Saltar ao contido

Oca (xogo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oca
Versión en alemán do xogo, 1910
XéneroXogo de mesa
SubxéneroXogo de percorrido
OrixeDescoñecida, popularizado en Europa
Data de publicaciónDesde a Idade Media
SistemaTirada de dados e avance de fichas
Xogadores2 ou máis
IdadesA partir de 4 anos
PreparaciónBaixa
DuraciónArredor de 30 minutos
ComplexidadeBaixa
AzarAlto
HabilidadesContar, seguir as regras

A oca[1] é un xogo de mesa no que dous ou máis xogadores moven pezas por unha pista nun taboleiro tirando un ou dous dados. O obxectivo do xogo é alcanzar a praza número sesenta e tres antes que calquera dos outros xogadores, evitando obstáculos como a pousada, a ponte e a morte.

Considérase o prototipo de moitos dos xogos de mesa de carreiras comerciais europeos dos séculos posteriores. Alcanzou unha gran popularidade no século XVI.[2] O xogo é popular principalmente en Europa e é visto como entretemento familiar. As versións comerciais do xogo apareceron nas décadas de 1880 e 1890, e presentan características típicas europeas antigas, como nenos con roupa da época. Algúns dos elementos xa estaban en versións anteriores, como o pozo ou as pontes, que algúns relacionan cos camiños a Santiago de Compostela.

Portal do Zogo de l'oca
Taboleiro no que cada casiña é un ovo
Oca xigante en Mortara

Primeira mención documentada

[editar | editar a fonte]

As orixes do xogo son incertas. Segundo Adrien Seville, a mención máis antiga rexistrada ao xogo foi nun libro de sermóns do frade dominico Gabriele da Barletta publicado en 1480.[3]

En galego a ave palmípede da familia dos anátidos anserinos chámase ganso[4]. O nome do xogo na gran maioría dos idiomas provén dese animal, salvo en alemán, que ademais de Gänsespiel (xogo do ganso) hai outra variante que se chama Affenspiel (xogo do mono)[5][6]

Precedentes e xogos similares

[editar | editar a fonte]

O nome para ganso é oca en catalán, italiano e castelán, e deu lugar a outro xogo de taboleiro con 48 casiñas chamado xogo da auca, que derivou logo na auca, un precursor da banda deseñada. Co mesmo nome, xogo do ganso, hai varios xogos en Internet, algúns sen relación coa oca, entre eles o Untitled Goose Game.

Disco de Phaistos ou Festos

Algúns conectan o xogo co disco de Phaistos (tamén chamado de Festo ou de Festos), pola súa forma en espiral pero, como sinala Caroline Goodfellow, "é improbable que os dous xogos fosen iguais".[7] Outro xogo antigo con 60 pezas-casiña é o xogo real de Ur, con semellanzas aos xogos do oware e senet.

Versións sobre a orixe

[editar | editar a fonte]
Versión dun taboleiro do Estado da India do século XVI

O gran duque Francisco I de Médicis de Toscana regaloulle unha versión do xogo da oca ao rei Filipe II de España nalgún momento entre 1574 e 1587.[8] En xuño de 1597 John Wolfe rexístraa no Stationers' Register, como "o xogo novo e máis agradable do ganso".[9]

Unha teoría vincula a oca ao Camiño de Santiago. Segundo esa hipótese, foi inventada pola Orde dos Templarios, que se encargaba de protexer aos que peregrinaban a Compostela, o ganso estaría relacionado coa pegada do seu animal simbólico (pata de ganso)[10] e as 63 casiñas serían as principais paradas do camiño francés.[11][12][13][14][15][16]

Xogo da oca xigante en Mirano

Descrición

[editar | editar a fonte]

O taboleiro consiste nunha pista con espazos numerados consecutivamente, normalmente 63, e adoita estar disposto en espiral co punto de partida no exterior. A peza de cada xogador móvese segundo o lanzamento dun ou dous dados. Espallados polo taboleiro hai unha serie de espazos nos que se representa un ganso; aterrar nun ganso permítelle ao xogador moverse de novo á mesma distancia. Os atallos adicionais, como os espazos marcados cunha ponte, moven o xogador a outra posición especificada. Tamén hai algúns espazos de penalización que obrigan ao xogador a retroceder ou perder unha ou máis voltas, sendo a máis recoñecible a marcada cunha caveira que simboliza a morte; ao aterrar neste espazo fai que o xogador sexa enviado de volta para comezar. Nos taboleiros españois o reverso adoita ser un taboleiro de parchís.

