Bandeira de Escocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bandeira de Escocia
Bandeira de Escocia
Características
Uso
ProporciónNon fixada
AdopciónSéculo XVI
Cores     Azul     Branco

A Bandeira de Escocia (en escocés: Banner o Scotland, en gaélico escocés: Bratach nàiseanta na h-Albaen, en inglés: Flag of Scotland), tamén coñecida como sautor (saltire) ou como Cruz de Santo André, está composta por unha aspa branca sobre fondo azul.

Descrición[editar | editar a fonte]

Bandeira tradicional celeste.

A aspa branca é o símbolo de Santo André o Apóstolo, patrón de Escocia.[1] A cor do fondo da bandeira é variable, dende o azul ceo ata o azul mariño, dependendo, ao parecer, do tipo de tinguidura dispoñible en cada zona e época. Cando foi incorporada á bandeira do Reino Unido, empregouse o azul mariño coma cor de fondo.

Con todo, en 2003, unha comisión do Parlamento de Escocia estableceu que a cor oficial do fondo da bandeira é o Pantone 300 (é dicir (0, 114, 198) no modelo de cor RGB ou (#0072C6) en códigos de cores HTML), unha cor algo máis clara que o Pantone 280 da bandeira do Reino Unido. As dimensións da bandeira non están oficialmente establecidas, aínda que adoitan ser 4:5, 3:5 ou 2:3. As barras cruzadas deben ter unha largura de 1/5 (ou sexa, un 20%) da altura da bandeira.

Historia[editar | editar a fonte]

Martirio de Santo André.

Segundo a lenda, no ano 832 o rei Óengus II dos pictos dirixiu aos escoceses na súa batalla contra os anglos, comandados por Æthelstan de East Anglia, preto do actual concello de Athelstaneford, en East Lothian. O rei Óengus e os seus homes víronse rodeados, e pregaron polas súas vidas. Durante a noite, Santo André apareceuse ao rei e prometeulle a vitoria. Pola mañá, ambos os dous exércitos viron aparecer sobre o ceo azul unha cruz branca, representando a cruz sobre a que fora martirizado Santo André. Esta aparición deu coraxe aos escoceses, mentres que os anglos se desmoralizaron e perderon o combate.

As evidencias históricas do emprego da Cruz de Santo André como símbolo de Escocia son bastante posteriores a esta lenda. En 1385, o Parlamento de Escocia decretou que os soldados escoceses debían levar o saltire como unha marca de distinción. A primeira bandeira escocesa conservada consistente unicamente nunha cruz branca data de 1503, aínda que o fondo é vermello, non azul. Cara 1540 a lenda do rei Óengus modificouse, ata a súa versión actual, incluíndo a visión dunha aspa branca nun ceo azul, polo que a partir dese intre ese foi o deseño da bandeira nacional de Escocia.

Dende 1606, e especialmente trala definitiva unión de Inglaterra e Escocia pola Acta de Unión (1707), a bandeira de Escocia foi incorporada á bandeira do Reino Unido, á que máis tarde, en 1801 engadiuse a Cruz de San Patricio, para simbolizar ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.

Variantes e alternativas[editar | editar a fonte]

Bandeira de Nova Escocia[editar | editar a fonte]

Fóra de Escocia existen varias versións distintas da bandeira de Escocia. No Canadá, por exemplo, unha versión inversa do sautor (é dicir, unha cruz azul sobre fondo branco) é a bandeira da provincia de Nova Escocia, primeira expedición colonial do Reino de Escocia. En Rusia, antes e logo da URSS, a Armada Rusa empregaba como emblema a mesma variante inversa da bandeira de Escocia, debido a que Santo André é tamén o patrón de Rusia, así como na bandeira de Galicia, a cal agora posúe unha soa franxa.

Outros territorios que teñen bandeiras semellantes á escocesa son o estado estadounidense de Alabama, a illa de Tenerife ou o Arquipélago de San Andrés, Providencia e Santa Catalina, aínda que nestes casos non parece existires un vencello histórica algún con Escocia nin con Santo André.

Bandeira de Nova Escocia, inversión da bandeira de Escocia.
Bandeira de Galicia, cunha soa franxa.

Estandarte real de Escocia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Estandarte Real de Escocia.

Ademais do saltire, Escocia ten outro emblema, o Estandarte Real de Escocia, coñecido comunmente como "León Rampante". Aínda que este emblema unicamente pode ser empregado polo Rei de Escocia, de acordo cun decreto do Parlamento de Escocia de 1672, é común velo en eventos deportivos, sen que ninguén sexa por agora xulgado por facer un uso ilegal do emblema.

"León Rampante" do Estandarte Real de Escocia

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]