Códice

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Becerro de Ouro, nunha miniatura medieval (facsímile)

Un códice é un libro de forma paralelepípeda, resultado da ensamblaxe de pregos manuscritos e, especialmente, os producidos desde a Antigüidade clásica até a Idade Media.

Historia[editar | editar a fonte]

Ao primeiro, a partir dos séculos I e II, os códices escribíanse sobre pergamiño e, desde o século XIII, tamén en papel. A orixe está nas tabelas de madeira rectangulares que se recobrían de cera polo interior e sobre as que se escribía cun punzón en Roma. Eran o equivalente dos cadernos actuais e utilizábanse para a correspondencia, as contas e os traballos escolares. O uso literario máis antigo de códices que se coñece é de finais do século I, cando Marcial experimentou co formato.

Esta presentación dos textos constituíu unha verdadeira revolución ao inicio da era cristiá porque ao contrario do rolo (volume), que impón unha lectura continua, o códice permite acceder aos capítulos (estrutura do texto) de maneira directa. Ademais, o códice podíase escribir polas dúas caras, co que se economizaba material. A súa adopción na cristiandade foi tan estendida que, como soporte da Biblia, o códice permitía aos cristiáns marcar a diferenza con respecto dos rolos sobre os que os xudeus lían a Torah.

O pergamiño substituíu o papiro gradualmente e a palabra liber, que designara os rolos de papiro, comezou a empregarse tamén para estes novos libros, que pola súa forma se parecían aos codices. Esta semellanza víase acentuada polas capas de madeira que os protexían. Os dous termos comezaron a confundirse xa no século III. Os rolos dominaron aínda en obras seculares até o século IV. Desde entón, cando o códice foi plenamente aceptado, até o Renacemento carolinxio do século VIII, moitas obras que non se copiaran de rolo a códice perdéronse para a posterioridade.

O códice melloraba o rolo en varios aspectos: Podíase abrir en calquera páxina, o que facilitaba a lectura; as páxinas podíanse escribir polos dous lados, o que abarataba o seu custo; a protección que lle daban as capas facíao máis compacto e doado de transportar; finalmente, facía tamén máis fácil organizar documentos nunha biblioteca porque tiña un lombo estábel no que escribir o título do libro. O lombo usouse para o incipit, antes de que se desenvolvese o concepto propiamente de título durante época medieval.

Aínda que a maioría dos primeiros códices se facían de papiro, este era fráxil e os fornecementos, provenientes Exipto, o único lugar no que medraba, escaseaban. Preferiuse pasar ao pergamiño porque, aínda que caro, era tamén máis duradoiro.

Os códices foron substituídos polos libros impresos. O estudo dos manuscritos desde o punto de vista da súa fabricación chámase codicoloxía; o dos documentos antigos en xeral é a paleografía.

O fragmento de codex máis antigo conservado contén un poema, De bellis macedonicis e está datado cara o ano 100. Consérvase no Museo Británico. Outros códices moi antigos son os palimpsestos de Plauto (da Biblioteca Ambrosiana) e De Republica de Cicerón (na Biblioteca Vaticana), ambos os dous do século IV. Consérvanse algúns códices de Virxilio dos séculos IV e VI.

Por extensión, o termo códice empregouse para as escolmas de leis (como o Codex Theodosianus) de onde deriva o uso actual do nome código en dereito. A imprenta non fixo desaparecer inmediatamente os códices: os de Leonardo da Vinci constitúen unha proba sorprendente disto.

Cómpre notar que as civilizacións mesoamericanas (Olmecas, Zapotecas, Maias, Toltecas, Aztecas, etc.) inventaron escritura e papel independentemente do Occidente. Fálase tamén de códices para designar as súas obras que conteñen debuxos e lendas.

Os códices mesoamericanos tiñan a mesma forma que os europeos pero confeccionábanse con tiras longas dobradas de cortiza de figueira (amatl) ou doutras fibras vexetais e encalábanse antes de escribir.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]