Magyar Televízió

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Magyar Televízió
Televisión Húngara
Inicio das emisións 23 de febreiro de 1957
Propiedade de MTVA
Slogan Értéket közvetít
(Transmitindo valores)
País Hungría Hungría
Lingua húngaro
Sede central Hungría Budapest

Na rede
mtv.hu

Magyar Televízió (en galego, Televisión Húngara), tamén coñecida como MTV, é a compañía de televisión pública de Hungría. Fundada en 1954 como parte de Magyar Rádió, funciona como un organismo independente da radio pública desde 1974.

Actualmente o grupo xestiona dúas cadeas de televisión con cobertura en toda Hungría e un servizo adicional que emite as sesións do Parlamento húngaro a través de internet. MTV é membro activo da Unión Europea de Radiodifusión e parte do grupo húngaro MTVA desde 2011.

Historia[editar | editar a fonte]

MTV durante a República Popular de Hungría[editar | editar a fonte]

As primeiras probas de Magyar Televízió tiveron lugar en 1954, pero non foi ata o 23 de febreiro de 1957 cando comezaron as emisións regulares da televisión de Hungría. A inauguración oficial da canle produciuse o 1 de maio de 1957, coa emisión dun desfile militar do Exército húngaro, e desde o 2 de xullo dese mesmo ano empezaron a emitirse programas diarios de información. Nese tempo MTV formaba parte da radio pública húngara, Magyar Rádió.[1] Desde a súa creación e ata o final da República Popular de Hungría en 1989, Magyar Televízió estivo controlada por completo polo Estado.[2]

Nos seus primeiros anos Magyar Televízió foi unha das cadeas de televisión máis activas de Europa do Leste, e foi unha das impulsoras dunha plataforma de televisións públicas da órbita socialista, distinta á Unión Europea de Radiodifusión (UER), que servise para intercambiar programas. Deste xeito, MTV foi un dos catro grupos fundadores da Organización Internacional de Radio e Televisión (OIRT) xunto a Checoslovaquia, Alemaña Oriental e Polonia.

Nos seguintes anos, o desenvolvemento de MTV continuou coas primeiras emisións en cor en 1967, a creación dunha segunda canle en 1971, e a separación en dúas entidades independentes de Magyar Televízió e Magyar Rádió en 1974.[1] Outros avances significativos foron a creación do teletexto en 1981,[2] as desconexións territoriais para provincias tres anos despois, e a chegada de programas estranxeiros de países occidentais como as telenovelas.

MTV durante a República de Hungría[editar | editar a fonte]

Coa caída do réxime socialista e o nacemento da República de Hungría en 1989, Magyar Televízió modificou o seu funcionamento. A programación das dúas canles de televisión cambiou por completo, e durante os seus primeiros anos en democracia producíronse numerosos cambios en curtos períodos de tempo. O novo Goberno creou unha canle pública independente de MTV, Duna TV, que comezou as súas emisións o 24 de decembro de 1992. En 1993, MTV integrouse na UER despois de que este organismo absorbese á OIRT.[1]

En 1997, o Goberno de Hungría aprobou a chegada da televisión comercial privada coa concesión de dúas novas canles: TV2 e RTL Klub. Para que TV2 tivese unha frecuencia en todo o país, o Executivo pensou retirar a súa concesión á segunda canle de Magyar Televízió, algo que finalmente se desestimou. Con todo, a televisión pública trasladou a súa frecuencia aos operadores de cable e satélite, mentres que a primeira canle continuou en analóxico.[2]

MTV atravesou un proceso de renovación coa chegada do século XXI. O Executivo húngaro eliminou o canon que cobraba aos seus cidadáns por ter un televisor para manter o ente público, e converteu a MTV nunha Corporación dependente da publicidade e os fondos do Goberno. Nese tempo o grupo modificou a súa imaxe corporativa e trasladou a súa sede nos arredores de Budapest.[3][4] En 2008 comezaron as emisións das dúas canles do grupo en alta definición.[5]

Canles de televisión[editar | editar a fonte]

  • M1: Primeira cadea. Oferta unha programación de contidos xerais con vocación de servizo público, informativos, películas e produción propia.
  • M2: Segunda canle, dedicado á cultura e ás minorías húngaras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Magyar Televízió (ed.). "Hungarian Television: our History" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2007. Consultado o 2 de setembro de 2010. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Magyar Electronikus Konyvtar (ed.). "A Magyar Televízió története" (en húngaro). Consultado o 2 de setembro de 2010. 
  3. Magyar Televízió (ed.). "The future of MTV" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2007. Consultado o 2 de setembro de 2010. 
  4. 31 de xullo de 2009. Magyar Televízió, ed. "The Hungarian Television has moved" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2015. Consultado o 2 de setembro de 2010. 
  5. 1 de xullo de 2009. Magyar Televízió, ed. "Hungarian Television: Digital terrestrial transmission started" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2015. Consultado o 2 de setembro de 2010. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]