Escudo de Irlanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de armas de Irlanda

O escudo de Irlanda (en inglés Coat of arms of Ireland, en gaélico Armas na hÉireann) é o escudo de armas oficial da República de Irlanda dende o 9 de novembro de 1945. Consiste nun brasón azur cun arpa dourada con cordas de prata, consolidando así a tradición da arpa gaélica, a chamada clàrsach, como o emblema heráldico tradicional de Irlanda. A súa descrición heráldica oficial sería:

Azure a harp Or stringed Argent.
(En campo de azur, unha arpa de ouro cordada de prata)

A arpa irlandesa[editar | editar a fonte]

A arpa é recoñecida como un símbolo de Irlanda xa dende o século XIII, e a súa primeira aparición nas cuñacións monetarias anglo-irlandesas data de 1536, durante o reinado de Henrique VIII, aparecendo como o terceiro cuarto do escudo de armas real do Reino Unido.

A arpa foi escollida como o emblema estatal tralo establecemento do Estado Libre de Irlanda, e unha das súas primeiras aplicacións foi no Gran Selo do Estado Libre de Irlanda, e seguiu sendo o emblema estatal despois de que se adoptase a Constitución de Irlanda. A imaxe da arpa é empregada nas acuñacións monetarias, pasaportes e outros documentos oficiais estatais, así como nos emblemas do Presidente, o Taoiseach, o Tánaiste e os Ministros do Goberno e outros cargos oficiais.

A arpa das moedas acuñadas en 1928 está baseada no arpa de Galway e na do Trinity College, mentres que unha versión moito máis modificada introduciuse na acuñación de 1939, que é a que subsiste hoxe día nas moedas de euro de Irlanda.

O escudo de armas real de Irlanda[editar | editar a fonte]

A partir da chegada da dinastía Estuardo aos tronos de Inglaterra e Irlanda en 1603, o escudo de armas real comezou a usar a arpa irlandesa representando ao Reino de Irlanda. A través dos anos, a arpa foi alterada e recolocada representando os diferentes cambios no panorama político ata que o escudo de armas real británico acadou a oficialidade coa ascensión ao trono do Reino Unido da raíña Vitoria I en 1819, momento dende o cal permaneceu inalterado. Este escudo de armas mostra a arpa irlandesa tanto en Inglaterra, Escocia e Gales coma no escudo de armas do Canadá, no cuarto inferior esquerdo.

A arpa de Brian Boru[editar | editar a fonte]

A arpa de Brian Boru (tamén denominada como a Arpa do Trinity College) data concretamente de finais do século XIV e móstrase de xeito permanente na Gran Sala da biblioteca do Trinity College de Dublín, sendo a representación desta arpa máis antiga que aínda existe en Irlanda. Esta arpa foi así denominada por Brian Boru, Gran Rei de Irlanda, aínda que morreu 400 anos antes de que a arpa fose fabricada, xa que logo non puido pertencer a el.