Música experimental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Música experimental é unha etiqueta xenérica para calquera tipo de música que desafía os límites e as definicións de xénero existentes.[1] A práctica compositiva experimental defínese en termos xerais por sensibilidades exploratorias radicalmente opostas a convencións instiucionalizadas de composición, interpretación, e estética na música, ademais de cuestionarse estas convencións.[2] (Sun 2013). Entre os elementos da música experimental inclúese a música indeterminada, na cal o compositor introduce elementos de azar ou impredicibilidade na composición ou na súa interpretación. Os artistas tamén poden abordar a experimentación dende un híbrido de estilos dispares ou incorporar elementos pouco ortodoxos e únicos.[1]

A práctica fíxose prominente a mediados do século XX, particularmente en Europa e América do Norte. John Cage foi un dos primeiros compositores en usar o termo e un dos principais innovadores da música experimental, usando técnicas de indeterminación e buscando resultados descoñecidos. En Francia, xa no ano 1953, Pierre Schaeffer comezara a usar o termo musique expérimentale para describir actividades de composición que incorporaban música de cinta, musique concrète, e elektronische Musik. Tamén nos Estados Unidos usouse o termo cun sentido un pouco distinto a finais dos anos 50 para describir a composición controlada por ordenador asociada a cmpositores como Lejaren Hiller. Harry Partch e Ivor Darreg, traballaron con outras escalas de afinación baseadas nas leis físicas da música harmónica. Para esta música os dous desenvolveron un grupo de instrumentos musicais experimentais. A musique concrète é unha forma de música electroacústica que utiliza son acusmático como recurso composicional. A improvisación libre ou música libre é música improvisada sen ningunha regra máis aló do gusto ou inclinación dos músicos involucrados; en moitos casos os músicos fan un esforzo activo para evitar clichés, é dicir, referencias sobre convencións ou xéneros musicais recoñecibles.

Definicións e uso[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

O Groupe de Recherches de Musique Concrète (GRMC), baixo o liderado de Pierre Schaeffer, organizou a Primeira Década Internacional de Música Experimental entre o 8 e o 18 de xuño de 1953. Isto parece ter sido un intento de Schaeffer de revertir a asimilación de musique concrète na elektronische Musik, e no seu lugar intentou subsumir a musique concrète, a elektronische Musik, a música de cinta e a world music baixo a etiqueta de "musique experimentale".[3] A publicación do manifesto de Schaeffer[4] atrasouse catro anos, tempo no que Schaeffer decantouse máis polo termo "recherche musicale" (investigación musical), aínda que nunca abandonou completamente o de "musique expérimentale".[3][5]

John Cage tamén estaba usando o termo xa dende 1955. Segundo a definición de Cage, "unha acción experimental é aquela cuxo resultado non está previsto",[6] e interesouse especialmente en traballos completados que usaban accións impredicibles especificamente interesado en traballos completos que realizaban unha acción impredicible.[7] En Alemaña a publicación do artigo de Cage foi anticipada varios meses nunha conferencia de Wolfgang Edward Rebner no Darmstädter Ferienkurse o día 13 de agosto de 1954, titulada “Amerikanische Experimentalmusik". A conferencia de Rebner extendeu o concepto no tempo para incluír a Charles Ives, Edgard Varèse e Henry Cowell, ademais de a Cage, debido ao seu enfoque no son como tal, máis que no método compositivo.[8]

Clasificacións alternativas[editar | editar a fonte]

O compositor e crítico Michael Nyman comeza coa definición de Cage,[9] e desenvolve o termo "experimental" para describir tamén o traballo doutros compositores estadounidenses (Christian Wolff, Earle Brown, Meredith Monk, Malcolm Goldstein, Morton Feldman, Terry Riley, La Monte Young, Philip Glass ou Steve Reich), ademais de compositores como Gavin Bryars, John Cale, Toshi Ichiyanagi, Cornelius Cardew, John Tilbury, Frederic Rzewski e Keith Rowe.[9] Nyman opón a música experimental coa música de vangarda europea da época (Boulez, Kagel, Xenakis, Birtwistle, Berio, Stockhausen, e Bussotti), para os cales "A identidade dunha composición é de suma importancia".[9] A palabra "experimental" nos casos anteriores "é apta, sempre que se entenda non como descritiva dun acto para despois ser xulgado en termos de éxito ou fracaso, senón simplemente como un acto cuxo resultado descoñécese".[6]

David Cope tamén fai unha distinción entre experimental e de vangarda, describindo a música experimental como "a que representa un rexeitamento a aceptar o status quo".[10] David Nicholls tamén fai esa distinción dicindo que "...moi xeralmente, a música de vangarda pode ser vista como ocupando unha posición extrema dentro da tradición, mentres que a música experimental atópase fóra dela".[11]

Warren Burt advirte que, como "unha combinación de técnicas de vangarda e cunha certa actitude exploratoria", a música experimental require unha definición ampla e inclusiva, "unha serie de es, se se quere", abarcando áreas como "influencias de Cage e traballo con baixa tecnoloxía e improvisación e poesía sonora e lingüística e construción de novos instrumentos e multimedia e teatro musical e traballo con alta tecnoloxía e música comunitaria, entre outros, cando estas actividades fanse co obxectivo de atopar esas músicas 'que aínda non nos gustan', [citando a Herbert Brün] nunha 'contorna de busca de problemas' [citando a Chris Mann]”.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Experimental Music Genre Overview". AllMusic (en inglés). Consultado o 2020-07-15. 
  2. The Grove dictionary of American music (Second edition ed.). New York. ISBN 978-0-19-531428-1. OCLC 774021205. 
  3. 3,0 3,1 Palombini, Carlos, 1993a. "Machine Songs V: Pierre Schaeffer: From Research into Noises to Experimental Music"
  4. Schaeffer, Pierre (1957). "Vers une musique experimentale". La revue musicale.
  5. "Pierre Schaeffer, 1953: towards an Experimental Music". web.archive.org. 2009-04-23. Archived from the original on 23 de abril de 2009. Consultado o 2020-07-16. 
  6. 6,0 6,1 Cage, John. (1968). Silence : lectures and writings. London: Calder and Boyars. ISBN 0-7145-0526-9. OCLC 8045453. 
  7. Mauceri, Frank X. (1997. "From Experimental Music to Musical Experiment"
  8. Rebner, Wolfgang Edward. 1997. "Amerikanische Experimentalmusik"
  9. 9,0 9,1 9,2 Nyman, Michael. (1974). Experimental music : Cage and beyond. London: Studio Vista. ISBN 0-289-70182-1. OCLC 1255469. 
  10. Cope, David, 1941- (1997). Techniques of the contemporary composer. Belmont, CA: Schirmer Books. ISBN 0-02-864737-8. OCLC 36316000. 
  11. The Cambridge history of American music. Cambridge, UK: Cambridge University Press. 1998. ISBN 0-521-45429-8. OCLC 38748136. 
  12. Burt, Warren. 1991. "Australian Experimental Music 1963-1990". Leonardo Music Journal 1, no. 1:5-10