Dados do xogo da oca, parte do mosaico na Plaza de Santiago de Logroño
[editar | editar a fonte]
Xogo da oca "Tourn'Oie" Traballo e vacacións en campaña Musée de Plein air, Villeneuve-d'Ascq, Francia
The Mansion of Happiness
  • Johann Wolfgang von Goethe inspirouse na oca para escribir o poema Das Leben ist ein Gänsespiel (a vida é un xogo da oca).[17]
  • Na ópera cómica de Jacques Offenbach La Belle Hélène, os reis gregos cantan e xogan a un xogo da oca e discuten por facer trampas.
  • No século XIX fixéronse variantes do xogo como The Telegraph Boy [18]
  • Na súa novela de 1899 Le Testament d'un excentrique, Jules Verne usa os Estados Unidos como un xigante taboleiro no que sete xogadores compiten entre si en busca dunha herdanza de 60.000.000 de dólares.
  • Na novela de Roger Martin du Gard The Thibaults, Monsieur Chasle, propietario dunha tenda que comercializa diversos inventos, menciona que un dos seus deseñadores creou un "jeu de l'Oie des Alliés" portátil impreso con escenas da batalla do Marne, Douaumont, e outras batallas da primeira guerra mundial.
  • Na novela para nenos de Ursula Dubosarsky, The Game of the Goose (Penguin Australia 2000), tres nenos atopan un exemplar antigo do xogo do ganso nunha tenda do Exército de Salvación e viven aventuras transformadoras de maxia mentres xogan a el.[19]
  • O xogo foi a base dun programa de xogos e acrobacias en Italia chamado Il Grande Gioco Dell'Oca, así como a versión case idéntica en español, El gran juego de la oca. A versión española foi de 1993 a 1995, e de novo en 1998 como El nuevo juego de la oca.
  • Na película de Jacques Rivette, Le Pont du Nord, o xogo é descrito pola personaxe principal, Marie Lafée. O xogo en si proporciona a estrutura da trama.
  • Durante o século XX comercializáronse diversas variantes, como a Gooses Wild da empresa de xogos CO-5 ou un Affen-spiele tridimensional no que o mono vai de póla en póla.
  • Aínda sendo un xogo de azar e diversión, as adaptacións da oca apareceron cunha finalidade educativa, ensinando aos xogadores sobre xeografía, historia e moral.[20] Hoxe segue a ser un recurso educativo en múltiples formas.
  • Na Plaza de Santiago de Logroño hai un gran mosaico no chan que asigna os campos do xogo da oca ás estapas do Camiño de Santiago.
  • Creáronse moitas versións temáticas do xogo, que representan temas tan diversos como a patinaxe sobre xeo, Richard Nixon e as bombas de sumidoiros. Estes poden ser valorados polos seus méritos históricos ou artísticos mesmo por aqueles que non teñen interese no xogo en si, xa que algunhas edicións foron vendidas por miles de dólares en poxa ou expostas en museos.[21]
  • Existen varios museos no mundo con referencias ao xogo; o Musee Jeu de l'oie está adicado enteiramente á oca.
  • O equipo do Obradoiro CAB tivo durante os últimos anos da década de 2010 a mascota dun ganso, escollida polo vínculo do xogo da oca co Camiño de Santiago.[22][23]

Musee jeu de l'oie

[editar | editar a fonte]

A colección Pierre Dietsch, formada por 2500 xogos da oca, é unha das maiores do mundo,[24]. Dietsch, politécnico de orixe alsacia, recompilou esta colección durante trinta anos, durante as súas viaxes por Europa; finou en 1999, pouco despois de doar os seus xogos ao concello de Rambouillet no departamento de Yvelines (Illa de Francia). Este depósito deu lugar ao nacemento do Museo da Oca o 6 de abril de 2001 [25]. 80 ocas, francesas e estranxeiras [26] estiveron en exposición permanente até 2011, cando o museo pechou[25]. A colección, comprada en 2008, permanece en poder do concello, e o museo está situado no restaurado palacio do Rei de Roma, no centro de Rambouillet.

