Shinichi Kudo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «APTX 4869»)
Shinichi Kudo
Personaxe de O detective Conan
Primeira aparición Manga, capítulo 1
Anime, episodio 1
Creado por Gosho Aoyama
Dobrado por Xaponés:
Kappei Yamaguchi (adolescente)
Minami Takayama (cativo)
Galego:
Gaspar Somoza (adolescente)
Tere Santa María (cativo)
Perfil
PseudónimosConan Edogawa
Idade17,
7 como Conan
SexoMasculino
Data de nacemento4 de maio
NacionalidadeXapón
Parentes coñecidosYusaku Kudo (pai)
Yukiko Kudo (nai)

Shin'ichi Kudo (工藤 新一 Kudō Shin'ichi?) é un personaxe ficticio e protagonista da serie O detective Conan, creado por Gosho Aoyama. A historia conta a vida deste mozo detective de 17 anos que encolle ao ser forzado a beber un veleno chamado APTX 4869 ao ser descuberto mentres espreitaba unhas estrañas transaccións entre varios homes. Tras tomar a apócema, Shinichi vese na obriga de adoptar o pseudónimo Conan Edogawa (江戸川 コナン Edogawa Conan?), nome obtido a partir de Arthur Conan Doyle e Rampo Edogawa[1]. Como resultado do encollemento e agochado na identidade de Conan, ten que ir vivir á casa da súa amiga e noiva Ran Mouri e mais seu pai, o detective privado Kogoro Mouri, ao que axuda na resolución dos seus casos coa esperanza de dar coa Organización dos Homes de Negro que o fixo minguar.

Vida de Shinichi[editar | editar a fonte]

Adolescencia[editar | editar a fonte]

Non hai dúbida ningunha, o asasino é esa persoa.

Shinichi Kudo é fillo da famosa actriz Yukiko Kudo e mais do célebre escritor de novelas policíacas Yusaku Kudo. Casaron ós 20 anos e mercaron unha casa na rúa Beika, onde vivían co seu fillo pequeno Shinichi, co profesor Agasa de veciño. Xa desde cedo, o caletre de Shinichi comezou a asombrar a Yusaku, quen ante a perspicacia do seu fillo lle daba libros detectivescos para que os lese e espelise o maxín. Ademais, propoñíalle quebracabezas e xogos de detectives; por non falar de que canda o seu amigo, o inspector Megure, viu escenas de crimes a axudou nas investigacións. Shinichi era un prometedor xogador de fútbol, pero se retirou porque só quería estar en forma para ser detective.

Pouco se sabe da infancia de Shinichi, á parte de que os seus pais marcharon ata Os Ánxeles para exerceren as súas respectivas carreiras, deixando o seu fillo na súa vella casa e na compaña do profesor Agasa. De cando en vez, realizaban periódicas viaxes para comprobaren o aspecto do seu pequeno. Mentres, Shinichi realizaba as súas pequenas deducións no seu instituto, O Teitan, no que estudaba coa súa amiga da infancia Ran Mouri e con Sonoko Suzuki. Na escola, Shinichi sobresaía en todas as materias agás en música, do que só acadaba a coñecer os nomes das notas musicais. Máis adiante, nunha viaxe en avión ós Estados Unidos, resolveu o seu primeiro caso de asasinato durante o voo, na compaña de Ran e co inspector Megure a bordo. Xa daquela se empezaba a dar conta do amor correspondido que ía sentindo cara a Ran.

Encollemento[editar | editar a fonte]

Agora caio. Máis claro auga!

Ó comezo da historia, Shinichi continúa estudando no Instituto Teitan, mostrando a súa paixón polo misterio e por Sherlock Holmes. Un día que quedou con Ran nun parque de atraccións foi testemuña dun intercambio sospeitoso por parte duns homes vestidos de negro. Inquedo, a súa curiosidade levouno a que estes o descubrisen e, no canto de asestarlle un balazo (por mor da presenza da policía do lugar), lle administrasen un fármaco experimental, chamado APTX 4869, cuxos insólitos efectos o fixeron minguar converténdoo nun cativo de 7 anos. Dándoo por morto, os Homes de Negro foxen do lugar. Despois do encontro, e co consello do profesor Agasa, Shinichi agocha a súa identidade e vai vivir á casa de Ran (quen descoñece a verdade) xa que, ao ser o seu pai detective, cre que algún caso o pode conducir ata o paradoiro deses misteriosos Homes de Negro. Deste xeito, baixo o pseudónimo Conan Edogawa, vaise involucrando na resolución de casos de asasinato que resolve durmindo a Kogoro cun dardo narcótico e imitando a súa voz cunha paxariña moduladora de voz, ambos os dous inventos facilitados polo profesor Agasa con ese fin. Pouco a pouco, grazas ás deducións que fai por Kogoro, consegue converter ao sobranceiro pai de Ran nun célebre detective de moita sona en todo o Xapón.

