Björk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Björk
Björk @deer lake park 2.jpg
Björk no 2007
Nome completo Björk Guðmundsdóttir
Naceu 21 de novembro de 1965 (49 anos)
Orixe Reiquiavik, Islandia Islandia
Ocupación (s) Cantante, compositora, músico e actriz
Xénero Rock alternativo, electrónica, trip-hop, experimental, avant-garde, ethereal wave, jazz, post-punk
Instrumento(s) voz, piano, teclado, frauta, arpa, clarinete e harmónica
Selo(s) discográfico (s) One Little Indian, Polydor, Universal, Elexktra, Atlantic, Nonesuch, Warner Bros.
Relacionado con The Sugarcubes, KUKL, Exodus, Megas, Tappi Tíkarrass, Björk Guðmundsdóttir & tríó Guðmundar Ingólfssonar, Dirty Projectors, 808 State, Thom Yorke
Tempo en activo 1977-presente
Na rede
http://bjork.com/
Björk.

Björk Guðmundsdóttir, nada en Reiquiavik o 21 de novembro de 1965, é unha cantante, compositora e actriz islandesa máis coñecida como Björk. Foi a antiga líder da banda islandesa de rock alternativo The Sugarcubes. O seu gusto musical abrangue moitos tipos de música, entre eles; pop, rock alternativo, jazz, ambient, electrónica, folk, trip hop e clásica.

É coñecida polos seus innovadores e orixinais vídeos musicais, así como pola súa música persoal e intimista.

En 2003 o seu selo discográfico, One Little Indian, deu a coñecer que a cantante levaba vendidos máis de 15 millóns de discos en todo o mundo.

O comezo da súa carreira[editar | editar a fonte]

A súa carreira musical comezou aos once anos, cando estudaba piano na escola primaria. Un dos seus profesores enviou unha gravación de Björk cantando I love to love de Tina Charles, á única emisora de Islandia, a RÚV. A gravación emitiuse na radio en toda Islandia e, despois de oíla, un representante do selo discográfico Fálkinn contactou con Björk cunha oferta dun contrato.

Gravou o seu álbum de debut en 1977, o cal levaba o nome de Björk, daquela tiña once anos e contou coa axuda do seu padrasto, quen a acompañaba á guitarra. Este álbum contén versións de cancións islandesas para nenos e outras cancións populares, coma unha versión en islandés de The Fool on the Hill dos The Beatles. O álbum foi disco de platino en Islandia e hoxe en día é moi buscado polos coleccionistas.

O punk comezou a influíla na súa adolescencia; aos catorce anos formou a banda de punk feminina chamada Spit and Snot (Cuspe e mocos), seguida en 1979 polo grupo Exodus, que fusionaba jazz.

En 1980 graduouse na escola de música e, con quince anos, fundou xunto con Jakob Magnússon a banda Jam-80, que logo se convertiu en Tappi Tíkarrass (Tapón Cu de cadela), e no mesmo ano publicaron o single "Bítið Fast í Vítið". Máis tarde, en 1985 saíu o seu álbum Miranda.

Despois Björk colaborou con Einar Örn Benediktsson e Einar Melax de Purrkur Pillnikk, ademais de con Guðlaugur Óttarsson, Sigtryggur Baldursson e Birgir Mogensen de Þeyr. Despois de escribir cancións e de ensaiar durante dúas semanas, déronse de conta de que traballaban ben en conxunto, e decidiron continuar, co nome de KUKL (Bruxería), cun tipo de son que algúns deron en cualificar próximo ao rock gótico ( Gothic rock en inglés). Björk comezou a amosar sinais do que logo sería o seu estilo, caracterizado por ouveos e berridos.

KUKL fixo tours por Islandia coa banda británica anarquista Crass e logo visitaron o Reino Unido facendo unha serie de actuacións con Flux of Pink Indians. A banda gravou dous álbums como resultado destas colaboracións: The Eyes en 1984 e Holidays in Europe en 1986, ambos os dous co selo Crass Records.

Finalmente, a banda disolveuse, en parte por mor do peche de Gramm, o seu selo discográfico. No verán de 1986 algúns membros de KUKL reuníronse co grupo surrealista Medusa para crear o colectivo das artes Smekkleysa (Mal gusto). Crearon unha banda, co nome de Pukl, pero pronto mudaron o seu nome polo de The Sugarcubes. Smekkleysa e The Sugarcubes comezaron oficialmente o día do nacemento de Sindri, o fillo de Björk.

