Torre de Milmanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre de Milmanda
Coordenadas42°08′00″N 8°01′21″O / 42.13322, -8.02238Coordenadas: 42°08′00″N 8°01′21″O / 42.13322, -8.02238
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

A torre de Milmanda, tamén coñecida como alcázar de Milmanda, é un vestixio dun castelo medieval, situado no cumio dun perfilado outeiro, preto do río Tuño, na parroquia de Milmanda, no concello de Celanova.

Historia[editar | editar a fonte]

O que na actualidade se configura como a torre-igrexa de Milmanda son os restos dun dos castelos máis importantes da historia de Galiza.

Xa no século X aparece documentada a súa existencia, vinculado ao mosteiro de San Salvador de Celanova. No século XII pasou a pertencer á Coroa polas guerras que tiveron como resultado a creación do Reino de Portugal, e por esta causa debeu ser obxecto de importantes reformas e ampliacións. A finais dese mesmo século o rei Afonso IX de León concedeu á vila foro de reguengo, e promoveu a repoboación da zona con xentes procedentes de Celanova. Estas disposicións de repoboación foron confirmadas xa no século XIII por Fernando III de León e Castela.

Novos privilexios reais chegaron despois, como a exención de portaxes concedida aos veciños por Afonso X, ou a confirmación do foro por parte de Sancho IV de Castela.

O castelo foi palco dos enfrontamentos entre Pedro I de Castela e Henrique de Trastámara. Tras falecer Pedro en Montiel a maior parte da nobreza galega recoñeceu como sucesor a Fernando I de Portugal, xenro de Pedro I, o cal estableceu a súa corte neste castelo e realizou unha campaña de ocupación de moitas vilas e cidades do país galego.

Tras rematar a guerra, Henrique II confiscou a fortificación de Milmanda, pasando en 1383, a depender directamente da coroa até 1446 cando foi cedido por Xoán II de Castela en señorío ao conde de Benavente xunto co resto da comarca.

Durante a Gran Guerra Irmandiña foi derrubado polos sublevados. Afogada a revolta os veciños da vila foron obrigados a erguer o castelo de novo.

Un dos señores do castelo, o señor de Vilardecãs Francisco Feijoo Sotelo, foi protagonista dun célebre feito:

Un fidalgo de Milmanda fora xulgado á forza e condenado na vila portuguesa de Melgaço. O señor de Vilardecãs reuniu 40 homes armados e atacou o cárcere rescatando o condenado. Como resposta a esta provocación, o duque de Bragança xuntou 6.000 homes e, en resposta a este, o conde de Benavente xuntou outros 6.000, comezando deste xeito a guerra entre España e Portugal, que só terminou baixo a condición de que o señor de Vilardecãs deixase o mando do alcázar de Milmanda.

O derradeiro nobre que posuíu o castelo foi Suero Eanes de Prada, partidario de Pedro I, que trala morte do monarca partiu a Portugal para non regresar. Conta a lenda que ningunha outra casa da nobreza volveu posuír o castelo.

Características[editar | editar a fonte]

O castelo posúe dous camiños a modo de adarve a diferentes alturas. O máis alto rodea a vila. Preto do cumio ábrese un gran foso defensivo, na actualidade tapiado no lugar que ocupaba a ponte levadiza.

Da cerca consérvanse dous muros, un deles terminado nun torreón. No centro aprécianse os vestixios da torre da homenaxe. A actual igrexa aproveitou unha das torres do castelo como campanario, que se rodea dun recinto de cachotería como posíbel barbacana.

Na cara oeste consérvase unha torre de máis de 6 metros de altura e outra construción próxima. Consérvanse outros elementos defensivos, como restos de camiños fortificados e de fiadas da muralla.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]