Ríkisútvarpið

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ríkisútvarpið
RÚV Iceland.svg
Inicio das emisións 1930
País Islandia Islandia
Lingua islandés
Sede central Islandia Reiquiavik
Páxina web www.ruv.is

Ríkisútvarpið (en galego "Radiodifusión"), tamén coñecido polas súas siglas RÚV, é a organización nacional de radiodifusión pública de Islandia. Foi fundada en 1930 e actualmente xestiona dúas emisoras de radio e unha canle de televisión. É membro activo da Unión Europea de Radiodifusión desde 1956 e tamén forma parte da rede Nordvision.

Historia[editar | editar a fonte]

Sede de Ríkisútvarpið en Reiquiavik.

En 1930 o Goberno de Islandia creou Ríkisútvarpið, ente público de radio que puxo en marcha a súa primeira emisora de radio (actual Rás 1) o 20 de decembro do mesmo ano.[1] Nos seus inicios emitía durante unhas poucas horas, ata que en 1932 a programación ampliouse á franxa nocturna.[1] En 1983 creouse unha segunda canle de radio, Rás 2.[1]

Doutra banda, a televisión non se puxo en marcha ata o 30 de setembro de 1966 coa primeira emisión regular da primeira canle Sjónvarpið. En 1973 comezouse a emitir en cor e adoptouse por completo este sistema en 1976. Nos seus primeiros anos só emitía os mércores e os venres. Aos poucos foi aumentando a programación ata cubrir toda a semana salvo os xoves, situación que se mantivo ata o 1 de outubro de 1987.[1] A actividade tampouco era total durante todo o ano, xa que ata 1983 non emitía no mes de xullo.[1]

O maior impulso ao labor da organización foi grazas ao satélite; desde 1982 podíase acceder a transmisións en vivo de programas e acontecementos do resto de Europa. En 1986 produciuse o debut de Islandia no Festival da Canción de Eurovisión e en 1991 estreouse un servizo de teletexto (Textavarp).[1]

RÚV mantivo o monopolio sobre a radio e televisión ata 1985, cando o Goberno permitiu a entrada de empresas privadas cunha lei de radiodifusión comercial que se puxo en marcha en 1986.

Organización[editar | editar a fonte]

Ríkisútvarpið é unha empresa pública estatal, con sede en Reiquiavik. Réxese pola Lei de Radiodifusión islandesa de 1985.

A empresa finánciase coa recaudación dun imposto específico e a venda de espazos publicitarios. Ao ser independente do estado no económico, os beneficios que obtén só poden servir para labores de radiodifusión. De acordo á Lei de Radiodifusión, o propósito de RÚV é promover a lingua, historia e herdanza cultural islandesa. Ademais, debe garantir os valores democráticos, os dereitos humanos e a liberdade de expresión e opinión.[2]

Servizos[editar | editar a fonte]

Radio[editar | editar a fonte]

  • Rás 1: Creada en 1930. É unha emisora de contidos xerais con informativos, magacines e espazos culturais.
  • Rás 2: Creada en 1983, canle xuvenil con música nacional e internacional, boletíns informativos e entretemento.

As estacións tamén poden escoitarse a través do mundo igual que outras cadeas internacionais, malia estar creadas para ocupar o territorio islandés.

Tamén está presente a emisora dixital Roldou, que emite música clásica e jazz as 24 horas do día.

Televisión[editar | editar a fonte]

  • RÚV: Creada en 1966 e anteriormente chamada Sjónvarpið (literalmente, "A televisión"), é a primeiro e única canle pública. A súa programación é de contidos xerais. As emisións inícianse pola tarde en días laborables e polas mañás nos fins de semana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Saga Ríkisútvarpsins" (en islandés). Ríkisútvarpið. http://www.ruv.is/um-ruv/saga-ruv. Consultado o 19 de agosto.
  2. "About RÚV" (en inglés). Ríkisútvarpið. http://www.ruv.is/english. Consultado o 19 de agosto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]