dúo musical "Two-Mix", apareceu en versión animada, no capítulo "O secuestro duns cantantes famosos"; episodios 84 e 85, dobrándose a si mesma e por suposto a Conan. Na versión en galego, neses episodios, Teresa Santamaría fixo o propio con Minami e con Conan.
- No comezo do capítulo do manga equivalente ao "Asasinato na biblioteca"; episodio 51, Conan sostén nas súas mans dous libros: Magic Kaito e Yaiba, outras obras creadas por Gosho Aoyama.
- Na primeira película (O detective Conan: Explosión no rañaceos) revélase que o aniversario de Shinichi é o 4 de maio.
- Os personaxes de Ran e Shinichi están inspirados en Aoko Nakamori e Kaito Kuraba, que pertencen orixinalmente a outro manga creado por Gosho Aoyama. É máis, os dobradores de Shinichi e Ran coinciden cos de Kaito e Aoko respectivamente na súa versión xaponesa.
Procedencia dos nomes[editar]
Para darlle nome ós personaxes e ós lugares deste manga e anime, Gosho Aoyama homenaxea, á súa maneira, a diferentes referentes (personaxes reais, de ficción, lugares que aparecen nas novelas...) do mundo da literatura e do misterio detectivesco. Estes son algúns dos casos máis salientables:
- Shinichi Kudo: provén dunha serie xaponesa na que o protagonista se chama Shinsaku Kudo e que tamén é detective. Tamén cabe dicir que, en xaponés, "shin" pode significar "novo" e "ichi" o número 1. Shinichi quere ser o novo Sherlock Holmes, segundo el, o número un dos detectives, e o seu propio nome parece reflectir ese desexo seu.
- Conan Edogawa: é quizais a máis clara homenaxe. Conan vén de Arthur Conan Doyle, creador de Sherlock Holmes e Edogawa do escritor e crítico xaponés Rampo Edogawa.
- Kogoro Mouri: Kogoro vén de Kogoro Akechi, personaxe de ficción creado por Rampo Edogawa e Mouri do escritor Maurice Leblanc, creador do personaxe Arsenio Lupin, un sobranceiro ladrón de guante branco.
- Eri Kisaki: vén da novelista Ellery Queen. Eri de Ellery e Kisaki de Queen (Kisaki é raíña en xaponés).
- Distrito Beika: é un distrito imaxinario de Toquio onde viven os nosos protagonistas. O nome Beika provén de Baker, a rúa londiniense onde viven Sherlock Holmes e Watson.
- Cafetería Poirot: a cafetería de Azusa colle o nome Poirot de Hercules Poirot, personaxe creado por Agatha Christie.
Notas[editar]
- ↑ http://25anos.crtvg.es/tvg25/programa/118#118
- ↑ Emitidos na TVG (numeración galega).
- ↑ Emitidos no Xapón (numeración galega).
Véxase tamén[editar]
Outros artigos[editar]
Ligazóns externas[editar]
- Páxina oficial xaponesa do anime
- Páxina oficial xaponesa do manga
- Páxina oficial xaponesa do drama con actores reais
- Páxina web de O detective Conan na TVG
- Blog de O detective Conan en galego
|
|||||||||||