Escudo de Xeorxia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Xeorxia
Escudo de armas da República Democrática de Xeorxia (1918-1921 e 1991-2004)

A versión actual do Escudo de Xeorxia foi adoptada o 1 de outubro de 2004. Está baseado nas armas medievais da Casa dos Bagration que reinou no país.

No escudo figura, nun campo de goles, a figura dun xinete de prata que representa a San Xurxo, patrón de Xeorxia, armado cunha lanza sobre un cabalo do mesmo metal que está matando a un dragón tamén de prata. Ó timbre ten unha coroa real pechada de ouro. O brasón é sostido por dous leóns de ouro. Os leóns e o brasón sitúanse sobre unha cinta de prata cargada co lema nacional en letras de sable: ძალა ერთობაშია “Dzala Ertobashia” (“A forza está na unidade”).

Escudos empregados anteriormente[editar | editar a fonte]

  • 1918-1921 e 1991-2004:

A República Democrática de Xeorxia (1918-1921) adoptou un escudo circular coa imaxe de San Xurxo, patrón de Xeorxia, acompañado do sol, a lúa e cinco estrelas, e rodeado dun bordo en forma de estrela de seis puntas cargada dun debuxo intrincado de tipo tradicional. O antigo escudo da República Democrática foi reintroducido pola nova República de Xeorxia postsoviética en 1991, ata que foi substituído polo actual no 2004.

  • 1921-1991:

O escudo de armas da República Socialista Soviética de Xeorxia, tamén de forma circular, presentaba os símbolos comunistas da estrela vermella e a fouce e martelo, ademais de elementos propios da agricultura e a paisaxe xeorxianas, como a vide e o trigo, ou as montañas do Cáucaso. Todo rodeado do lema nacional soviético, «Proletarios do mundo, unídevos!", escrito en xeorxiano e en ruso, e dunha bordura exterior con motivos tradicionais.

  • 1801-1917:

Antes de 1917, cando Xeorxia era parte do Imperio Ruso, as armas xeorxianas aparecían no escudo imperial ruso como parte do escudo caucasiano, onde figuraba San Xurxo matando ó dragón.

  • Antes de 1801:

A maior parte dos escudos utilizados foron as armas dos Bagrátidas, que decían descender do Rei David e incluían elementos como a lira e a fonda ou a Santa Túnica.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]