Herófila

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Herófila era, na mitoloxía grega, unha sibila oriúnda de Marpeso, na chamada Tróade, rexión onde se situaba Troia. Era filla da ninfa Idea e dun pai mortal chamado Teodoro, pastor do monte Ida. Foi Herófila quen predixo a guerra de Troia, anunciando que a responsábel sería unha muller chamada Helena. Pasou a maior parte da súa vida en Samos. Enseguida foi para Claros, cidade preto de Colofón (unha das cidades onde se presume que Homero naceu), e máis tarde para Delos e de alí para Delfos, onde profería os seus oráculos sobre unha rocha.

Heráclito, o primeiro autor grego en falar da sibila, no século -V, en citación de Plutarco en De Pythiae Oraculis, di que Herófila se expresaba "cunha boca delirante, sen sorrisos, sen ornamentos, sen disimulos, e a súa voz chegaba máis alá de mil anos grazas ao deus". Segundo o historiador e xeógrafo Pausanias, os habitantes de Alexandría dicían que a sibila era sancristá de Apolo Esminteo. Profería os seus oráculos na forma de enigmas e escribíaos en follas.

Contan que compuxo un himno na honra de Apolo, o deus que inspiraba as profecías. Traía sempre con ela unha pedra sobre a que subía para facer os presaxios. Esa pedra foi conservada en Delfos despois da súa morte e no tempo de Pausanias era mostrada aos interesados. Tamén se dicía que o seu túmulo ficaba no bosque de Apolo Esminteo. Morreu en Tróade.

De acordo con Pausanias, os eritreos eran entre os gregos os que reivindicaban esta sibila máis calorosamente. Eloxiaban o monte Corico, e nese monte un antro onde pretendían que Herófila tería nacido. Os mesmos eritreos destacaban versos das poesías de Herófila nos que ela fala da cidade de Marpeso e do río Aidoneo como a súa terra natal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]