Torreón dos Andrade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°24′27.50″N 8°10′19.25″W / 43.4076389°N 8.1720139°W / 43.4076389; -8.1720139

Torreón dos Antrade
Pontedeume. Torreón de Andrade.JPG
Concello Pontedeume
Provincia A Coruña
Comunidade autónoma Galicia
Estilo arquitectónico
Estilo orixinario (Militar medieval)
Estilo actual (O mesmo)
Estado actual Visitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia

O torreón dos Andrade é o conservado na actualidade do pazo que os Andrade tiñan na vila de Pontedeume e que foi demolido no ano 1935, a pesar de ter sido declarado Monumento Histórico-Artístico con anterioridade. O Torreón é obra do século XIV e foi mandado facer por Fernán Pérez de Andrade, O Boo.

Emprazamento do torreón

Situación[editar | editar a fonte]

Sitúase no núcleo urbano de Pontedeume, ao pé da praza do Conde.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia desta fortaleza vai unida á da vila de Pontedeume, que comeza no nadal de 1270 cando Afonso X O Sabio concedeulle o título de Vila ao lugar coñecido como Ponte do Eume. Esta comunidade tería goberno autónomo e sería de reguengo, dependendo deste xeito só da autoridade do rei.

No século XIV Henrique II de Trastámara outorgoulle o señorío da vila de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade, O Boo en pago ao seu apoio na guerra civil contra Pedro I O Cruel. Este primeiro señor de Pontedeume foi quen mandou construír o torreón, probablemente no mesmo lugar onde se erixía outro máis antigo, quizais mandado construír por Afonso X cando lle outorgou o título de vila ó lugar. Sábese que existía no 1295.

Durante as revoltas irmandiñas as posesións dos Andrade foron obxectivos principais. Nun primeiro momento a defensa da fornecida vila fixo fracasar o ataque, pero unha segunda tentativa dirixida por Alonso de Lanzós conseguiu apoderarse do castelo e da vila e mantelos no seu poder durante certo tempo.

A mediados do século XVI unha herdeira dos Andrade casou co Conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro Osorio e Portugal. Na figura do seu fillo, Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal (1524-1590) fusiónanse ambos condados. A posterior unión do Condado de Lemos coa Casa de Alba fixo que o Torreón pasase a formar parte do patrimonio do Ducado de Alba.

Descrición[editar | editar a fonte]

Torreón dos Andrade, fachada sur.

O actual torreón ameado é o que queda do conxunto que formaban o pazo dos Andrade, o torreón ó sur e a capela de San Miguel ó norte. Esta última foi derrubada en 1909, mentres que a desaparición do pazo produciuse gradualmente. No ano 1904 o concello mercou o pazo á Casa de Alba e foi derrubada a parte máis próxima ó torreón para abrir a estrada que comunicaba a vila coa nova estación do ferrocarril. O que quedaba do pazo foi entrando nun estado de progresivo deterioro a pesar de ser declarado Monumento Histórico-Artístico nos anos vinte. Os últimos restos do pazo desapareceron no 1935.

Nese momento a torre mantiña a súa estrutura en boas condición mais o seu estado de conservación era lamentable. Foi obxecto de dúas restauracións no 1951 e no 1974 que lle deron o aspecto que actualmente ten.

Mide once metros e medio de lado e dezaoito de altura. Os seus muros chegan a alcanzar os 2,35 metros de anchura na planta baixa.

Exterior[editar | editar a fonte]

Escudo na fachada sur

Un enorme escudo do século XVI que estaba inicialmente na fachada do Pazo dos Andrade, incrustouse na fachada meridional do torreón cando foi derrubado aquel. Rodéao un colar do que pendura o toisón e está orlado coas 18 bandeiras que representan ás que Fernando de Andrade, primeiro conde de Andrade, gañara ós franceses na batalla de Seminara. Cada bandeira ten no seu centro unha flor de lis, divisa dos reis de Francia. Na parte superior do escudo hai unha coroa condal e riba dela un anxo termando dun filacterio no que se len as palabras da Apocalipse: nolite nocere.

Nesta mesma fachada sur ábrense dúas estreitas seteiras e unha angosta ventá rectangular. Na fachada occidental non se abre máis oco có dunha latrina voada.

As portas de acceso sitúanse nas fachadas norte e sur. A porta norte, situada á altura do primeiro andar, comunicaba cunha ponte levadiza que se apoiaba nun muro erguido en fronte a unha distancia de 4,40 metros.

Nestas fachadas norte e sur, ábrense ventás xeminadas de arcos oxivais trilobulados e óculos calados con tracería. Na cuberta, nas súas esquinas laterais, unhas pequenas torres apoiadas sobre modillóns, agás unha en forma de anel.

Interior[editar | editar a fonte]

O torreón ten tres andares. A planta baixa estaba destinada a cárcere e defensa; o primeiro andar, vestíbulo ou cuarto da servidume ou da garda; o segundo, cociña e comedor, ó que alumaría unha ventá e outros servizos da vida íntima e, finalmente, dormitorio e pequeno salón no último andar.

Na actualidade o interior do torreón foi obxecto de profundas reformas para adecualo ao seu uso actual, o de servir de Centro de Interpretación da historia dos Andrade, como oficina de turismo e sala de exposicións.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antonio Couceiro Freijomil: "Historia de Pontedeume", 4ª ed. (1995). Xunta de Galicia. ISBN 84-453-1437-8.
  • "Pontedeume, guía visual". Concello de Pontedeume (2000). DL: C-1600/2000.
  • Carola Macedo e Gloria Moares: "Cronoloxía dunha desaparición: O Pazo dos Condes de Andrade". Revista Cátedra nº 4 (1997). ISSN 1133-9608.
  • Manuel M. Bello: "Un atentado contra el patrimonio: la desaparición del palacio-fortaleza de los Condes de Andrade". Revista Cátedra nº 18 (2011). ISSN 1133-9608.