Aldosa
Unha aldosa é un monosacárido (un glícido simple) que contén un grupo aldehido, é dicir, un carbonilo no extremo da molécula. A súa fórmula química xeral é CnH2nOn (n>=3). Os carbonos numéranse empezando polo do grupo aldehido (o máis oxidado da molécula). A aldosa máis simple ten tres átomos de carbono e é o gliceraldehido[1]; a posición do seu OH serve para determinar a isomería D e L (enantiómeros) nos monosacáridos. O monosacárido máis importante do noso metabolismo, a glicosa, é unha aldosa.
As aldosas denomínanse aldotriosas, aldotetrosas, aldopentosas, aldohexosas etc. segundo teñen respectivamente 3 átomos de carbono, 4, 5 ou 6.
As aldosas isomerizan a cetosas por medio da transformación de Lobry-de Bruyn-van Ekenstein[2]. As aldosas difiren das cetosas en que estas teñen o carbonilo (C=O) nun carbono do medio da molécula, en vez de telo no extremo como as aldosas.
As aldosas de 5 ou máis átomos de carbono en disolución orixinan moléculas cíclicas, xa que se forma un enlace intramolecular entre o grupo aldehido e un OH doutro carbono, orixinando un hemiacetal[3] no que os dous carbonos implicados quedan unidos por un átomo de osíxeno. O 99% das aldosas en disolución están cicladas.
As aldosas poden detectarse no laboratorio por medio do test de Seliwanoff[4], que, en realidade, se usa para detectar cetosas, pero un resultado negativo indicará a presenza de aldosas.
Lista de aldosas
[editar | editar a fonte]- Triosa: gliceraldehido.
- Tetrosas: eritrosa, treosa.
- Pentosas: ribosa, desoxirribosa, arabinosa, xilosa, lixosa.
- Hexosas: alosa, altrosa, glicosa, manosa, gulosa, idosa, galactosa, talosa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Berg J.M. (2006). W.H. Freeman and Company - New York, ed. Biochemistry (6th ed.).
- ↑ "Lobry de Bruyn-van Ekenstein Transformation". Drug Future. Consultado o 2011-07-10.
- ↑ Lehninger A. principios de Bioquímica. Omega (1988). Páxina 282. ISBN 84-282-0738-0
- ↑ "Seliwanoff's Test". Harper College. Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2017. Consultado o 2011-07-10.