Transexualidade

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Transexual»)
Amanda Lepore, transexual.

O transexual é un dos colectivos representados no acrónimo LGTBI. Unha persoa transexual é aquela cuxa identidade de xénero non coincide coa asignada no momento do nacemento a partir da súa morfoloxía xenital.

A palabra transexual identifica a quen se someteu a procedementos médicos cirúrxicos e endócrino para axustar o seu corpo á súa identidade de xénero. Quen non pasa por procedementos médicos é denominado persoa transxénero. Porén, o concepto transexual adoita aplicarse a ambas as dúas realidades. Ademais da adecuación corporal ao seu corpo, as persoas transexuais experimentan tamén un proceso de transición psicolóxica e social para adecuarse á súa identidade de xénero.[1]

As mulleres transexuais son aquelas que naceron cuns xenitais considerados masculinos e foron socializadas como homes. Os homes transexuais son aqueles que naceron cuns xenitais considerados femininos e foron socializados como mulleres.

Despatoloxización[editar | editar a fonte]

A transexualidade foi durante moito tempo considerada unha doenza, mesmo en círculos científicos.[1] [2] Porén, a Organización Mundial da Saúde (OMS) publicou en 2018 unha actualización do seu manual de enfermidades para despatoloxizar a transexualidade. Deste xeito, saíu do capítulo de trastornos para pasar a formar parte dunha epígrafe sobre condicións relativas á saúde sexual.[3]

Aspectos legais[editar | editar a fonte]

No ano 1983 deixou de considerarse delito en España a cirurxía de reasignación de xénero. En 1987 o Tribunal Supremo dita a primeira sentenza na que se declara a favor de recoñecer o cambio de sexo e nome legal dunha persoa transexual. En 1989 o Parlamento Europeo aproba a Resolución Contra a Discriminación das Persoas Transexuais.[4]

No 2006 emítese a Circular 7/2006, do 9 de marzo, sobre integración penitenciaria de persoas transexuais nos cárceres españois.[4]

Características[editar | editar a fonte]

Os requisitos mínimos para que unha persoa sexa considerada transexual están sempre en debate. Algunhas persoas achan que as mudanzas provocadas por tratamento hormonal, sen alteracións cirúrxicas, son suficientes para cualificar o uso do termo transexual. Outros, especialmente médicos, acreditan que existe un conxunto de procedementos que deben ser seguidos sempre. O público en xeral moitas veces define “un/unha transexual” como alguén que fixo ou planea facer unha cirurxía de “reasignación de sexo”. O termo corrente en uso para definir mudanzas das características sexuais é Cirurxía de Reasignación Sexual - CRS (Sex Reasignment Surgery - SRS, en inglés). Este termo reflicte a idea de que as persoas transexuais non están “mudando de sexo”, senón corrixindo os seus corpos.

Entre tanto, ten sido comunmente aceptado que o desexo de pertencer ao sexo oposto, ou a afirmación de que determinada persoa é do sexo oposto ao sexo designado no nacemento, xa é condición suficiente para considerar a alguén transexual, o que se coñece como autodeterminación de xénero.[5]

Transxénero é considerado un termo paraugas para persoas que foxen dos roles de xénero. Entre tanto moitas persoas transexuais non se identifican como transxénero. Algúns ven transxénero como descaracterización e non recoñecemento das súas identidades, porque para estes o termo significa "quebra de papeis sociais de xénero", cando de feito se ven a si mesmos como pertencentes a un rol de xénero, pero diferente do que lles foi asignado no nacemento.

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Roa, Alberto. "Preguntas frecuentes - Identidad de género: transexualidad". www.fundaciontriangulo.org (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2017. Consultado o 2019-02-01. 
  2. LGTBI. "La OMS dejará de considerar la transexualidad un trastorno, pero pasará a llamarla "incongruencia de género"". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-02-01. 
  3. "La OMS deja de considerar la transexualidad un trastorno mental". elDiario.es. Consultado o 26 de setembro do 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Aspectos legales". AET–Transexualia (en castelán). 2015-04-20. Consultado o 2019-02-01. 
  5. "¿Qué es la autodeterminación de género, la principal novedad de la 'ley trans'?". RTVE. Consultado o 26 de setembro do 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]