Debido á súa condición de cativo, Conan acode á escola como calquera neno normal. Nela fai tres amigos cos que comparte a vocación de seren detectives: a inocente Ayumi Yoshida, o mangallón de Genta Kojima e o perspicaz Mitsuhiko Tsuburaya. Xunta a eles forma a Asociación de Detectives Xuvenís cos que tamén se enfronta ó perigo.

Ao longo da historia, Ran sospeita en varias ocasións sobre a verdadeira identidade de Conan. De feito, o detective de Osaca e amigo de Shinichi, Heiji Hattori, logra descubrir que Conan é Shinichi, pero garda o segredo. Ademais, noutros momentos da trama Conan consegue recuperar temporalmente o seu aspecto de Shinichi grazas a un grolo dunha augardente chinesa. Con isto despexa as posibles dúbidas de Ran, e tamén sosega a súa tristura por estar lonxe de Shinichi (que pensa que está fóra resolvendo un caso difícil).

Os Homes de Negro[editar | editar a fonte]

Aos poucos tamén vai coñecendo os obxectivos da Organización dos Homes de Negro: traballan con drogas, realizan intercambios sospeitosos e teñen un certo interese nos videoxogos. Co progreso da historia, Shinichi coñece a Ai Haibara, a creadora do veleno que o encolleu. Ela usara o seu propio veleno para suicidarse despois de que os Homes de Negro asasinasen a Akemi Miyano, a súa irmá, sorprendéndose ao comprobar os efectos minguantes do seu fármaco. Coa amizada que establece con Ai (antes Shiho Miyano), Conan pode saber máis cousas sobre a Organización.

Ai obtén un prototipo do antídoto para a APTX 4869, pero por desgraza para eles é temporal ao igual que a augardente. Finalmente, Conan descobre que varias persoas andan trala súa pista: Jodie Santeimillion, unha profesora de inglés, Shuichi Akai, un home que sempre vai cun pucho negro, e James Black, un norteamericano moi perspicaz. Ademais, Conan sabe que a actriz estadounidense Sharon Vineyard está dentro da Organización.

APTX 4869[editar | editar a fonte]

A apoptoxina 4869 (APTX 4869) é un fármaco ficticio derivado dunha fórmula de inmortalidade experimental, que foi desenvolvida por Shiho Miyano co propósito de rematar coa vida da xente que se interpuña no camiño da Organización dos Homes de Negro sen deixar cabos soltos. Os científicos da mesma levan intentando perfeccionar un dos velenos máis mortais dos que se poida imaxinar. Xa no pasado, os pais de Shiho comezaron os experimentos neste campo, pero trala súa misteriosa e repentina morte foi ela a que proseguiu o traballo conseguindo grandes resultados en ratos de laboratorio.

Sendo aínda unha droga experimental, o seu nome en clave é APTX 4869; APTX vén de apoptoxina e o número 4869 refírese ao número de serie dentro de todo o arsenal do que dispón a malvada organización. Nun momento da historia, Pisco, descoidado el, deixa un portátil que contén información vital para Ai e Conan sobre a droga na mesma sala onde tiña retida a Ai. O contrasinal do informe da droga en fase de probas é SHELLINGFORD, o nome que lle dera Arthur Conan Doyle ó detective das súas novelas antes de chamalo Sherlock Holmes.

Efectos e antídoto[editar | editar a fonte]

A APTX 4869 leva á morte ás persoas por medio da apoptose (de aí o nome de apoptoxina), un conxunto de reaccións bioquímicas programadas grazas a unha serie de sinais controlados xeneticamente. Malia que isto é o que ocorre na meirande parte dos casos, o veleno ten, ás veces, uns efectos secundarios inesperados, debido á súa propiedade para incrementar a capacidade da eficiencia da multiplicación celular, facendo que o suxeito drogado rexenere os seus tecidos corporais (músculos, ósos...), que se traduce na volta á infancia do suxeito.

