Saltar ao contido

Eritrulosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eritrulosa
Identificadores
Número CAS 496-55-9
PubChem 5460177
ChemSpider 4573812
ChEBI CHEBI:16023
Imaxes 3D Jmol Image 1
Image 2
Propiedades
Fórmula molecular C4H8O4
Masa molecular 120,104g/mol
Aspecto xarope
Solubilidade en auga Soluble

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

A eritrulosa é un monosacárido (azucre simple) de catro carbonos (tetrosa) que leva un grupo cetona no carbono 2, polo que pertence ao grupo das cetosas e é unha cetotetrosa. Aparece en moitas plantas e liques. Utilízase moito na industria cosmética, mesturado con dihidroxiacetona.

Características e reactividade

[editar | editar a fonte]

O OH do carbono 3 pode estar situado a dereita ou esquerda, orixinando respectivamente os isómeros D e L. O aspecto da eritrulosa é a dun líquido transparente de cor amarelada pálida. A eritrulosa é un ceto-azucre natural coa capacidade de reaccionar cos aminoácidos da proteína queratina, na epiderme da pel (o estrato externo córneo da pel), formando o polímero melanoidina. Esta reacción dá lugar á aparición dunha cor castaña temporal na pel, similar á que se produce na reacción de Maillard (como cando se cociña carne e se pon castaña). Non se trata dunha tintura ou un colorante, senón máis ben dunha reacción química que fai mudar a cor en toda a zona tratada, moi semellante ao que se produce nunha mazá cortada exposta ao osíxeno. Na pel, o efecto é comparable ao que producen os raios ultravioletas (UV) do Sol. Porén, como a pel se vai rexenerando constantemente e se van perdendo as capas máis externas de células mortas (as que foron coloreadas polo tratamento), o bronceado é temporal, e pode durar de 2 a 10 días dependendo do tipo de aplicación e do tipo de pel.

Síntese e produción

[editar | editar a fonte]

A eritrulosa obtense da fermentación oxidativa de mesoeritrol realizada pola bacteria Gluconobacter frateuri, seguida dunha serie de protocolos de purificación. O mesoeritrol é un azucre-alcohol que se pode atopar nas framboesas e outras plantas. O encima bacteriano mesoeritrol deshidroxenase realiza a oxidación do mesoeritrol a L-eritrulosa [1].

A eritrulosa como axente autobronceante

[editar | editar a fonte]

A eritrulosa e a dihidroxiacetona son moi similares en canto a composición, malia que a eritrulosa ten un carbono máis, polo que ambas reaccionan do mesmo xeito na superficie da pel. A eritrulosa dá lugar a un bronceado que se completa en 24-48 horas e perde a súa intensidade máis rápido cós bronceados producidos por dihidroxiacetona. Nalgunhas persoas, o ton do bronceado por eritrulosa é lixeiramente máis avermellado có bronceado por dihidroxoacetona, o cal podería deberse á sequidade da pel. Cando a eritrulosa se combina con dihidroxiacetona, o bronceado obtido permanece máis tempo e dá un mellor ton de cor á pel. A eritrulosa adoita presentar unha concentración do 1-3% nas cremas autobronceadoras (bronceadores sen sol).

Aínda que o produto máis utilizado nos autobronceadores é a dihidroxiacetona, hai persoas que son alérxicos a dito produto e poden substituíla por eritrulosa, que é máis difícil de obter e, por tanto, bastante máis cara. Porén, ao presentaren ambas as dúas unha estrutura tan semellante, é bastante común que os individuos sensibles á dihidroxiacetona tamén o sexan á eritrulosa.

A eritrulosa reacciona na superficie da pel e non parece que penetre alén da capa de células mortas. Os casos de sensibilidade dan lugar a dermatite, que ás veces poderían deberse a outras causas ou a outros compoñentes das cremas autobronceadoras, como os conservantes, os colorantes, as fragrancias ou os extractos de plantas.

  1. Moonmangmee D. et al. Department of Biological Chemistry, Faculty of Agriculture, Yamaguchi University, Japan. (2002) L-erythrulose production by oxidative fermentation is catalyzed by PQQ-containing membrane-bound dehydrogenase.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]