Castelo de Santo Antón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°21′57″N 8°23′18″W / 43.36583°N 8.38833°W / 43.36583; -8.38833

Castelo de Santo Antón
Castelo de Santo Antón na Coruña 14.jpg
Concello A Coruña
Provincia Provincia da Coruña
Comunidade
autónoma
Galicia
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal Renacemento[1] (s. XVI)
Estilo actual Renacemento
Neoclásico (s. XVI-XVIII[2])
Estado actual Museo arqueolóxico
Véxase tamén
Castelos de Galicia
Castelo de Santo Antón en A Coruña
Castelo de Santo Antón
Castelo de Santo Antón
Localización no mapa provincial.

O castelo de Santo Antón é un castelo construído no século XVI [3] que formaba parte, xunto co Castelo de Santa Cruz (en Liáns) e o Castelo de San Diego (en Oza, hoxe desaparecido), dunha rede estratéxica de castelos e baterías para a defensa da cidade da Coruña[4]. Foi declarado Monumento Histórico Artístico en 1949[5] e desde o ano 1994 pasou a ter a consideración de Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento[3]. Dende a súa inauguración no ano 1968 alberga o Museo arqueolóxico e histórico da Coruña[3]

Historia[editar | editar a fonte]

No lugar que hoxe ocupa o castelo, e que era un illote próximo ao porto da Coruña, existía a finais da Idade Media unha capela dedicada a Santo Antón e nela se confinaban aos navegantes co mal coñecido como lume de Santo Antón, sendo tamén utilizado con posterioridade como lazareto.[6]

Precedentes[editar | editar a fonte]

Outra vista do castelo.

Na visita á Coruña de Carlos V o 14 de abril de 1520 o Consello da cidade fíxolle chegar a necesidade existente de contar cunha boa defensa para facer fronte aos ataques dos barcos ingleses e co obxecto de obter o permiso para a construción dunha Casa de Contratación, petición que fora feita pola nobreza e o clero galego nese mesmo ano, xa que desde o ano 1503 o comercio con América centralizábase na Casa de Contratación de Sevilla.

Co regreso da expedición de Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano en setembro de 1522 o Consello da Coruña fixo chegar un memorial ao emperador Carlos V, solicitando que o seu porto fora a base comercial da nova ruta aberta.

Finalmente o emperador concedeulle a Casa de Contratación á cidade o 22 de decembro de 1522[7], facilitando o comercio co norte de Europa.

Construción[editar | editar a fonte]

Entrada ao castelo.

No ano 1528 elixiuse a illa de Santo Antón como o lugar para a construción dunha fortaleza.[8] Nese ano recibíronse na Coruña cartas e provisións reais, nas que o Emperador mandaba se levantase unha fortificación.[9]

O enxeñeiro Fratín, inspector de fortificacións de Filipe II, referendou o lugar en 1581[10] e o rei autorizou a súa construción, que levou a cabo o profesor da Real Academia de Matemáticas, o enxeñeiro alférez Pedro Rodríguez Muñiz, que se atopaba en Galicia ao servizo do Capitán Xeneral Marqués de Cerralbo.[8]

A obra iniciouse no ano 1587, tal e como indica unha inscrición situada a carón do escudo do Marqués de Cerralbo da portada da fortaleza.[11]

Alxibe no interior.

Deseñou un modelo italiano adaptado a unha illa. Algún documento fala do uso para a construción de perpiaños da escaleira exterior estragada da Torre de Hércules.[2][8] A pedra da antiga muralla da cidade tamén foi utilizada para a súa construción.

No ano 1590 o rei Filipe II ordenou ao seu arquitecto Tiburcio Spinochio que continuara e finalizara as obras do castelo que foran interrompidas polo ataque de Francis Drake.[6] Deste xeito rematou nese mesmo ano as obras coa construción dos aloxamentos para a tropa, o alxibe e a torre que defende a porta.

A súa construción prolongouse desde o século XVI a boa parte do XVII, períodos durante os cales a cidade viu partir a Armada Invencible, tivo que facer fronte aos ataques ingleses (Drake en maio de 1589) e ao acoso da flota do arcebispo de Bordeos no ano 1639.

Batallas[editar | editar a fonte]

Unha das pezas de artillería.

Durante o ataque de Francis Drake á cidade foron dúas compañías de soldados e varias pezas de artillería as que defenderon con eficacia o flanco sur da Cidade Vella desde o castelo sen rematar.

No ano 1639 a frota do arcebispo de Bordeos atacou a cidade. O fogo cruzado da artillaría deste castelo e a do desaparecido de San Diego xogou un importante papel na defensa.[6]

Lazareto e prisión[editar | editar a fonte]

Dos séculos XVI ao XVIII foi un edificio defensivo e prisión, máis tarde foi empregado como lazareto para illar os mariñeiros que chegaban á cidade afectados dalgunha enfermidade infecciosa.[1][12]

Reformas do século XVIII[editar | editar a fonte]

Plano de Antonio López Sopeña, 1776.[13]

Sufriu unha importante reforma a partir do ano 1777 para instalar nel o Corpo de Enxeñeiros do Exército, reformas nas que constrúen unha batería baixa, un pequeno porto, unha capela, ameas e a casa do gobernador. Estas reformas fixéronse necesarias ao quedar obsoleta a súa capacidade defensiva xa que os buques do século XVIII eran máis altos có castelo quedando as súas plataformas desprotexidas.

Casa do Gobernador.