The Sugarcubes[editar | editar a fonte]

O primeiro single de The Sugarcubes, "Ammæli" ("Aniversario"), foi un éxito por sorpresa no Reino Unido, despois de ter sido declarado coma o single da semana por Melody Maker. Os Sugarcubes foron fichados inmediatamente pola discográfica One Little Indian, o novo selo de Derek Birkett, o antigo baixo de Flux of Pink Indians. Obtiveron un grande seguemento nos EE.UU e no Reino Unido, e comezaron a recibir chamadas de compañías discográficas máis importantes. Rexeitaron todas esas ofertas, no canto diso preferiron ficar no selo dun amigo tendo poder completo na creación e tamén sobre a súa fortuna económica. Aínda hoxe en día, Björk segue a gravar con este selo discográfico. Os Sugarcubes tamén asinaron un acordo de distribución dos seus discos nos EE.UU con Elektra Records, e gravaron o seu primeiro álbum en 1988, Life's Too Good. A súa estrea catapultounos coma estrelas internacionais; foi un éxito sen precedentes para unha banda de rock islandesa. Mentres traballaba cos Sugarcubes, Björk participou noutros proxectos por separado. Gravou Gling-Gló, unha recompilación de cancións de jazz populares e outras inéditas co grupo de jazz oitoxenario Tríó Guðmundar Ingólfssonar, que saíu á venda en Islandia. Á parte, tamén contribuíu coa súa voz no álbum Ex:el de 808 State, xunto con quen cultivou o seu interese pola música house. A canción Ooops saíu no Reino Unido e foi logo incluída no disco coas mellores cancións de 808 State; 808:88:98.

Carreira en solitario[editar | editar a fonte]

Debut[editar | editar a fonte]

En 1992 a banda The Sugarcubes separouse por mor dos conflitos de ambicións dentro da banda, de xeito que decidiron parar por tempo indefinido para non pór en risco a súa amizade. Seguen a ser amigos e todos están involucrados na dirección de Smekkleysa (Mal gusto). Björk mudouse a Londres para comezar a súa carreira en solitario; comezou traballando con Nellee Hooper, quen foi produtor de Massive Attack, entroutros. A súa unión produciu o primeiro éxito en solitario de Björk, "Human Behaviour". O seu álbum de debut en solitario, Debut, obtivo críticas positivas cando saíu en 1993; foi nomeado como álbum do ano por NME, e foi álbum de platino nos EE.UU. Nos BRIT Awards de 1994 Björk gañou os premios á mellor cantante muller e á mellor nova artista internacional. O álbum Debut contiña cancións que Björk levaba escribindo dende nena, ademais doutras máis recentes colaboracións líricas con Hooper.

O éxito de Debut permitiulle gravar colaboracións extraordinarias con outros artistas. Traballou xunto con David Arnold en "Play Dead", unha canción para o filme The Young Americans, en 1993. Esta canción apareceu en reedicións posteriores de Debut. Tamén colaborou en dúas cancións no proxecto de Tricky Nearly God. Á parte, en 1994 escribiu a canción "Bedtime Story" para o traballo de Madonna Bedtime Stories. En 1998 apareceu nunha canción do álbum Not For Threes de Plaid, que foi editado polo selo de culto Warp Records.

Post e Telegram[editar | editar a fonte]

En 1994 Björk volveu ao estudio para traballar no seu segundo álbum en solitario con Nellee Hooper, Tricky, Graham Massey de 808 State, e o produtor de música electrónica Howie B. O álbum Post contiña cancións sobre as relacións persoais e amorosas de Björk (unha das súas temáticas preferidas), ademais doutras que contiñan materiais que reflectían enfados e confrontacións. Como Debut, este era un álbum que, en parte, contiña cancións que Björk escribira en anos anteriores. Durante esta etapa actuou en MTV Unplagged. Aló polo 1995, o seu novo álbum Post xa estaba listo. Saíu á venda en xuño,conseguindo o segundo posto nas listas do Reino Unido e o disco de platino nos EE.UU. O éxito do álbum viuse potenciado grazas ao single "It's Oh So Quiet", un éxito por sorpresa durante o Nadal que chegou a vender 400.000 no Reino Unido e botou 15 semanas nas listas de éxitos. Despois de coñecer ao director de música clásica Kent Nagano a comezos de 1996, interpretaron Pierrot Lunaire de Schönberg no Verber Classical Festival. En xaneiro de 1997 saíu o seu álbum Telegram, un álbum con remixes de cancións xa editadas e a canción "My Spine".

