Castelo de Ferreira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Castelo de Ferreira
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

O castelo de Ferreira (Ferraria) foi unha fortaleza medieval da que existen referencias desde finais do século XI. Algúns estudosos sitúana na vila de Santa María de Ferreira en Coristanco[1]

O castelo e a súa xurisdición aparecen inicialmente asociados ao nome de Pedro Froilaz de Traba quen no ano 1090 subscribiu un diploma real como señor de Ferreira (dominator Ferrarie)[2]. No 1096, confirmou unha doazón do conde Raimundo de Borgoña á Catedral de Mondoñedo como "Petrus Froylaz comes de Ferraria"[3] e, no mesmo ano, figura nunha concesión de Afonso VI ao Mosteiro de Montesacro como "Petrus Froylaz dominator Ferrarie"[4].

Outra posible localización para a fortaleza é o lugar de Ferreira, nas Terras de Trasancos, dominio familiar dos Froilaz[5] onde o conde Pedro tiña abondosas posesións[6]. Alí existe unha elevación sobre o terreo, o pico da Ferreira que semella indicada para albergar unha fortaleza medieval[7].

Na Historia compostellana nárrase como con motivo da revolta galego-portuguesa contra ela do ano 1116, a raíña Urraca tentou gañar para o seu bando ao bispo Xelmírez ofertándolle o señorio de Ferreira e o seu castelo xunto co de Lobeira e a terra de Montaos[8].

A crónica compostelá conta tamén como arredor do 1129 os vasalos de Rodrígo Pérez de Traba, fillo do conde Pedro, secuestraron a un arcediago de Diego Xelmírez[9]. Tratábase segundo o texto de xente das terras que pertencían aos castelos de San Xurxo, Traba e Ferreira no arcediagado de Trastámara[10][11], o que indica certa proximidade entre as fortalezas. Tamén nalgún documento do tempo do rei Afonso VII parece indicarse que o castelo de Ferreira non esta lonxe do de Traba, motivo polo que o investigador Manuel Gago especula coa posibilidade de de que o castelo de Ferreira sexa na realidade a desaparecida fortaleza de Penafiel[12].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Suárez, Manuel; Campelo, Jose, eds. (1950). Historia compostelana, o sea hechos de D. Diego Gelmirez, primer arzobispo de Santiago. Santiago de Compostela: Porto y Cía. Editores. op. cit. 215. 
  2. Reilly, Bernard F. (1982). The Kingdom of León-Castilla Under Queen Urraca (PDF). Princeton University Press. p. 36. 
  3. Recuero Astray, Manuel (2002). Documentos medievales del reino de Galicia. Doña Urraca (1095-1126). Xunta de Galicia. doc. 4. 
  4. Gambra, Andrés (2013). Alfonso VI 2. Marcial Pons. doc. 14. 
  5. Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos fróilaz nas Terras do Eume. Implantación territorial e estrutura do dominio durante os séculos XI e XII" (PDF). Catedra. Revista eumesa de estudios (13). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de xuño de 2013. Consultado o 18 de xullo de 2019. 
  6. "Doazón de Ferreira para o mosteiro de Xuvia". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2019-07-18. 
  7. "A lenda do Pico de Ferreira". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2019-07-18. 
  8. Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). pp. 257–258. 
  9. Falque Rey, Emma (ed.). Historia Compostelá (1994 ed.). p. 517. 
  10. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 148. 
  11. González López, Emilio (1957). Grandeza e decadencia do Reino de Galicia (1978 ed.). Galaxia. p. 267. 
  12. Gago Mariño, Manuel (2011-09-08). "No corazón do xigante (II): Castelos cardinais". Capítulo 0. Consultado o 2019-07-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Falque, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. Col. Clásicos latinos medievales 3. Madrid: Akal. ISBN 9788446004172.