A celulosa é un polímero formado pola repetición de monosacáridos de glicosa. É unha molécula insoluble en auga, e é a biomolécula máis abundante que hai na Terra.
Plantas, bacterias ou algas producen cada ano unha cantidade aproximada de cen mil millóns de toneladas de celulosa.
A celulosa forma cadeas lineais, formadas por monómeros de β-glicosa mediante enlaces β-1,4-O-glicosídico, que se unen unhas ás outras mediante pontes de hidróxeno. A unión de moitas cadeas forma feixes cilíndricos chamados microfibriñas de celulosa. As microfibriñas son moi resistentes, polo que teñen unha función estrutural, e estas atópanse na parede celular dos vexetais.
A celulosa é un compoñente estrutural nas plantas, xa que é unha molécula moi resistente. Tamén hai animais, como algúns microrganismos (fungos ou bacterias) ou ruminantes que teñen no seu organismo a enzimacelulasa que é capaz de romper os enlaces da β-glicosa, e a celulosa sérvelles coma fonte de enerxía. Pero a celulosa non pode ser empregada polos seres humanos, xa que non temos as enzimas axeitadas para poder romper os enlaces que presenta. Aínda así é imprescindible tomar algunha cantidade de celulosa xa que axuda no proceso do tránsito intestinal e como fonte de enerxía para as bacterias intestinais.
A celulosa obtense da madeira, algodón, liño, palla etc. Úsase para a fabricación de papel e variantes do papel, así como tamén para a fabricación dalgunhas substancias químicas como por exemplo explosivos).
Aínda que a celulosa é típica dos vexetais, hai excepcións entre os animais que poden producir celulosa, como é o caso dos tunicados mariños (por exemplo ascidias), que teñen unha túnica formada por celulosa, que nestes animais foi denominada historicamente tunicina.[2]
↑Nishiyama, Yoshiharu; Langan, Paul; Chanzy, Henri (2002). "Crystal Structure and Hydrogen-Bonding System in Cellulose Iβ from Synchrotron X-ray and Neutron Fiber Diffraction". J. Am. Chem. Soc124 (31): 9074–82. PMID12149011. doi:10.1021/ja0257319.