Ana Kiro
| Ana Kiro | |
|---|---|
| Nacemento | María Dolores Casanova González 24 de xaneiro de 1942 A Castañeda, Arzúa |
| Falecemento | 24 de setembro de 2010 Mera, Oleiros |
| Profesión | cantante, actriz |
| Coñecido/a por | Ana Kiro |
| Cónxuxe(s) | Carlos Rivero |
| Fillo(s) | 1 filla |
| Ficha na IMDb | |
María Dolores Casanova González, coñecida como Ana Kiro, nada na Castañeda, Arzúa, en xaneiro de 1942 e finada o 24 de setembro de 2010 en Mera, Oleiros,[1] foi unha cantante galega.
Índice |
[editar] Traxectoria
[editar] Como cantante
A carreira de Ana Kiro iníciase en Barcelona, dentro da colectividade galega. Casada moi nova, tamén moi nova se separa e ten que sacar adiante a economía familiar e mais unha filla. Proba sorte co mundo da canción, que ata daquela fora só unha afección, e colleita un moderado éxito ata que ficha pola discográfica Belter. Fai entón xiras con cantantes de música lixeira como José Guardiola, participa en distintos concursos da canción e logo traballa como vocalista nun programa de Televisión Española, Galas del sábado, presentado por Joaquín Prat e Laura Valenzuela.
No ano 1969, estivo a punto de ser a primeira galega en representar a TVE en Eurovisión ao disputar con Salomé quen interpretaría Vivo cantando no festival que se celebrou en Madrid[2].
A comezos dos setenta fai as primeiras viaxes a Galicia e coñece o compositor Manuel Muñiz. Este adapta un tema popular e cédello a Ana Kiro para que o interprete. Será o Galicia, terra meiga, de 1973, que ten que gravar no selo Olimpo, dedicado á música folclórica, por estar en galego. Dese tema vende máis de 100.000 copias e permanece durante tres meses nas listas de vendas en toda España. A partir dese tema continuou as colaboracións con Muñiz, e mais tamén con Xosé Luís Blanco Campaña como intérprete e compositor.
Galicia, terra meiga ábrelle a Ana Kiro as portas da emigración, e comeza a viaxar a Suíza, a Alemaña, a Francia, e a partir de 1976, a América. Nun concerto neste continente conseguiu 24.000 espectadores, rompendo o récord de asistencia que daquela tiña Manolo Escobar.
[editar] Retirada da canción
A finais dos oitenta retírase do mundo da canción. En 1995 fanlle unha homenaxe na Coruña, que se retransmite pola Televisión de Galicia e que acada unha grande audiencia. Despois de oito anos apartada completamente dos escenarios, actuou de novo o 14 de setembro de 2007 en Mera, nun concerto de homenaxe á súa traxectoria [3], e que foi a súa última actuación.
[editar] Na televisión
A partir dese momento comeza a súa relación coa televisión, que comeza en 1995 co talk-show Toda unha vida, cunha gran compoñente musical. Déixao ao ano para seguir actuando e en 1998 volta con Tardes con Ana, un talk-show estrito e onde presenta 501 programas[4]. Posteriormente participa como actriz protagonista na serie A miña sogra e mais eu.
[editar] Vida persoal
Casada con Carlos Rivero, tivo unha filla (Maricarme) e dous netos[5].
En 2006 detéctanlle un cancro de ovarios, do que é intervida cirurxicamente. En 2007, no programa Volver ao rego, de Xosé Luís Barreiro Rivas, fai a súa reaparición como convidada. Porén, meses despois recaeu na súa enfermidade, e agás aparicións esporádicas en homenaxes, non regresou á vida pública. Foi tratada co medicamento Yondelis, da empresa galega Pharmamar[6]. Faleceu o 24 de setembro de 2010, vítima dun cancro[7]. Curiosamente, o día do seu falecemento emitíase o primeiro programa de Tardes con Ana dentro da novena entrega do espazo da tvG2 25 anos de programas, coincidindo coa hora do seu falecemento, ás 12:30 h. O seu corpo velouse no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera, onde fixera a súa última actuación. Foi soterrada no camposanto de Serantes.
[editar] Discografía (incompleta)
- Galicia terra meiga (1973). Casette de ouro con 100.000 exemplares vendidos
- Así canta Galicia (1975). Disco conxunto con Andrés do Barro, Pepe Domingo Castaño e Bernardo Xosé.
- Recordando a Galicia (1976)
- Canta a Galicia (1977)
- Desde México y con mariachi (1979)
- Ana Kiro (1979)
- Barqueiro. (1981)
- De vacacións. (1985)
- Arrastráche-lo cu polas pallas (1989)
- Habelas hainas! (1991), con Los Satélites.
[8] Discografía parcial de Ana Kiro
[editar] Singles
- Potpurri gallego - Besos perdidos (1975)
- A rianxeira - Galicia que tes? (1976)
- Que digan misa - La noche de mi mal (1979)
[editar] Televisión
[editar] Series
- Pratos combinados. No papel de si mesma, Ana Kiro (1 episodio).
- A miña sogra e mais eu (2004). No papel de Ana.
- Os Atlánticos (2008). No papel de si mesma, Ana Kiro (1 episodio)
[editar] Talk shows
- Toda unha vida (1996-97) Presentadora
- Tardes con Ana (1998-2001). Presentadora
- Que boa tarde (2002). Presentadora.
[editar] Galardóns
[editar] Notas
- ↑ Morre Ana Kiro vítima dunha longa enfermidade, nova en Xornal de Galicia o 24 de setembro de 2010.
- ↑ Ana Kiro, a punto de ir a Eurovisión 69
- ↑ Ana Kiro volveu cantar. La Voz de Galicia
- ↑ "Son a antítese da diva, comecei cantando enriba de palcos de madeira", Vieiros, 24/11/2008
- ↑ Pódome gabar de que houbo quen aprendeu o galego despois de ouvir as miñas cancións A Nosa Terra
- ↑ [Ana Kiro, así cantaba Galicia http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/ana-kiro-asi-cantaba-galicia/idEdicion-2010-09-25/idNoticia-593560/], El Correo Gallego, 25/9/2010.
- ↑ Morre Ana Kiro vítima dunha longa enfermidade
- ↑ Discografía parcial de Ana Kiro
- ↑ "Dúas palabras: Querémoste, Ana", El Correo Gallego, 1/12/2008