Gradualismo filético
O gradualismo filético é un modelo de evolución que teoriza que a maior parte da especiación é lenta, uniforme e gradual.[1] Cando ten lugar a evolución dese modo, débese xeralmente á constante e estable transformación dunha especie completa noutra nova (por medio dun proceso chamado anaxénese). Deste modo, non hai unha liña clara de demarcación entre unha especie ancestral e unha especie descendente, a menos que ocorra unha separación (cladoxénese). A teoría contrasta co equilibrio puntuado.
Historia
[editar | editar a fonte]A palabra filético deriva do grego φυλετικός phūletikos, que significa liña de descendencia.[2] O gradualismo filético contrasta coa teoría do equilibrio puntuado, que propuxo que a maioría da evolución ocorre illada en raros episodios de rápida evolución, cando unha soa especie se divide en dúas especies distintas, seguida dun longo período de estase sen cambio. Estes modelos contrastan ambos coa evolución a ritmo variable ("variable speedism" na literatura inglesa), que mantén que diferentes especies evolucionan a distintas velocidades, e que non hai ningunha razón para acentuar unha velocidade de cambio sobre outra.[3][4]
O biólogo evolutivo Richard Dawkins argumentou que o gradualismo a velocidade constante non está presente na literatura profesional, polo que o termo serve só como un subterfuxio para os partidarios do equilibrio puntuado. No seu libro The Blind Watchmaker (O reloxeiro cego), Dawkins sinala que o propio Charles Darwin non era un gradualista de velocidade constante, como suxerían Niles Eldredge e Stephen Jay Gould. Na primeira edición de A orixe das especies, Darwin afirmou que "especies de diferentes xéneros e clases non cambiaron á mesma velocidade, ou no mesmo grao. Nos estratos terciarios máis antigos aínda poden encontrarse unhas poucas cunchas en medio dunha multitude de formas extintas... A Lingula silúrica difire pero pouco das especies vivas deste xénero".[5]
Lingula é un dos poucos braquiópodos que sobreviven hoxe pero que tamén se coñecen por fósiles de hai 500 millóns de anos. Na quinta edición de A orixe das especies, Darwin escribiu que "os períodos durante os cales as especies sufriron modificacións, aínda que longos se os medimos en anos, probablemente foron curtos en comparación cos períodos durante os cales manteñen a mesma forma".[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eldredge, N. and S. J. Gould (1972). "Punctuated equilibria: an alternative to phyletic gradualism" In T.J.M. Schopf, ed., Models in Paleobiology. San Francisco: Freeman Cooper. p. 84.
- ↑ φυλετικός phūletikos orixínase de φυλέτης phūletēs "un da mesma tribo," de φυλή phulē, "clan, raza, pobo", derivado de φύεσθαι phuesthai, "descender, orixinar."
- ↑ Dawkins, Richard. 1996. The Blind Watchmaker. New York: W. W. Norton & Company. ISBN 0-393-31570-3
- ↑ Futuyma, Douglas. 2005. Evolution. Sunderland MA: Sinauer Associates, pp. 86-89
- ↑ Charles Darwin, 1859. On the origin of species London: John Murray. 1st edition, p. 313.
- ↑ Charles Darwin, 1869. The Origin of Species London: John Murray. 5th edition, p. 551.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gradualismo filético |