Pergamiño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pergameo»)
Pergamiño alemán, 1568

Pergamiño[1] ou pergameo[2] (do grego pergaméne e do latín pergamina ou pergamena) é o nome dado a unha pel de animal, xeralmente de cabra, carneiro, cordeiro ou ovella, preparada para escribir nela. Designa tamén o documento escrito nesa pel. Foi largamente utilizado na antigüidade occidental, en especial na Idade Media, até a difusión do papel, invención chinesa.

A orixe deste nome ven da cidade de Pérgamo, onde existía unha grande produtividade de elevada calidade do pergamiño, mais realmente a existencia deste material remóntase a dous milenios antes de Cristo (cando Pérgamo aínda non existía).

Proceso de fabricación[editar | editar a fonte]

Documento legal inglés manuscrito con selo de resina datado en 1638.

A pel da res (ovella, xato ou cabra) somérxese nunha solución de cal para poder raspala e quitar a la adecuadamente. A continuación ráspase até que quede igualada por ambas as caras. Finalmente, e coa axuda de pos de pedra pómez, desgástase até que queda lista para o seu uso. Cando a pel se extrae dun animal vello, o resultado é un pergamiño de boa calidade pero máis basto. En cambio, se o animal é novo, obtense un pergamiño moito máis fino chamado vitela. O pergamiño máis basto acostúmase utilizar para facer tambores, pandeiretas e similares.

Existe un pergamiño fabricado na actualidade chamado ‘papel de pergamiño’, que se usa entre outras cosas para facer pantallas de lámpadas e manualidades. Fabrícase co papel ordinario, somerxido nunha solución de dúas partes de ácido sulfúrico concentrado por unha parte de auga. Despois duns segundos nesta solución, neutralízase o ácido.

Utilización do pergamiño[editar | editar a fonte]

Mapa hidrográfico de Francia en dous pergamiños unidos. Dieppe, 1627.

Os pergamiños máis antigos proceden de Exipto e teñen 4.000 anos. Sábese que se utilizaba en Babilonia e Fenicia. Os xudeus debían utilizalo para copiar a Lei. Heródoto afirma que o seu uso en Grecia foi substituído polo papiro e en Roma hai moitas referencias á súa utilización.

O uso do pergamiño estendeuse desde fins do século I para a copia de libros cando estes pasaron a publicarse en forma de códices. O pergamiño existente máis antigo é de finais do século I e contén un fragmento de De bellis macedonicis. Os mosteiros cristiáns mantiñan bibliotecas de pergamiños no período medieval, onde monxes letrados se dedicaban á copia de manuscritos, debéndose a esa actividade a sobrevivencia e divulgación de textos clásicos da cultura grega e latina en Occidente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pergamiño.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pergameo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]