Homogenic[editar | editar a fonte]

Un pouco máis tarde nese mesmo ano, sae á venda o álbum Homogenic. Supuxo un cambio drástico coa imaxe de trasno que tiña Björk nos álbums anteriores. Durante a creación do álbum Homogenic, Björk traballou cos produtores Mark Bell de LFO e Howie B., ademais de con Eumir Deodato. Homogenic foi o seu primeiro álbum conceptual e aínda hoxe é considerado coma o traballo máis experimental e extrovertido de Björk, con potentes ritmos que reflicten a natureza de Islandia, especialmente no caso da canción "Jóga", que fusiona exhuberantes sons de corda con sons electrónicos de renxidos que soan coma rochas crepitantes.

O álbum cargado de emotividade contén unha serie de vídeos musicais memorables. "Bachelorette" foi dirixido por Michel Gondry e "All is Full of Love" por Chris Cunningham. O primeiro vídeo dun single en DVD que saíu á venda nos EE.UU foi o vídeo de Björk "All is Full of Love", que serviu como precedente para que outros artistas incluísen vídeos en DVD e os seus materiais multimedia nos seus singles. En 2001 o álbum conseguiu o disco de ouro nos EE.UU e o de platino en 2006. No ano 2000 actuou co papel de Selma na película do director de cine Lars von Trier Dancer in the Dark; consecuentemente, Björk tamén se encargou da gravación de Selmasongs, a banda sonora orixinal para dito filme.

Vespertine[editar | editar a fonte]

En 2001 saíu á venda o álbum Vespertine. Este álbum é unha creación dun mundo persoal, introvertido e interior a través de sutís ritmos. No álbum tiveron un papel especial as orquestras de cámara, coros, as voces con tons moi baixos (case murmurantes), ademais de temas persoais e vulnerables. Para a gravación de Vespertine colaborou cos manipuladores de sons experimentais Matmos, con DJ Thomas Knak, afincado en Dinamarca; e coa harpista experimental Zeena Parkins. Como fontes para as letras das súas cancións empregou ao poeta americano E.E. Cummings, a directora de cinema independente Harmony Korine, e máis a obra teatral Crave da dramaturga inglesa Sarah Kane. Coincidindo coa saída do álbum, publicou Björk, un coffee table book (un libro de cobertas duras para ser posto nunha mesiña de café co fin de que sexa ollado polos convidados en reunións de carácter informal) cunha prosa hábil acompañada de fotografías. Björk embarcouse nun tour por teatros e óperas de Europa e dos EE.UU para promocionar o seu álbum, acompañada polos músicos Matmos, Zeena Parkins, e un coro inuit co cal fixera algunhas audicións nunha viaxe a Groenlandia con anterioridade ao tour. Naquel entón, Vespertine era o álbum de Björk que conseguira venderse máis rápido, chegando a ter vendido dous millóns de copias a finais do ano 2001.

Vespertine enxendrou tres singles; "Hidden Place", "Pagan Poetry" e "Cocoon". O vídeo de "Pagan Poetry" foi moi controvertido xa que amosaba perforacións gráficas e as mamilas de Björk, ademais de imaxes deformadas de relacións sexuais que incluían penetracións vaxinais e felacións. O vídeo apenas foi emitido pola cadea norteamericana MTV, que censurou algunhas partes do mesmo. En 2002 foi emitido sen censuras pola MTV2 americana nun programa nocturno especial co título de Os vídeos musicais máis controvertidos. No vídeo de "Cocoon" (abrocho en inglés) mostrábase unha Björk que aparentemente estaba espida, mais que na realidade levaba un vestido moi cinguido; nestoutro vídeo víase como saían uns fíos vermellos das mamilas de Björk que acababan rodeándoa formando un abrocho ao seu redor. Foi dirixido pola artista xaponesa Eiko Ishioka e nunca foi emitido na MTV.

Family Tree, Greatest Hits e Live Box[editar | editar a fonte]

En 2002 sacouse á venda a caixa con CDs Family Tree, cunha retrospectiva da carreira de Björk, entre as cancións que formaban parte deste traballo atopábanse cancións compostas por Björk que nunca foran editadas, incluído o seu traballo co Brodsky Quartet. Á vez, tamén se publicou o álbum Greatest Hits, unha selección feita polo público das cancións que formaban parte dos, ata entón, dez anos de carreira en solitario de Björk; a elección das cancións foi feita por votación dos fans na súa páxina web. Ambos álbums tiveron pouco éxito de vendas. Tamén se editou unha edición en DVD do CD con todos os vídeos musicais da carreira en solitario de Björk ata ese momento. O novo single da caixa de CDs, "It's in Our Hands" chegou ao posto 37 das listas do Reino Unido. O vídeo deste single foi feito por Spike Jonze, e nel aparece unha Björk nun estado avanzado do seu embarazo.