Museo da oca.
  1. "Dicionario; 'oca'". Real Academia Galega. Consultado o 2022-03-16. 
  2. O'Bryan 2019.
  3. O'Bryan, ed. (2019). Games and Game Playing in European Art and Literature, 16th–17th Centuries (PDF). p. 28. ISBN 978-94-6372-811-9. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ganso.
  5. "Affen-Spiel mit Branding". Spieltz (en alemán). Consultado o 2022-03-16. 
  6. "Brettspiel-Bogen AFFENSPIEL BIS 100, Gustav Kühn / Neuruppin, ca.1890". Brettspiel-Bogen AFFENSPIEL BIS 100, Gustav Kühn / Neuruppin, ca.1890 (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 19 de xuño de 2021. Consultado o 2022-03-16. 
  7. Goodfellow, C. (2002) Games and Puzzles: The Collectors' Guide to Indoor Games from the 1700s to the Present Day. Eagle Editions. Royston. p. 10.
  8. Scotland's Domestic Life. 16 de agosto de 2008. ISBN 9780859766494. 
  9. Duggan, E. (2016) Early Modern Board Games: The Royal Game of Goose. University of Suffolk. p. 4.
  10. "El Juego de la Oca: La pata de la Oca en el Camino de Santiago.". www.juegodelaoca.com. Consultado o 2022-03-17. 
  11. Frey, Nancy Louise (1998). Pilgrim Stories: On and Off the Road to Santiago, Journeys Along an Ancient Way in Modern Spain (1 ed.). University of California Press. ISBN 978-0-520-21084-4. doi:10.1525/j.ctt1pnszj. 
  12. Aviva, Elyn (2001). Following the Milky Way: A Pilgrimage on the Camino de Santiago (en inglés). Pilgrims Process, Inc. ISBN 978-0-9710609-0-6. 
  13. Asensi, Matilde (2017-02-12). Iacobus (en castelán). Matilde Asensi. ISBN 978-84-617-7925-3. 
  14. Bahrami, Beebe (2019-04-02). Moon Camino de Santiago: Sacred Sites, Historic Villages, Local Food & Wine (en inglés). Avalon Publishing. ISBN 978-1-64049-327-8. 
  15. Ramis, Sergi (2021-03-09). Camino de Santiago: The ancient Way of Saint James pilgrimage route from the French Pyrenees to Santiago de Compostela (en inglés). Frances Lincoln. ISBN 978-1-78131-312-1. 
  16. https://vivecamino.com/en/why-are-the-camino-de-santiago-and-the-game-of-the-goose-related-no-274/
  17. Medienwerkstatt-Wissen
  18. "The Game of Telegraph Boy or Merit Rewarded". BoardGameGeek (en inglés). Consultado o 2022-03-16. 
  19. "Game of Goose". penguin.com.au. 
  20. "A historia dos xogos de mesa: cal foi o primeiro / o máis antigo xogo de mesa?". Game Cows. 2018-10-13. Consultado o 2022-03-16. 
  21. "A quirky board game with versions spanning 400 years". NYTimes.com. 25 de febreiro de 2016. Consultado o 21 de febreiro de 2019. 
  22. "Nace St. Petroni, el primer vermú de Galicia que sabe a albariño". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-11-26. Consultado o 2024-07-01. 
  23. "OBRADOIROCAB; status". X.com. Consultado o 30 de xuño de 2024. 
  24. "Idée tourisme Paris Ile-de-France: générateur d'idées de sorties et de loisirs". www.ile-de-france-paris.com. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2021. Consultado o 2022-03-16. 
  25. 25,0 25,1 "Le Palais du roi de Rome à Rambouillet accueille des expositions temporaires à thèmes très variés". Ramboliweb.com (en francés). Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2022. Consultado o 2022-03-16. 
  26. "Télématin". www.france.tv (en francés). Consultado o 2022-03-16. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]