Para poder atopar un antídoto que anule o efecto da apoptose que induce a droga dos Homes de Negro, Ai e o profesor Agasa necesitan ter coñecemento da composición exacta do veleno. Parece ser que un tipo concreto de augardente chinesa bebida cando se está a chocar unha gripe anula temporalmente os efectos da droga. Por desgraza, unha vez utilizado este método para recuperar o verdadeiro corpo do suxeito durante uns minutos, nunca máis volverá ser efectivo nesa mesma persoa. Ai, sospeitando que esa augardente puidese ter un factor clave para a creación dun antídoto, investiga sobre o asunto chegando a crear un antídoto provisional moi perigoso e que debe ser tomado só en caso de urxente necesidade, pois pode conducir á persoa que o tome á morte.

Os aparellos do profesor Agasa[editar | editar a fonte]

Grazas ao seu amigo, o científico Hiroshi Agasa, Conan dispón dunha gran chea de trebellos cos que contar para resolver os seus casos.

  • Os súper tenis: estes tenis levan incorporados unha rede de cables que envían impulsos eléctricos ó pé estimulando a súa forza e permitindo a Conan lanzar obxectos ós malos para deixalos inconscientes ou tirar portas abaixo.
  • Os dardos narcóticos: enmascarado como se dun reloxo normal se tratase, este aparello incorpora un lanzador de dardos narcóticos que deixa durmindo a todo aquel ao que Conan elixa coma vítima.
  • A paxariña moduladora de voz: esta paxariña especial inclúe un dial para elixir a voz que Conan necesite en cada momento. Deste xeito Conan tense feito pasar por unha chea de xente, sendo o máis recorrente o señor Mouri. A paxariña pode conectarse a un micrófono que Conan sitúa no pescozo do Kogoro dormente, permitíndolle a Conan non ter que estar preto del mentres fala.
  • Os lentes radar: unha vez activadas dende a lente esquerda, serven para rastrexar ós sospeitosos e dar coas súas goridas ademais de ter o obvio propósito de ocultar a verdadeira identidade de Conan.
  • Os tirantes de forza: malia que parecen uns tirantes normais e correntes, estes poden levantar cousas moi pesadas ou servir de tiracroios para lanzar algún que outro obxecto.
  • O monopatín a enerxía solar: este monopatín a motor ten a capacidade de alcanzar grandes velocidades. Ó primeiro soamente funcionaba de día xa que a súa fonte de enerxía é o sol, pero logo o profesor Agasa incorporoulle un sistema de reserva que almacena a enerxía para poder aproveitala pola noite. É moi útil para perseguir delincuentes.
  • As insignias teléfono: o profesor Agasa deulles cadansúa insignia aos membros da Asociación de Detectives Xuvenís. Grazas a eles poden manterse en contacto a grandes distancias.
  • O pendente teléfono: un teléfono moi útil enmascarado en forma de pendente.
  • A caixa da merenda: é, en realidade, un fax enmascarado coma unha caixa de merenda. Emprégase á hora de responder os fax enviados por algún cliente de Kogoro ou Shinichi.
  • O caderno das contas electrónico: un mapa da cidade GPS, oculto no interior dun libro de matemáticas.
  • Fibela de cinto: Incha e dispara balóns ao pulsar o botón. É moi últil para capturar delincuentes.

Xente que coñece a verdadeira identidade de Conan[editar | editar a fonte]

  • O profesor Agasa, a quen recorreu Shinichi tras transformarse nun cativo.
  • Os pais de Shinichi, os cales nunca poderían soportar a perda do seu fillo.
  • O detective adolescente Heiji Hattori, que o descobre a base das súas deducións.
  • O ladrón Caco Kid, quen se refire a Conan coma Shinichi nas películas.
  • Ai Haibara, a creadora do veleno e que quere axudar a Shinichi.
  • Sharon Vineyard, unha actriz norteamericana que está involucrada na Organización.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aoyama, Gosho (07-09-2004). "Capítulo 1". O detective Conan 1.