En 2003 sacou á venda Live Box, unha caixa de catro CDs con gravacións en directo dos seus álbums anteriores e un DVD que contiña un vídeo cunha canción de cada CD. Máis tarde cada un dos catro CDs foi publicado por separado e a un prezo reducido.

Medúlla[editar | editar a fonte]

A finais de agosto de 2004 publicouse Medúlla. Medúlla, en comparación cos dous álbums anteriores, foi un traballo máis improvisado, pero durante a produción del, Björk decidiu que o álbum había funcionar mellor coma álbum vocal. A maioría dos sons do álbum foron creados por vocalistas (malia que a miúdo, estes sons son distorsionados electronicamente). Björk empregou as habilidades da cantante difónica Tagaq, o hip hop beatboxer Rahzel, o beatboxer xaponés Dokaka, o roqueiro experimental Mike Patton, Robert Wyatt batería e cantante de Soft Machine, ademais de varios coros. Denovo empregou textos de E.E. Cummings para a canción Sonnets/Unrealities XI. Por aquel entón, Medúlla era o álbum de Björk que obtivera máis éxitos nas listas de música dos EE.UU., debutando no número 14 das listas. Despois foi sobrepasado por Volta, que debutou no número 9.

En agosto de 2004 Björk interpretou a canción "Oceania", contida no álbum Medúlla, na cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de 2004, en Atenas, Grecia. Seguindo o estilo que caracteriza a Björk, a súa actuación foi unha das entroutras inusuais da gala. Mentres cantaba, o seu vestido foi desenmarañándose ata deixar ver un mapa do mundo de 900 m², que deixou fluír por riba de todos os atletas olímpicos. A canción foi composta especialmente para a ocasión, e contou ademais cos talentos de Shlomo, un beatboxer asentado en Leeds, e un coro de Londres. Unha versión alternativa coa voz adicional de Kelis comezou a circular por internet. Orixinalmente, aparecía no single promocional de "Oceania" editado para as emisoras de radio e logo estivo dispoñible para o público como cara B do single "Who is it?", que estivo no número vinte e seis das listas de éxitos do Reino Unido. Seguiulle "The Triumph of a Heart" a comezos de 2005, no número trinta e dous. A finais de 2004 gravouse o vídeo para o próximo single Where is the Line?, coa colaboración da artista islandesa Gabríela Friðiksdóttir. O vídeo foi editado exclusivamente para o DVD Medúlla Videos coma vídeo promocional da canción. Á parte dunhas poucas actuacións, non se deron concertos nin houbo ningunha xira para promocionar o disco. En numerosas entrevistas, Björk declarou que isto se debera a que quería seguir escribindo e gravando de inmediato outro álbum.

Army of me: Remixes e portadas[editar | editar a fonte]

Tras o desastre do tsunami que varreu o sueste de Asia a finais de 2004, Björk comezou a traballar nun novo proxecto, Army of Mixes. O proxecto xuntou a fans e músicos de todo o mundo para facer unha portada do disco Army of me, ou remesturar a canción de 1995. De entre 600 respostas, Björk e o seu co-escritor Graham Massey elixiron as vinte mellores para o álbum. O álbum publicouse en abril de 2005 no Reino Unido e a finais de maio nos EE.UU. En xaneiro de 2006 o álbum levaba recadado 250.000 libras esterlinas (aproximadamente 370.000€) para axudar nas tarefas de UNICEF no sueste asiático. En febreiro de 2006 Björk visitou Banda Aceh para ver algúns dos traballos que UNICEF levaba a cabo con nenos que se viran afectados polo tsunami.

Drawing Restraint 9[editar | editar a fonte]

O 25 de xullo de 2005 saíu á venda no Reino Unido o álbum The Music from Drawing Restraint 9. Constitúe a banda sonora orixinal para o filme do seu noivo, Matthew Barney, Drawing Restraint. Nestoutro álbum Björk explora a música tradicional xaponesa, que complementa o filme experimental, no cal se atopan dous amantes nun barco baleeiro e participan nunha estraña cerimonia de té.

O 2 de xullo de 2005 Björk actuou nos concertos Live 8, encabezando o concerto xaponés con Do as Infinity, Good Charlotte e McFly. Interpretou oito cancións con Matmos, un oiteto de corda, ademais de con Zeena Parkins.