Desde comezos do século XVIII ata o século XX foi utilizado como prisión. Durante eses anos por aquel penal pasaron reclusos de sona como o mariscal de campo Juan Díaz Porlier; o tenente xeneral Antonio de Villaroel en 1716;[14] Alessandro Malaspina dende 1796 ata 1803; Melchor de Macanaz (ministro de Filipe V de España) durante catorce anos e Pedro de Macanaz (ministro de Fernando VII e neto do anterior) en 1822.[9][1][2]

Século XX[editar | editar a fonte]

Nos anos 40 deste século a illa uniuse á terra por medio dunha prolongación do peirao das Ánimas.

No ano 1960 foi cedido polo Ministerio do Exército ao concello da Coruña, para albergar un museo que, despois da realización de obras de reforma desde 1964 dirixidas por Pons Sorolla, abriu as súas portas no ano 1968. En 1975 foi nomeado director Felipe Senén López.[15]

A temática do espazo museístico é a arqueoloxía, albergando pezas de ourivaría protohistórica, do megalitismo, da Idade do Bronce en Galicia, a cultura castrexa, a romanización de Galicia e outras relacionadas coa cidade.[12]

Descrición[editar | editar a fonte]

Entrada do castelo cos escudos.

Trátase dunha fortaleza construída no século XVI na entrada da baía da Coruña.[16] Os seus antecedentes formais atópanse nos castelos italianos de inicios do século XVI, construídos por enxeñeiros ás ordes de Carlos I, e co Castelo de San Telmo en Nápoles como un dos exemplos máis achegados.[8]

É de estrutura alongada adaptándose ao promontorio coa entrada orientada cara o porto.

Vista do patio de armas desde enriba.

A entrada está defendida por santabárbaras escavadas na rocha. No seu portalón sitúanse os escudos do Imperio co Vélaro de Ouro do Gobernador Marqués de Cerralbo e o da Inquisición.

Cruzando a entrada chégase a un patio de armas protexido por cortiñas abovedadas laterais, e onde se sitúan as casamatas que na actualidade acollen achados arqueolóxicos da provincia (sartegos, esculturas, laudas, heráldica ...).

Á parte alta accédese por unha ampla rampla. Neste lugar, á esquerda sitúase o acceso ao alxibe, lugar no que se recolle a auga da choiva por medio dun sistema de canalización. Tamén se atopa aquí o pozo, que accede directamente ao alxibe. O extremo orientado cara á ría estrutúrase nunha plataforma estrelada para a colocación da artillería,[16] onde se conservan canóns de época e as garitas.

A Casa do Gobernador é produto das reformas de finais do século XVIII e obra do enxeñeiro Antonio López Sopeña,[13] que deseñou un palacete en estilo neoclásico. Composto de dúas plantas, a inferior era a destinada a servir de cuartel e a superior estaba dividida entre dúas vivendas e a capela dedicada á Virxe do Rosario, patroa da cidade. Á cuberta do edificio accédese a través dunha estreita escaleira de caracol.[6]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

A Borna, reconstrución dun barco da Idade de Ferro.  
Contorna.  
Sinalización trilingüe.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Molina Sánchez, Cesar Antonio: Viaje a la Costa da Morte 2003, ISBN 84-8374-390-6 (en castelán).
  2. 2,0 2,1 2,2 Ficha n.º 17 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1998 da cidade da Coruña.
  3. 3,0 3,1 3,2 Ficha do Museo Arqueolóxico - Castelo de San Antón na páxina do Concello da Coruña.
  4. Sarmiento, Martín (1745). Viaje a Galicia :(1745) / Fr. Martin Sarmiento ; edición y estudio por J. L. Pensado. p. 71. ISBN 8460018784. Consultado o 5 de febreiro de 2015. «Vi desde tierra el castillo de San Antón y enfrente al mediodía está el Castillo de San Diego, y los dos son las claves (68 r.) del puerto, y pescadería.» 
  5. Decreto de 22 de abril de 1949 sobre protección dos castelos españois (en castelán)
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Castillosnet.org (en castelán).
  7. Que foi pechada no ano 1573
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Soraluce Blond, José Ramón. Guía da Arquitectura Galega (1999). Guías Galaxia, Galaxia, páx. 93 a 95. ISBN 84-8288-186-8.
  9. 9,0 9,1 Murguía, Manuel: "El Castillo de San Antón" en El Museo Universal n.º 3, p. 22-23, Madrid, 15/2/1858 (en castelán).
  10. Adelaida Riveira Bullón: Reconstrucción infográfica y volumétrica de las etapas constructivas del Castillo de San Antón. 2013. UDC (en castelán)]
  11. Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ed. Inventario Monumental y Artístico de Galicia (Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia)[1] (2ª ed.). A Coruña. p. 261. ISBN 84-85728-62-9. 
  12. 12,0 12,1 Turismocoruna.com Páxina web de turismo do Concello da Coruña.
  13. 13,0 13,1 Plano del Castillo de S.n Anton de la Plaza de la Coruña con el Proyecto que se propone executar para aloxar dentro de el la Tropa que le guarnece: Acer la capilla, Avitacion para el Governador y Capellán Arquivo Xeral de Simancas.
  14. Villaroel foi defensor de Barcelona contra os franceses en 1697 na Guerra dos Nove Anos e en 1714 na Guerra de Sucesión Española.
  15. Naya Pérez, Juan et al.: artigo "Coruña, A", en Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada': A partir de 1975 ... empezaron os trámites para reinicia-las tarefas de limpeza e revisión dos traballos de investigación, materiais, estruturas, planimetría...
  16. 16,0 16,1 Castelo de San Antón en Turgalicia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Castelo de Santo Antón

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]